|
NOVIDADES
|
|
Escrito por Harry Haywood
|
|
Martes, 11 de Setembro do 2007 |
|
ELLIOTT SMITH
New Moon
(Kill Rock Stars, 2007)
Dende a súa morte en estrañas
circunstancias no 2003 (apareceu con dúas coiteladas no peito,
supostamente autoinfrinxidas), a industria musical non soubo moi ben
o que facer con el. Non é que antes o tivesen moito máis
claro, non é doado tratar cunha figura controvertida, capaz de
gañar a intres o grande público sen perderse a si mesmo
nen traizoar a súa independencia. A publicación deste
New Moon é sorprendente por varios motivos.
Tags: ELLIOTT SMITH |
|
|
NOVIDADES
|
|
Escrito por Atilano Liberado
|
|
Martes, 11 de Setembro do 2007 |
|
M.I.A.
Kala
(XL
Recordings, 2007)
Arular foi todo un acontecemento musical, alén da súa
protagonista. Fiquei tan impresionado polo moito que ofrecía
que non quixen pensar no futuro a curto prazo de Mathangi ‘Maya’
Arulpragasam. A súa música abondaba. Arular
trascendía todos os seus estilos. Era grime, hip-hop,
dancehall, electro, funk carioca e ate
reggaetón, un manifesto da actual música
electrónica en subxectivo, desprexuiciado, ofrecendo
orixinalidade onde moitos só saben facer revival ou
mash-up. O album ficou publicado, e dende aquela M.I.A.
converteuse nunha estrela global, compartindo escenario con divas
mediáticas como Gwen Stefani. Xurdiu a dúbida, o temor:
pode o show-business convivir coa creatividade?
Tags: M.I.A. |
|
|
NOVIDADES
|
|
Escrito por Vincent Jalo
|
|
Luns, 10 de Setembro do 2007 |
|
ZUMBIDO
Gax
(2007)
Ben mirado o impacto do grunge na Galiza foi ben limitado. Non é que formacións coma Alice in Chains, Soundgarden, Stone Temple Pilots ou Nirvana non foran populares por estas terras, ao contrario, pero o certo é que naquel tempo poucos grupos galegos asumiron a súa estética musical plenamente. Unha desas bandas foron os coruñeses Zumbido, xuntos dende 1998, que se ben comezaron nunha liña máis punk foron quen de superar todas as modas musicais da última década e conservar a esencia do son que máis os influiu nos seus comezos, sen dúbida o de Seattle.
Tags: ZUMBIDO GRUNGE |
|
|
NOVIDADES
|
|
Escrito por Vincent Jalo
|
|
Martes, 17 de Xullo do 2007 |
ARCHITECTURE IN HELSINKI
Places like this
(Plyvinyl, 2007)
Que facer cando un dos teus grupos favoritos dá un xiro ao seu
son característico? Dende que descubrira a estes australianos o seu "In case we
die" se convertira –xunto co "The Warning" de Hot Chip– no meu libro de estilo
persoal de cómo facer pop electrónico sen soar a electrónica. Agora parece ser
que o seu tour coma teloneiros de David Byrne os achegou a outro tipo de sons,
máis bailábeis e funkeiros, que entroncan precisamente con Talking Heads e
bandas actuais coma !!! ou Clap Your Hands Say Yeah!.
Tags: ARCHITECTURE IN HELSINKI |
|
|
NOVIDADES
|
|
Escrito por Harry Haywood
|
|
Xoves, 12 de Xullo do 2007 |
|
BEBEL GILBERTO
Momento
(Nuevos Medios, 2007)
Desde
o mítico Tanto tempo a este Momento non cambia só o
significado das palabras do título. A entrada de Bebel Gilberto na
carreira familiar (sobriña de Chico Buarque e filla do “melhor do
que o silêncio” Joao), ergueu algunha suspicacia sobre a validez
posíbel das aristocracias. Porén, aquel Tanto tempo acabou
converténdose nunha referencia que aínda hoxe segue tremendamente
viva, apesar de que se podía rastrear milimetricamente a custosa débeda
do disco co seu produtor, o malogrado Suba, ou aínda que a pulida perfección
da voz de Bebel non conseguise evitar os riscos inherentes dun xénero
como a bossa electrónica: ser relegada a música ambiental.
