|
THE CURE Three Imaginary Boys (1979) |
|
|
|
|
CLASICOS
|
|
Escrito por Luis Soto
|
|
Mércores, 18 de Abril do 2007 |

THE CURE
Three imaginary Boys
1979
Os ‘cureheads’ son lexión
no mundo. Por suposto, Galiza non é unha excepción. O continxente
de incondicionais de Robert Smith e os seus diferentes ‘partenaires’
recibiu con gran expectación a posibilidade de que os discos da banda
fosen remasterizados e incluisen ‘bonus tracks’ en grandes cantidades.
‘Three Imaginary Boys’ foi, en 2005, o primeiro álbume en ser tratado
así. Deste modo, con respetuosa orde cronológica, foron sumándose
posteriores reedicións.
O punto de partida desta revisión
arqueológica pon a mirada nun grupo que todavía non tiña perfilado
un estilo cen por cen propio. É por iso, quizáis, que as rarezas incluidas
sexan máis interesantes que en ningún outro caso, xa que se tratan
de bosquexos de ideas primixenias, aínda un balbordo non moi identificable.
Engadíndose a esto o feito de que non apareza cara B ningunha –estas
foron reservadas para a caixa ‘Join The Dots’- a sorpresa inicial
promete ser inda maior.
Empezando polo disco original,
polo ‘Three Imaginary Boys’ en sí, pódese falar dun LP pouco usual
na traxectoria dos Cure e non suficientemente valorado por crítica
e fans. Cabe lembrar que foi publicado en 1979, ano de debuts máis
maduros coma o de Joy Division. Por iso xa no seu momento foi recibido
con frialdade. Ademáis, a imposibilidade de integralo en triloxía
algunha dentro da carreira do grupo de Robert Smith fai que se tenda
un tanto a olvidalo.
O certo é que moitas das cancións
incluidas neste primeiro esforzo dos Cure son memorables. Entón emulaban
máis a Jimi Hendrix e aos Stranglers que á ‘onda siniestra’. Pese
a iso, o tono do disco é crispado e bastante frío, aínda que nada
comparable con seguintes propostas. Son once temas orixinais, unha versión
e unha canción escondida. O balance é máis que satisfactorio.
O máis destacado vén xusto
ao inicio. ’10.15 Saturday Night’ é unha caste de blues tocado
con espanto, alienado e alienante. É un clásico en directo aínda
hoxe. Este ton escuro, tan preto xa do gótico sen querelo, repítese
no ‘swing’ de ‘Subway Song’, nos arpexios de ‘Another Day’
e noutro clásico, o enigmático ‘Three Imaginary Boys’.
Por suposto, tamén hai pezas
pop con pulso punk ao estilo dos Buzzcocks. A mellor é ‘Grinding
Halt’, cunha liña de baixo absolutamente arrebatadora cortesía do
entón dono dese instrumento nos Cure, Roger Dempsey. ‘It´s Not You’
e ‘Object’ seguen por ese camiño, mentres que ‘Fire In Cairo’
e ‘Meat Hook’ ralentizan un chisco a tensión. Se a este conxunto
lle sumamos a versión ‘friki’ do ‘Foxy Lady’ de Hendrix e algún
corte menor, a nota final chega ao notable alto. No que se refire as
letras, vése certa inexperiencia, mais hai momentos saídos da pluma
de Robert Smith certamente interesantes.
O disco de rarezas está comandado
por algunhas cousas que non o son tanto. Por exemplo, dous dos singles
da época que só entraron na versión americana do disco: a quintaesencia
do pop a la Cure e himno de adolescentes con problemas ‘Boys
Don´t Cry’ e a impresionante mostra de ‘punk virtuoso’ ‘Jumping
Someone Else´s Train’. Curiosamente, non aparece por ningures ‘Killing
An Arab’, o primeiro single da banda. Si están temas xa coñecidos
polos moi fans ao estar presentes na primeira maqueta do grupo, cando
aínda se chamaba Easy Cure. Ao modo da demo ‘Warsaw’ de Joy Division,
esta música arrecende todavía espírito do 77 e ganas de conseguir
todo de forma rápida. Así déixase escoitar ‘I Want To Be Old’,
a primeira versión de ‘I´m Cold’ e momentos menos lucidos coma
‘Faded Smiles’.
