Concertos
|
CONCERTOS
|
|
Escrito por Adrián Estévez
|
|
Mércores, 05 de Novembro do 2008 |
|
HIDROGENESSE
18.10.2008
Sala Karma (Pontevedra)
Debido a que Genís, o teclista,
tamén toca en Astrud, non son frecuentes as aparicións
en directo deste dúo. Na súa única visita a
Galiza, e mercede ós prezos populares, os barceloneses
Hidrogenesse espertaron unha boa expectación, e abofé
que responderon ás expectativas. Moita xente nova entre as
primeiras filas. Moita gafa-pasta, e moito incondicional
semi-disfrazados de tigre. Xa antes de comezar víase que ía
haber un bo ambiente. Un bo e simpático xesto por parte do
grupo foi poñer gominolas coa cara dun tigrena barra. Saíron
na súa liña, cunha posta en escena moi particular.
Genís (teclados e guitarra) con zapatos de tacón e unha
capa de cor "burbulla de Freixent", e con Carlos (voz)
cuberto cunha capa amarela.
Axiña comezaron as chiscadelas
locais, cara Pontevedra e Galiza en xeral: "Vosotros los
gallegos vivís en el siglo XIX (non o sabes ti ben,
compañeiro!), pero eso no es malo; es mejor que vivir en el
siglo XXI, como Barcelona". Para ir quentando á
xente, comezaron cun dos vellos éxitos, "siglo 2000".
Un bo repaso ós personaxes e inventos dese século, con
homenaxes a algúns dos grupos que lles serven de referencia e
inspiración.Seguiron repasando os xa temas clásicos
("eres PC eres Mac", "estafa", "disfraz de
tigre", "no hay nada más triste que lo tuyo"...)
alternando cos dos dous últimos discos. Boa parte dos
siareiros coreando os dous temas en catalán, demostrou que o
grupo conta con incondicionais.
Soaron bastante ben. Agás
un par de problemiñas cunha tecla do teclado e cos seus
monitores, a guitarra, o teclado e o metalófono cumpriron. As
bases de electro-pop e os efectos de voz tamén soaron limpos,
sen destacar nada e ben ecualizados. O concerto seguiu con
moito movemento tanto enriba do escenario como abaixo. A pesar da
tristeza das letras dalgúns temas, quedou claro que pesaba
máis a diversión que a transcendencia da mensaxe. Así,
malia que a música está fatal, as tendas de animais son
tristes, e xa comezamos a esquecer as cancións daquel verán,
a xente bailou a escachar.
Tags: HIDROGENESSE SALA KARMA PONTEVEDRA |
|
|
CONCERTOS
|
|
Escrito por Moncho Marinho
|
|
Martes, 23 de Setembro do 2008 |
HELLACOPTERS
20.09.2008
Expocoruña (A Coruña)
Tour de despedida dos suecos con parada na
Coruña. Unha das últimas oportunidades de ver os
escandinavos antes da disolución definitiva. Houbo
expectación, máis da que se esperaría, mesmo
coincidindo en día e hora e a poucos metros, co concerto de
Amaral. A tranquilidade dominou en todo momento, transcorrendo todo
sen máis alteracións que as propias dun acontecemento
desta caste. Mesmo nas posicións diante do escenario, o espazo
era suficiente como para non sentirse afogado pola masa.
Abriron os noruegueses Bloodlights presentando o
seu traballo homónimo. A nova formación do ex Gluecifer
Captain Poon, entrou con ansia e querendo ofrecer espectáculo.
Deficiencias propias ou alleas, o caso é que a súa
actuación quedou desvirtuada pola mala calidade sonora. Unha
batería moi potente que sobre pasaba os demais instrumentos,
ademais das voces, escureceu uns temas que puideron dicir máis.