Tags: BEBEL GILBERTO |
|
|
NOVIDADES
|
|
Escrito por Vincent Jalo
|
|
Xoves, 05 de Xullo do 2007 |
|
MANOS DE TOPO
Ortopedias bonitas
(La colazione, 2007)
Hai tres e catro décadas Barcelona era un dos epicentros da música galega. Artistas emigrados coma Xetxu -co seu psych-rock en galego-, Miro Casabella –coma embaixador de Voces Ceibes- ou mesmo unha xoven Ana Kiro en plan ye-yé tiñan boa culpa desta especial dislocación. Isto, sumado ao feito de que case todos os discos galegos importantes da época se gravaban na cidade condal –con abundantes colaboracións de músicos de estudo cataláns da escena progresiva- fixo que se creara un vencello musical invisíbel entre as dúas pontas da península ibérica que, polo que parece, aínda existe. Se en 2006 eran Catpeople –vigueses residentes en Barcelona- os que daban a sorpresa co seu debut Reel #1 este 2007 pertence por dereito propio a unha das propostas máis orixinais aparecidas no pop estatal nos últimos anos, Manos de Topo.
Tags: MANOS DE TOPO SR CHINARRO ASTRUD FRANCISCO NIXON |
|
|
NOVIDADES
|
|
Escrito por Luis Soto
|
|
Xoves, 05 de Xullo do 2007 |
|

INTERPOL
Our love to admire
(Parlophone, 2007)
Para moitos (entre os que eu
me inclúo) “Turn On The Bright Lights” é un dos mellores discos
que se ten publicado nesta década, deixando a un lado a falta de orixinalidade
da proposta. Interpol foron e poden seguir sendo líderes claramente
adiantados da boa récora de ‘copións’ que ten dado o que levamos
de século. “Antics” foi unha maneira de retorcer a mesma fórmula
cun éxito algo menor. O “Our Love To Admire” que se presenta neste
verán segue polo mesmo camiño un tanto descendente de ‘miserabilismo’
gótico con gran presencia guitarrera e influenzas de Joy Division e
toda a posterior caterva.
Tags: INTERPOL |
|
| << Inicio < Ant. 41 42 43 44 45 46 47 48 49 Seg. > Remate >>
| | Resultados 330 - 336 de 340 |
|
NOVIDADES
-
08:00 - 13.11.2008
NOVIDADES
FRANC3S
Franc3s
(A regueifa, 2008)
Cando o 18 de maio de 1980 Ian Curtis decide unilateralmente poñer fin á breve singradura musical de Joy Division
pendurándose polo pescozo cunha corda, o deus máis escuro do Valhalla
da música popular fixo vibrar dolosamente as súas cordas vocais,
emitindo un berro nunha frecuencia tan aquelada que só os tímpanos
cunha maior dose de bizarrismo tebroso puideron captalo. Ese
berro multiplicouse en miles de ecos que espallaron interminabelmente a
mensaxe de loito desa deidade pagán polos catro recunchos do planeta.
Así, non podía ser doutro xeito, esa onda sonora vibrou por terras de Bergantiños, e a semente desa vibración áspera, sucia e arriscada agromou nos miolos de Alberto, María e Patuki (tamén chegou a Vilalba) para florecer en Franc3s.
A
evolución metastática destes individuos de fans incondicionais a parte
infinitesimal do universo bizarro fica fosilizada no seu propio nome,
tributo por triplicado á actriz Frances Farmer, á vocalista de The Vaselines Frances McKee e á artista circense Frances O´Connor. María coa batería, Alberto coa guitarra e coa voz e Patuky cos teclados non só homenaxean en cada distorsión a bandas como Surfin´ Bichos, Los Enemigos, The Cramps ou The Jesus and Mary Chain, senón que tratan de enchoupar a súa música das sensacións que lles transmiten as obras de, por exemplo, John Waters, William Burroughs ou Pollock.
