|
“É
A BOMBA QUE QUEDEN SÓ UN PAR DE COPIAS DA PRIMEIRA EDICIÓN;
TEREI QUE FABRICAR MÁIS!”
Cando
entrevistei por primeira vez a Amaro, en xullo do ano pasado, para o
Faro de Vigo, a xente preguntábame quen era Amaro.
Amaro Ferreiro. Ah, o irmán de Iván Ferreiro?
Daquela, a piques de sacar o seu disco debut “Laciudaddelasagujas”,
xa promocionándoo con pequenos concertos, el dicía que
iso era unha motivación extra. E naquelas actuacións
convencinme de que Amaro era unha persoa dunha grandísima
creatividade. Que daría que falar. Agora, coa perspectiva que
dan estes meses de rodaxe do seu traballo, reafírmome. Debut.
Pop. Contradición. Un bo disco ten letras de calidade.
Atributos dos que “Sentimentiras”, “NoIr” e demais temas
amarianos poden presumir. Un traballo óptimo conta con
colaboracións de luxo. A presenza de Eva Amaral, Miguel Leiva,
Xoel López, Deluxe, e compañía dá
fe disto. E precisa dunha voz que lle achegue personalidade ás
pezas. A de Amaro cumpre de sobra estes requisitos. Só faltan
uns bos directos, algo que se constata sinxelamente nas actuacións
do vigués, e un grupo cohesionado de fans. Coido que Amaro
pode contar tamén con isto. Ata ten unha ouveadora oficial. A
típica chica que derrama os vídeos dos concertos cos
seus alaridos desatados. Quixen comprobar se aqueles soños e
inquedanzas previos á saída do disco se cumpriran. E
coa sinxeleza e sinceridade que o caracterizan, Amaro fixo unha
análise moi persoal do acontecido durante este tempo e de
cales serán os seus próximos pasos. Todo nos gusta
de ti, pero incluído tú (...)
P- Que balance
fas destes meses de “Laciudaddelasagujas”?
R- Moi positivo.
Sobre todo porque sacalo e empezar a tocar en directo foi unha
pequena chispa que creou e segue a crear moitas cousas boas que me
van pasando e que, creo, van pasar. Penso que atreverse a facer algo
é sempre positivo. Tamén me ten achegado experiencia,
decateime de que é moi complicado gravar un disco e, sen
dúbida, “Laciudad...” deume máis ganas de facelo
mellor a próxima vez.
- Dicías
que sacar un disco en solitario serviría para poder coñecerte
mellor a ti mesmo, cres que o conseguiches?
- Pois si, por
suposto, aínda que un nunca se coñece de todo. Sen
dúbida, “Laciudadelasagujas” está feito por alguén
que descoñece moitas cousas de si mesmo, agora penso en min
nese momento e seméllame lonxano, como fai moito tempo, estes
meses tocando con RagDog e agora ultimamente, con Emilio Sáiz,
teñen sido dunha evolución constante. Agora adícome
menos a pensar e a reflexionar e máis a facelas, non como eu
as penso senón como son.
- Contas con
moi boas colaboracións no teu traballo, e con xente que,
ademais, son moi bos amigos teus. Hai alguén con quen tiveses
ganas de contar e que, por algún motivo, non puidese ser?
- Si, é un luxo contar con
Eva Amaral, Xoel López e Miguel Leiva, que me axudaron como
bos amigos que son. Pero, agora que o dis, a min fáltame que
Rubén Pozo estivese alí, mais foi imposible naquel
momento. Curiosamente, aínda que non puidese vir, eu penso nel
cada vez que escoito o disco.
- Temas
preciosos, como “Piensa en frío” ou “Turnedo”, que
canta Iván, son teus… Arrepentícheste nalgún
momento de non telos gardado para ti?
- Non. Nunca.
Teño moita sorte por que meu irmán cante cancións
que escribo eu. Para min é un auténtico luxo, porque é
un dos cantantes máis persoais que coñezo e grazas á
súa voz a miña canción chega moito máis
lonxe do que eu a podo facer chegar. Ademais, escoitala na
interpretación doutra persoa só a enriquece.
