FPSS slide image
FPSS slide image
FPSS slide image
FPSS slide image
FPSS slide image
UGIA PEDREIRA (Marful, Nordestin@s...) PDF Imprimir Correo-e
Cualificación dos usuarios: / 0
Escrito por Besbe   
Venres, 23 de Febreiro do 2007
Este enderezo de correo-e está protexido contra spam bots, necesitas ter o Javascript activado para podelo ver )"); var sburl=decodeURI("http://www.sono-tone.net//entrevistas/ugia-pedreira-marful-nordestin-s.html");var sburl=sburl.replace(/amp;/g, "");sburl=encodeURIComponent(sburl);


Hoxe entrevistamos a Ugía Pedreira por mor do lanzamento do disco de Nordestinas, trío que forman Guadi Galego, Abe Rábade e a propia Ugía. Ugía Pedreira é directora do CMTF de Lalín e colaborou e forma parte de multitude e diversas agrupacións musicais (Chouteira, Marful, Banda Bassotti, Eclética Ensemble…)

O teu percorrido musical, xa dende Chouteira, está marcado polo achegamento da música tradicional e do folque aos nosos ouvidos. Como surxiu a idea do CMTF? O CMTF é realmente necesario?

A Asociación do Conservatorio de Música Tradicional e Folque (CMTF) nace coa intención de cubrir un baleiro educativo: a produción e a divulgación cultural no mundo da música galega. Debido á gran repercusión que están a ter as músicas tradicionais, o equipo do CMTF entendeu que era preciso e de vital importancia para adquirir unha formación especializada a creación dun centro formativo onde se impartise, baixo unha marcada liña metodolóxica, unha docencia razoada, efectiva, coñecedora da tradición e dos camiños da creación, tanto para os adultos como para os cativos/as. O "mal chamado conservatorio", algún día trocaremos o nome por "centro folque", é unha nave espacial que aterra en Lalín porque desde a Asociación Berra (incentivadores da Foliada) e desde a voz do falecido músico Luis Areán houbo propostas ao concello para que fixeran unha escola en vez dunha banda de gaitas marcial como se tiña proposto desde Ourense. O concello recebeu a idea e eu pasaba por ali a montar unha clínica de psicoloxía. Cando me propuxeron isto desde o concello chamei a R. Pinheiro e a J. Luis do Pico para comezar a deseñar este centro. Os tres crearamos a Asociación Arco de Mazarelos en Santiago e entre os nosos proxectos-soños tiñamos xa as bases para unha escola folque. Soño cumprido e agora a navegar.

Teño entendido que estudaches psicoloxía, como definirías a aversión que algunha xente ten ás gaitas e aos alalás a día de hoxe, que as ve como símbolo do inmobilismo da “cultura galega”? Eclética Ensemble podería considerarse unha resposta a esas voces?

A psicoloxía social foi unha signatura da carreira, a miña especialidade foi psicoloxía infantil sobre todo deficiencias mentais. Penso que poderiamos estar orgullosos-as do noso patrimonio musical. Entre el evidentemente o instrumento mais coñecido é  a gaita e os cantos ad libitum como pode ser este xénero bautizado no século XIX como alalá, son maravilloso.  Supoño que haberá brasileiros-as que reneguen da samba ou do forró, como supoño que hai galegos-as que non gostan do son dunha pandeireta. Hai xente para todos os gostos.
En definitiva, somos tres millóns de persoas neste pais e as cancións populares mais coñecidas seguen sendo "A virxe de Guadalupe", "Catro vellos mariñeiros" e de vez en cando escoitas  a seguinte consigna : Esta fiesta no se acaba sin muiñeira de Chantada nun festival.  De estes tres millóns penso que non hai nen medio millón que merque música en galego. E niso estamos, en que o sector se fortaleza, en que os discos sexan cada vez de mellor calidade, en abrir as portas da creación, en mellorar o sons dos concertos, a produción.................. poc a poc, pasiño a pasiño.


Chouteira tivo un tremendo éxito, todos lembramos o “Ghai ghai”. Aparte diso, definiches Chouteira como un grupo folque de espirito punk. Por que rematou disolvéndose?

Funme de Chouteira porque estaba daquela tecéndose o universo Marful e tiña muito traballo no Conservatorio. Cando comecei a dirixir o centro tan só tiña 29 anos e pouca experiencia, facíame falta todo o tempo do mundo para poñerme as pilas e porme a pilotar esta nave musical. Aprender a  sua  xestión, a burocracia , o trato co concello de Lalín, etc. Xa non tiña a mente en nengunha canción posíbel para Chouteira e toda a parte creativa e inspiradora ía en dirección marfuliana. Fixen con eles a xira verán do 2001 e en setembro abandonei o grupo do que gardo gratas lembranzas, fabulosas imaxes, miles de contiños..... foi xenial. Eu tamén tiña aberta  colaboracións con o mundo do rock en galego comezando por Xenreira, Nenas da Revolta, A Matraca, Galegoz  ou A Banda Bassoti (molto faccile e divergente) en definitiva as aventuras musicais de Marcos Payno e as suas visitas con bocetos onde eu poñía a melodía e a letra. Esta vía de escape é fundamental para a miña saúde musical. Ademais Olga Nogueira (acordeonista) deixou tamén o grupo un mes despois e marchou a Paris, eles continuaron até o Natal e disolvéronse - habería que preguntarlle á sección masculina porqué se disolveron-, de todas formas eu conservo os buratos dos imperdíbeis e algunha cresta.

Como foi a recollida de temas para Marful? A que fontes acudistes e que bagaxe sentimental deixaches no disco?

Leverelen é un twist "La luna tiene dos caras" aprendido polos irmaos Pascuales dunha gravación dunha orquestina da Cañiza nos anos 50, a letra púxenlla eu e é caso un manifesto da miña forma de andar o camiño con Piñeiro. O tris-tras é por un lado unha melodía popular dun acordeonista diatónico do Viveiro,  no retrouso unha melodía miña xunto coa letra do cancioneiro inédito de Marcial de Valladares. A menina é un tema de J. Luis do Pico e o poema- letra de Ricardo Carvalho Calero  inspiroume para "pedir talvez o que ninguén pode darme", a canción "Meu pirinho" está composta grazas á inspiradora amizade que me une co artista Pablo Giraldez, e así todas as cancións. Cada unha ten unha historia detrás para contar. Continuo noutro momento... non? E neste disco deixei o corazón, as tripas, un amor, un desamor, por agora é o disco da miña vida. E agardando o próximo que será mais optimista e coma sempre reflexará o estado anímico: sólido, líquido ou gasoso.

Cal é a ambigüidade de Marful?

Supoño que o existencialismo de cada un dos seus compoñentes. Depende da gramática que empregues, depende do palco, do catering, de quen sexa o público, da libido, da furgoneta................do dia, da noite, do divino, do humano.

E agora Nordestinas, con máis cancións populares, desta vez de fondo mareiro. Quen é o “último leiteiro con carro e burra” de San Sadurniño? Tivo a xente da que recollestes as cancións a oportunidade de escoitalas nas vosas voces?

Perguntame pola última serie Manga... non sei quen é o leiteiro. Según Oscar Fernández (con mágoa ex-cempés) é o leiteiro da sua aldea e foi el quen nos pasou en Lalín esta melodía. Oscar conta que o leiteiro paraba nun bar perto da sua casa, e mentres entraba a tomar algo dáballe un cigarro á burra -esta empalmábase-. Para Oscar foi unha imaxe potentísima que lle quedou gravada desde neno.
E................. En Cedeira xa escoitaron as cancións, xa choraron, xa nos deron os parabéns; á Mariña aínda non fomos.

En Chouteira sorprendestes cunha banda de metais, con Marful  trouxestes un jazz que sona cercano e en Nordestinas expremedes toda a beleza dun  piano e dúas voces…e os resultados son unha música galega de calidade e innovadora. Que outros grupos ou proxectos che chaman a atención musicalmente a día de hoxe no ámbito galego?

En Chouteira había un trío de metais: trompeta, tuba e saxo. En Marful hai pinceladas de música tradicional galega, o flamenco de Marcos, algunha harmonía que pode sonar a jazz, lembranzas de orquestinas urbanas.... (inciso recomendo o grupo PARIS COMBO).  Estou encantada coa explosión e diversidade (por fin) de xéneros e sonoridades en lingua galega. Esa lingua falada por millóns de persoas na Lusofonía.