Franc3s decidiu por fin dar o grande chimpo ao LP logo de dúas maquetas receptoras de boas críticas e gabanzas a manchea. O seu primeiro disco, Franc3s, está composto por dez temas e foi editado por A Regueifa Plataforma baixo licenza de Creative Commons; pode baixarse de balde en www.aregueifa.net. Tamén se pode adquirir en soporte físico, nunha edición limitada e feita a man a base de papel de lixa e peluche, en Discos Noni´s (A Coruña) e Cosmic Pop Club (Carballo).
Así que xa sabedes, amantes dos sons de ultratumba, do theremin, da escuridade, do veludo, da luz de neon reflectida nas pozas dunha cidade perdida,…, gozade todos do novo de Franc3s, e xa me contaredes.
Ler máis...
-
12:37 - 13.10.2008
NOVIDADES
NOUVELLE CUISINE
De memoria
(Autoeditado, 2008)
O “malo” de ter asinado xoias de pop tan perfecto como Aritmética polar ou Dos torres é a altura
á que deixas o listón para vindeiros discos. Os
herculinos Nouvelle Cuisine corrían o risco de ser vítimas
da calidade que plasmaron no seu anterior disco, o encantador
Autodictado. Por fortuna, os "cocinitas" non se enrrugaron e souberon
partir do ponto onde o deixaron para elevalo aínda uns
centímetros máis, coma uns Sergéis Bubka do pop con pértiga.
Sen perder o seu xa característco
estilo -algo ben dificil de conseguir nunha banda con dúas voces tan diferentes-
percébese nos doce temas que fan parte deste De memoria un
salto cualitativo na produción. Continúan a guisalo e
comelo eles mesmos pero no estudo de gravación a experiencia
nótase e este enriquecemento faise palpable tanto a nivel de
arranxos coma da expansión na paleta de sons e instrumentos (acordeóns, rhodes, sintes...).
O certo é que o son de Nouvelle Cuisine acada con este disco
un novo grau de madurez xa que a incoporación de sintetizador
e caixas de ritmos nalgúns temas e a falla de complexos para
meter guitarras moito máis distorsionadas afástaos do
típico e autolimitado son indie do que beben -La Buena Vida e La Habitación
Roja- explorando novos territorios que a esta altura da película
a verdade é que son de agradecer.
E como non hai bon disco de POP -con maiúsculas- sen unha boa colección de singles, ahi están eles para deixarnos xemas coma Sintonia08, Comunicación no verbal, El imperio roto ou Seremos cajeras... mostras de pop clásico preciosista dese que che queda ecoando permanentemente na testa con só un par de escoitas. A verdade é que resulta incrible que estes talentosos chefs non atopasen unha discográfica que lles editara o disco, por moita crise da industria discográfica que haxa. Neste caso é evidente que xogou máis na súa contra a deslocalización con respeito ao epicentro dos que terían de ser os seus pretendentes. No indie estatal xa se sabe que fora de Madrid e Barcelona vai moito frío. Porén a xogada non lles saiu tan mal, mais ben ao contrario, autoeditando o disco por partida doble, tanto en formato digipack de xeito comercial coma nun formato máis exclusivo: unha camisola que se vende xunto con unha memoria USB con toda a súa discografía. Se non querían caldo, dúas cuncas. E nós, claro, tan felices cun caldo tan cheo de sustancia.
Ler máis...
-
11:20 - 25.09.2008
NOVIDADES
BLOC PARTY
Intimacy
(Wichita, 2008)
A “alarma silenciosa” ca que catro rapaces do East London
decidiron comunicarlle ao mundo a súa existencia non foi tal; resultou
o estoupido xordo do primeiro foguete da alborada, que racha o silencio
da moribunda noite e pronostica xoldra. A partires dese intre máxico
pode gozarse ou non da festa, pero xa non sobrevive no interior dos
participantes esa inicial sensación de sorpresa. A Weekend In The City
convertiuse desde o seu lanzamento na primeira víctima das odiosas
comparacións as que serán sometidos todos e cada un dos traballos que Bloc Party decida facer, aos que xa de saída se lles catalogará como “inferiores a Silent Alarm”. Kele Okereke na voz e na guitarra, Russell Lissack na guitarra, Gordon Moakes no baixo e nos coros e Matt Tong na batería conforman Bloc Party.
