"FACEMOS MUSICA MAIS BEN ATEMPORAL, E CADA VEZ IMOS MAIS AO POP CLASICO"
Ourense,
a cidade dos funcionarios. O Torgal, o café pop onde tanto se
pode ver o fútbol os domingos como escoitar de fondo a Arcade
Fire ou a Rufus Wainwright. Alí, nese pseudo-local social para
os resistentes do Barrio das Lagoas, botamos unha parrafada con
Arcadio (guitarra e voz), Héctor (voz e
guitarra) e Jaime. Completan o grupo Marcos (baixo) e María
(teclados e voz), e todos eles estiveran menos de vintecatro horas
antes dando un concerto no Auriense, nunha das poucas ocasións
deste 2007 para escoitar en directo o seu disco Haga clic para
encender.
Ourense é unha cidade pop?
Arcadio: Non, para nada. Ourense é unha cidade de
provincias sen prácticamente ningún icono recoñecible
fóra de Galicia, por moito que se fale das Burgas, da Ponte e
do Santo Cristo. Ourense non ten nada. E despois... como escena
musical...
Héctor: ... é que non hai! Ademais, Ourense
sempre nos pareceu que estaba dentro de provincias na propia Galicia.
É dicir, sempre tiñamos moitísimos problemas
para intentar facer cousas polo feito de non estar en Santiago,
Coruña ou Vigo, polo feito de non tomar copas onde está
a xente... Iso vese moito nas cidades grandes. Alí daste conta
de que nos bares a xente normal está coa xente das
discográficas, coa xente da música ...
A: Aquí non hai circuíto nin hai nada. Nin
sequera hai unha sala de concertos.
Ourense semella algo así como un ermo musical... Algo
positivo?
Jaime: Agora está comezando a retomarse o Taller de
Música, un estudo de gravación que era en parte do
concello e onde tiñan cabida todos os grupos ourensáns.
Hai un proxecto de orzamento para este ano, e iso levaría á
maior parte de grupos ourensáns censados (uns 125 na
provincia) a ter locais de ensaio e logo tamén opcións
para gravar, editar e distribuir os seus traballos. Iso axudaría
ao movemento de bandas. Ademais, a mesma persoa que está
montando este Taller de Música está relacionada coa
xente de Santiago que leva os locais de ensaio. Entre unha cousa e a
outra pode crearse unha rede moito máis estensa e máis
controlada de todas as bandas que hai agora mesmo en Galicia, dando
opción a saír fóra, a coñecerse mellor,
etc
Nos últimos anos saíron moitos grupos novos, algúns
cun par de discos, e tamén medrou a rede social que os apoia,
con publicacións, plataformas de descarga, programas
radiofónicos, concursos... Que opinades deste movemento
musical?
A: Está ben, pero realmente a xente que leva iso, tanto
o do Dobarrismo como o da Regueifa, non son a xente que controla as
salas nin as promotoras, que é onde realmente está a
pasta. O disco do Manifesto Dobarrista, en concreto, está moi
ben porque deu difusión a moitos grupos. Saíu en todas
partes e é un disco que o ten moita xente.
H: A min dáme certa sensación de C-86,
ese famoso cassette do New Musical Express onde saíron todos
os grupos da escena inglesa dos oitenta e que logo anos máis
tarde algúns se converterían en estrelas, como The
Jesus & Mary Chain ou Primal Scream... Aí hai un compendio
de todos os grupos... É como unha foto.
A: Si, hai grupos, pero eu non creo que sexa un remedio para
que haxa salas onde se poida tocar sen ningún problema.
Mentres non haxa ninguén que poña pasta...
J: Si, ben, pero agora mesmo si que hai bastantes salas
funcionando. Claro que tamén está o tema ese do IGAEM,
que coarta bastante a actividade...
Non vos gusta a idea da rede de música galega ao vivo?
A: As iniciativas institucionais sempre teñen unha
dobre cara. Se te collen está moi ben, caralludo. O problema é
a xente que non collen, e que logo ten máis problemas para
tocar porque moitas salas teñen sábado tras sábado
comprometidos os concertos do IGAEM. Nós mandamos as cousas,
pero non nos colleron. Ficamos fóra.
Tedes algunha relación con outros grupos galegos?
H: Si, con Burgas Beat.
J: En xeral, coa xente coa que tocamos sempre hai boas
relacións. Coincidimos tamén varias veces cos 6PM, con
Niño y Pistola, con Sebastopol, con Nouvelle Cuisin...
E que lle fai falla a esta nova escena galega?
