FPSS slide image
FPSS slide image
FPSS slide image
FPSS slide image
FPSS slide image
ENTREVISTA: FANNY + ALEXANDER PDF Imprimir Correo-e
ENTREVISTAS
Escrito por Mr. Jones   
Domingo, 04 de Novembro do 2007
Chuza!
faconcerto

  "AINDA QUE NO NOVO DISCO HAI ALGUN QUE OUTRO EXPERIMENTO, A TODOS OS TEMAS OS CUBRE UNHA CALIDA MANTA DE POP"


O dúo compostelán edita o seu segundo álbum, Finais dos 70s, comezos dos 80s, no que converten o verso libre de nove poetas contemporáneos en alfaias de pop electrónico
. Alén disto, no álbum, disponible nas tendas , pero tamén en descarga gratuíta no netlabel A Regueifa Plataforma , hai algunha sorpresa: unha remestura a cargo de Projecto Mourente, a relectura do S.O.S. de Manuel Antonio que Fanny + Alexander fixeran hai un tempo, ou a versión completa do Berlín de María Lado musicado precisamente por F+A. Ah, e un regaliño máis: a versión galega do "Panic" de The Smiths, que nos leva dende o "pánico nas rúas de Vigo, pánico nas de Compostela..." até un retrouso que se vai repetir moito nos vindeiros meses "imos queimar a disco, meterlle ao papán do DJ, porque a música que anda a poñer non di nada sobre a nosa vida, ¿que che dixen? Merda de DJ". O disco é unha delicia, unha hora de música e poesía que engancha e que ás veces fai tremer. A beleza é ás veces terrible.

 
Este disco contén algunha das letras mais fermosas da historia da musica galega. Non teño na cabeza moitos discos contemporáneos, e moito menos en Galicia, baseados case en exclusiva en poemas musicados. ¿Regresan Voces Ceibes pero electrónicos?

A verdade é que a intención era esa, recuperar a tradición que había nos 70s, un fenómeno que, visto con perspectiva, deu á poesía galega un caracter verdadeiramente popular xa que foi quen de popularizar obras que doutro xeito nunca terían saído dos andeis das librarías. Se hoxe en día a xente sabe de memoria versos de Celso Emilio, Curros, Manuel María ou Rosalía é grazas a esta promiscuidade entre música e poesía que se deu nos 70s. Ademáis pensa que na época era xeralizado, non só se cinguía a Voces Ceibes, facíao dende Amamcio Prada até Juan Pardo pasando por Los Tamara. No noso caso a dificuldade sempre reside en percurar poemas mínimamente "modernos", que concorden no ton, no estilo e nas temáticas cos postulados etico-estéticos de Fanny e Alexander. Por certo que a diferenza do noso debut, Lusco e Fusco, neste disco todos os empréstitos son de poetas contemporáneos, dende María do Cebreiro a Daniel Salgado pasando por Elvira Riveiro, Pilar Pallarés ou Lois Pereiro. A única que se sae un pouco desta liña é María Silenzo, baseada nun poema que Carvalho Calero escribiu na súa mocidade, en plena guerra civil. Aínda asi, a súa temática -a sinistralidade laboral- segue tan vixente coma entón asi que non desentona en absoluto.
¿Por que o título: "Finais dos 70, comezos dos 80"?

Aínda que non é un disco conceptual si queriamos porlle un título "xeracional". En certa maneira enlaza co que se ven chamando a xeración Songoku, que é a que nasceu neses anos, os que nos perdimos a movida pero vivimos o Bravú e o Xabarín, os que aforrabamos para mercar un CD cada tres meses, os que non soupemos o que era falar coa nosa primeira moza por un teléfono movil e bebimos nos bares no canto de nos parques. Eses pequenos grandes detalles que marcan as diferenzas entre unha xeración e a posterior. Evidentemente o espazo temporal do título tamén ten moito que ver coa música xa que case todas as influenzas que sobrevoan sobre os temas do disco son desa etapa do século XX.