Debullaron case todo o disco, comezando por Adiction e pasando por
Bullshit on your mind ou Bloodlights. Só unha versión,
New Rose dos Damned, único momento no que o público
respondeu masivamente diante dos de Oslo. Captain Poon non esqueceu
grazas a quen estaba alí, quen lle permitiu sacar adiante o
novo proxecto e dar unha volta por Europa. Un tema dedicado aos seus
padriños suecos, dúas peticións de “vivas!”
para eles e non quitarlles ollo de encima por ver “se lles
parece ben”, foron a nota rechamante desta actuación (...)
Tags: HELLACOPTERS A CORUÑA |
|
|
CONCERTOS
|
|
Escrito por Vincent Jalo
|
|
Mércores, 25 de Xuño do 2008 |
|
GURUMAMUT+BALDOSA AMARILLA+FRANC3S+FEW DAYS LATER
12.06.2008
Sala Capitol (Compostela)
O pasado 12 de xuño
tivo lugar na compostelá Sala Capitol a final do primeiro
concurso de maquetas galego organizado por 100 Pipers, un certame que
-cos típicos fallos e acertos do que comeza- principiou unha
andaina que agardamos non remate aqui polo ben da escena galega, tan
orfa de apoios da iniciativa privada. Coma non podía ser
doutro xeito -un fiel reflexo da heteroxeneidade da nosa escena-
pouco tiñan que ver os finalistas entre si, vindo de universos
musicais ben afastados e de seguro con públicos potenciais
practicamente opostos, un feito que fixo que a labor do xurado fose
máis complicada do habitual (...)
Tags: GURUMAMUT FRANC3S BALDOSA AMARILLA FEW DAYS LATER 100 PIPERS |
|
|
CONCERTOS
|
|
Escrito por Besbe
|
|
Venres, 25 de Abril do 2008 |
MOONDOGS BLUES PARTY
18.04.2008
Pub Garufa, A Coruña
O venres 18 foi unha noite
de cans na Coruña e non porque it was raining cat and dogs,
xa que o temporal deu un pequeno respiro para que poidésemos acudir
ao concerto que a xauría endiañadada de Moondogs Blues Party e The
Mad Dogs nos ofrecían no Pub Garufa. Tendo escoitado xa o primeiro
traballo de Moondogs Blues Party, O cadelo lunático, agradaba un concerto
tranquilo e relaxado: grandísimo erro pola miña parte. Subido ao escenario
con sombreiro e tirantes, Javier Prado e os integrantes da súa banda
provintes de Coruña, Vilalba e Ribadeo, a golpe da batería que tocaba Javier "Pera" comezaron a animarnos a todos cun funkeirazo: o Funky
Nassau, gran hit dos The Begining of the End no 71, que máis adiante
os The Blues Brothers engadirían ao seu repertorio (...)
Tags: MOONDOGS BLUES PARTY JAVIER PRADO |
|
|
CONCERTOS
|
|
Escrito por Adrián Estévez
|
|
Venres, 11 de Abril do 2008 |
MOON CRESTA + THE SWEAT + LORETTA MARTIN
29.03.2008
Compostela
O
título do festival, Galifunk Fest, e os nomes dos grupos, Moon Cresta, The sweat! e Loretta Martin, presaxiaban unha boa festa na
nasa. Pero malia o prezo reducido do festival, e aínda que era unha
noite calorosa de primavera, non había demasiada xente na nasa, e moitos
menos con camisas froreadas e colares.
Comezaron
os máis sureños, os vigueses Moon cresta, presentando o seu
último disco: eROCKtile dysFUNKtion SOULutions. Guitarra,
baixo, batería e teclados e voz. Non había que ser Philip Marlowe
para saber por onde irían os tiros, e o certo é que non apuntaron
mal. Cánto se lle debe aínda ós anos 70!Malia que na ecualización soaban máis baixo (malditos guitarristas
egocéntricos!), a base rítmica batería-baixo soportaba o peso da
banda. A guitarra era ben clásica, con riffs sinxelotes pero resultóns.