- Pero ti
tamén tes, ademais da evidente calidade das túas
letras, unha carismática voz que te define...
- Ben, estou a
tratar de controlala cada vez máis. Ademais, póñome
bastante nervioso ultimamente e teño que aprender a relaxarme,
pero moitas grazas. Creo que aínda lle falta un pouco de
temperanza, pero comezo a disfrutar dela tal e como é.
- Bótase
de menos a Ivonne e a Tamara (Rai Doriva e as Ferreiro). Tivestes un
concerto este verán, non? Tedes pensado continuar regalando
esas agradables sorpresas?
- Pois nestes
momentos non, pero bueno, Ivonne e Tamara son un as na manga, algo
que temos agochado para usalo cando non nos vexa ninguén.
- Tes algunha xira xa perfilada
para este novo ano?
- Voume nun días tocar a
Barcelona, e despois, o oito de marzo, a Torrijos (Murcia). E a
partir do 13 de marzo en San Sebastián comeza a xira de
“Mentiroso Mentiroso”, o novo disco de Iván Ferreiro.
- Cres que hai un circuíto
de salas en Galicia que permite a un músico moverse e
medrar?
- Si, sen dúbida
en Galicia existen bastantes salas para tocar en directo. Existe un
circuíto que vai funcionando. Aínda así, hai que
tentar non quedar aí e chegar todavía máis alá.
- Uns dos teus fortes son os
directos, é o medo escénico un dos “músicos da
túa banda?
- Que bo! Si, sen dúbida. Con
RagDog somos Alex, Juanma, Pablo, o meu medo escénico e eu.
Cando vou con Emilio (Sáiz) imos en trío. Estou
buscando sitio no escenario, preciso sentirme como en casa e, pouco a
pouco, vouno conseguindo. Pero tampouco quero perder eses nervios de
todo, que se non houbese nervios xa nada tería sentido.
- Estás
contento coa resposta do público? Tes xa un pequeno grupo moi
cohesionado de seguidores que te seguen nos teus concertos e que
sempre agradecen o simpático e accesible que te mostras sempre
que te achegas...
- Bueno, teño
visto opinións de tódolos gustos, pero si que é
certo que cada vez máis se van distinguindo aquelas persoas
que disfrutan coas miñas cancións. Para min é
moi importante esa xente. Estou moi contento por como está a
ir todo dende que saíu “Laciudaddelasagujas”, non teño
moita présa por chegar a ningún sitio, síntome
moi cómodo por como vai todo e sigo. Ademais, quedan só
unhas poucas copias da primeira edición e supoño que
terei que pensar en fabricar máis… É a bomba!
- Adoitas pecharte para compoñer
ou deixas que as cancións vaian xurdindo cando elas queiran?
- A canción hai que
procurala, poucas veces está no teu cuarto. Pero a min
encántame tocalas alí. Non son quen de compoñer
cando a min me dá a gana e, porén, é importante
estar alerta para cando a canción se deixa ver.
- Cal é o tema que máis
che pon os pelos de punta cada vez que a tocas en directo?
- Umm. Depende…
Estes días que estiven a ensaiar con Emilio “Una de tus
historias”, un tema antigo que estou a tentar rescatar. Tamén
está “NYC”, que me gusta moito en directo… E
“Ventanaespejo”, e “Sentimentiras”…
- E a máis persoal?
- Non creo ter unha canción
máis persoal que outra. Todas falan sobre min.
- Tres
desexos para este 2008...
- Love, peace
and harmony.
- Tres palabras que definan o
esencial de “Laciudad…”?
- Debut. Pop. Contradición.
- Unha frase para os que te
seguen…
- Grazas por
disfrutar e proximamente novas cancións en
www.amaroferreiro.com.
Vémonos nos concertos!
 Tags: AMARO FERREIRO LA CIUDAD DE LAS AGUJAS |
Pd: Musaka!!