¿Hai algún poeta co que aínda non traballarades e ao que vos gustaría poñerlle unha bola de discoteca aos seus versos?

Faltounos un pelo para musicar uns versos da amiga Yolanda Castaño, ao final ese tema quedou nun caixón. E menos mal, que co recente affaire Yolanda-Aduaneiros igual se interpretaba coma unha mostra de apoio ou algo. Que conste que nós somos filoaduaneiros de vello.

Defíneme a "postpunkeirada" (titulo dun dos cortes do álbum, realizado a partir dun poema de Lois Pereiro)

O título orixinal era "electropunkdeirada", que case que a definía moito mellor. No primeiro disco metimos un tema, Lene, no que poñíamos as percusión tradicionais ao servizo do pop e a electrónica. Con Postpunkdeirada a idea era levar o concepto máis alá, enriquecendo a fórmula e mesturando gaitas, cunchas, pandeiretas e pandeiros con sintetizadores, caixas de ritmos e guitarras eléctricas. Nese tema a receita sería un terzo de electrónica, un terzo de punk-rock e un terzo de música tradicional galega. No fundo é levar a proposta dos Resentidos ao século XXI.

fanny__alexander_-_finais_dos_70s_comezos_dos_80s_2007_438Traballades sobre textos poéticos alleos, ¿como é o proceso de creación?

No musical é moi natural, sempre e cando o texto sexa inspirador e afin. En xeral o máis complicado é adaptar os poemas ás músicas xa que a maioría dos poetas dos que gostamos soen empregar métricas libres, cun estilo cercano á prosa. Moitas veces non queda máis remedio que deconstruir o poema e voltalo construir de novo.

 
Xa sei que tedes un millón de influencias, e seguramente das máis delas nin sequera sodes conscientes. ¿Algún grupo que vos impactara nos últimos tempos e que pensades que si influiu no son deste album?

Si, dende logo, todo o que escoitamos na nosa vida está ai. Pero está claro que o último que escoitas sempre está máis presente. No disco hai pegadas de grupos ben diversos que van do electrónico ao pop máis espido, dende Ladytron a Belle & Sebastian. Pero aínda que no disco hai dous experimentos mesturando outros estilos con música tradicional galega, Postpunkdeirada e Cando eu era mozo, eu creo que a todos os temas do disco os cubre a moi abrigosa manta do pop, na percura da melodía e da canción redonda que emociona e é lembrada ao momento.

Grazas por "Pánico", unha cancion necesaria, que podería converterse en todo un himno. ¿Como xurdiu? ¿Foi un intento consciente de facer un "Panic" en galego, como fixera Fangoria en castelán? ¿Ou saiu de casualidade e aí quedou?

Foi a típica cousa que se che ocorre ás 4 da madrugada cando estás nun local e o DJ non para de poñer a peor música do mundo. Pensamos que se houbese un tema equivalente ao dos Smiths estaría ben que a xente o cantase e empregase coma arma contra os DJs papáns, que son lexión, dende os que se cren músicos até os que se cren que por mercar un par de pratos en Ebay xa teñen background musical suficiente e non son máis que cutres Jukeboxes. A versión é, igual que a orixinal, un canto ao bon gosto e ao criterio musical.

Por certo, moi bo o vídeo de Amei-te tanto . ¿Quen é o autor?

Os tres videos que temos até agora fixemolos nós mesmos, igual que o deseño gráfico do disco. Gustanos poder facer todo o que teña que ver con F+A, ter o control creativo total. E en xeral, nisto dos videoclips, cunden moito máis as boas ideas que 3.000 euros. Non hai máis que ver os boísimos videos de Niño y Pistola e 6PM, tamén realizados polos propios grupos.

Faise música en galego en todos os estilos, mesmo música bailable en calquera discoteca, por exemplo a que facedes vós, ou Mourente, Colectivo Oruga, etc., pero nas discotecas de Galicia seguen sen entrar, o mesmo que nas listas de hits tipo 40 Principales, ¿como potenciar a industria musical galega?