O teclado estaba ben, e o máis importante: non abusaban del; usábase
o necesario. Os
temas non eran moi potentes, pero, axudados polas letras en inglés,
animaban a mover o esqueleto, que ó fin e ó cabo e o que quere o persoal:
pasalo bomba. Cancións con estrutura clásica (estrofa, retrouso, estrofa, retrouso, lucimento
de guitarra e teclado), sen maiores nin menores pretensións (...)
|
|
|
CONCERTOS
|
|
Escrito por Mellamollamas
|
|
Xoves, 06 de Marzo do 2008 |
|
MANOS DE TOPO+FACTO DELAFE Y LAS FLORES AZULES
14.02.2008
Barcelona
Un 14 de febreiro
pareceme bó día para escoitar en directo a ‘Manos de Topo’, un
deses grupos que contraveñen tódolos tópicos de amor, dos que che
fan sorrir, a pesar de que te sintas coma un parvo cando te recoñeces
nas súas letras. Esta sensación lévase mellor —ou dá máis que
pensar, non o teño moi claro— se a moza que che acompaña tamén
sorrí ao escoitar da voz esganada do seu cantante: «no, no da la
talla al hacer el amor» o «recuerdo tu champú: puntas abiertas,
cabello graso».
Alén de impresións
íntimas máis ou menos pudorosas, o repertorio do concerto debeu ser
moi parecido o da Coruña en decembro do ano pasado; para máis detalles,
véxase en Mr Jones [2007: 22/12]. Agás Carta a los reyes magos,
tocaron todas as cancións de Ortopedias bonitas en orde inversa
a do disco, cun medley de por medio de Without you para
celebrar o San Valentín. Para o bis quedaron El cartero
e sí, tamén, Bailar pegados, na que pediron aos presentes que
non se recatasen: «¡vamos!, que sabemos que os la sabéis». (Ao meu
parecer, estiveron un pouco cohibidos neste tema e non o levaron o extremo
do seu histrionismo). Xunto con este Bailar pegados, o público
coreou El cartero y Morir de celos. Presentaron, ademais,
dúas novas cancións «que no están en los discos, pero son bonitas
igual», unha delas pendurada na súa páxina web, Ahora te sientes
mejor, ¿verdad?
Tags: MANOS DE TOPO FACTO DELAFE Y LAS FLORES AZULES |
|
| |
|
NOVIDADES
-
08:00 - 13.11.2008
NOVIDADES
FRANC3S
Franc3s
(A regueifa, 2008)
Cando o 18 de maio de 1980 Ian Curtis decide unilateralmente poñer fin á breve singradura musical de Joy Division
pendurándose polo pescozo cunha corda, o deus máis escuro do Valhalla
da música popular fixo vibrar dolosamente as súas cordas vocais,
emitindo un berro nunha frecuencia tan aquelada que só os tímpanos
cunha maior dose de bizarrismo tebroso puideron captalo. Ese
berro multiplicouse en miles de ecos que espallaron interminabelmente a
mensaxe de loito desa deidade pagán polos catro recunchos do planeta.
Así, non podía ser doutro xeito, esa onda sonora vibrou por terras de Bergantiños, e a semente desa vibración áspera, sucia e arriscada agromou nos miolos de Alberto, María e Patuki (tamén chegou a Vilalba) para florecer en Franc3s.
A
evolución metastática destes individuos de fans incondicionais a parte
infinitesimal do universo bizarro fica fosilizada no seu propio nome,
tributo por triplicado á actriz Frances Farmer, á vocalista de The Vaselines Frances McKee e á artista circense Frances O´Connor. María coa batería, Alberto coa guitarra e coa voz e Patuky cos teclados non só homenaxean en cada distorsión a bandas como Surfin´ Bichos, Los Enemigos, The Cramps ou The Jesus and Mary Chain, senón que tratan de enchoupar a súa música das sensacións que lles transmiten as obras de, por exemplo, John Waters, William Burroughs ou Pollock.
Franc3s decidiu por fin dar o grande chimpo ao LP logo de dúas maquetas receptoras de boas críticas e gabanzas a manchea. O seu primeiro disco, Franc3s, está composto por dez temas e foi editado por A Regueifa Plataforma baixo licenza de Creative Commons; pode baixarse de balde en www.aregueifa.net. Tamén se pode adquirir en soporte físico, nunha edición limitada e feita a man a base de papel de lixa e peluche, en Discos Noni´s (A Coruña) e Cosmic Pop Club (Carballo).
