O número do mes de
outubro da revista Enderrock -que distribuirá máis de 10.000 exemplares por Cataluña, Illes Balers e
Valencia- virá acompañado dun suplemento específico sobre o pasado e
presente da escena galega e un CD compilatorio con 18 bandas actuais do País.
Esta iniciativa da Consellaría de Cultura e Deporte da Xunta de Galiza forma
parte da estratexia de proxección exterior da música galega e ten por obxecto
dar a coñecer o panorama musical e cultural galego alén das nosas fronteiras,
neste caso nun territorio concreto, como é o catalanparlante.
Pódese descargar o suplemento en pdf e escoitar os temas do cd recopilatorio neste enlace.
No Refectorio do Museo Provincialo de Lugo, os días
23 e 24 de outubro ás 20:30 horas. A partir da idea da experimentación
dun concepto antes da súa comprensión, o Combo Experimental
Leucochloridium presenta esta nova instalación na que o público é o
verdadeiro protagonista.
Coa
colaboración dos creadores de espazos visuais d-rndm e da poetisa
Lorena Souto, propoñemos un exercicio de percepción no que o público
terá que construír e interpretar mentalmente os diferentes elementos da
obra, tanto sonoros coma ambientais e visuais.
A propia distribución dos elementos que conforman o espectáculo
potencia esa composición mental da obra dun xeito totalmente
individualizado, de modo que o resultado será diferente segundo quen o
perciba; sempre a partir dos referentes conceptuais que ofrecemos. O
obxectivo de Leucochloridium realmente non é que o público perciba a
obra como esta habituado a facelo, se non que se mergulle nela e a viva
coma una experiencia que abrangue os diferentes sensos.
Por medio desta percepción inmediata propoñemos una reflexión sobre o
efémero da experiencia estética e cuestionamos o papel das diferentes
disciplinas artísticas coma algo inmóbil, en especial do rol da música
na nosa sociedade, que mudou en algo artificial e afastado das nosas
vivencias diarias.
Doenza II é polo tanto unha experiencia estética, pero tamén unha viaxe
a eses outros mundos que poboan o subconsciente do individuo e que
varían dependendo do suxeito. Unha viaxe cara a reflexión e ao
subconsciente que nós pretendemos potenciar e inducir con esta proposta.
Os ourensáns LAMATUMBA convocan un concurso para remesturar un tema do seu último disco, Asi vai a cousa: "O concurso consiste en remesturar o tema FARTO incluído no último disco Paraugas Universal.
Proporcionámosche as pistas e as ferramentas, e tan só tedes que
mesturalas no voso programa multipista para crear unha nova versión
deste temazo. O premio - Lamatumbá fará o videoclip do tema gañador. O estilo musical froito da re-mestura é totalmente libre. Todo está
permitido (engadir novas pistas, engadir loops, efectos, ...)".
Para
inaugurar a nova temporada de concertos espaciais a NASA arrinca com um Festival de
3 bandas de r’n’r, cada umha no seu estilo, o melhor de cada casa: Los
Chicos desde Madrid apresentando o seu último disco “Launching Rockets” e visitando
Compostela por primeira vez despois de inumeráveis visitas por toda
Galiza, The Act Ups desde o sul do rio Tejo (Barreiro -
Portugal) volvem a Santiago despois do éxito da sua visita no Rock en Costa
2007,e chegam co seu novo disco “The Act-Ups play the old
psychedelic sounds of today”, recém saido do forno, e para completar a festa os
compostelanos Samesugas apresentando um novo CD compartido coa banda
argentina Marcelo Pocavida & Los Viagra Boys que vem de editar o selo
portenho Rastrillo Records.