Sinceramente creo que o que se está facendo dende as institucións (Rede Galega de Música ao Vivo, Rede Galega de Locais de ensaio...) é o camiño, está sendo moi importante xa que apoia e pon as infraestruturas pero non orienta, algo fundamental. E sobre a industria, pois tendo en conta que a nivel mundial está a esmorecer vexo un futuro feliz e non moi lonxano en que non exista, onde as relacións entre os artistas e os ouvintes sexan directas, sen intermediarios. Non hai máis que ver o caso do novo disco de Radiohead para comprobar que a industria non vale para nada. E quen quera vivir da música que traballe, ou sexa, que dea concertos, coma sempre se fixo antes de existir os malditos royalties. Ademais estamos vendo como a xente non paga 15 euros por un disco pero si 30 por un concerto. O negocio está ai, evidentemente.

fanny__alexander_foto

Fanny+Alexander, Homens, Mourente, Leo, Apenino, Ataque Escampe, 6pm, Niño y Pistola, novas cousas de TAB e moitos outros discos novos: ¿Significarán estes ultimos meses de 2007 a madurez da música galega?

Si, levamos dende 2006 anunciando o do mellor momento que se recorda da música galega. Agora chegaba o auténtico exame, o da continuidade, o dos segundos discos. Eu creo que o nivel se está a manter e aínda por riba non paran de sair propostas novas. Este final de 2007 promete ser o da confirmación.

¿Vaise poder escoitar a Fanny+Alexander en directo máis veces? Mira que a Mourente xa non hai quen o baixe dos escenarios...

Si, seguro que si. Temos ademáis unha vantaxe importante pola natureza da nosa música, que podemos adaptar o noso formato e as propias cancións á situación, tanto podemos dar un concerto case acústico en plan intimista e con ar experimental e co público sentado como podemos poñer a todos a bailar cun formato 100% festa rachada.

Links relacionados: 
http://www.myspace.com/fannyealexander
http://www.aregueifa.net/fannyalexander.htm

*Entrevista publicada orixinalmente en GZnación
Comentarios (9)add
noite perfecta
escrito por Toro Noise , Novembro 04, 2007
-empezou na nasa con unha estrea historica
-continuou na nasa coa presentacion do disco dun dos proxectos mais consolidados e con mais visos de futuro da escea
-despois no malas facendo amigos
-e como todo remata como ten q rematar:
"potei nas ruas de compostela, potei nas de valga,
merda de licor, merda de licor, que che dixen que che dixen merda de llintoni... pois iso, noite perfecta
...
escrito por Laura , Novembro 04, 2007
unha noite que non remata con pota nen é noite nen é nada smilies/grin.gif e parabens a F A por eses temas tan curriños e que tanto emocionan!
...
escrito por Zumbi , Novembro 05, 2007
Un dos concertos dos que máis gostei nos últimos anos. F A ao vivo gañan moito máis do que se podía agardar nun grupo desas características (e iso que se fixo curtísimo e aínda quedaron a deber un bis).

Unha pota en Compostela unha pota non é nada...
...
escrito por pucho , Novembro 05, 2007
si que se fixo curto, os fans esiximos dez temas polo menos no próximo concerto... senon aos que imos a meter é a vós no canto do DJ smilies/grin.gif
por fin música moderna en galego
escrito por Pablo N. , Novembro 05, 2007
merquei o disco no concerto e non soou outra cousa na miña casa esta fin de semana, estou enganchado. A miña noraboa por facer música de tanta beleza e risco en galego smilies/smiley.gif
...
escrito por Rouco Sifredi , Novembro 05, 2007
queremos máis concertos!
fermosísimo disco
escrito por Cabuxa , Novembro 05, 2007
onde se poden conseguir as letras?
emocionante
escrito por ana , Novembro 07, 2007
o disco é preciosísimo...
...
escrito por Cabuxa , Novembro 10, 2007
aqui en Vigo agardando ansiosos a vervos en directo!!!
Escrebe o teu Comentario
quote
bold
italicize
underline
strike
url
image
quote
quote
smile
wink
laugh
grin
angry
sad
shocked
cool
tongue
kiss
cry
+ pequeno | + grande