A: Sería interesante que se formase unha tradición
de concertos, que houbese unha sala en cada cidade que programase un
ou dous concertos con grupos grandes cada mes, e ao mesmo tempo que
durante a semana dese a oportunidade de tocar aos grupos pequenos. Os
grupos galegos poderían ver aos grupos grandes, ver como
tocan, ver que equipo levan... Ter un referente real. Hai salas como
Capitol, en Santiago, que programa xente consagrada, pero logo aos
demais nos resulta inviable tocar alí. Tes que pagar
moitísimo. Capitol é unha sala caralluda, pero non
cumpre unha función social para a música, para os
grupos. Na Iguana de Vigo ou na Mardi Gras da Coruña hai máis
posibilidades de tocar, é máis económico, pero
tamén son sitios máis pequenos.
Ben, e indo agora a cuestións máis persoais... Como
comezou o grupo?
A: Héctor e mais eu xa nos coñeciamos de antes.
Fomos a unha viaxe provincial a Benicassim, no ano de Pulp e de
James, e aí tivemos a idea.
H: Si, foi no noso verán de COU. Tiñamos
dezasete anos. Un par de anos despois comezamos a ensaiar co grupo,
en novembro de 2002. Botamos un ano enteiro para logo tocar uns
cantos concertos, para comprobar que a cousa ía para diante. E
a primeira maqueta debeu saír sobre marzo de 2004.
E como compoñedes
as cancións? Cada un trae a súa ou é un proceso
colectivo?
A: Ao comezo era Héctor o que tiña catro ou
cinco cancións, as da primeira maqueta. Despois de que saíse
e dos primeiros concertos xa empecei eu a gravar tamén algún
tema, e a partir de aí é cando cambia un pouco a
dinámica de composición. Agora xa tamén Jaime
trae cousas, e hai cancións que non as trae ninguén.
Aparece a idea, un riff, que logo se vai construindo: alguén
fai a melodía, outro cambia a letra...
H: Agora xa estamos nunha idea de grupo total. Xa non ten
tanta importancia quen chega coa canción.
Que tal a gravación con Paco Loco en Cádiz?
H: A min gustoume moitísimo máis a experiencia
que o resultado. Sempre che queda a sensación de que poderías
telo feito moitísimo mellor.
A: Pero iso... pasa sempre. O importante é que
aprendimos moitísimo. Houbo un salto no coñecemento que
tiñamos das cancións. É que Paco é un
fóra de serie, de primeira división, ao nivel de
calquera músico indie americano.
Volveríades gravar con el?
H: Eu penso que agora sería máis sinxelo gravar
en Madrid. Somos cinco, e dous estamos vivindo aló... Ía
ser máis barato...
A: Ou mesmo gravar nun estudo de Vigo, levando a Pedro de
Lamatumbá como productor... Pero non nolo plantexamos agora...
H: É que creo que non estamos na fase de pensar no
segundo disco. Máis ben estamos pensando nas cancións
para o segundo disco.
E como conseguístedes os cartos para esa gravación?
H: Tocando. Nós en ningún momento repartimos
diñeiro. Nunca. Nin sequera para pagar os propios gastos dun
concerto, sempre corría da conta de cada un.
A: Gardamos todos eses cartos. Como moito pagamos a gasolina
con eles. Dese xeito o de Cádiz pagámolo con todos os
concertos que dimos antes de ir.
Sodes máis un grupo de directo ou de estudo?
A: Non tanto de estudo senón de local de ensaio.
Gústanos moito tocar xuntos sen que teña que ser diante
de xente. Gústanos moito ensaiar. Porque a experiencia que
temos en estudos é que sempre tes a presión aí:
tes uns días, tes que gravar, sae mal, tes que repetir...
Mesmo en Cádiz, que estivemos moito tempo, e era un ambiente
que estaba ben. Igual son as primeiras veces, non sei, quizais
despois sexa outra cousa. Tampouco gravamos en directo, gravamos por
pistas. Ao mellor gravando en directo é máis divertido,
tocando todos á vez, coma nun ensaio.
Levades tempo sen tocar en público...
H: Ao mudar de residencia tanto María coma min trastoca
moito as cousas á hora de tocar este ano, pero así
tamén tivemos máis tempo para pensar temas novos,
estivemos moi centrados en compoñer. A min cada día me
gusta máis ensaiar que actuar.
Como compaxinades a vida do grupo coa vida laboral?
H: É moi complicado. Eu aínda estou tratando de
afacerme á vida profesional. Volvo á cidade, chego á
miña casa, vexo á familia, estou canso, veño
dunha semana de traballo de moitísimas horas e ao mellor non
estou de humor para ir a tocar a... calquera sitio onde quizais non
vaia ter unha satisfacción inmediata máis aló do
feito de tocar. É moito máis duro que cando estabamos
eiquí en Ourense. Por iso penso que cada vez obteño
máis satisfacción da creación e da composición.