FESTIVAL
ESPACIAL
THE ACT UPS +
LOS CHICOS + SAMESUGAS
Sala Nasa –
Compostela, 1 de Novembro, 21:00
Entrada: 12€
anticipada (A Reixa e Gong) / 15€ bilheteira
Este sábado 18 de outubro a partir das 20:00 H. no Centro
Social A Tiradoura de Cangas, concerto organizado pola rede de
colectivos A RÍA NON SE VENDE coa participación de
KOGITO
Ska feito na Galiza
SOM DO GALPOM
Funky, reggae e rap dende as tebras de Compostela
LABREGOS DO TEMPO DOS SPUTNIK
Leo e Arremecajona + Gharcía (Dios ke te crew)
Pola tarde exhibición de graffiti a cargo de Sokram, Mou, Miska, Paula, Iste e Chek.
E ó remate dos concertos: Selecta in Helicopter + DJ Anthoni + Micro aberto.
Da man do netlabel A Regueifa chega o debut de GRUPOH, un EP de sete temas co que o dúo quere fundar un novo estilo, un novo xeito de facer música: a Galitrónica. Nas
súas palabras, "un album resultado dun profundo mergullo no folklore,
onde todas as cancións estan baseadas en estruturas tradicionais, con
letras extraidas da realidade cotiá do rural, de conversacions cos
maiores e influídas pola sci-fi e a no wave americana". Coma sempre o disco está editado baixo unha licenza copyleft e pode ser descargado de balde na web do netlabel: www.aregueifa.net
Cando o 18 de maio de 1980 Ian Curtis decide unilateralmente poñer fin á breve singradura musical de Joy Division
pendurándose polo pescozo cunha corda, o deus máis escuro do Valhalla
da música popular fixo vibrar dolosamente as súas cordas vocais,
emitindo un berro nunha frecuencia tan aquelada que só os tímpanos
cunha maior dose de bizarrismo tebroso puideron captalo. Ese
berro multiplicouse en miles de ecos que espallaron interminabelmente a
mensaxe de loito desa deidade pagán polos catro recunchos do planeta.
Así, non podía ser doutro xeito, esa onda sonora vibrou por terras de Bergantiños, e a semente desa vibración áspera, sucia e arriscada agromou nos miolos de Alberto, María e Patuki (tamén chegou a Vilalba) para florecer en Franc3s.
A
evolución metastática destes individuos de fans incondicionais a parte
infinitesimal do universo bizarro fica fosilizada no seu propio nome,
tributo por triplicado á actriz Frances Farmer, á vocalista de The Vaselines Frances McKee e á artista circense Frances O´Connor. María coa batería, Alberto coa guitarra e coa voz e Patuky cos teclados non só homenaxean en cada distorsión a bandas como Surfin´ Bichos, Los Enemigos, The Cramps ou The Jesus and Mary Chain, senón que tratan de enchoupar a súa música das sensacións que lles transmiten as obras de, por exemplo, John Waters, William Burroughs ou Pollock.
Franc3s decidiu por fin dar o grande chimpo ao LP logo de dúas maquetas receptoras de boas críticas e gabanzas a manchea. O seu primeiro disco, Franc3s, está composto por dez temas e foi editado por A Regueifa Plataforma baixo licenza de Creative Commons; pode baixarse de balde en www.aregueifa.net. Tamén se pode adquirir en soporte físico, nunha edición limitada e feita a man a base de papel de lixa e peluche, en Discos Noni´s (A Coruña) e Cosmic Pop Club (Carballo).
Así que xa sabedes, amantes dos sons de ultratumba, do theremin, da escuridade, do veludo, da luz de neon reflectida nas pozas dunha cidade perdida,…, gozade todos do novo de Franc3s, e xa me contaredes.
O “malo” de ter asinado xoias de pop tan perfecto como Aritmética polar ou Dos torres é a altura
á que deixas o listón para vindeiros discos. Os
herculinos Nouvelle Cuisine corrían o risco de ser vítimas
da calidade que plasmaron no seu anterior disco, o encantador
Autodictado. Por fortuna, os "cocinitas" non se enrrugaron e souberon
partir do ponto onde o deixaron para elevalo aínda uns
centímetros máis, coma uns Sergéis Bubka do pop con pértiga.