busy
Tags:  FANNY + ALEXANDER FINAIS DOS 70S COMEZOS DOS 80S A REGUEIFA
 
< Ant.   Seg. >
 

COMENTADO RECENTEMENTE

GZ POP! A NOVA FORNA...
Precisamente por eso non se lle pode chamar POP, p...
IRIA ABOI
Pois iso que está moi boa
CONTACTO
ola. Son Xabier Mera. Gustaría de enviaros inform...
FRANC3S - Franc3s (G...
penso que o termo "bizarro" está demasiado sobado...
PRIMEIRO DISCO LONGO...
xa o puiden escoitar, as miñas felicitacións aos...
PRIMEIRO DISCO LONGO...
xenial, que ganas que lle tiña!
PROJECTO ['TREPJA], ...
flipante a música que se está facer na terra nos...
PROJECTO ['TREPJA], ...
mágoa que non quedaran Noise Project de primeiros...
GZ POP! A NOVA FORNA...
queramos que si, queramos que non, todo que se sex...
GZ POP! A NOVA FORNA...
Chámanlle GZ POP a un disco con cancións de grup...

NOVIDADES

  • 08:00 - 13.11.2008 NOVIDADES

    franc3s

     

     

     

     

     

     

    FRANC3S
    Franc3s
    (A regueifa, 2008)

    Cando o 18 de maio de 1980 Ian Curtis decide unilateralmente poñer fin á breve singradura musical de Joy Division pendurándose polo pescozo cunha corda, o deus máis escuro do Valhalla da música popular fixo vibrar dolosamente as súas cordas vocais, emitindo un berro nunha frecuencia tan aquelada que só os tímpanos cunha maior dose de bizarrismo tebroso puideron captalo. Ese berro multiplicouse en miles de ecos que espallaron interminabelmente a mensaxe de loito desa deidade pagán polos catro recunchos do planeta. Así, non podía ser doutro xeito, esa onda sonora vibrou por terras de Bergantiños, e a semente desa vibración áspera, sucia e arriscada agromou nos miolos de Alberto, María e Patuki (tamén chegou a Vilalba) para florecer en Franc3s.

    A evolución metastática destes individuos de fans incondicionais a parte infinitesimal do universo bizarro fica fosilizada no seu propio nome, tributo por triplicado á actriz Frances Farmer, á vocalista de The Vaselines Frances McKee e á artista circense Frances O´Connor. María coa batería, Alberto coa guitarra e coa voz e Patuky cos teclados non só homenaxean en cada distorsión a bandas como Surfin´ Bichos, Los Enemigos, The Cramps ou The Jesus and Mary Chain, senón que tratan de enchoupar a súa música das sensacións que lles transmiten as obras de, por exemplo, John Waters, William Burroughs ou Pollock.

    Franc3s decidiu por fin dar o grande chimpo ao LP logo de dúas maquetas receptoras de boas críticas e gabanzas a manchea. O seu primeiro disco, Franc3s, está composto por dez temas e foi editado por A Regueifa Plataforma baixo licenza de Creative Commons; pode baixarse de balde en www.aregueifa.net. Tamén se pode adquirir en soporte físico, nunha edición limitada e feita a man a base de papel de lixa e peluche, en Discos Noni´s (A Coruña) e Cosmic Pop Club (Carballo).

    Así que xa sabedes, amantes dos sons de ultratumba, do theremin, da escuridade, do veludo, da luz de neon reflectida nas pozas dunha cidade perdida,…, gozade todos do novo de Franc3s, e xa me contaredes.