Así que xa sabedes, amantes dos sons de ultratumba, do theremin, da escuridade, do veludo, da luz de neon reflectida nas pozas dunha cidade perdida,…, gozade todos do novo de Franc3s, e xa me contaredes.
Ler máis...
-
12:37 - 13.10.2008
NOVIDADES
NOUVELLE CUISINE
De memoria
(Autoeditado, 2008)
O “malo” de ter asinado xoias de pop tan perfecto como Aritmética polar ou Dos torres é a altura
á que deixas o listón para vindeiros discos. Os
herculinos Nouvelle Cuisine corrían o risco de ser vítimas
da calidade que plasmaron no seu anterior disco, o encantador
Autodictado. Por fortuna, os "cocinitas" non se enrrugaron e souberon
partir do ponto onde o deixaron para elevalo aínda uns
centímetros máis, coma uns Sergéis Bubka do pop con pértiga.
Sen perder o seu xa característco
estilo -algo ben dificil de conseguir nunha banda con dúas voces tan diferentes-
percébese nos doce temas que fan parte deste De memoria un
salto cualitativo na produción. Continúan a guisalo e
comelo eles mesmos pero no estudo de gravación a experiencia
nótase e este enriquecemento faise palpable tanto a nivel de
arranxos coma da expansión na paleta de sons e instrumentos (acordeóns, rhodes, sintes...).
O certo é que o son de Nouvelle Cuisine acada con este disco
un novo grau de madurez xa que a incoporación de sintetizador
e caixas de ritmos nalgúns temas e a falla de complexos para
meter guitarras moito máis distorsionadas afástaos do
típico e autolimitado son indie do que beben -La Buena Vida e La Habitación
Roja- explorando novos territorios que a esta altura da película
a verdade é que son de agradecer.
E como non hai bon disco de POP -con maiúsculas- sen unha boa colección de singles, ahi están eles para deixarnos xemas coma Sintonia08, Comunicación no verbal, El imperio roto ou Seremos cajeras... mostras de pop clásico preciosista dese que che queda ecoando permanentemente na testa con só un par de escoitas. A verdade é que resulta incrible que estes talentosos chefs non atopasen unha discográfica que lles editara o disco, por moita crise da industria discográfica que haxa. Neste caso é evidente que xogou máis na súa contra a deslocalización con respeito ao epicentro dos que terían de ser os seus pretendentes. No indie estatal xa se sabe que fora de Madrid e Barcelona vai moito frío. Porén a xogada non lles saiu tan mal, mais ben ao contrario, autoeditando o disco por partida doble, tanto en formato digipack de xeito comercial coma nun formato máis exclusivo: unha camisola que se vende xunto con unha memoria USB con toda a súa discografía. Se non querían caldo, dúas cuncas. E nós, claro, tan felices cun caldo tan cheo de sustancia.
Ler máis...
-
11:20 - 25.09.2008
NOVIDADES
BLOC PARTY
Intimacy
(Wichita, 2008)
A “alarma silenciosa” ca que catro rapaces do East London
decidiron comunicarlle ao mundo a súa existencia non foi tal; resultou
o estoupido xordo do primeiro foguete da alborada, que racha o silencio
da moribunda noite e pronostica xoldra. A partires dese intre máxico
pode gozarse ou non da festa, pero xa non sobrevive no interior dos
participantes esa inicial sensación de sorpresa. A Weekend In The City
convertiuse desde o seu lanzamento na primeira víctima das odiosas
comparacións as que serán sometidos todos e cada un dos traballos que Bloc Party decida facer, aos que xa de saída se lles catalogará como “inferiores a Silent Alarm”. Kele Okereke na voz e na guitarra, Russell Lissack na guitarra, Gordon Moakes no baixo e nos coros e Matt Tong na batería conforman Bloc Party.