Sen perder o seu xa característco
estilo -algo ben dificil de conseguir nunha banda con dúas voces tan diferentes-
percébese nos doce temas que fan parte deste De memoria un
salto cualitativo na produción. Continúan a guisalo e
comelo eles mesmos pero no estudo de gravación a experiencia
nótase e este enriquecemento faise palpable tanto a nivel de
arranxos coma da expansión na paleta de sons e instrumentos (acordeóns, rhodes, sintes...).
O certo é que o son de Nouvelle Cuisine acada con este disco
un novo grau de madurez xa que a incoporación de sintetizador
e caixas de ritmos nalgúns temas e a falla de complexos para
meter guitarras moito máis distorsionadas afástaos do
típico e autolimitado son indie do que beben -La Buena Vida e La Habitación
Roja- explorando novos territorios que a esta altura da película
a verdade é que son de agradecer.
E como non hai bon disco de POP -con maiúsculas- sen unha boa colección de singles, ahi están eles para deixarnos xemas coma Sintonia08, Comunicación no verbal, El imperio roto ou Seremos cajeras... mostras de pop clásico preciosista dese que che queda ecoando permanentemente na testa con só un par de escoitas. A verdade é que resulta incrible que estes talentosos chefs non atopasen unha discográfica que lles editara o disco, por moita crise da industria discográfica que haxa. Neste caso é evidente que xogou máis na súa contra a deslocalización con respeito ao epicentro dos que terían de ser os seus pretendentes. No indie estatal xa se sabe que fora de Madrid e Barcelona vai moito frío. Porén a xogada non lles saiu tan mal, mais ben ao contrario, autoeditando o disco por partida doble, tanto en formato digipack de xeito comercial coma nun formato máis exclusivo: unha camisola que se vende xunto con unha memoria USB con toda a súa discografía. Se non querían caldo, dúas cuncas. E nós, claro, tan felices cun caldo tan cheo de sustancia.
A “alarma silenciosa” ca que catro rapaces do East London
decidiron comunicarlle ao mundo a súa existencia non foi tal; resultou
o estoupido xordo do primeiro foguete da alborada, que racha o silencio
da moribunda noite e pronostica xoldra. A partires dese intre máxico
pode gozarse ou non da festa, pero xa non sobrevive no interior dos
participantes esa inicial sensación de sorpresa. A Weekend In The City
convertiuse desde o seu lanzamento na primeira víctima das odiosas
comparacións as que serán sometidos todos e cada un dos traballos que Bloc Party decida facer, aos que xa de saída se lles catalogará como “inferiores a Silent Alarm”. Kele Okereke na voz e na guitarra, Russell Lissack na guitarra, Gordon Moakes no baixo e nos coros e Matt Tong na batería conforman Bloc Party.
Intimacy (Wichita Recordings, 2008), o seu terceiro traballo, veu a luz o pasado 21 de agosto
no seu formato dixital, quedando desde entón pendurado na rede coa
posibilidade de baixalo previo abono do prezo estipulado. Os
interesados en adquirilo no seu formato físico deberán agardar ata o 28 de outubro; neste formato inclúense algúns cortes non presentes no dixital. O disco foi producido por Paul Epworth e Jacknife Lee, quenes xa colaboraran coa banda nos seus anteriores traballos (...)
JUGOPLASTIKA
The 6th is the 7
(Astro Discos, 2008)
Co dos revivals é mellor
non chegar a última hora. De poder escoller, o ideal sería chegar cando a cousa xa despegou pero aínda non invade
masivamente as páxinas da NME e derivados, entrando de cheo no
momento álxido do hype. Como mal menor, non estaría mal
ser dos primeiros, o que sexa con tal de non ser dos últimos
en chegar. Porén, ser pioneiro na recuperción dun son pasado garante certa frescura e non soar clónico pero tamén ten a
desvantaxe de que van ser outros os que desfruten do verdadeiro
recoñecemento. Non se pode ter todo.
