|
ENTREVISTAS
|
|
Escrito por Vincent Jalo
|
|
Mércores, 30 de Xaneiro do 2008 |
“A GALITRÓNICA TEN ALGO DE ELECTROPOP
E ALGO DE PUNK, ALGO DE MUSICA TRADICIONAL E ALGO DE FOLK; É
ESPONTÁNEA E AUTOMÁTICA, BUSCA QUE A XENTE BAILE NOS
CONCERTOS”
Que a música galega en xeral e a cantada en galego en particular goza de boa saúde xa non colle a ninguén por sorpresa. Porén, certos estilos e sensibilidades aínda están a coller pulo polo que sempre é unha ledicia achar novas propostas que vaian enchendo eses baleiros. Os lucenses Grupoh chegan dispostos a facernos mover a base de electro pop en galego e moita retranca. Aínda que non fomos quen de descubrir quen se agocha tras as máscaras de loita libre e os babies, si que puidemos entrevistalos e isto é o que nos contaron:
Se algo bon ten myspace é que
podes escoitar aos grupos antes de saber nada deles. Así que
agora que xa sabemos como soades comecemos por saber de vós.
Quen son Grupoh, de onde son e como nacen?
Grupoh son
Rubidorio (voz, teclado, ceremin e fagot) e Vozolonxe (programacións,
teclado, guitarra, melódica e acordeón). Acreditamos
ser lucenses, que non lugueses que é menos, e igual que moitas
outras bandas era un proxecto que levabamos tempo xestando, cruzando
impresións e poñendo en común puntos de vista,
ata que un dia sen saber moi ben porque a situación
precipitouse e nos atopamos con varios temas listos para gravar. Non
é preciso reseñar que gran parte do discurso que define
grupoh xestouse en escuros lugares ateigados de fume, con ritmos
repetitivos atronando a nosa conciencia e acompañados dalgunha
copa de licor cafe. Antes que admitir que pesa a crise da mediana
idade Rubidoiro afirma que e unha excusa para ter de que falar coas
mozas, que o non opositar non ten tema de conversación en
común co que conectar
Algunha explicación lóxica
ao acto suicida de escoller un nome co que será imposíbel
de localizarvos en Google?
Lóxica non, de todos os
xeitos o fracaso dos experimentos de explotación comercial de
ferramentas coma o second life indica que a potencialidade do
internet estase a manifestar dentro de comunidades definidas por
intereses concretos que depositan a confianza nalgún membro do
grupo e que valoran mais o acceso a información a traveso de
ese canal que chegando autonomamente confiando na tecnoloxía,
quero dicir que o noso publico nos localizara polo camiño dos
seus amigos virtuais que conteñan ligazóns connosco e
cos que compartir a experiencia. En rara situación alguén
a quen lle interesemos verase perdido no marasmo de información
que a rede en bruto supón... opinando por opinar o nome da
banda e a accesibilidade do mesmo importa pouco contra unhas boas
cancións e o contacto real coa xente a que lle interesa a
musica... e tampouco estamos para comernos a cabeza pensando
nomes...
Por certo, como é o nome exactamente? Grupoh
con h final? Grupo! con exclamación final?
Definitivamente
grupoh, invitando ao público a denotar na pronuncia unha o
aberta ao estilo de Lugo, o das exclamacións finais é
que lle gustan a rubidoiro! que se emociona con facilidade polas
cousas
Polo que eu sei polo menos un de vós ten algunha
experiencia previa noutros grupos. De quen vides sendo?
Coma
conxunto desenvolvimos fai catro anos ou así un proxecto de
experimentación sónica e sensorial co nome de INICIO.
Logo deso vozolonxe (mascara vermella) adicouse a musica
academicamente e rubidoiro (mascara amarela) tocou o sintetizador e o
farfisa nos Estoy friki!!!, nos Astrocitos protoplasmicos e nos
Lamesugus. Ademais de participar como Sr. Real nalgunha das
actuacións do Sr. Anido en Compostela
Como definides o
estilo que facedes?
GALITRONICA (ou galetrónica, non
nos lembramos ben, e temos unha etapa de aceptar adesions a un ou o
outro) ten algo de electropop e algo de punk, mais algo de musica
tradicional e de folk, é espontánea e automática,
e busca que a xente baile nos concertos, que e algo que se ve pouco,
por culpa da monogamia e da educación católica
O
ton lo-fi é militante ou circunstancial até que
gravedes en serio?
Rubidoiro é militante do lo-fi
para camuflar as suas carencias técnicas e vozolonxe militante
do hi-fi (pero hig hig e!) para intimidar o auditorio, dun dialogo
aberto e sereno chegamos o proceso de ir tolerando crepitares
aleatorios e irregularidades varias segundo o seu potencial de
enriquecer as pezas e dotalas de matices, claro que o mp3 ese (co ben
que soaba o mp1) tende a facer cousas raras coas cousas extrañas.