Intimacy (Wichita Recordings, 2008), o seu terceiro traballo, veu a luz o pasado 21 de agosto
no seu formato dixital, quedando desde entón pendurado na rede coa
posibilidade de baixalo previo abono do prezo estipulado. Os
interesados en adquirilo no seu formato físico deberán agardar ata o 28 de outubro; neste formato inclúense algúns cortes non presentes no dixital. O disco foi producido por Paul Epworth e Jacknife Lee, quenes xa colaboraran coa banda nos seus anteriores traballos (...)
Ler máis...
-
08:00 - 11.09.2008
NOVIDADES
JUGOPLASTIKA
The 6th is the 7
(Astro Discos, 2008)
Co dos revivals é mellor
non chegar a última hora. De poder escoller, o ideal sería chegar cando a cousa xa despegou pero aínda non invade
masivamente as páxinas da NME e derivados, entrando de cheo no
momento álxido do hype. Como mal menor, non estaría mal
ser dos primeiros, o que sexa con tal de non ser dos últimos
en chegar. Porén, ser pioneiro na recuperción dun son pasado garante certa frescura e non soar clónico pero tamén ten a
desvantaxe de que van ser outros os que desfruten do verdadeiro
recoñecemento. Non se pode ter todo.
E no caso de Jugoplastika dá a impresión de que é exactamente isto último o que lles vai pasar. Asi que é
de xustiza reivindicalos dende xa coma iniciadores dun revival que
aínda está por chegar, o do indie guitarreiro dos
primeiros 90s, con ecos de radio universitaria americana, voces pouco afinadas e producións
precarias de son garaxeiro. Porque no seu último album -The
6th is the 7- non hai banda da época que non faga
acto de presenza dunha ou outra maneira nalgunha das once cancións
que fan parte do disco, dende os Pixies a Weezer pasando por
Pavement, Guided by Voices, e Grandaddy. Un traballo, por certo, maxistralmente
producido por Paco Loco, que demostra ser un auténtico
todoterreno, recreando perfectamente o son suxo dominado polas
frecuencias medias tan característico daqueles tempos dando forma ao que probablemente é o disco galego máis xenuinamente americano de todos os tempos.
Dubido que Kukoc,
Perasovic e Radja escoitasen aos Pixies nos vestiarios pero o certo
é que as coordenadas temporais deste novo son de Jugoplastika teñen
perfecto sentido e danlle coherencia absoluta á estética
do grupo. Iso si, só asimilable en todos os seus matices polos que nacimos
antes dos 80s, as novas xeracións van ter que agardar a que chegue o revival noventeiro -remastigado e actualizalo- para desfrutalo ao 100%. Sexa coma sexa, sempre poderemos dicer o de "pero se isto xa o facían Jugoplastika no 2008".
Ler máis...
-
06:52 - 02.09.2008
NOVIDADES
DEATH CAB FOR CUTIE
Narrow Stairs
(Atlantic, 2008)
Atópome de fronte e a máis de 200 km/h con Narrow Stairs;
o choque é brutal, anaquiños de disonantes melodías dunha beleza
inusual perforan diversos órganos do meu corpo e préñanme as vísceras
dun sotaque agridoce de saudade. Atópome de fronte ante o sexto traballo da banda formada por Ben Gibbard, Chris Walla, Nicholas Harmer e Jason McGerr;
atópome de fronte cunha auténtica delicia de comezo a fin, tanto no seu
formulación como na súa execución, un río que nace e transcorre cara o
mar entre meandros sinuosos e violentas fervenzas.
Nace Narrow Stairs cun corte duns cinco minutos que lembra por veces á primeira canción de Plans, aquela Marching Bands of Manhattan
que nos marabillara, aínda que esta posúe un ton máis sutil. Comeza
amodo para ir acadando maior contundencia segundo pasa o tempo,
apoiados sempre nun enorme baixo (...)
Ler máis...