Marful e Nordestinas van ter continuidade no tempo ou son proxectos senlleiros?

Os discos foron sacados este ano e creo que todos estamos no ponto: deixarse levar. Os discos a dia de hoxe teñen que ser rolar, actuar na casa e fora dela. En Marful estamos compoñendo novas cancións e con bocetos para o seguinte disco. Cada un dos meus compañeiros tanto de Marful como de Nordestin@s están facendo música con outra xente. Non firmamos nengún convenio entre nós, nengún acordo, moitos de nós non cremos no matrimonio mas si cremos nos soños.

Envolta en tantos proxectos con tanta xente distinta, é complicado coincidir para realizar concertos? Con Marful xa hai datas adiantadas…que hai de Nordestinas?

Temos tres concertos con Marful e colaboradores é dicer, Quim Farinha no violino, a coreógrafa viguesa asentada en Zurich Mercé de Rande, unha parella de tango, o bailarín galego Henrique Peón, proxección fotográfica dos salóns de baile da Mariña lucense e tamén dous amigos solistas que se converten en coristas para a ocasión: Guadi Galego e Xabier Diaz. Un auténtico Salón de Baile Marfuliano en Coruña o dia 9 de febreiro, o 23 en Vigo e en xuño en Ferrol. Logo temos concertos das dúas bandas no Circuíto 4x4 que se poden ver nas nosas paxinas web.

Non sei” é un tema que namora, cal é o teu tema preferido do disco e como o está acollendo a xente?

Pois esta habanera cantada en Cedeira a min tamén me namora. A habanera en xeral namora. Gosto inmenso do Bos Aires, do Ari Ari, do Falar de Amores .... e parece ser que a xente gosta del e neste Natal o disco estivo entre os 100 mais vendidos do Estado Español.

Falabamos antes de Eclética Ensemble, que colle o seu nome de Maruxa dos “Rosales”, unha cantadora entre gaiteiros e noutra entrevista comentabas o tema das mulleres nos grupos masculinos, poderíasnos explicar a túa visión sobre iso? Abe sería un “Eclético” con Guadi e contigo?

Existe nos grupos masculinofemeninos, ben sexa de musica, informática ou unha empresa de madeira, un ambiente marcado polo teu xénero. Mas todo depende do carácter de cada quen, sexa tigre ou tigresa. En moitas ocasións podes atopar homes lúa e ao contrario mulleres sol. En xeral na musica hai moito eclecticismo, dispersión, .... Guadi, Abe e eu somos mimelos e dámonos moitos mimos.

Teñen as dúas unhas medias-rede e rematan nuns preciosos zapatos de charol. e despois que? despois a luxuria, esencia da poesía. Marabilla, marabilla.” Son palabras de Antóm Sobral. Este disco de Nordestinas está feito dende unha visión feminina?

Está feito desde a infancia, adolescencia e “madurez trintañeira” de dúas rapazas de vila. Misturando ovas e ovos, poñendo moita paciencia e amor.

Na Galiza todos recoñecemos a labor e a importancia da recuperación da tradición galego-portuguesa como fas e fixeron outros antes, da outra banda do Miño como se ve este traballo? Sabes doutras iniciativas semellantes ás vosas en Portugal?

Semellantes ás nosas son por exemplo os da Asociación D´Orfeu en Águeda pode ser a iniciativa mais paralela á Asociación do Conservatorio de Música Tradicional e Folque de Lalín.

E para rematar, a reintegración, no caso de chegar, farase antes mediante unha normativa da lingua ou musicalmente?

Os aquarianos ou os peixes voadores din que somos visionarios... mas . Podería chegar coa musica cantada, coas caboverdianas de Burela, non sei non seeeeeeeeeeeei. A musica axuda a revelar o evidente e se queremos que a nosa lingua sexa mais cantada e falada haberá que relacionarse cos teus semellantes.

Moitas grazas Ugía dende Sono-Tone.

Links relacionados:
http://www.marful.info/

http://www.nordestinas.eu/


Tags:  UGIA PEDREIRA MARFUL CHOUTEIRA NORDESTIN@S FALCATRUADA
 
KIMURU PDF Imprimir Correo-e
Cualificación dos usuarios: / 0
Escrito por Sak   
Luns, 19 de Febreiro do 2007
Chuza!


Kike Muruais, Kimuru, é un artista lucense que despois dun grande éxito con Todas las naves espaciales son de plástico anda xa a preparar o que será o seu segundo disco. Para coñecelo máis e ir avanzando cousas do seu novo álbum, Kimuru abriu a Sono-Tone as portas da súa casa.

Despois da túa traxectoria polos escenarios, en varios grupos e versionando cancións clásicas en que momento e porque decides dar o salto a cantar música propia?

Eu tomei a decisión no 2004, e púxenme ao choio. Organiceime cunha guitarra, cun lapis e un papel eu so, e pouco a pouco foron saíndo cancións, moitas cancións, das que tiven que ir descartando algunhas, pero en xeral vin que funcionaban so con guitarra e voz. Logo outra xente foise sumando ata o que é hoxe Kimuru, un xeito de facer música libre que sae principalmente dunha persoa pero que convence a outras para rematar sendo un proxecto múltiple.

Esas libretas nas que ti escribes as cancións, veñen do 2004 entón?

Si, de feito cada libreta dúrame seis meses. Aí teño moitas cancións, ás que algunhas non encontro música e a outras moitas si, e desas pois algunhas convértense a cancións físicas con Cesar, agora con Javier, con Arturo, con Martín e Saqués.

Canto hai xa da saída de "Todas las naves espaciales son de plástico"?

Hai dous anos da auto-edición e hai un de que nos acollera Falcatruada no seu selo, agora o contrato está finiquitado e non sabemos con quen sacaremos o vindeiro disco, co que comezaremos a gravar en febreiro. Estamos agora barallando dende a autoedición, que foi unha boa experiencia no primeiro disco ata varias discográficas que escoitaron "as naves", que lles gustou o concepto e que agora están interesadas na maqueta, o que temos moi claro é que sexa como sexa primará a liberdade absoluta para traballar no disco, iso é o que máis nos importa.

Autoedición, autoprodución, composición propia, letras túas; non fatiga tanto "auto"?

Moito, dende logo; creo que me farían falta dous secretarios e dúas secretarias (sorrí), pero penso que é o único xeito para ter un absoluto control sobre un mesmo. A música non podes deixar que se vaia soa, tela que ir sacando e apuntalando e para iso non chega un so; eu son o promotor da idea e das cancións, pero son pouca cousa sen a xente que confía no proxecto e que me bota un cable para que este proxecto colla un espectro máis amplo do que en principio teñen.

Kike é Kimuru, pero Kimuru non só é kike. Quen é Kimuru?

Kimuru son eu xunto co meu compañeiro de batallas César López (baixista), xunto con Javier Perez un tipo que me marabillou o seu xeito de tocar a guitarra, Jose Luis Saqués un excelente percusionista e por suposto Arturo Vaquero que ademais de coprodutor tamén fará as programacións. Agora Kimuru agora é algo máis orgánico, se "as naves" foi unha viaxe simulada agora estamos na caída, non vista dun modo pexorativo, senón a baixada á terra; é dicir, levar ás cancións a un lugar menos tecno, a un lugar onde os instrumentos naturais, guitarras incluso trompetas teñan máis peso. Non quero ser escravo dun primeiro disco que foi ben puntuado e calificado pola xente á que lle chegou, hai que andar cara adiante e moverse; á fin a esencia de Kimuru son cancións que eu toco coa guitarra, que penso mil veces e que logo tento convencer a alguén (ri) para que me vote un cable para que sexan o que son.

Un proxecto orixinal coma Kimuru, ten problemas vindo dunha cidade pequena como Lugo?

Nós estamos encantados de vivir onde vivimos pero se te refires a que se Kimuru soaría máis se fora de Madrid ou Barcelona, seguro, e non teño ningunha dúbida. Cada quen vive onde lle tocou e onde quere e eu podería terme ido para Madrid e non o fixen, pero quizais se me fora para Madrid non escribiría o mesmo ou nin si quer escribiría. A música é moito máis que un disco é un xeito de vida e nace das experiencias vitais que se producen nalgún lugar.