    Comentarios (1)add
    franc3s rules
    escrito por Óscar , Novembro 14, 2008
    penso que o termo "bizarro" está demasiado sobado xa

    según a RAE:

    bizarro, rra.

    (De it. bizzarro, iracundo).


    1. adj. valiente (‖ esforzado).

    2. adj. Generoso, lucido, espléndido.



    FRANC3S molan trogollón!
    bicos pra eles
    Escrebe o teu Comentario
    quote
    bold
    italicize
    underline
    strike
    url
    image
    quote
    quote
    smile
    wink
    laugh
    grin
    angry
    sad
    shocked
    cool
    tongue
    kiss
    cry
    + pequeno | + grande

    busy

    Ler máis...
  • 12:37 - 13.10.2008 NOVIDADES

    nouvelledemmemoria

     

     

     

     

     

     

     

     

    NOUVELLE CUISINE
    De memoria
    (Autoeditado, 2008)

    O “malo” de ter asinado xoias de pop tan perfecto como Aritmética polar ou Dos torres é a altura á que deixas o listón para vindeiros discos. Os herculinos Nouvelle Cuisine corrían o risco de ser vítimas da calidade que plasmaron no seu anterior disco, o encantador Autodictado. Por fortuna, os "cocinitas" non se enrrugaron e souberon partir do ponto onde o deixaron para elevalo aínda uns centímetros máis, coma uns Sergéis Bubka do pop con pértiga.

    Sen perder o seu xa característco estilo -algo ben dificil de conseguir nunha banda con dúas voces tan diferentes- percébese nos doce temas que fan parte deste De memoria un salto cualitativo na produción. Continúan a guisalo e comelo eles mesmos pero no estudo de gravación a experiencia nótase e este enriquecemento faise palpable tanto a nivel de arranxos coma da expansión na paleta de sons e instrumentos (acordeóns, rhodes, sintes...). O certo é que o son de Nouvelle Cuisine acada con este disco un novo grau de madurez xa que a incoporación de sintetizador e caixas de ritmos nalgúns temas e a falla de complexos para meter guitarras moito máis distorsionadas afástaos do típico e autolimitado son indie do que beben -La Buena Vida e La Habitación Roja- explorando novos territorios que a esta altura da película a verdade é que son de agradecer.

    E como non hai bon disco de POP -con maiúsculas- sen unha boa colección de singles, ahi están eles para deixarnos xemas coma Sintonia08, Comunicación no verbal, El imperio roto ou Seremos cajeras... mostras de pop clásico preciosista dese que che queda ecoando permanentemente na testa con só un par de escoitas. A verdade é que resulta incrible que estes talentosos chefs non atopasen unha discográfica que lles editara o disco, por moita crise da industria discográfica que haxa. Neste caso é evidente que xogou máis na súa contra a deslocalización con respeito ao epicentro dos que terían de ser os seus pretendentes. No indie estatal xa se sabe que fora de Madrid e Barcelona vai moito frío. Porén a xogada non lles saiu tan mal, mais ben ao contrario, autoeditando o disco por partida doble, tanto en formato digipack de xeito comercial coma nun formato máis exclusivo: unha camisola que se vende xunto con unha memoria USB con toda a súa discografía. Se non querían caldo, dúas cuncas. E nós, claro, tan felices cun caldo tan cheo de sustancia.

    Comentarios (0)add
    Escrebe o teu Comentario
    quote
    bold
    italicize
    underline
    strike
    url
    image
    quote
    quote
    smile
    wink
    laugh
    grin
    angry
    sad
    shocked
    cool
    tongue
    kiss
    cry
    + pequeno | + grande

    busy

    Ler máis...
  • 11:20 - 25.09.2008 NOVIDADES

     

     

     

     

     

     

    BLOC PARTY
    Intimacy
    (Wichita, 2008)