E no caso de Jugoplastika dá a impresión de que é exactamente isto último o que lles vai pasar. Asi que é
de xustiza reivindicalos dende xa coma iniciadores dun revival que
aínda está por chegar, o do indie guitarreiro dos
primeiros 90s, con ecos de radio universitaria americana, voces pouco afinadas e producións
precarias de son garaxeiro. Porque no seu último album -The
6th is the 7- non hai banda da época que non faga
acto de presenza dunha ou outra maneira nalgunha das once cancións
que fan parte do disco, dende os Pixies a Weezer pasando por
Pavement, Guided by Voices, e Grandaddy. Un traballo, por certo, maxistralmente
producido por Paco Loco, que demostra ser un auténtico
todoterreno, recreando perfectamente o son suxo dominado polas
frecuencias medias tan característico daqueles tempos dando forma ao que probablemente é o disco galego máis xenuinamente americano de todos os tempos.
Dubido que Kukoc,
Perasovic e Radja escoitasen aos Pixies nos vestiarios pero o certo
é que as coordenadas temporais deste novo son de Jugoplastika teñen
perfecto sentido e danlle coherencia absoluta á estética
do grupo. Iso si, só asimilable en todos os seus matices polos que nacimos
antes dos 80s, as novas xeracións van ter que agardar a que chegue o revival noventeiro -remastigado e actualizalo- para desfrutalo ao 100%. Sexa coma sexa, sempre poderemos dicer o de "pero se isto xa o facían Jugoplastika no 2008".
DEATH CAB FOR CUTIE
Narrow Stairs
(Atlantic, 2008)
Atópome de fronte e a máis de 200 km/h con Narrow Stairs;
o choque é brutal, anaquiños de disonantes melodías dunha beleza
inusual perforan diversos órganos do meu corpo e préñanme as vísceras
dun sotaque agridoce de saudade. Atópome de fronte ante o sexto traballo da banda formada por Ben Gibbard, Chris Walla, Nicholas Harmer e Jason McGerr;
atópome de fronte cunha auténtica delicia de comezo a fin, tanto no seu
formulación como na súa execución, un río que nace e transcorre cara o
mar entre meandros sinuosos e violentas fervenzas.
Nace Narrow Stairs cun corte duns cinco minutos que lembra por veces á primeira canción de Plans, aquela Marching Bands of Manhattan
que nos marabillara, aínda que esta posúe un ton máis sutil. Comeza
amodo para ir acadando maior contundencia segundo pasa o tempo,
apoiados sempre nun enorme baixo (...)
ESQUIOS
Un tipo normal
(Autoeditado Distribuciones, 2008)
Os estradenses Esquíos
deron un xiro importante á banda con este Un tipo normal, o
seu segundo disco longo. A incorporación de Miguel Castro na
voz en sustitución de Fidel Castro -non sei se serán
irmáns- marca en grande medida o seu novo son, moito máis
punk-rock, case alonxado por completo das querencias metaleiras do
seu debut. O certo é que o xiro parece moi meditado xa que a
nova voz -moito máis axeitado para o punk-rock con maior
carrega melódica que fan agora- dálle a Esquios un son
moito máis actual.
Pero non é a voz a
única novidade desta nova etapa. Agora atopamos unha cota
maior de temas cantados en galego e unhas letras, entre o social e o
festeiro, que encaixan mellor co seu estilo e o seu público
potencial. Especialmente agora que contan no seu repertorio con
temasda forza de “A rapa” ou “Galiza festa rachada” -sen
dúbida os dous singles máis potentes do disco- que
prometen ser verdadeiros furacáns ao vivo, cuns retrousos
deses que son carne de pogo. Dous temas, ademais, que incorporan un
par de detalles -aire funk e sección de metais, o primeiro, e
ritmo skatalítico, o segundo- que alén de demostrar a
versatilidade dos novos Esquíos tamén van facer de
efectivo anzol para atraer a novos siareiros á banda.
Facía xa catro anos que a banda de Athens non daba sinais de vida; foi por aquel entón cando publicaron o deostado (inxustamente baixo o meu criterio) Around the Sun. Por fin en abril de 2008 saíu á luz Accelerate, anunciado polos iluminados e entendidos como “a volta as súas orixes”. ¿Pero iso non o fixeran xa con Monster? ¿non se volvera de novo a falar do mesmo cando saíron New Adventures in Hi-Fi e Up? en resumo, máis peras mentais de flipados ou pura estratexia de marketing por parte da Warner (ou ambas cousas, claro) (...)