Estás moi ás portas do segundo disco, nótase moito iso de ter un xa ás costas?

Si, si, moitísimo. Nótase que xa estiveches alí, eu levaba todo pensado, todo escrito nun diario, non un diario "emocional-gilipoyas" senón un diario de cando se cantaba unha canción determinada, cando se metía un baixo, pero ao final a táctica é como no fútbol non sabes como che vai ir, pero vista xa como funciona e xunto cun grupo de xente máis amplo temos máis seguridade no que facemos. No primeiro disco viamos que funcionaba no mesmo momento en que funcionaba, agora traballando do mesmo xeito esperamos facer un bo disco. Nos non somos un grupo de estar pechados sete meses ensaiando, temos cancións, tócanse nunha casa, nun local, nun momento concreto, falamos sobre elas e cando nos decidimos a gravar poñémonos a currar e xa temos a esencia da canción, ir máis alá é buscarlle catro pes ao gato.

Do teu vindeiro disco, xa sabemos que vai ser máis orgánico, pero que nos podes contar del nestes intres?

Non sei se para ben ou para mal, pero penso que vai sorprender. Sería máis fácil para nos repetir un disco como "as naves" pero tanto en letras como música e arranxos imos alén do disco anterior, somos máis libres para pensalo e revisalo que no anterior.

Sintes que a electrónica foi algo que utilizaches para o primeiro disco por temas de simplicidade á hora de levar adiante Kimuru?

Non, non, en absoluto; o primeiro disco foi como queriamos que fora, non lle cambiaría nada, bon, igual un par de cousas si, pero non as vou dicir (ri). Non quería outra cousa, é máis, por ese disco penso que agora estamos nun paso adiante pero dado en firme e premeditadamente. Evidentemente se tes unha orquestra sinfónica tendes a utilizala pero eu fixen o disco que quería.

Con respecto aos directos do primeiro disco, quedaches contento cos concertos e coa acollida da xente?

Houbo directos moi bos, pero houbo outros que foi difícil defendelas cancións exactamente coma no disco xa que ao levar programacións pode dar sensación de irrealidade, de playback pero para nada, aínda que puidera ser un áncora utilizámolo para non perder un rumbo nun disco que era complexo de levar ao directo.

Cambiou un pouco a estrutura da banda, pero segues sendo o mesmo ti, non?

A banda realmente non cambiou tanto, mudamos un guitarrista e introducimos un batería que se xuntará coa percusión electrónica nun resultado mixto. O que segue sendo o mesmo é o estilo, está claro que imos sonar diferente pero a pesar de ter dúas persoa novas seguiremos na mesma liña. As cancións piden a gritos un cambio que sempre intento equilibrar coa xente da que dispoñemos, pero sexa como sexa calquera que nos coñeza e mire cun mínimo de atención ou incluso que simplemente abra un ollo durmindo a sesta vai saber que é Kimuru.

Links relacionados:
http://www.kimuru.com/
http://www.falcatruada.com/_site_/grupos/kimuru/central_kimuru.html


Tags:  ENTREVISTAS ENTREVISTAS KIMURU
 
SAMESUGAS PDF Imprimir Correo-e
Cualificación dos usuarios: / 0
Escrito por Vincent Jalo   
Luns, 19 de Febreiro do 2007
Chuza!

 

Trás sete anos juntos Samesugas editarom em 2006 o seu primeiro e moi aguardado primeiro longa duraçom co selo catalám H-Records baixo o título de Alá vai!. O nosso companheiro Vincent Jalo tivo ocasiom de falar com Alberte -baixista da banda- sobre o passado, pressente e futuro da formaçom além das suas origens nos lendários Dirty Barriguitas.

Antes de Dirty Barriguitas tocaras nalgum outro grupo?

Pois nom, se nom contamos alguns experimentos que fazia cos colegas na minha casa ou no faiado, hehehe. Realmente foi mercar o meu primeiro baixo e aos poucos meses começar a ensaiar co germe do que seriam os Dirty Barriguitas.

Como surgiu Dirty Barriguitas? Como surgiu Lixo Urbano? Foi antes DB ou Lixo Urbano?

Num principio juntárom-se Xavi á guitarra, Jacobo á bateria e Pampín à voz, e foi quando me dérom o toque para tocar o baixo com eles alá pola primavera-verao de 1991. Pouco depois Pampín deixou o grupo e foi quando entrou Dani, colega meu desde os tempos do instituto, que se acoplou rapidamente, assi que a princípios do 92 já estavamos tocando por Galiza adiante. Paralelamente eu e dous colegas máis andavamos a preparar o 1º e único número do fanzine Lixo Urbano, nome que recuperamos máis adiante para o selo / distribuidora. Podemos dizer que o germe da distribuidora nasceu coa ediçom da maqueta “Turista Occidental” no verao do ’93, e pouco despois decidimos pôr-lhe nome, imprimir catálogos, e começar a editar material doutros grupos. Num princípo eramos 6 pessoas , depois foi saindo e entrando gente até que nos anos de máis actividade quedamos só Mário e máis eu.  Agora Lixo está bastante parado pero de vez em quando continuo distribuíndo algumha cousa que me vai chegando. Deixamos de editar discos todos os anos mas isto nom significa que o selo vaia desaparecer, de feito sacamos a ediçom em CD do 10’’ de Samesugas hai um par de anos e hai algum projecto pendente como sacar um Killer Lixo Vol. 3, logicamente isto continua a ser um trabalho altruista e voluntário e agora fazemo-lo muito máis relaxadamente, sem nengum tipo de pressom.

Os DB tivérom unha acolhida incrível na súa época, visto com perspectiva a que crês que se deveu?
Tampouco é que tivessemos umha acolhida incrível, vai parecendo máis segundo passa tempo e conhecemos máis gente que nos recorda ou que eram fans nossos. Suponho que daquela havia menos grupos e era máis fácil fazer-se um nome, e realmente eramos um dos poucos grupos de hardcore-punk do pais, criamos no que faziamos e tocavamos alí onde nos chamavam, também organizavamos concertos e estavamos metidos sempre nalgum “tinglado”.

Quantas cópias chegastes a distribuir da primeira maqueta?

Na realidade o primeiro que saiu foi o EP Fame Neghra / Dirty Barriguitas (Trevoada 1993) , no mesmo ano editamos 1000 cópias da maqueta “Turista Occidental” que se esgotou em pouco tempo e um ano depois, já co grupo inactivo, figemos outras 1000 que se fôrom vendendo pouco a pouco através de Lixo Urbano. Realmente foi a referência máis vendida do catálogo de Lixo.

Onde chegastes a tocar?

Na primeira etapa do grupo por vilas e cidades de Galiza: Compostela, Vigo, Corunha, Ourense, Bueu, Valga, Ponte do Porto, Ilha de Arousa,... Despois houvo um pequeno parom quando Jacobo marchou estudar fóra e entrárom Cobas à bateria e Pepe á segunda guitarra, com eles continuamos tocando por aqui e figemos algumha escapada: Astúrias, Burgos, Euskadi, Madrid,... Bem, na realidade a Madrid Cobas nom pudera vir e levamos de substituto a Pilila de A Puro Huevo, esse si que é um histórico do punk compostelám!

Por que se desfijo o grupo?

Depois de marchar Jacobo custounos um pouco adaptar-nos cos 2 novos membros e quando parecia que o estavamos conseguindo e começavamos a tocar por aí  tivo que deixar-nos Dani ao marchar trabalhar fóra. Houvo algum intento de continuar adiante pero já era muito máis dificil e parecia que nom havia ánimos, ademais so quedavamos 2 membros originais e ao mudar de cantante ia acabar sendo outra cousa diferente. Foi máis sensato deixá-lo aí. Máis adiante voltamos a juntar-nos algumha vez  para algum concerto e algumha festa.