    A “alarma silenciosa” ca que catro rapaces do East London decidiron comunicarlle ao mundo a súa existencia non foi tal; resultou o estoupido xordo do primeiro foguete da alborada, que racha o silencio da moribunda noite e pronostica xoldra. A partires dese intre máxico pode gozarse ou non da festa, pero xa non sobrevive no interior dos participantes esa inicial sensación de sorpresa. A Weekend In The City convertiuse desde o seu lanzamento na primeira víctima das odiosas comparacións as que serán sometidos todos e cada un dos traballos que Bloc Party decida facer, aos que xa de saída se lles catalogará como “inferiores a Silent Alarm”. Kele Okereke na voz e na guitarra, Russell Lissack na guitarra, Gordon Moakes no baixo e nos coros e Matt Tong na batería conforman Bloc Party.

    Intimacy (Wichita Recordings, 2008), o seu terceiro traballo, veu a luz o pasado 21 de agosto no seu formato dixital, quedando desde entón pendurado na rede coa posibilidade de baixalo previo abono do prezo estipulado. Os interesados en adquirilo no seu formato físico deberán agardar ata o 28 de outubro; neste formato inclúense algúns cortes non presentes no dixital. O disco foi producido por Paul Epworth e Jacknife Lee, quenes xa colaboraran coa banda nos seus anteriores traballos (...)

    Comentarios (0)add
    Escrebe o teu Comentario
    quote
    bold
    italicize
    underline
    strike
    url
    image
    quote
    quote
    smile
    wink
    laugh
    grin
    angry
    sad
    shocked
    cool
    tongue
    kiss
    cry
    + pequeno | + grande

    busy

    Ler máis...
  • 08:00 - 11.09.2008 NOVIDADES

    jugoplastika

     

     

     

     

     

     

     

     

    JUGOPLASTIKA
    The 6th is the 7
    (Astro Discos, 2008)

    Co dos revivals é mellor non chegar a última hora. De poder escoller, o ideal sería chegar cando a cousa xa despegou pero aínda non invade masivamente as páxinas da NME e derivados, entrando de cheo no momento álxido do hype. Como mal menor, non estaría mal ser dos primeiros, o que sexa con tal de non ser dos últimos en chegar. Porén, ser pioneiro na recuperción dun son pasado garante certa frescura e non soar clónico pero tamén ten a desvantaxe de que van ser outros os que desfruten do verdadeiro recoñecemento. Non se pode ter todo.

    E no caso de Jugoplastika dá a impresión de que é exactamente isto último o que lles vai pasar. Asi que é de xustiza reivindicalos dende xa coma iniciadores dun revival que aínda está por chegar, o do indie guitarreiro dos primeiros 90s, con ecos de radio universitaria americana, voces pouco afinadas e producións precarias de son garaxeiro. Porque no seu último album -The 6th is the 7- non hai banda da época que non faga acto de presenza dunha ou outra maneira nalgunha das once cancións que fan parte do disco, dende os Pixies a Weezer pasando por Pavement, Guided by Voices, e Grandaddy. Un traballo, por certo, maxistralmente producido por Paco Loco, que demostra ser un auténtico todoterreno, recreando perfectamente o son suxo dominado polas frecuencias medias tan característico daqueles tempos dando forma ao que probablemente é o disco galego máis xenuinamente americano de todos os tempos.

    Dubido que Kukoc, Perasovic e Radja escoitasen aos Pixies nos vestiarios pero o certo é que as coordenadas temporais deste novo son de Jugoplastika teñen perfecto sentido e danlle coherencia absoluta á estética do grupo. Iso si, só asimilable en todos os seus matices  polos que nacimos antes dos 80s, as novas xeracións van ter que agardar a que chegue o revival noventeiro -remastigado e actualizalo- para desfrutalo ao 100%. Sexa coma sexa, sempre poderemos dicer o de "pero se isto xa o facían Jugoplastika no 2008".