Reconstrucción é o quinto disco do coruñés Xoel López, que saíu á luz o pasado 18 de marzo, aproximadamente un ano despois do lanzamento de Fin de un Viaje Infinito, o seu anterior traballo. O álbum ofrécenos dez temas inéditos e cinco remesturas das cancións
que foi publicando mes a mes en internet ao longo do 2007. A primeira
edición desta Reconstrucción, limitada ás súas 5.000 primeiras copias, traerá a maiores un DVD que inclúe imaxes en directo do Piano Bar Sessions, os tres vídeos de Fin de un Viaje Infinito e parte do concerto (unha hora e media) que Xoel ofreceu o 24 de novembro de 2007 en La Riviera, acompañado de xente como Josele Santiago, Eva Amaral e Juan Aguirre de Amaral, Amaro Ferreiro, Eladio Santos ou Julián López do programa Muchachada Nui.
No audio deste DVD inclúense quince temas máis, compostos por versións
acústicas, maquetas, as tres “cancións do mes” non incluídas no CD e
catro temas do directo en La Riviera (...)
Na historia da música galega
contemporánea hai poucos referentes de bandas da terra que
conseguiran un son tan xenuinamente británico coma Niño
y Pistola. Teríamos que viaxar tres décadas atrás
e lembrar a Queimada, os que no seu tempo foron chamados os
Beatles galegos. A verdade é que a tarefa non é
sinxela, porque acadar un son auténtico non é só
a composición e o estilo, hai un factor fundamental ao que
damos moita menos importancia da que ten no resultado final: a
pronuncia. Noutros paises coma Portugal ou Suecia teñen ben
claro que se escolles cantar nun idioma alleo coma é o ingles
compre que o fagas coma se tiveras nascido en Oxford. non queda
outra. Bandas coma X-wife ou Mando Diao poderían
pasar por nativas das illas perfectamente, sen dúbida un
factor decisivo na súa boa difusión internacional. É
moi doado rir das míticas vesións de “In the ghetto”
de El Príncipe Gitano ou “Acuarius” de Raphael
e despois non ter nengún problema en montar un grupo e cantar
en ingles de taxista de Benidorm (...)
ATAQUE ESCAMPE
Galicia es una mierda
(A Regueifa Discos, 2008)
Tras
un debate non demasiado desputado no seu blogue, a banda de Vistalegre
decidiu seguir as voces da maioría e bautizar o seu novo traballo co
nome máis provocador posíbel. Habería que facer memoria e mentar
por enésima vez a Os Resentidos para atopar un caso similar na música
galega, e mesmo así a distancia entre as dúas bandas é abismal, e
non só polas décadas que lles pasaron aos de Vigo polo lombo. A provocación
que ladra dende a carátula do disco ten un aquel máis definido da
que trouxo o carro da Movida. Sempre houbo teóricos que defenderon
o valor revolucionario do humor, especialmente no noso país, que ten
como tótem a un humorista e que se caracteriza por ser o reino da retranca.
O
disco de Ataque Escampe explota precisamente ese matiz que vai máis
alá da simple provocación, e que ao tempo segue a fuxir das verdades
profundas. Podemos velo no tema que dá nome ao disco
(“todos os traumas xa chos escoitei/pero ti es ben parvo tamén”),
en Serafín, o anxo salvador que traerá o final feliz ás diatribas
do país, e nos Tres cantos a Lenin, anaina de tintes amorosos
que acaba fundindo a súa última frase (“a miseria da vida”) co
himno soviético. Precisamente á nostalxia irónica da guerra fría
e do esplendor socialista súmase a Akira Toriyama, máximo icono da
xeración Songoku, para persistir no toque xeracional que xa viramos
no traballo anterior (...)