Intimacy (Wichita Recordings, 2008), o seu terceiro traballo, veu a luz o pasado 21 de agosto
no seu formato dixital, quedando desde entón pendurado na rede coa
posibilidade de baixalo previo abono do prezo estipulado. Os
interesados en adquirilo no seu formato físico deberán agardar ata o 28 de outubro; neste formato inclúense algúns cortes non presentes no dixital. O disco foi producido por Paul Epworth e Jacknife Lee, quenes xa colaboraran coa banda nos seus anteriores traballos (...)
Ler máis...
-
08:00 - 11.09.2008
NOVIDADES
JUGOPLASTIKA
The 6th is the 7
(Astro Discos, 2008)
Co dos revivals é mellor
non chegar a última hora. De poder escoller, o ideal sería chegar cando a cousa xa despegou pero aínda non invade
masivamente as páxinas da NME e derivados, entrando de cheo no
momento álxido do hype. Como mal menor, non estaría mal
ser dos primeiros, o que sexa con tal de non ser dos últimos
en chegar. Porén, ser pioneiro na recuperción dun son pasado garante certa frescura e non soar clónico pero tamén ten a
desvantaxe de que van ser outros os que desfruten do verdadeiro
recoñecemento. Non se pode ter todo.
E no caso de Jugoplastika dá a impresión de que é exactamente isto último o que lles vai pasar. Asi que é
de xustiza reivindicalos dende xa coma iniciadores dun revival que
aínda está por chegar, o do indie guitarreiro dos
primeiros 90s, con ecos de radio universitaria americana, voces pouco afinadas e producións
precarias de son garaxeiro. Porque no seu último album -The
6th is the 7- non hai banda da época que non faga
acto de presenza dunha ou outra maneira nalgunha das once cancións
que fan parte do disco, dende os Pixies a Weezer pasando por
Pavement, Guided by Voices, e Grandaddy. Un traballo, por certo, maxistralmente
producido por Paco Loco, que demostra ser un auténtico
todoterreno, recreando perfectamente o son suxo dominado polas
frecuencias medias tan característico daqueles tempos dando forma ao que probablemente é o disco galego máis xenuinamente americano de todos os tempos.
Dubido que Kukoc,
Perasovic e Radja escoitasen aos Pixies nos vestiarios pero o certo
é que as coordenadas temporais deste novo son de Jugoplastika teñen
perfecto sentido e danlle coherencia absoluta á estética
do grupo. Iso si, só asimilable en todos os seus matices polos que nacimos
antes dos 80s, as novas xeracións van ter que agardar a que chegue o revival noventeiro -remastigado e actualizalo- para desfrutalo ao 100%. Sexa coma sexa, sempre poderemos dicer o de "pero se isto xa o facían Jugoplastika no 2008".
Ler máis...
-
06:52 - 02.09.2008
NOVIDADES
DEATH CAB FOR CUTIE
Narrow Stairs
(Atlantic, 2008)
Atópome de fronte e a máis de 200 km/h con Narrow Stairs;
o choque é brutal, anaquiños de disonantes melodías dunha beleza
inusual perforan diversos órganos do meu corpo e préñanme as vísceras
dun sotaque agridoce de saudade. Atópome de fronte ante o sexto traballo da banda formada por Ben Gibbard, Chris Walla, Nicholas Harmer e Jason McGerr;
atópome de fronte cunha auténtica delicia de comezo a fin, tanto no seu
formulación como na súa execución, un río que nace e transcorre cara o
mar entre meandros sinuosos e violentas fervenzas.
Nace Narrow Stairs cun corte duns cinco minutos que lembra por veces á primeira canción de Plans, aquela Marching Bands of Manhattan
que nos marabillara, aínda que esta posúe un ton máis sutil. Comeza
amodo para ir acadando maior contundencia segundo pasa o tempo,
apoiados sempre nun enorme baixo (...)
Ler máis...