Complétase o conxunto de ‘bonus
tracks’ (ata vinte) con temas en directo sen gran calidade de son
e temas case desaparecidos, caso de ‘World War’, que apareceu nalgunha
das primeiras edicións do LP. A avaliación desta recuperación arqueológica
é máis que positiva, sobre todo se se compara co que virá en posteriores
reedicións, cheas de material inaudible. A de ‘Three Imaginary Boys’
é unha das poucas coleccións que vale a pena mercar.
 Tags: THE CURE |
|
NOVIDADES
-
08:00 - 13.11.2008
NOVIDADES
FRANC3S
Franc3s
(A regueifa, 2008)
Cando o 18 de maio de 1980 Ian Curtis decide unilateralmente poñer fin á breve singradura musical de Joy Division
pendurándose polo pescozo cunha corda, o deus máis escuro do Valhalla
da música popular fixo vibrar dolosamente as súas cordas vocais,
emitindo un berro nunha frecuencia tan aquelada que só os tímpanos
cunha maior dose de bizarrismo tebroso puideron captalo. Ese
berro multiplicouse en miles de ecos que espallaron interminabelmente a
mensaxe de loito desa deidade pagán polos catro recunchos do planeta.
Así, non podía ser doutro xeito, esa onda sonora vibrou por terras de Bergantiños, e a semente desa vibración áspera, sucia e arriscada agromou nos miolos de Alberto, María e Patuki (tamén chegou a Vilalba) para florecer en Franc3s.
A
evolución metastática destes individuos de fans incondicionais a parte
infinitesimal do universo bizarro fica fosilizada no seu propio nome,
tributo por triplicado á actriz Frances Farmer, á vocalista de The Vaselines Frances McKee e á artista circense Frances O´Connor. María coa batería, Alberto coa guitarra e coa voz e Patuky cos teclados non só homenaxean en cada distorsión a bandas como Surfin´ Bichos, Los Enemigos, The Cramps ou The Jesus and Mary Chain, senón que tratan de enchoupar a súa música das sensacións que lles transmiten as obras de, por exemplo, John Waters, William Burroughs ou Pollock.
Franc3s decidiu por fin dar o grande chimpo ao LP logo de dúas maquetas receptoras de boas críticas e gabanzas a manchea. O seu primeiro disco, Franc3s, está composto por dez temas e foi editado por A Regueifa Plataforma baixo licenza de Creative Commons; pode baixarse de balde en www.aregueifa.net. Tamén se pode adquirir en soporte físico, nunha edición limitada e feita a man a base de papel de lixa e peluche, en Discos Noni´s (A Coruña) e Cosmic Pop Club (Carballo).
Así que xa sabedes, amantes dos sons de ultratumba, do theremin, da escuridade, do veludo, da luz de neon reflectida nas pozas dunha cidade perdida,…, gozade todos do novo de Franc3s, e xa me contaredes.
Ler máis...
-
12:37 - 13.10.2008
NOVIDADES
NOUVELLE CUISINE
De memoria
(Autoeditado, 2008)
O “malo” de ter asinado xoias de pop tan perfecto como Aritmética polar ou Dos torres é a altura
á que deixas o listón para vindeiros discos. Os
herculinos Nouvelle Cuisine corrían o risco de ser vítimas
da calidade que plasmaron no seu anterior disco, o encantador
Autodictado. Por fortuna, os "cocinitas" non se enrrugaron e souberon
partir do ponto onde o deixaron para elevalo aínda uns
centímetros máis, coma uns Sergéis Bubka do pop con pértiga.
Sen perder o seu xa característco
estilo -algo ben dificil de conseguir nunha banda con dúas voces tan diferentes-
percébese nos doce temas que fan parte deste De memoria un
salto cualitativo na produción. Continúan a guisalo e
comelo eles mesmos pero no estudo de gravación a experiencia
nótase e este enriquecemento faise palpable tanto a nivel de
arranxos coma da expansión na paleta de sons e instrumentos (acordeóns, rhodes, sintes...).
O certo é que o son de Nouvelle Cuisine acada con este disco
un novo grau de madurez xa que a incoporación de sintetizador
e caixas de ritmos nalgúns temas e a falla de complexos para
meter guitarras moito máis distorsionadas afástaos do
típico e autolimitado son indie do que beben -La Buena Vida e La Habitación
Roja- explorando novos territorios que a esta altura da película
a verdade é que son de agradecer.