Samesugas formou-se no 99 das cinzas dos Dirty e Fame Neghra, estiveche nalgum outro grupo no intervalo?
Realmente nom foi das cinzas, Fame Neghra ainda estava em activo quando começamos a ensaiar “Pocket Monsters” que acabamos sendo Samesugas. Num princípio Álex compaginava os dous grupos e na bateria estava Jacobo que, igual que figera nos Dirty,  baptizou o grupo, gravou, deu uns quantos concertos e quando estavamos arrancando marchou viver fóra da Galiza e deixou o grupo (agora está de volta outra vez em Compostela e tocando a bateria cos Lorchas).  Quando marchou Jacobo os Fame Neghra já nom existiam e aproveitamos para fichar a Ramón (ainda que durante um tempo, Ramón Alex e Martinho continuárom tocando paralelamente como Japón 84, banda herdeira de Fame Neghra). Entre os Dirty e Samesugas passárom uns quantos anos e nesse tempo toquei com Mala Vida (punkarrada doente), Pesadelo em Mouroçom (Hardcore) e Por Teléfono (r’n’r), ademáis dalguns projectos que nom passárom do local de ensaio ou festas de aniversário.

Quais eram os referentes musicais quando começastes com Samesugas?
Sobretodo punk e rock’n’roll igual que agora, começamos com versons dos Rolling Stones, Dead Boys, The Clash, The Humpers, Los Brincos, Hard Ons, Rose Tatoo,...

E quais som agora? Que escuitades agora?
Muitas das músicas que escoitamos de sempre e cousas novas que vamos descobrindo (actuais ou velhas por suposto, que sempre queda muito por descobrir). Ademais cada um de nos é um mundo e hoje em dia é máis rápido e fácil aceder a novas bandas. Por dizer algum grupo, eu ultimamente no carro levo aos Hoodoo Gurus, Detroit Cobras, The Act Ups, Heavy Trash, Beast of Bourbon,  Redskins, Meteors, Quakes, Angelic Upstarts, Supremes,...

Já levades 7 anos juntos, o qual, comparado cos 20 de Zënzar, nom é muito, aínda que tendo em conta a vida média dum grupo galego si o é. Vês-te tocando com Samesugas dentro de 13 anos e igualando o recorde de Zënzar? 
Pois nom sei, a verdade é que 20 anos num grupo afeiçoado é todo um recorde e nom se pode prever o que nos depararám as nossas vidas pessoais a tam longo prazo. Mirando assi de longe parece dificil mas... quem sabe?

Samesugas é um dos grupos galegos máis internacionais quanto a concertos. Onde tedes tocado? Que acolhida tivestes?
A verdade é que fóra da Península Ibérica só saimos quando fomos á Finlándia em 2003, hai projectos de ir a Malhorca, UK e Benelux e por suposto de voltar a Finlándia, a ver se algum dia encontramos tempo. Fóra da Galiza, onde máis tocamos foi em Portugal, Euskadi e Madrid, e figemos algumha visita a Catalunya, Valéncia, Astúrias, Leom, Valhadolid, ... Tivemos concertos com melhor e pior acolhida igual que aqui, ainda que hai cidades como Porto ou Donosti ou salas como o Gruta 77 de Madrid onde estamos como na casa, é sempre um prazer ir tocar alí.

Também estades tocando no Norte de Portugal nos concertos que organizam os amigos de Audiência Zero, que tal a experiencia? Fai-se-lhes raro aos portugueses ver um grupo a cantar em galego ou já vam caindo da burra?
Vam aprendendo que vimos da Galiza, que percebemos mutuamente as nossas línguas e que somos povos irmaos. Quanto ao idioma no que cantemos tomam-no com muita máis naturalidade que aqui nota-se que é um pais normal com umha língua normalizada.

A vossa coerência lingüística é absoluta, usando por igual galego e inglês e rachando co tópico de que em galego nom se pode sair ao exterior. Algumha vez vos pugéron problemas desde a discográfica polo tema da língua?
É um asunto de normalidade simplemente, ainda que eu pessoalmente penso que a normalidade no r’n’r seria que cada um cantasse na sua língua e assi limpássemos as orelhas dos preconceitos que temos por ter escoitado toda a vida r’n’r em inglês. Nom, realmente a nós nunca nos pugérom nengum problema nem em H-Records (Catalunya) nem em Bad Attitude (Finlandia), nem em HDP (Suécia), nem em Bitzcore coa versom de Turbonegro, ... Penso que onde máis preconceitos hai é aqui, no próprio país.

E falando da discográfica, sodes dos pouquíssimos grupos galegos fieis ao vinilo. Vai-se sumar finalmente o 12" de Alá vai! aos 10" e 7" que já tedes editados?
Esperamos que si, está tendo um retrasso com respeito ao CD pero nom pode tardar muito máis, a ediçom em vinilo é umha das razons polas que estamos com H-Records. Afortunadamente hai uns quantos grupos na Galiza que continuam editando em vinilo como High Sierras, Ultracuerpos, Lascivos,... e incluso hai umha editora galega dedicada exclusivamente ao vinilo: El Beasto.

A que se deveu que demorássedes tanto em editar um longa duraçom?
Em primeiro lugar porque nom tinhamos pressa, daquela as circunstáncias fôrom dando-se doutro jeito. Assi que encontramos um estúdio onde gravar a vontade (Bonham, na Corunha), começamos a ir aos poucos, primeiro a gravar 2 peças para um compilatório, depois três máis, ... e assi iamos amanhando bem para ir preparando todo e gravar em pouco tempo. Finalmente o 10’’ saiu com músicas de três sessons de gravaçom diferentes masterizadas em conjunto. Máis adiante pensamos que deviamos gravar um disco completo e fazê-lo com máis tempo e isso já era um problema para o nosso jeito de trabalhar, tinhamos concertos todos os meses, músicas por rematar (arranjos, letras,...), e ao final foi-se retrassando. Finalmente fomos em Fevereiro de 2006 e gravámos 20 temas, 14 vam no disco e outras 6 sairám proximamente num CD compartido cos argentinos Viagra Boys (Rastrillo Records, Argentina).

Que resposta está a ter Alá vai entre a gente? Que vos comentam?
Bem, parece que está tendo boa acolhida entre todos os sectores de público. Em princípio as críticas estám bastante boas, tanto entre conhecidos como na imprensa ou rádios.

E, entre os fans máis punkarras, algum se queixou do som máis perfilado (brando?) ou mesmo dos teclados que metestes nalgum tema?
 Nom, mesmo algum dos máis punkarras nos dixo que a que máis lhe gostara era umha das más popeiras do disco, hehehe  Penso que está bem o de máis perfilado, máis definido, pero na realidade nom é máis brando, as guitarras estám aí metendo tralha como sempre pero se entende muito melhor todo, está melhor produzido que o 10’’. E se alguém se queixa que venha ver-nos ao vivo, hehehe.

A que se deve esa evoluçom no som?
Foi todo um processo natural, a maioria dos temas que gravamos som novos, mas também vam alguns velhos, anteriores aos de “Machine in your Brain” e entram perfeitamente no disco. Nestes anos fomos evoluindo, encontrando o nosso som e aprendendo como queriamos soar ao vivo e no estúdio, realmente no estúdio foi algo a meias entre nós e Jose (Bonham) que sempre se involucrou muito nas producçons.

Que projectos tedes para este 2007?
Pois continuar tocando e apresentando “Alá Vai!”, gravar algum video-clip e esperamos que saia aginha o CD compartido cos Viagra Boys.

Segues algo a cena galega actual? De que grupos gostas?
Estou ao tanto principalmente dos grupos de rock’n’roll que som o máis cercano e o que máis me atrai, e realmente ainda que nom queira sigo um pouco todo, afortunadamente hoje em dia é máis doado saber o que passa fóra da tua cidade graças a internet e revistas como esta, ademais dos clássicos fanzines e a que cada vez os grupos tocam e se movem máis.
Pois gosto de bandas como Los High Sierras, Tumbitas, Ultracuerpos, The Homens, Phantom Keys, Iribarnes, Los Ruines, Bang 74, Los Eternos, Los Santos, Niño y Pistola, ...a verdade é que hai onde escolher, nom pensava dizer tantos e seguro que se me esquecem uns quantos máis.  E saindo do rock’n’roll propriamente dito, bandas como Narf, Fanny & Alexander, Malandrómeda...

Estranhas a cena compostelá dos 90 con DB, Fame Neghra, Pesadelo en Mouronçom e locais já desparecidos coma o Superfuzz?
Botaria de menos se todo estivesse pior agora pero afortunadamente nom é assi, nom estám essas bandas mas hai muitas máis e um montom de locais de todo tipo incluindo bares de rock’n’roll. O que si boto de menos é A Calexa é isso que o seu feche é muito máis  recente.