-
11:34 - 12.05.2008
NOVIDADES
ESQUIOS
Un tipo normal
(Autoeditado Distribuciones, 2008)
Os estradenses Esquíos
deron un xiro importante á banda con este Un tipo normal, o
seu segundo disco longo. A incorporación de Miguel Castro na
voz en sustitución de Fidel Castro -non sei se serán
irmáns- marca en grande medida o seu novo son, moito máis
punk-rock, case alonxado por completo das querencias metaleiras do
seu debut. O certo é que o xiro parece moi meditado xa que a
nova voz -moito máis axeitado para o punk-rock con maior
carrega melódica que fan agora- dálle a Esquios un son
moito máis actual.
Pero non é a voz a
única novidade desta nova etapa. Agora atopamos unha cota
maior de temas cantados en galego e unhas letras, entre o social e o
festeiro, que encaixan mellor co seu estilo e o seu público
potencial. Especialmente agora que contan no seu repertorio con
temasda forza de “A rapa” ou “Galiza festa rachada” -sen
dúbida os dous singles máis potentes do disco- que
prometen ser verdadeiros furacáns ao vivo, cuns retrousos
deses que son carne de pogo. Dous temas, ademais, que incorporan un
par de detalles -aire funk e sección de metais, o primeiro, e
ritmo skatalítico, o segundo- que alén de demostrar a
versatilidade dos novos Esquíos tamén van facer de
efectivo anzol para atraer a novos siareiros á banda.
Ler máis...
-
06:56 - 06.05.2008
NOVIDADES
REM
Accelearte
(Warner, 2008)
Facía xa catro anos que a banda de Athens non daba sinais de vida; foi por aquel entón cando publicaron o deostado (inxustamente baixo o meu criterio) Around the Sun. Por fin en abril de 2008 saíu á luz Accelerate, anunciado polos iluminados e entendidos como “a volta as súas orixes”. ¿Pero iso non o fixeran xa con Monster? ¿non se volvera de novo a falar do mesmo cando saíron New Adventures in Hi-Fi e Up? en resumo, máis peras mentais de flipados ou pura estratexia de marketing por parte da Warner (ou ambas cousas, claro) (...)
Ler máis...
-
11:53 - 17.04.2008
NOVIDADES
DELUXE
Reconstrucción
(Virgin, 2008)
Reconstrucción é o quinto disco do coruñés Xoel López, que saíu á luz o pasado 18 de marzo, aproximadamente un ano despois do lanzamento de Fin de un Viaje Infinito, o seu anterior traballo. O álbum ofrécenos dez temas inéditos e cinco remesturas das cancións
que foi publicando mes a mes en internet ao longo do 2007. A primeira
edición desta Reconstrucción, limitada ás súas 5.000 primeiras copias, traerá a maiores un DVD que inclúe imaxes en directo do Piano Bar Sessions, os tres vídeos de Fin de un Viaje Infinito e parte do concerto (unha hora e media) que Xoel ofreceu o 24 de novembro de 2007 en La Riviera, acompañado de xente como Josele Santiago, Eva Amaral e Juan Aguirre de Amaral, Amaro Ferreiro, Eladio Santos ou Julián López do programa Muchachada Nui.
No audio deste DVD inclúense quince temas máis, compostos por versións
acústicas, maquetas, as tres “cancións do mes” non incluídas no CD e
catro temas do directo en La Riviera (...)
Ler máis...
-
16:56 - 07.04.2008
NOVIDADES
NIÑO Y PISTOLA
Culebra
(Astro Discos, 2008)
Na historia da música galega
contemporánea hai poucos referentes de bandas da terra que
conseguiran un son tan xenuinamente británico coma Niño
y Pistola. Teríamos que viaxar tres décadas atrás
e lembrar a Queimada, os que no seu tempo foron chamados os
Beatles galegos. A verdade é que a tarefa non é
sinxela, porque acadar un son auténtico non é só
a composición e o estilo, hai un factor fundamental ao que
damos moita menos importancia da que ten no resultado final: a
pronuncia. Noutros paises coma Portugal ou Suecia teñen ben
claro que se escolles cantar nun idioma alleo coma é o ingles
compre que o fagas coma se tiveras nascido en Oxford. non queda
outra. Bandas coma X-wife ou Mando Diao poderían
pasar por nativas das illas perfectamente, sen dúbida un
factor decisivo na súa boa difusión internacional. É
moi doado rir das míticas vesións de “In the ghetto”
de El Príncipe Gitano ou “Acuarius” de Raphael
e despois non ter nengún problema en montar un grupo e cantar
en ingles de taxista de Benidorm (...)