E como non hai bon disco de POP -con maiúsculas- sen unha boa colección de singles, ahi están eles para deixarnos xemas coma Sintonia08, Comunicación no verbal, El imperio roto ou Seremos cajeras... mostras de pop clásico preciosista dese que che queda ecoando permanentemente na testa con só un par de escoitas. A verdade é que resulta incrible que estes talentosos chefs non atopasen unha discográfica que lles editara o disco, por moita crise da industria discográfica que haxa. Neste caso é evidente que xogou máis na súa contra a deslocalización con respeito ao epicentro dos que terían de ser os seus pretendentes. No indie estatal xa se sabe que fora de Madrid e Barcelona vai moito frío. Porén a xogada non lles saiu tan mal, mais ben ao contrario, autoeditando o disco por partida doble, tanto en formato digipack de xeito comercial coma nun formato máis exclusivo: unha camisola que se vende xunto con unha memoria USB con toda a súa discografía. Se non querían caldo, dúas cuncas. E nós, claro, tan felices cun caldo tan cheo de sustancia.
Ler máis...
-
11:20 - 25.09.2008
NOVIDADES
BLOC PARTY
Intimacy
(Wichita, 2008)
A “alarma silenciosa” ca que catro rapaces do East London
decidiron comunicarlle ao mundo a súa existencia non foi tal; resultou
o estoupido xordo do primeiro foguete da alborada, que racha o silencio
da moribunda noite e pronostica xoldra. A partires dese intre máxico
pode gozarse ou non da festa, pero xa non sobrevive no interior dos
participantes esa inicial sensación de sorpresa. A Weekend In The City
convertiuse desde o seu lanzamento na primeira víctima das odiosas
comparacións as que serán sometidos todos e cada un dos traballos que Bloc Party decida facer, aos que xa de saída se lles catalogará como “inferiores a Silent Alarm”. Kele Okereke na voz e na guitarra, Russell Lissack na guitarra, Gordon Moakes no baixo e nos coros e Matt Tong na batería conforman Bloc Party.
Intimacy (Wichita Recordings, 2008), o seu terceiro traballo, veu a luz o pasado 21 de agosto
no seu formato dixital, quedando desde entón pendurado na rede coa
posibilidade de baixalo previo abono do prezo estipulado. Os
interesados en adquirilo no seu formato físico deberán agardar ata o 28 de outubro; neste formato inclúense algúns cortes non presentes no dixital. O disco foi producido por Paul Epworth e Jacknife Lee, quenes xa colaboraran coa banda nos seus anteriores traballos (...)
Ler máis...
-
08:00 - 11.09.2008
NOVIDADES
JUGOPLASTIKA
The 6th is the 7
(Astro Discos, 2008)
Co dos revivals é mellor
non chegar a última hora. De poder escoller, o ideal sería chegar cando a cousa xa despegou pero aínda non invade
masivamente as páxinas da NME e derivados, entrando de cheo no
momento álxido do hype. Como mal menor, non estaría mal
ser dos primeiros, o que sexa con tal de non ser dos últimos
en chegar. Porén, ser pioneiro na recuperción dun son pasado garante certa frescura e non soar clónico pero tamén ten a
desvantaxe de que van ser outros os que desfruten do verdadeiro
recoñecemento. Non se pode ter todo.
E no caso de Jugoplastika dá a impresión de que é exactamente isto último o que lles vai pasar. Asi que é
de xustiza reivindicalos dende xa coma iniciadores dun revival que
aínda está por chegar, o do indie guitarreiro dos
primeiros 90s, con ecos de radio universitaria americana, voces pouco afinadas e producións
precarias de son garaxeiro. Porque no seu último album -The
6th is the 7- non hai banda da época que non faga
acto de presenza dunha ou outra maneira nalgunha das once cancións
que fan parte do disco, dende os Pixies a Weezer pasando por
Pavement, Guided by Voices, e Grandaddy. Un traballo, por certo, maxistralmente
producido por Paco Loco, que demostra ser un auténtico
todoterreno, recreando perfectamente o son suxo dominado polas
frecuencias medias tan característico daqueles tempos dando forma ao que probablemente é o disco galego máis xenuinamente americano de todos os tempos.