Es dos que crês que a cena galega está a viver a mellor época que se recorda ou es dos cépticos?
Nom se pode negar, hai máis grupos que nunca e cada vez com máis nível, máis locais onde fazer concertos, máis festivais, fanzines e ademáis temos essa grande ferramenta que é internet.

Foto na perruquería de Janite.
Foto no Bar 68 de Seve Rockeye.
Foto no Bukowski de La Máquina de Huesos.

Links relacionados:
http://www.samesugas.com/
http://www.myspace.com/samesugas


Tags:  ENTREVISTAS ENTREVISTAS SAMESUGAS
 
LOS SANTOS PDF Imprimir Correo-e
Cualificación dos usuarios: / 0
Escrito por Besbe   
Luns, 19 de Febreiro do 2007
Chuza!

 

santos1
 
 
Los Santos son unha banda de rock que leva máis de tres anos tocando. Gravaron a súa maqueta no 2003, “Take It or Leave It”, logo viría “Sex, Drugs and Heavy Metal Tracks”. Seguiríanlle “Take it or leave it “(2004), “Swallow It” (2005), “We love Usa” (2006) e o compilatorio “Greatest Shits” (2006). O seu estilo musical é definido de mil maneiras: rock, surf, psichobilly, punk, rock and roll, glam, pop guitarrero, noise tipo Sonic Youth pero o que máis destaca deles é a súa actitude: prerrafaelistas, jóvenes en Cristo, buñuelescos etc. Cucaracha (voz e guitarra), Bule-Bule (batería) e o recén incorporado The Phantom Ripper (o novo braguista, que non baixista) son Los Santos e concédennos esta entrevista co gallo do lanzamento da súa nova maqueta "Fuck Her".

 

Tres anos tocando dan para autoproclamarse a mellor banda de rock galego e permitirse facer os mellores playbacks da historia da televisión como vimos no programa Noites de Xolda e na MTV. Canto vos costou chegar ata aquí?

Nada. Somos conscientes de que estamos por riba de todos os demais grupos e iso fai que teñas un magnetismo innato que a longo prazo outorga misticismo, poder e gloria. Nós só nos limitamos a ser unha banda de rock and roll. E iso non é doado hoxe en día, porque calquera subnormal pode montar un grupo, e ser rockeiro non é beber cervezas, levar trobas, ter unha Gretsch e andar con chupa de coiro... é moito máis ca iso. Hai demasiados retrasados que teñen bandas, pero moi pouco rock and roll. É como a merda dos acústicos, todo quisqui facendo “desenchufados”, ¿quen inventou esa parvada?, a batería é un instrumento acústico: nós non facemos acústicos nin nunca os faremos, estamos totalmente en contra. A actuación no programa Kabuki só foi un episodio máis dentro da banda... e en playback, que iso si que é rockeiro.

Falando de Kabuki, no video das ameazas estaba Boogy-Boy e no programa poidemos ver a The Phantom Ripper. A que é debido este cambio e canta xente estivo implicada en Los Santos dende os seus comezos?

Só nolos tres, o que pasa que Boggie Boy deixou a banda e o seu posto ocupouno “The Phantom Ripper”, o xusticeiro enmascarado que combate o mal. A xente que nos axudou foron os nosos avós por deixarnos o faiado onde gardaban as patacas para ensaiar, os nosos pais por deixarnos os coches e a peña de empuje.net pola axuda desinteresada. Os demais só nos criticaron e nos quixeron foder, como os capullos de La Voz de Galicia, ese xornal fascistoide. Despois de saír na MTV os fachas do noso concello e as putas feministas poden tomar ben polo cu, así como os soplapollas dos bares de merda que cren que teñen o Madison Square Garden e teñen un pouco de merda.

Como bos rockeiros xa fostes vetados nas festas de San Roque este ano, lanzades a vosa nova maqueta “Fuck Her” e xa tocastes "I hate you" na MTV España. Que máis nos podedes comentar dos novos temas?

Son todos iguais, a mesma merda de sempre. Tres acordes e listo. Gustaríanos editar algo, e aínda que non sabemos ben cal é a diferenza con respecto a non editar fainos ilusión. Con respecto ao do veto... que lles dean polo cu a todos, en Sada pasa como en moitos concellos de Galicia que están cheos desta merdada, xa sabes: corruptos e xente que lles fai a pelota aínda pior. A nosa nova maqueta chámase “Fódea”, e está dedicada ás mulleres.

O vídeoclip "Tony Montana" foi emitido no programa Onda Curta da TVG e está baseado na película "O prezo do diñeiro", dixeron de vos que seriades dignos de tocar no pub A teta enroscada de "Abierto hasta el amanecer", cando falades de grupos a ter en conta mencionades a Los Ramones, Sex Pistols entre outros e en canto a literatura Bukowsky e Baudelaire tamén están presentes. Hai en Galicia referentes nos eidos audiovisual e literario para vos?

Si, nós. Aquí en Galicia cremos que o problema é que as axudas só van para o folk e todos eses fascistas da pandeireta, os folkies de merda que levan o rollo ese de “grazas” ou “denantes” e que no fondo son uns reaccionarios que se rin da xente da aldea de verdade, como as nosas familias. Precisamente nós somos libres, tres tíos ós que nos gusta o rock and roll, que xa antes tivemos outros grupos e cantamos en galego cando quixemos e facemos o que nos dá a gana. Non queremos agradar a ninguén, grupos á carta xa hai moitos.

Encántannos Os Tonechos, cremos que son o mellor que houbo na TVG desde o Pupo. Son zafios, burdos e xeniais á vez, coma nós. Falan como se fala o galego de verdade, da calle, non como esa merda da nova poesía galega feita por flipados como Yolanda Castaño, os novos pijos, que son todos guais e falan en galego de telexornal.  

"En realidade facemos Little Richard" foi a vosa resposta sobre o tipo de música que tocades, incluiriádesvos dentro do cock-rock?

Nós entendemos por “cock-rock” grupos coma Mötley Crüe, Ratt, Guns & Roses... e por suposto mólanos ese rollo, que esas bandas foderan tantas cativas e todo iso. Pero nós non facemos iso. A quen realmente nos mola foder é ás feministas, que son unhas hipócritas.

Xa tocastes nun montón de salas galegas cuns directos que deixaron a moitos coa boca aberta ante a posta en escea e con especial mención a Bule-Bule nalgúns casos. O público segue respondendo á chamada do rock?

Non, casi ninguén ven aos nosos concertos, ninguén nos fai caso. A nós vainos mal, fatal, o baixista marchou e de feito igual nos separamos. Estamos un pouco ata o carallo do bos que son tódolos grupos: do ben que lles vai, do ben que tocan, do boas persoas e o guapos que son... Nós somos malos en todo. Somos pedófilos, machistas e fascistas. E gústanos baixar vídeos porno de internet. Ademais somos conscientes de que todo funciona a base de peloteo, polo menos na nosa zona. As bandas chúpanse as pirolas unhas ás outras. Hai un rock-pijo emerxente, xa sabes... xente que di que fai rock ou vai por aí vestida guai e di que fai punk-rock e vai a Londres a tocar e a concertos ao estranxeiro, grupos de merda cuns equipos da ostia porque paga papá. Bule Bule, por exemplo, ten a mesma batería desde hai dez anos, unha Thunder, unha batería de merda. E é que toda a movida funciona a base de colegueo e amiguismo, e nós pasamos desa merda, loxicamente... e inda por riba téñennos envexa, porque nós somos rudos de verdade e só sabemos tocar co corazón: non somos músicos, somos rockeiros, é algo innato, temos esa inocencia, ese rollo casi virxinal... en certo modo somos aínda virxes, polo menos espiritualmente.

(Bule Bule)- Non entendo ben a miña referencia. Téñome tirado ó público e cousas desas... pero eu básicamente son un tío espontáneo e nunca planeo esas cousas... igual nun concerto apenas me movo e noutro rompo todo... non é algo que planees, xorde.

Los Iribarnes, Samesugas…por dicir algúns, mantedes relación con outros grupos galegos de rock? Tedes idea de facer algunha letra en galego?