Coido que estou perdendo bastante o lado “exhibicionista”
de ter un grupo.
Haberá máis concertos en breve?
J: Agora cando comecemos a preparar os novos temas, coa
novidade, haberá tamén moitas máis ganas de saír
a tocar.
A: Collemos un mes, alugamos unha furgoneta, e imos onde sexa.
H: Pero esta vez non quero tocar en directo antes de sacar o
disco. Con Haga clic para encender fixemos os concertos antes
de sacar o disco. Non foi moi boa estratexia
J: Pero é que por collós tiñamos que
tocar sen sacar o disco...
A: Claro, nós queriamos tocar
Estades contentos coa recepción do disco?
A: Vender, vendemos uns cantos, pero porque temos moitos
amigos. Mais o que é recepción, non notamos
prácticamente ningunha. Non houbo promoción, estamos
totalmente fóra de calquera circuito de grupos, de
distribuidoras ou de promotoras.... Levamos o disco ás tendas
pola nosa conta e a xente que nos coñece vaino mercar.
E para cando ese segundo disco?
H: Non temos présa
ningunha, non temos ningunha presión, non temos nada.
Simplemente agardamos ate facelo ben.
A: Se vas ensinarlle algo novo á
xente, mellor que haxa unha evolución, que haxa un salto
cualitativo.
Nas vosas cancións hai pasaxes que soan como The Stone
Roses, como Los Planetas, como Yo La Tengo, como Wilco, como The
Wedding Present, como Australian Blonde... E vós de quen
sodes?
A: Para min, ao que máis soa Haga clic para encender
é á música inglesa dos noventa. Penso que era o
primeiro punto en común que había no grupo. Pero cando
tocamos tampouco se nos pode identificar exactamente nin co brit-pop
nin co indie americano.
H: Agora tiramos máis cara os ianquis...
A: ... e cara o clásico.
H: Non sei., facemos unha música que non ten porqué
estar de moda. Non me gustan as cousas que están de moda. Nós
sempre soubemos que non iamos salientar moito nun intre determinado
porque facemos máis ben música atemporal, e cada vez
imos máis ao pop clásico. Burgas Beat nunca van estar
de moda, por exemplo. Os Byrds... ao mellor no 67 estaban de moda,
pero de aí para adiante...
A: Big Star nunca estiveron de moda e nunca van a estar. E a
Wilco o peor que lle puido pasar foi porse de moda. Non ao grupo,
senón á repercusión que ten.
Burgas Beat, os Byrds, Big Star, Wilco…
Unha declaración de influenzas, non? Que é o que
valorades neles, nos grupos que vos gustan?
A: O que importa é o nivel do artista. Xente como PJ
Harvey, Nick Cave, Jeff Buckley ou calquera que che guste moito non a
escoitas só por festa e por pasalo ben, senón porque é
algo importante na túa vida. Para min, Wilco é algo
importante na miña vida. Ou Bob Dylan. É
un artista pop? Si, claro, porque todo o mundo o coñece,
porque ten Blowin’ in the wind e Like a rolling
stone. Pero é un artista, e a función que tiveron
sempre foi a de transmitir emocións, a de contar cousas
importantes. Aos poetas facémoslles caso porque din aquelas
cousas que ninguén máis di.
Seica grupos como Apeiron ou The Homens venden algúns
discos no Xapón... E vós? Pensades
internacionalizarvos?
J: Ese tipo de cousas funcionan a través de
distribuidoras. Ter unha ábreche as portas para poder levar
polo menos o disco a Xapón, a Australia, a Estados Unidos...
Pero no noso caso somos nós a nosa propia distribuidora.
H: A min é unha cousa que me queda bastante lonxe.
Daquela da profisionalización xa nen falamos...
J: Iso vai directamente en liña
coa involucración. Conta máis involucrado estás,
máis profesional es. Pero non no sentido de gañar
cartos, senón no de ensaiar máis, tomarse as cousas
moito máis en serio, falar directamente con discográficas,
con promotoras...
H: Nós agora non poderíamos
facer unha xira como vén de facer Triángulo de Amor
Bizarro, tocar sesenta bolos ao ano. A min, o meu traballo non mo
permite. Se todos fosemos funcionarios... Pero cada un ten unha
carreira profesional que é do que vive. Se eu tivese que vivir
da música, teño claro que viviría peor.
http://www.anniehall.es/
http://www.myspace.com/anniehalltheband
 Tags: ANNIE HALL POP OURENSE |