-
11:34 - 12.05.2008
NOVIDADES
ESQUIOS
Un tipo normal
(Autoeditado Distribuciones, 2008)
Os estradenses Esquíos
deron un xiro importante á banda con este Un tipo normal, o
seu segundo disco longo. A incorporación de Miguel Castro na
voz en sustitución de Fidel Castro -non sei se serán
irmáns- marca en grande medida o seu novo son, moito máis
punk-rock, case alonxado por completo das querencias metaleiras do
seu debut. O certo é que o xiro parece moi meditado xa que a
nova voz -moito máis axeitado para o punk-rock con maior
carrega melódica que fan agora- dálle a Esquios un son
moito máis actual.
Pero non é a voz a
única novidade desta nova etapa. Agora atopamos unha cota
maior de temas cantados en galego e unhas letras, entre o social e o
festeiro, que encaixan mellor co seu estilo e o seu público
potencial. Especialmente agora que contan no seu repertorio con
temasda forza de “A rapa” ou “Galiza festa rachada” -sen
dúbida os dous singles máis potentes do disco- que
prometen ser verdadeiros furacáns ao vivo, cuns retrousos
deses que son carne de pogo. Dous temas, ademais, que incorporan un
par de detalles -aire funk e sección de metais, o primeiro, e
ritmo skatalítico, o segundo- que alén de demostrar a
versatilidade dos novos Esquíos tamén van facer de
efectivo anzol para atraer a novos siareiros á banda.
Ler máis...
-
06:56 - 06.05.2008
NOVIDADES
REM
Accelearte
(Warner, 2008)
Facía xa catro anos que a banda de Athens non daba sinais de vida; foi por aquel entón cando publicaron o deostado (inxustamente baixo o meu criterio) Around the Sun. Por fin en abril de 2008 saíu á luz Accelerate, anunciado polos iluminados e entendidos como “a volta as súas orixes”. ¿Pero iso non o fixeran xa con Monster? ¿non se volvera de novo a falar do mesmo cando saíron New Adventures in Hi-Fi e Up? en resumo, máis peras mentais de flipados ou pura estratexia de marketing por parte da Warner (ou ambas cousas, claro) (...)
Ler máis...
-
11:53 - 17.04.2008
NOVIDADES
DELUXE
Reconstrucción
(Virgin, 2008)
Reconstrucción é o quinto disco do coruñés Xoel López, que saíu á luz o pasado 18 de marzo, aproximadamente un ano despois do lanzamento de Fin de un Viaje Infinito, o seu anterior traballo. O álbum ofrécenos dez temas inéditos e cinco remesturas das cancións
que foi publicando mes a mes en internet ao longo do 2007. A primeira
edición desta Reconstrucción, limitada ás súas 5.000 primeiras copias, traerá a maiores un DVD que inclúe imaxes en directo do Piano Bar Sessions, os tres vídeos de Fin de un Viaje Infinito e parte do concerto (unha hora e media) que Xoel ofreceu o 24 de novembro de 2007 en La Riviera, acompañado de xente como Josele Santiago, Eva Amaral e Juan Aguirre de Amaral, Amaro Ferreiro, Eladio Santos ou Julián López do programa Muchachada Nui.
No audio deste DVD inclúense quince temas máis, compostos por versións
acústicas, maquetas, as tres “cancións do mes” non incluídas no CD e
catro temas do directo en La Riviera (...)
Ler máis...
-
16:56 - 07.04.2008
NOVIDADES
NIÑO Y PISTOLA
Culebra
(Astro Discos, 2008)
Na historia da música galega
contemporánea hai poucos referentes de bandas da terra que
conseguiran un son tan xenuinamente británico coma Niño
y Pistola. Teríamos que viaxar tres décadas atrás
e lembrar a Queimada, os que no seu tempo foron chamados os
Beatles galegos. A verdade é que a tarefa non é
sinxela, porque acadar un son auténtico non é só
a composición e o estilo, hai un factor fundamental ao que
damos moita menos importancia da que ten no resultado final: a
pronuncia. Noutros paises coma Portugal ou Suecia teñen ben
claro que se escolles cantar nun idioma alleo coma é o ingles
compre que o fagas coma se tiveras nascido en Oxford. non queda
outra. Bandas coma X-wife ou Mando Diao poderían
pasar por nativas das illas perfectamente, sen dúbida un
factor decisivo na súa boa difusión internacional. É
moi doado rir das míticas vesións de “In the ghetto”
de El Príncipe Gitano ou “Acuarius” de Raphael
e despois non ter nengún problema en montar un grupo e cantar
en ingles de taxista de Benidorm (...)