Non, en latín e en sánscrito si. Gañamos algúns premios deses, xa sabes, merdas desas de cantar un tema en galego e esas conachadas, ese tipo de premios nos que quedas como estabas, ese tipo de chanchullos nos que a Xunta dá unha subvención polo rollo ese da normalización lingüística e os concellais quedan cos cartos. Ademais a música é universal.

Si, con algúns grupos levámonos moi ben, sobre todo con aqueles que son persoas normais coma nós e non van de guais: Los Iribarnes, Zombie Riot, Paris Joel, Los Crueles ou Triángulo de Amor Bizarro... e cáenos ben Gandhi, de La banda del Camión, os do rock do Deportivo, xa sabes, que todo Deus os critican pero lle dan mil voltas a tódolos supostos rockeiros da Coruña, ademais son divertidos e fan realmente o que lles sae dos collóns.

Na vosa páxina web, no fotolog e noutras páxinas pódense escoitar e  baixar algunhas das vosas cancións, o Greatest Shits está disponible no emule e non deixades de dar concertos. Que nos podedes decir sobre o copy-ceibe e a SGAE?

(Cucaracha)- Estou totalmente en contra da piratería, son do OPUS e teño toda a discografía de Ramoncín.

(Bule Bule)- Súdama, non me importa nada todo iso. Todos son uns ladróns. O que si sei é que me fode cando vexo os policías tratar como terroristas ós pobres negros do top-manta, que non lle fan mal a ninguén. Para que logo os grupos máis “anarquistas” e “comunistas” protesten pola piratería, ¿a quen coño queren enganar?

O de jóvenes de Cristo é para que as nenas se acheguen a vos?

Si, sobre todo as monxas.

Podedes avanzarnos próximas datas de concertos?

Estaremos o 6 de xaneiro na Sala Capitol de Santiago xunto a Tumbitas e The Meteors.

Moitas grazas Los Santos por esta entrevista a Sono-Tone e moita sorte!


LINKS RELACIONADOS:
http://www.lossantos.vg.es
http://www.fotolog.com/lossantos
http://www.purevolume.com/lossantos
http://www.youtube.com/watch?v=L5uWUVmeOZI Video Tony Montana
http://www.youtube.com/watch?v=9pqLmRdhxJs&eurl= Ameaza de Los Santos a Guillem de Kabuki
http://www.youtube.com/watch?v=KE-AAK6UKhE Entrevista a Los Santos en Kabuki
http://www.youtube.com/watch?v=NTmRrYGfuEI Actuación de Los Santos en Kabuki


Tags:  ENTREVISTAS LOS SANTOS
 
MARCOS PAYNO (Galegoz, Xenreira...) PDF Imprimir Correo-e
Cualificación dos usuarios: / 0
Escrito por Vincent Jalo   
Luns, 19 de Febreiro do 2007
Chuza!

 

payno 
 

 

Falamos con Marcos Payno, un dos personaxes chave na escea galega da última década, cofundador da lendaria formación estradense Xenreira en 1995 e correa de transmisión con A Matraca Perversa entre o Bravú de mediados dos 90 e a explosión de novas bandas galegas deste comezo do novo século na que tamén participa cos seus proxectos Galegoz e Le Glamour Grotesque. A súa transición do rock, punk, folk e ska politizado a posicións máis eclécticas e postmodernas, onde a electrónica se (con)funde con absolutamente todos os estilos, ben pode ser reflexo e síntese do que está a acontecer na Galiza a nivel musical nos últimos anos.

Comezemos polo principio. Como xurdiu Xenreira? Estiveras nalgun grupo anteriormente?
Xenreira foi a primeira banda en que estiven, aínda que xa levaba desde os 12 anos tocando en bandas de música populares (tocaba o saxofón alto). Eramos moi novos, eu tiña 16 anos cando comezamos a ensaiar e en 6 meses xa estabamos tocando; foi incrible porque un día decidimos montar un grupo e aos seis meses xa estabamos tocando con Banda Bassotti na Sala Nasa, gravando para o Son Parrulo da Sala Nasa e tocando para 10.000 persoas en Balaídos (incluso Michel Salgado subira con nós ao palco a ler un panfleto...). Todo moi rápido para ser unhos pipiolos....

Que era máis imporante daquela, a política ou a música?
Sen dúbida a política, Xenreira naceu como unha parte mais dun asociacionismo que a comezos dos 90 se deu na Estrada, e que aglutinou a bastante mocidade estradense... Había un asociacionismo bastante inquedo e chegamos a organizar concertos tan míticos como o Concerto pola Selección Galega, donde tocaron Joxé Ripiau, Skatalá e Os Diplomáticos de Montealto. Daquela Xenreira estaba xunto con Xurxo Souto e os Diplomáticos moi metido no tema da Selección Galega e demos varios concertos por esta causa, así como concertos para distintas organizacións sociais e políticas, eramos un grupo totalmente político.

Que grupos escoitabas daquela?
Pois o típico que soaba daquela nos ambientes en que nos moviamos... Kortatu, Negu Gorriak, Resentidos, Siniestro Total, Los carayos, Mano Negra, Kojón Prieto, Diplomáticos, Túzaros, etc. Aínda que eu sempre escoitei de todo e escoitaba tamén Public Enemy, Senser, e moitos grupos sobre todo de Raggamuffin e música electrónica con compromiso político.

Visto con perspectiva, Érguete! foi un disco ben innovador, nel había ska, rock, rap, punk e até folk. Como envelleceu para ti? Que sentes ao escoitalo hoxe en día?
Pois a verdade é que xa hai tempo que non escoito ese disco, pero supoño que envelleceu ben porque aínda hai moita xente que me fala do grupo e do disco , eu persoalmente recoñezo que no disco hai fallos pero é un disco que gravamos en catro ou cinco días, eramos moi novos pero tivemos a sorte de que o producise o daquela guitarrista de Negu Gorriak e Nación Reixa, Kaki Arkarazo, que realmente sabe o que fai.

Que cambiarías e volverías gravar a día de hoxe?
O primeiro que cambiaría serían todos os arranxos de ventos, e despois arranxaría algunhas cousas... pero seguramente quedaría peor e perdería frescura, as cousas unha vez que se fan... feitas están; de todas as maneiras quedou bastante digno para as que pasamos, unha semana antes de comezar a gravar tivemos que buscar un guitarrista novo... nun ano e pico tivemos catro guitarristas distintos (Pino, que morreu despois do primeiro concerto; Gustavo, que estivo unhos concertos; Jasper; e, finalmente, Xurxo Piñeiro.


Como xurdiu o da produción de Kaki Arkarazo?
Pois foi unha idea de Davide Senén, que era realmente o lider da banda, e eu persoalmente non estaba moi de acordo porque prefería a alguén de aquí, aínda que co tempo teño que admitir que Davide tivo unha idea brillante cando decidiu que Kaki Arkarazo fose o produtor do disco, e realmente pasámolo moi ben gravando con el, con Ugia Pedreira, Mini de Fuxan os Ventos, Serxio de Nenos da Revolta, Chito... moitísimos amigos que facían coros... foi unha gravación que aínda recordo hoxe como na que mellor o pasei.

Cal é o concerto de Xenreira que recordas con máis agarimo?
Un concerto que recordo con moito cariño foi a primeira vez que fumos a Barcelona a tocar, foramos con Capitá Swing e Xosé de Projecto Global, tocábamos con Inadaptats (unhos amigos) e con Potato e para min era marabilloso ver centos de persoas nun pavillón tremendo saltando coma tolos, ó final a xente subiu o palco e aquelo converteuse nun descontrol tremendo... algúns do grupo seguíamos sendo menores de idade e a min impresionoume bastante aquilo.

Por que se desfixo Xenreira?
Pois non che podo contestar, porque eu e algún mais da formación orixinal deixámolo xusto despois de sacar e presentar por Galiza o Érguete! Terías que falar con Davide, Maki ou Vero.

Cara a onde había evolucionar a banda de seguir xuntos?
A banda foi tirando cara o soul, o funk e a electrónica e incluso despois de eu deixar a banda chegaron a levar dj nalguns concertos, e xa no Érguete! usaramos unha caixa de ritmos para algunha cousiña, así como algún ca outro sampler, aínda que de forma moi tímida.