Ler máis...
-
09:25 - 03.04.2008
NOVIDADES
ATAQUE ESCAMPE
Galicia es una mierda
(A Regueifa Discos, 2008)
Tras
un debate non demasiado desputado no seu blogue, a banda de Vistalegre
decidiu seguir as voces da maioría e bautizar o seu novo traballo co
nome máis provocador posíbel. Habería que facer memoria e mentar
por enésima vez a Os Resentidos para atopar un caso similar na música
galega, e mesmo así a distancia entre as dúas bandas é abismal, e
non só polas décadas que lles pasaron aos de Vigo polo lombo. A provocación
que ladra dende a carátula do disco ten un aquel máis definido da
que trouxo o carro da Movida. Sempre houbo teóricos que defenderon
o valor revolucionario do humor, especialmente no noso país, que ten
como tótem a un humorista e que se caracteriza por ser o reino da retranca.
O
disco de Ataque Escampe explota precisamente ese matiz que vai máis
alá da simple provocación, e que ao tempo segue a fuxir das verdades
profundas. Podemos velo no tema que dá nome ao disco
(“todos os traumas xa chos escoitei/pero ti es ben parvo tamén”),
en Serafín, o anxo salvador que traerá o final feliz ás diatribas
do país, e nos Tres cantos a Lenin, anaina de tintes amorosos
que acaba fundindo a súa última frase (“a miseria da vida”) co
himno soviético. Precisamente á nostalxia irónica da guerra fría
e do esplendor socialista súmase a Akira Toriyama, máximo icono da
xeración Songoku, para persistir no toque xeracional que xa viramos
no traballo anterior (...)
Ler máis...
CLASICOS
-
09:47 - 01.02.2008
CLASICOS
REM
Out of Time
(1991)
O
“Automatic For The People” é para os críticos
o ‘Miño’ de R.E.M., pois é o disco que lles
garantiu un posto na historia do rock, pero antes tivo que vir o
‘Sil’ en forma de “Out Of Time”, o álbume
que os situou definitivamente no mapa. Antes de 1991 eran un grupo
grande, mais non tiñan o estatus de recoñecemento
unánime e fama mundial que hoxe posúen Michael Stipe e
compañía. É un estrano caso, compartido agora
mesmo só con Bruce Springsteen, no que a corrente principal e
a alternativa están completamente de acordo (...)
Ler máis...
-
17:34 - 23.01.2008
CLASICOS
ADRIA PUNTI
Pepalallarga
(Picap, 1998)
Adrià Puntí
reta compositiva e interpretativamente a Bunburys, Calamaros, e demais
tipos que se nomeen rockeiros, máis ou menos coñecidos, que se lle
queiran enfrontar; de feito Bunbury, nunha das súas mellores cancións, Sí,
comparte autoría co gironí. O catalán é un avantaxado do denominado
rock’n’cat, pronunciar o seu nome entre os músicos da súa terra causa
reverencia malia que as veces resulte exasperante pola súa
extravagancia, polos seus excesos, o caótico discurso ou a falta de
profesionalidade nalgún dos seus directos. O poeta Pau Gener di del: «é
capaz de todo, canta, escribe, compón como ninguén», e sentenza, «é o
mellor de todos.» A escoita dos seus discos confirma estas palabras;
separado da súa banda, Umpah-Pah, Adrìa Puntí leva gravados tres Pepalallarga (1998), L’hora del Pati (1999) e María
(2002), que establecen unha especie de progresión, de sons máis
eléctricos a instrumentacións máis acústicas. O que se mantén
incuestionable en todos eles son os textos: irónicos, íntimos,
amorosos, cómicos, de gran fondo poético —mágoa de non telos atopados
por internet para comprender perfectamente as súas verbas escritas en
català gironí (...)