Ler máis...
-
09:25 - 03.04.2008
NOVIDADES
ATAQUE ESCAMPE
Galicia es una mierda
(A Regueifa Discos, 2008)
Tras
un debate non demasiado desputado no seu blogue, a banda de Vistalegre
decidiu seguir as voces da maioría e bautizar o seu novo traballo co
nome máis provocador posíbel. Habería que facer memoria e mentar
por enésima vez a Os Resentidos para atopar un caso similar na música
galega, e mesmo así a distancia entre as dúas bandas é abismal, e
non só polas décadas que lles pasaron aos de Vigo polo lombo. A provocación
que ladra dende a carátula do disco ten un aquel máis definido da
que trouxo o carro da Movida. Sempre houbo teóricos que defenderon
o valor revolucionario do humor, especialmente no noso país, que ten
como tótem a un humorista e que se caracteriza por ser o reino da retranca.
O
disco de Ataque Escampe explota precisamente ese matiz que vai máis
alá da simple provocación, e que ao tempo segue a fuxir das verdades
profundas. Podemos velo no tema que dá nome ao disco
(“todos os traumas xa chos escoitei/pero ti es ben parvo tamén”),
en Serafín, o anxo salvador que traerá o final feliz ás diatribas
do país, e nos Tres cantos a Lenin, anaina de tintes amorosos
que acaba fundindo a súa última frase (“a miseria da vida”) co
himno soviético. Precisamente á nostalxia irónica da guerra fría
e do esplendor socialista súmase a Akira Toriyama, máximo icono da
xeración Songoku, para persistir no toque xeracional que xa viramos
no traballo anterior (...)
Ler máis...
CLASICOS
-
09:47 - 01.02.2008
CLASICOS
REM
Out of Time
(1991)
O
“Automatic For The People” é para os críticos
o ‘Miño’ de R.E.M., pois é o disco que lles
garantiu un posto na historia do rock, pero antes tivo que vir o
‘Sil’ en forma de “Out Of Time”, o álbume
que os situou definitivamente no mapa. Antes de 1991 eran un grupo
grande, mais non tiñan o estatus de recoñecemento
unánime e fama mundial que hoxe posúen Michael Stipe e
compañía. É un estrano caso, compartido agora
mesmo só con Bruce Springsteen, no que a corrente principal e
a alternativa están completamente de acordo (...)
Ler máis...
-
17:34 - 23.01.2008
CLASICOS
ADRIA PUNTI
Pepalallarga
(Picap, 1998)
Adrià Puntí
reta compositiva e interpretativamente a Bunburys, Calamaros, e demais
tipos que se nomeen rockeiros, máis ou menos coñecidos, que se lle
queiran enfrontar; de feito Bunbury, nunha das súas mellores cancións, Sí,
comparte autoría co gironí. O catalán é un avantaxado do denominado
rock’n’cat, pronunciar o seu nome entre os músicos da súa terra causa
reverencia malia que as veces resulte exasperante pola súa
extravagancia, polos seus excesos, o caótico discurso ou a falta de
profesionalidade nalgún dos seus directos. O poeta Pau Gener di del: «é
capaz de todo, canta, escribe, compón como ninguén», e sentenza, «é o
mellor de todos.» A escoita dos seus discos confirma estas palabras;
separado da súa banda, Umpah-Pah, Adrìa Puntí leva gravados tres Pepalallarga (1998), L’hora del Pati (1999) e María
(2002), que establecen unha especie de progresión, de sons máis
eléctricos a instrumentacións máis acústicas. O que se mantén
incuestionable en todos eles son os textos: irónicos, íntimos,
amorosos, cómicos, de gran fondo poético —mágoa de non telos atopados
por internet para comprender perfectamente as súas verbas escritas en
català gironí (...)