Chegastes a gravar algo despois de Erguete!?
Gravamos xunto con Diplomáticos, Manu Chao, Mercedes Peón, Korosidansas, etc., un disco para a revista Bravú que reivindicaba a Selección Galega de fútbol. Despois de gravar ese tema con Nacho, o que fora xogador do Compostela e do Celta, foi cando varios deixamos o grupo. Xenreira ía sacar un segundo disco, pero non sei por que nunca saíu.



Como foi o salto á Matraca Perversa? Como se formou o grupo?
Despois de deixar Xenreira, eu centreime na miña carreira de Historia... ás dúas semanas volvinme a descentrar, xa sabes, coñecín o Avante, o Maycar, O ruta, O tazmania, e pasei basicamente 4 anos coñecendo músicas novas por distintos locales de Compostela, investindo grandes cantidades de diñeiro e tempo na noite compostelá. Non tiña pensado tocar mais en grupos de rock, seguía tocando en bandas de música populares, estudando música, e de repente vinme gravando e arranxando os ventos, con meu irmán, do primeiro disco de Skárnio, e aos dous ou tres meses tocando con Nenos da Revolta por todo o Estado e por Galiza. Metéronme o becho de novo e cando Nenos da Revolta se desfixo, montamos A Matraca Perversa. A Matraca é un grupo que naceu no Ruta ás 7:00 a. m. cando un tío que despois sería o percusionista do grupo nos veu dar a brasa, que quería montar un grupo e necesitaba músicos para facelo, bla, bla, bla... ao mes estabamos compoñendo temas e ensaiando. Chámase Iago e é o responsable máximo de que a Matraca existise.

Foi entón cando comezaches coa electrónica ou xa en Xenreira experimentaras algo?
Eu comezei coa electrónica na Matraca, daquela xa tiña algun programiña pero non me atrevía a facer nada electrónico, non me sentía capaz e sentíame cômodo, igual ca o resto do grupo, facendo o que faciamos porque era divertido, nos tocabamos para pasalo ben e divertirnos. O becho da electrónica entroume en Nenos da Revolta, que usaban bases electrónicas nos seus discos... entroume a curiosidade por ese tipo de secuenciadores e aparatos tan fantásticos.


Mesma pregunta, porque desfixestes Matraca Perversa e montastes Galegoz?
A Matraca Perversa segue en activo actualmente. Simplemente eu deixei a banda porque tiña algo pendente con Denís e eu non estaba a gusto na Matraca, non por cuestións personais con ninguén, senón por cuestións de estilo e organización da banda. De feito o disco de GalegoZ está gravado basicamente pola Matraca Perversa, nel tocan practicamente todos os membros da Matraca e varios tocan en directo con GalegoZ. Cando montamos o Perverso Colectivo queríamos facer moitas cousas, non só a Matraca. Así fixemos GalegoZ, tocamos para teatro e para a carpa da Burla Negra cunha charanga que tiñamos que se chamaba A Matrácola, fixemos GalegoZ, Le Glamour Grotesque, estamos preparando un disco novo de GalegoZ e preparando tamén un libro-disco para nenos onde estará xente importante dentro do panorama musical galego, tamén comezamos co tema de Komunikando.net, o tema d’A Per Loca Musical... Estamos a tope. Galegoz concretamente naceu hai moitos anos, cando Denís e mais eu estudabamos en Compostela, pero tiven que aprender a gravar no estudio, usar programas, por iso deixei A Matraca Perversa, non se pode andar a todo. Denís e mais eu temos tantos paxaros na cabeza que estamos a tope os dous, el á parte de todo isto está preparando unha obra de teatro en Madrid e escribindo cousas para a televisión.

Galegoz comezou como un grupo virtual e rematou sendo real. Que set levades ao vivo?
Efectivamente, ía a ser un grupo virtual, pero Denís veuno mais claro como banda ca como obra de teatro e eu fieime del. En directo levamos un Adat Alesis 8 pistas que dispara samplers e loops en directo, batería, guitarra eléctrica, trompeta, frauta melódica, serrón, 3 voces, un dj que pon música e dispara samplers, un vídeo-dj que traballa con imaxes e un técnico de son que realmente é un músico máis. Aínda que estamos empezando a traballar con Ableton Live para disparar en directo.

Agora tamén andas cun proxecto paralelo, Le Glamour Grotesque, que vai polo segundo disco, ¿que nos podes contar del?
Realmente Le Glamour Grotesque é a excusa para facer o que nos dea a gana e cando nos dea a gana. O primeiro disco foi a mestura de material que tiña tirado polas carpetas do ordenador e facíame ilusión estar n’A Regueifa, de feito hai un tema que era de Galegoz, o que pasa é que tiñamos que pagar unha pasta para poder usar a voz do Zeca afonso no disco... vale... pois para a Internet... o resultado tampouco foi o esperado e quedou frouxiño... O segundo disco xa o fixemos máis a conciencia, comenteille a Denís que metera unhas voces, Abraham de Lamatumbá, que viña pola casa de vez en cando, meu irmán que pasa pola casa todas as semanas e Tomás Axeitos, que por aí anda...Gravámolo todo na miña casa... en família, e con todo o tempo do mundo, ademais como é gratis sacamos de encima a presión da crítica e dos insultos... porque a cousa quedounos rarita de carallo.

Tedes moitos hits para a pista de baile, tedes pensado levalo ao directo?
Agora mesmo nin de be broma, xa bastante lea temos encima, pero máis para diante quen sabe.... temos que aprender a facer iso en directo, que non é facil, a non ser que o leves todo gravado, cousa que a min non me gusta, e ademais Galegoz está en activo e xa lle chega... Teremos que pelexar eu e Denis; se el me convence a min de facelo... farémolo, se eu o convenco a el para non facelo non o faremos....Ademais teremos que saber un pouco se gusta esta cousa.

De onde sacas tempo para producir tanta música?
E ti?

Adícaste xa dun xeito semiprofesional á música, é posíbel vivir da música neste país?
Pois a verdade e que é moi dificil. Eu nunca vivíin integramente da música, teño pasado temporadas só tocando pero coa vida en precario. Dando clases de música, tocando en Bandas Populares, charangas, facendo as de dios... agora estou facendo cousas por encargo. Tomás Axeitos e mais eu estamos facendo cousas para produtoras, colectivos... el pola súa conta xa traballou no Supermartes, en Mundo Verbena, n’Os Tonechos, e agora conmigo está facendo cousas para Filmanova, fixen a música dunha curtametraxe titulada O Colecionista, a música para un documental que se fixo en Madrid, agora imos traballar para un programa novo de televisión... pero esto non dá para vivir, porque non hai un traballo continuado, encárganche algo para hoxe e ata dentro de dous meses non hai nada novo. Sempre tes que ter mais cousas por aí para asegurarte o final de mes. Eu ata lle estiven facendo bases bacalutas para clases de aeróbic á Federación Galega de Ximnasios.

Por onde van tirar as novas composidicóns de GalegoZ? Que grupos escoitas ultimamente?
O novo disco vai a ser mais discotequeiro ca o primeiro e vai soar bastante mellor, porque agora contamos con previos, bos micrófonos, e traballamos con outros programas, co primeiro disco usamos Nuendo, FLStudio, Adobe Audition e Pro-tools, pero a tarxeta de son coa que gravamos as bases era bastante malocha e as guitarras e os baixos gravámolos cun minijack directo ao ordenador. Tomás Axeitos, que é o técnico de son en Galegoz, arrancaba a pel a tiras da desesperación, agora xa aprendemos a lección e imos gravalo todo en FLStudio, Pro-tools e Ableton Live, ademais de usar previos, e outras cousiñas que imos alugar na Estrada, en teoría este vai a quedar mellor facturado ca o primeiro, aínda que nunca se sabe... comezamos hai unhos días a preparalo. Ademais van colaborar Che Sudaka, Abraham de Lamatumbá, xente da Matraca Perversa, da Compañía do ruido, de Potenkim....
Eu agora mesmo escoito Everlast, Gentlemen, Gnars Barkley, Pizzicato Five e a Santiago Rouco...

E galegos, cales son os que máis che gustan?
Que compromiso... gústame bastante todo o que hai, pero o que máis me chama a atención son as cousas que fan xente como Xurxo Piñeiro, o Jevi, Nacho Muñoz, que producen cousas extraordinarias... ou grupos como Som do Galpom, Banda Potenkim ou The Homens, pola orixinalidade que teñen na estética e na formación.