O
“Automatic For The People” é para os críticos
o ‘Miño’ de R.E.M., pois é o disco que lles
garantiu un posto na historia do rock, pero antes tivo que vir o
‘Sil’ en forma de “Out Of Time”, o álbume
que os situou definitivamente no mapa. Antes de 1991 eran un grupo
grande, mais non tiñan o estatus de recoñecemento
unánime e fama mundial que hoxe posúen Michael Stipe e
compañía. É un estrano caso, compartido agora
mesmo só con Bruce Springsteen, no que a corrente principal e
a alternativa están completamente de acordo (...)
Adrià Puntí
reta compositiva e interpretativamente a Bunburys, Calamaros, e demais
tipos que se nomeen rockeiros, máis ou menos coñecidos, que se lle
queiran enfrontar; de feito Bunbury, nunha das súas mellores cancións, Sí,
comparte autoría co gironí. O catalán é un avantaxado do denominado
rock’n’cat, pronunciar o seu nome entre os músicos da súa terra causa
reverencia malia que as veces resulte exasperante pola súa
extravagancia, polos seus excesos, o caótico discurso ou a falta de
profesionalidade nalgún dos seus directos. O poeta Pau Gener di del: «é
capaz de todo, canta, escribe, compón como ninguén», e sentenza, «é o
mellor de todos.» A escoita dos seus discos confirma estas palabras;
separado da súa banda, Umpah-Pah, Adrìa Puntí leva gravados tres Pepalallarga (1998), L’hora del Pati (1999) e María
(2002), que establecen unha especie de progresión, de sons máis
eléctricos a instrumentacións máis acústicas. O que se mantén
incuestionable en todos eles son os textos: irónicos, íntimos,
amorosos, cómicos, de gran fondo poético —mágoa de non telos atopados
por internet para comprender perfectamente as súas verbas escritas en
català gironí (...)
Editado en marzo de 2002, Restos de un incendio
é, aínda que non o pareza pola súa magnífica unidade estrutural, unha
compilación de dez cancións regravadas por Migala para seren dotadas
dun son máis poderoso e de diferentes arranxos instrumentais. Pero o
que nesas novas sesións de gravación se produciu foi un disco
abraiante, denso, cadencioso e sideral; un bálsamo sonoro. Nel a voz
funciona harmonicamente como unha pista máis de son que se mestura con
tensas guitarras eléctricas, suaves melodías acústicas, harmónicas,
percusións, acordeóns, teclados, programacións, e mesmo cun sample
instrumental do Soy rebelde de Jeannette. As verbas,
ademais, doces e emocionalmente líricas, acompañan á perfección as
atmosferas creadas, agochando nalgún dos versos alusións ó Catro cuartetos de Eliot e ó Libro dos anxos de Rilke (...)
Hai anos, un agudo Fermín Muguruza recriminaba ao pop estatal
a súa dimisión da política emancipadora. Se a
Movida madrileña non excedeu a condición
superestrutural do trunfo posmoderno, a imposición neoliberal
arribou neste territorio da man usufructuaria das siglas PSOE. A
contrarrevolución gañou a guerra de posicións e,
entrementres, unha esquerda desartellada –agás en Euskal
Herria: Kortatu- pairaba como agardando o derrubamento dos réximes
en Europa do Leste. O abismo que afasta Seguridad Social de The
Specials era o que se abría entre a península Ibérica
e os outros Ocidentes.
SUSO VAAMONDE
Nin rosmar un laído
(Fonomusic, 1977)
Que mellor ocasión para revisar este clásico
absoluto da música galega que agora que se cumpren trinta anos
da súa gravación no Teatro-Cine Veiga de Moaña,
un tempo que nos dá a perpectiva suficiente como para valorar aínda máis este noso Live at Budokan patrio, dándose
ademais a circuntancia de ser o primeiro disco galego gravado ao vivo
tal coma se entenden hoxe en día, en concerto. Ademais é
o único disco dos catro que editou nos 70s este mod
metido a cantautor que está reeditado en CD polo que constitúe
unha inmellorábel tarxeta de apresentacíon para as
novas xeracións que descoñezan a súa obra.