Ler máis...
-
11:02 - 09.01.2008
CLASICOS
MIGALA
Restos de un incendio
(Acuarela, 2002)
Editado en marzo de 2002, Restos de un incendio
é, aínda que non o pareza pola súa magnífica unidade estrutural, unha
compilación de dez cancións regravadas por Migala para seren dotadas
dun son máis poderoso e de diferentes arranxos instrumentais. Pero o
que nesas novas sesións de gravación se produciu foi un disco
abraiante, denso, cadencioso e sideral; un bálsamo sonoro. Nel a voz
funciona harmonicamente como unha pista máis de son que se mestura con
tensas guitarras eléctricas, suaves melodías acústicas, harmónicas,
percusións, acordeóns, teclados, programacións, e mesmo cun sample
instrumental do Soy rebelde de Jeannette. As verbas,
ademais, doces e emocionalmente líricas, acompañan á perfección as
atmosferas creadas, agochando nalgún dos versos alusións ó Catro cuartetos de Eliot e ó Libro dos anxos de Rilke (...)
Ler máis...
-
07:43 - 29.11.2007
CLASICOS
THE ENGLISH BEAT
I just can’t stop it
(1980)
Hai anos, un agudo Fermín Muguruza recriminaba ao pop estatal
a súa dimisión da política emancipadora. Se a
Movida madrileña non excedeu a condición
superestrutural do trunfo posmoderno, a imposición neoliberal
arribou neste territorio da man usufructuaria das siglas PSOE. A
contrarrevolución gañou a guerra de posicións e,
entrementres, unha esquerda desartellada –agás en Euskal
Herria: Kortatu- pairaba como agardando o derrubamento dos réximes
en Europa do Leste. O abismo que afasta Seguridad Social de The
Specials era o que se abría entre a península Ibérica
e os outros Ocidentes.
Ler máis...
-
08:00 - 22.11.2007
CLASICOS

SUSO VAAMONDE
Nin rosmar un laído
(Fonomusic, 1977)
Que mellor ocasión para revisar este clásico
absoluto da música galega que agora que se cumpren trinta anos
da súa gravación no Teatro-Cine Veiga de Moaña,
un tempo que nos dá a perpectiva suficiente como para valorar aínda máis este noso Live at Budokan patrio, dándose
ademais a circuntancia de ser o primeiro disco galego gravado ao vivo
tal coma se entenden hoxe en día, en concerto. Ademais é
o único disco dos catro que editou nos 70s este mod
metido a cantautor que está reeditado en CD polo que constitúe
unha inmellorábel tarxeta de apresentacíon para as
novas xeracións que descoñezan a súa obra.
Ler máis...
VIDEOCLIPS DE AQUI E DE ACOLA
ATAQUE ESCAMPE - Serafín
GLASVEGAS - Geraldine
|
NOVAS
ABERTO O PRAZO DE INSCRICION EN NSAIO XERAL, I ENCONTRO GALEGO DE MUSICA EMERXENTE Luns, 29 de Decembro do 2008 | GALICIA ES UNA FIESTA, O NOVO EP DE ATAQUE ESCAMPE Martes, 23 de Decembro do 2008 | NOVAS DATAS AO VIVO DE NOUVELLE CUISINE Luns, 22 de Decembro do 2008 | PRIMEIRO VIDEOCLIP DE SR. ANIDO Xoves, 18 de Decembro do 2008 | FINAL DO PRIMEIRO CONCURSO DE MAQUETAS MUSGIO Mércores, 17 de Decembro do 2008 | PRIMEIRO TRABALLO DOS COMPOSTELANS ALO DJANGO Martes, 16 de Decembro do 2008 | FRANC3S, DE MASSIEL A EL COLUMPIO ASESINO Venres, 12 de Decembro do 2008 | SEGUNDO EP DOS GROVENSES TELEPHONES ROUGES Mércores, 10 de Decembro do 2008 | Máis novas
|