Ti que levas nelas mais dunha década, como ves a escena galega actual? Es dos que opina que estamos vivindo un boom que nunca se dera?
Eu non recordo nunca ver tantos grupos en activo, xa non só en galego, falo en xeral. Creo que é un bo momento, aínda que a ver que pasa con todo isto, porque segue sen haber infraestruturas e ser músico neste país é dificilísimo. Aquí os grupos normalmente duran un suspiro e non teñen unha continuidade de moitos anos, admiro grupos como Skacha, Zenzar, Skarnio, Lamatumbá ou Ruxe-ruxe porque eles realmente son os que demostraron unha continuidade nos seus proxectos... agora están saíndo moitas cousas pero hai que ver se son duradeiras no tempo, se evolucionan, a ver que pasa con todo isto.

Que botas en falta na escena galega?
Grupos de pop en galego, aínda que The homens son sorprendentes e do máis fresco que vin por aquí, pero debería haber mais. Tamen boto en falta grupos que fagan electrónica con instrumentos tradicionais (zanfonas, percusións, pandereteiras... sería brutal)

E que cres que sobra?
As bandas de gaitas para-militares, sobre todo a da Deputación de Ourense.

Xa para rematar, se lles queres dicir algo aos leitores de Sono-Tone:
Pois nada, informar os lectores de sono-tone que non pasaron aínda por komunikando.net de que a paxina vai ter novidades e a partir de xaneiro ou febreiro estreamos a televisión de komunikando.net, novos grupos, novas seccións, e novas colaboracións. Así que anímovos a todas e a todos a que pasedes por alí... Unha aperta.

Links relacionados:
http://www.aregueifa.net/leglamourgrotesque.htm
http://www.galegoz.com/


Tags:  ENTREVISTAS ENTREVISTAS MARCOS PAYNO Galegoz Xenreira A Matraca Perversa Le Glamour Grotesque
 
FLYERS DELUXE PDF Imprimir Correo-e
Cualificación dos usuarios: / 0
Escrito por Gisela Ahumada   
Luns, 19 de Febreiro do 2007
Chuza!

 

flyers de luxe2

 

 

1- Quen é Flyers de Luxe?
Pois simplemente un urbanita que pasa moitas das súas tardes diante da súa Mac e as noites traballando para poder sobrevivir nun mundo consumista. Iso si, nunca me esquezo do meu iPod para escoitar o que máis me gusta, a música electrónica. Quizais ás veces raia a tolemia, 7 horas cos cascos, pero eu atópoo unha necesidade. Que sería do meu sen a miña música!!!

2- Por qué Flyers, e por qué Deluxe?
Boh, a verdade é que isto llo debo á miña parella, Ana (sorriso). Dela foi a idea de facer un web onde puidese mostrar a súa colección de follas voandeiras (flyers), e púxenme ao choio, pois pareceume unha boa idea. Os comezos foron duros! Cero de idea en deseño web, e cunha experiencia limitada na Internet. O primeiro web foi de Geocities (risas), pero disto xa hai moitos anos, en 2001 empezou todo. Pero abofé que o nome de Flyers é pola colección e o de Deluxe é tamén idea súa. O seu alcume na Internet era/é Nitrodeluxe e posto que a idea de todo foi súa, ela mesma rematou o nome co seu alcume. Aí está o porqué. Fácil, non?

3- Hai canto tempo levas facendo isto? Cobras algo?
Pois na Internet desde 2001 sobre xaneiro, pero tal e como se coñece agora, pois desde 2003, guau, xa pasaron case 4anos!
O do tema económico levámolo fatal. Non, non cobramos, por iso o levamos fatal (sorriso). A verdade é que o único que pedimos é respecto e algunha que outra retribución en especie (risas). Non sempre o conseguimos. Mira, a xente dos clubs, locais, etc., en xeral téñense portado bastante mal connosco. E cando digo mal refírome a que unha vez que lles fixeches a promoción/traballo se te vin non me acordo. Houbo veces que ata fomos invitados a inauguracions para tirar fotos e facer reportaxes e tivemos que pagar as copas desa festa, para min iso é patético! A que demo nos invitan? Ai si, invítannos a ir (risas).
Tamén é certo que houbo outros que se portaron máis ou menos ben (quen o fixo sábeo), pero unha cousa é certa, non vimos nin un euro de ninguén, e nin sequera o ofrecemento de compensación polo traballo feito. Interese cero. E isto é un tirón de orellas aos hostaleiros, así de claro e duro. E a quen non lle guste que lle dea ao X de arriba á dereita e peche o navegador (seriedade).

4- O slogan que usan na súa páxina é Cultura electrónica en Vigo. Cómo ven esa cultura electrónica nesta cidade, senten que está en auxe, en decadencia ou simplemente está?
Un tema moi longo de tratar. Eu vivín a que, creo, foi a mellor época en cuestión de movida electrónica en Vigo, e polo tanto non podo ser obxectivo no tema, pois sempre vou dicir que agora está fatal. Quén non se acorda de hai 10 anos e aquel House Music, aquela complicidade dentro dos clubs, aquel respecto cara aos demais. Simplemente iso transformouse no que vemos agora. Houbo unha substitución xeracional, perdéronse unhas cousas e chegaron outras. Para min, as que chegaron non me gustan demasiado, ou quizais nada, pero supoño que os nosos antecesores opinarían o mesmo da nosa substitución.
Isto é unha opinión miña, por suposto, pero creo que a gran diferenza é que antes saías a escoitar boa música nun ambiente agradable, e agora sáese a coller o maior cego posible, é duro pero véxoo así.
A electrónica en Vigo está tocando fondo, e aínda que hai propostas por parte dalgúns, FlyersDeLuxe é un exemplo, é moi difícil que isto volva subir. Din que todo é cíclico, pero cústame ver o fondo deste furado (tristeza).
Respondendo ao que preguntas, creo que a electrónica simplemente está. Pero que se non estivese a moi poucos nos ía ser igual. Á xente quédalle o reguetón e confórmase; patético, non?

5- Saben que hoxe en día o seu sitio é un dos máis visitados pola súa axenda e polo índice de participación do foro? Que se sente?
Pois é gratificante ver nas estatísticas que a xente pasa a ver o teu traballo. É certo, que nunca desde o punto de vista daquel primeiro web, pensariamos que chegariamos aquí, pero agora esperamos algo mais, por exemplo do foro. A xente parece remisa a participar e expresar a súa opinión, ás veces dáme a impresión de que todo o mundo se conforma, é que non hai nada que dicir?

6- Detrás de Flyers de Luxe está o teu alias Dj Mute. Qué tipo de música pos?
Creo que Mute e FdL van da man e sería inviable nestes momentos a súa vista por separado.
Desde o web levo tempo detrás dos Netlabels e paralelamente lévoo á práctica por Mute, podería afirmar sen equivocarme que fun o primeiro en realizar en Vigo sesións íntegras con audio de Netlabel. Polo menos a idea inicial foi esa.
En realidade non me considero dj, a miña técnica é realmente baixa, pero intento dar algo diferente ao común. Quizais se podería definir o meu estilo como un medio tempo, entre Minimal e Electrónica Experimental. Desde Marc Houle ou Pan Pot ata Dntel. É coma se tiveses unha agulla debaixo do asento que te pica e te obriga a levantarte a bailar pero tampouco podes, ou quizais si...
Ás veces as miñas sesións son difíciles de escoitar, pero eu poño música para os que teñen a mente aberta, os que buscan chumba chumba, rapidamente se dan de conta de que non están no sitio adecuado.

Entrevista e fotos: Gisela Ahumada. Imaxes tiradas no Ruralita, Club Vademécum, Vigo.

Links relacionados:
http://www.flyersdeluxe.com/

Tags:  ENTREVISTAS Select Category FLYERS DELUXE
 
<< Inicio < Ant. 1 2 Seg. > Remate >>

Resultados 27 - 35 de 35
 

COMENTADO RECENTEMENTE

CONTACTO
Boas, somos un grupo d santiago da Ponte Pedriña...
SEGUNDO EP DOS GROVE...
Xa vai sendo hora de que este grupo teña o recoñ...
GZ POP! A NOVA FORNA...
Precisamente por eso non se lle pode chamar POP, p...
IRIA ABOI
Pois iso que está moi boa