Dubido que Kukoc,
Perasovic e Radja escoitasen aos Pixies nos vestiarios pero o certo
é que as coordenadas temporais deste novo son de Jugoplastika teñen
perfecto sentido e danlle coherencia absoluta á estética
do grupo. Iso si, só asimilable en todos os seus matices polos que nacimos
antes dos 80s, as novas xeracións van ter que agardar a que chegue o revival noventeiro -remastigado e actualizalo- para desfrutalo ao 100%. Sexa coma sexa, sempre poderemos dicer o de "pero se isto xa o facían Jugoplastika no 2008".
Ler máis...
-
06:52 - 02.09.2008
NOVIDADES
DEATH CAB FOR CUTIE
Narrow Stairs
(Atlantic, 2008)
Atópome de fronte e a máis de 200 km/h con Narrow Stairs;
o choque é brutal, anaquiños de disonantes melodías dunha beleza
inusual perforan diversos órganos do meu corpo e préñanme as vísceras
dun sotaque agridoce de saudade. Atópome de fronte ante o sexto traballo da banda formada por Ben Gibbard, Chris Walla, Nicholas Harmer e Jason McGerr;
atópome de fronte cunha auténtica delicia de comezo a fin, tanto no seu
formulación como na súa execución, un río que nace e transcorre cara o
mar entre meandros sinuosos e violentas fervenzas.
Nace Narrow Stairs cun corte duns cinco minutos que lembra por veces á primeira canción de Plans, aquela Marching Bands of Manhattan
que nos marabillara, aínda que esta posúe un ton máis sutil. Comeza
amodo para ir acadando maior contundencia segundo pasa o tempo,
apoiados sempre nun enorme baixo (...)
Ler máis...
-
11:34 - 12.05.2008
NOVIDADES
ESQUIOS
Un tipo normal
(Autoeditado Distribuciones, 2008)
Os estradenses Esquíos
deron un xiro importante á banda con este Un tipo normal, o
seu segundo disco longo. A incorporación de Miguel Castro na
voz en sustitución de Fidel Castro -non sei se serán
irmáns- marca en grande medida o seu novo son, moito máis
punk-rock, case alonxado por completo das querencias metaleiras do
seu debut. O certo é que o xiro parece moi meditado xa que a
nova voz -moito máis axeitado para o punk-rock con maior
carrega melódica que fan agora- dálle a Esquios un son
moito máis actual.
Pero non é a voz a
única novidade desta nova etapa. Agora atopamos unha cota
maior de temas cantados en galego e unhas letras, entre o social e o
festeiro, que encaixan mellor co seu estilo e o seu público
potencial. Especialmente agora que contan no seu repertorio con
temasda forza de “A rapa” ou “Galiza festa rachada” -sen
dúbida os dous singles máis potentes do disco- que
prometen ser verdadeiros furacáns ao vivo, cuns retrousos
deses que son carne de pogo. Dous temas, ademais, que incorporan un
par de detalles -aire funk e sección de metais, o primeiro, e
ritmo skatalítico, o segundo- que alén de demostrar a
versatilidade dos novos Esquíos tamén van facer de
efectivo anzol para atraer a novos siareiros á banda.
Ler máis...
-
06:56 - 06.05.2008
NOVIDADES
REM
Accelearte
(Warner, 2008)
Facía xa catro anos que a banda de Athens non daba sinais de vida; foi por aquel entón cando publicaron o deostado (inxustamente baixo o meu criterio) Around the Sun. Por fin en abril de 2008 saíu á luz Accelerate, anunciado polos iluminados e entendidos como “a volta as súas orixes”. ¿Pero iso non o fixeran xa con Monster? ¿non se volvera de novo a falar do mesmo cando saíron New Adventures in Hi-Fi e Up? en resumo, máis peras mentais de flipados ou pura estratexia de marketing por parte da Warner (ou ambas cousas, claro) (...)
Ler máis...
-
11:53 - 17.04.2008
NOVIDADES

|
según a RAE:
bizarro, rra.
(De it. bizzarro, iracundo).
1. adj. valiente (‖ esforzado).
2. adj. Generoso, lucido, espléndido.
FRANC3S molan trogollón!
bicos pra eles