    Comentarios (1)add
    ...
    escrito por xoel , Setembro 15, 2008
    bluff
    bluff
    Escrebe o teu Comentario
    quote
    bold
    italicize
    underline
    strike
    url
    image
    quote
    quote
    smile
    wink
    laugh
    grin
    angry
    sad
    shocked
    cool
    tongue
    kiss
    cry
    + pequeno | + grande

    busy

    Ler máis...
  • 06:52 - 02.09.2008 NOVIDADES

    death_cab_narrow_stairs

     

     

     

     

     

     

    DEATH CAB FOR CUTIE
    Narrow Stairs
    (Atlantic, 2008)

    Atópome de fronte e a máis de 200 km/h con Narrow Stairs; o choque é brutal, anaquiños de disonantes melodías dunha beleza inusual perforan diversos órganos do meu corpo e préñanme as vísceras dun sotaque agridoce de saudade. Atópome de fronte ante o sexto traballo da banda formada por Ben Gibbard, Chris Walla, Nicholas Harmer e Jason McGerr; atópome de fronte cunha auténtica delicia de comezo a fin, tanto no seu formulación como na súa execución, un río que nace e transcorre cara o mar entre meandros sinuosos e violentas fervenzas.

    Nace Narrow Stairs cun corte duns cinco minutos que lembra por veces á primeira canción de Plans, aquela Marching Bands of Manhattan que nos marabillara, aínda que esta posúe un ton máis sutil. Comeza amodo para ir acadando maior contundencia segundo pasa o tempo, apoiados sempre nun enorme baixo (...)

    Comentarios (0)add
    Escrebe o teu Comentario
    quote
    bold
    italicize
    underline
    strike
    url
    image
    quote
    quote
    smile
    wink
    laugh
    grin
    angry
    sad
    shocked
    cool
    tongue
    kiss
    cry
    + pequeno | + grande

    busy

    Ler máis...
  • 11:34 - 12.05.2008 NOVIDADES

    esquios2gif

     

     

     

     

     

     

    ESQUIOS
    Un tipo normal
    (Autoeditado Distribuciones, 2008)

    Os estradenses Esquíos deron un xiro importante á banda con este Un tipo normal, o seu segundo disco longo. A incorporación de Miguel Castro na voz en sustitución de Fidel Castro -non sei se serán irmáns- marca en grande medida o seu novo son, moito máis punk-rock, case alonxado por completo das querencias metaleiras do seu debut. O certo é que o xiro parece moi meditado xa que a nova voz -moito máis axeitado para o punk-rock con maior carrega melódica que fan agora- dálle a Esquios un son moito máis actual.

    Pero non é a voz a única novidade desta nova etapa. Agora atopamos unha cota maior de temas cantados en galego e unhas letras, entre o social e o festeiro, que encaixan mellor co seu estilo e o seu público potencial. Especialmente agora que contan no seu repertorio con temasda forza de “A rapa” ou “Galiza festa rachada” -sen dúbida os dous singles máis potentes do disco- que prometen ser verdadeiros furacáns ao vivo, cuns retrousos deses que son carne de pogo. Dous temas, ademais, que incorporan un par de detalles -aire funk e sección de metais, o primeiro, e ritmo skatalítico, o segundo- que alén de demostrar a versatilidade dos novos Esquíos tamén van facer de efectivo anzol para atraer a novos siareiros á banda.

    Comentarios (1)add
    MOI BO GRUPO
    escrito por abel , Xuño 19, 2008
    Vinnos en directo e a verdade e que son a ostia, montanche unha festa que flipas e son cañeiros. Ali comprei este cd e gustoume moito, ademais e bastante variado, ten algun tema que non me acaba de chegar pero en xeral e un disco moi recomendable para os amantes do rock cañeiro
    Escrebe o teu Comentario
    quote
    bold
    italicize
    underline
    strike
    url
    image
    quote
    quote
    smile
    wink
    laugh
    grin
    angry
    sad
    shocked
    cool
    tongue
    kiss
    cry
    + pequeno | + grande