Ler máis...
-
11:02 - 09.01.2008
CLASICOS
MIGALA
Restos de un incendio
(Acuarela, 2002)
Editado en marzo de 2002, Restos de un incendio
é, aínda que non o pareza pola súa magnífica unidade estrutural, unha
compilación de dez cancións regravadas por Migala para seren dotadas
dun son máis poderoso e de diferentes arranxos instrumentais. Pero o
que nesas novas sesións de gravación se produciu foi un disco
abraiante, denso, cadencioso e sideral; un bálsamo sonoro. Nel a voz
funciona harmonicamente como unha pista máis de son que se mestura con
tensas guitarras eléctricas, suaves melodías acústicas, harmónicas,
percusións, acordeóns, teclados, programacións, e mesmo cun sample
instrumental do Soy rebelde de Jeannette. As verbas,
ademais, doces e emocionalmente líricas, acompañan á perfección as
atmosferas creadas, agochando nalgún dos versos alusións ó Catro cuartetos de Eliot e ó Libro dos anxos de Rilke (...)
Ler máis...
-
07:43 - 29.11.2007
CLASICOS
THE ENGLISH BEAT
I just can’t stop it
(1980)
Hai anos, un agudo Fermín Muguruza recriminaba ao pop estatal
a súa dimisión da política emancipadora. Se a
Movida madrileña non excedeu a condición
superestrutural do trunfo posmoderno, a imposición neoliberal
arribou neste territorio da man usufructuaria das siglas PSOE. A
contrarrevolución gañou a guerra de posicións e,
entrementres, unha esquerda desartellada –agás en Euskal
Herria: Kortatu- pairaba como agardando o derrubamento dos réximes
en Europa do Leste. O abismo que afasta Seguridad Social de The
Specials era o que se abría entre a península Ibérica
e os outros Ocidentes.
Ler máis...
-
08:00 - 22.11.2007
CLASICOS

SUSO VAAMONDE
Nin rosmar un laído
(Fonomusic, 1977)
Que mellor ocasión para revisar este clásico
absoluto da música galega que agora que se cumpren trinta anos
da súa gravación no Teatro-Cine Veiga de Moaña,
un tempo que nos dá a perpectiva suficiente como para valorar aínda máis este noso Live at Budokan patrio, dándose
ademais a circuntancia de ser o primeiro disco galego gravado ao vivo
tal coma se entenden hoxe en día, en concerto. Ademais é
o único disco dos catro que editou nos 70s este mod
metido a cantautor que está reeditado en CD polo que constitúe
unha inmellorábel tarxeta de apresentacíon para as
novas xeracións que descoñezan a súa obra.
Ler máis...
VIDEOCLIPS DE AQUI E DE ACOLA
ATAQUE ESCAMPE - Serafín
GLASVEGAS - Geraldine
|
NOVAS
OSCAR VILARIÑO PRESENTA HERRN Martes, 02 de Decembro do 2008 | NOVAS DATAS AO VIVO DE SWEET OBLIVION BAND Luns, 01 de Decembro do 2008 | KOMUNIKANDO ENTREGA O PREMIO FESTIVALEIR@ 2008 Xoves, 27 de Novembro do 2008 | NADADORA, ANFITRIONS NO FESTIVAL MULLERES ARTE+PARTE Mércores, 26 de Novembro do 2008 | SOM DO GALPOM EDITARÁ O SEU PRIMEIRO LP EN PRIMAVERA Luns, 24 de Novembro do 2008 | MINIXIRA DE MARFUL POLA PENINSULA Xoves, 20 de Novembro do 2008 | THE HOMENS, XA A CATRO E NA CASA Mércores, 19 de Novembro do 2008 | CONCERTO DE ANIVERSARIO DE DAKIDARRIA Martes, 18 de Novembro do 2008 | Máis novas
|