E
como chegastes ao formato dun electrónico? Necesidade ou
vocación?
Somos malos de aturar, o dúo
electrónico e moi dinámico e eficiente, cunha alta
capacidade de coordinación e de integrar colaboracións
puntuais, as veces falamos de comportarnos coma un núcleo duro
que en determinadas etapas poida incorporar mais gaiteiros, sobor de
todo para os directos, tampouco era sinxelo explicar a músicos
serios o que pretendiamos facer... así que agora que xa é
empiricamente comprobable de que se trata. Sen olvidar que a
simplificación dos softwares e o aumento da potencia das
computadoras permite desenvolver un ritmo de traballo e de
integración real coa musica impensable fai dez anos, e ao
alcance de poucos fai cinco... e agora ven nas consolas.
No
voso myspace hai xa dous temas colgados, tedes algún máis
gravado?
Gravado temos abondo... pero
perceptible para o ouvido humano temos cinco... e dúas case
listas... lobishome! tivo boa aceptación, e leira7 menor pero
mais intensa, agora vemos de colgar disperson, a ver que tal cae,
estamos moi contentos con ela. De lobishome colgamos unha nova
edición, con volumes axustados e con algún efecto de
voz mais coidado
Gustounos moito a letra de Lobishome, sci-fi
galega de serie B en estado puro. Ides seguir por ese camiño
nas letras ou o ides compaxinalo co liña existencial de
Leira7?
A verdade é que seguimos un
criterio algo errático mais dependente do noso estado de animo
que na planificación no aspecto de letra, ao contrario que nos
aspecto conceptual, penso que definimos un patrón segundo o
cal o principio dos ensaios estamos mais centrados e comedidos, mais
na liña existencial, é a medida que avanza o tempo
perdemos inhibición e nos soltamos mais, permitindo que nos
inflúan cousas mais frívolas e divertidas.
Que
plans tedes en canto á edición? Veremos disco de Grupo
en 2008?
Pensabamos editar un Galitrónica
EP cando a cantidade (e a calidade) dos tema o permita, e mais
adiante pois si, xa con experiencia e despois de testear os temas en
directo poñer o material nun disco.
E o tema ao vivo
como o vedes?
Inda que a aparición o faga
estraño estamos enfocados case exclusivamente para o
espectáculo ao vivo, claro que antes de actuar temos que facer
cancións, cancións que conviden a dar botes pequenos.
Cando será o debut?debería ser en canto xuntemos 30-40
minutos en temas, ogalla que en febreiro!! aproveitamos esta
plataforma para ofrecermonos a telonear a quen precise un pequeno
entremes electro antes do seu propio espectáculo, temos
myspace!
Que formato levaredes sobre o escenario?
Vai a computadora e dous teclados, e
segundo os temas algún instrumento de verdade, quitarras ou
trompetas, e se non temos problemas de prazos bonitas proxeccións.
Vós sós ou levaredes colaboradores puntuais? Pensamos
nun coro de gruphettes que bailen durante o espectáculo e
invitamos as mozas a que se poñan en contacto connosco
Que aparataxe levaredes?
Son imitacións de aparatos
míticos que cambian o nome para non pagar dereitos...
Con
que outros grupos internacionais vos sentides máis afins?
Con Aphex twin e Air, cos Atari Teenage
Riot e cos New Order (e con primus, tool e rage against the machine,
ademais de madona, que non vai ser todo futbol, que diria arsenio)
E
galegos?
Cos Resentidos!! que continuan sen ser
superados! podemos dar unha lista pero estan todos entre os dez
mellores do 2007, reseñar que sempre quixemos ser os primeiros
na musica electrónica galega e perdimos a ocasión por
ilo deixando... ilo deixando... pequenos, nos deixedes que vos pase!
haber hai boas bandas... pero non quereriamos deixar a ninguén
fora...
E xa para rematar, se vos quedou algo por comentar ou
alguén por insultar este é o lugar idóneo.
Pouco mais, esto é para escoitar
sen prexuízos e desfrutando dos alegres ritmos que contén,
sabemos o que hai porque o fixemos nós, e nos parece ben toda
opinión, se nos enviades unha foto recente e o voso nome vos
faremos unha canción (mandade o telefono taxen, por
comprobalo). GRUPOH! musica bailable para a xente maior!!
http://www.myspace.com/grupoh
 Tags: GRUPOH LUGO ELECTRO POP |
|
NOVIDADES
-
08:00 - 13.11.2008
NOVIDADES
FRANC3S
Franc3s
(A regueifa, 2008)
Cando o 18 de maio de 1980 Ian Curtis decide unilateralmente poñer fin á breve singradura musical de Joy Division
pendurándose polo pescozo cunha corda, o deus máis escuro do Valhalla
da música popular fixo vibrar dolosamente as súas cordas vocais,
emitindo un berro nunha frecuencia tan aquelada que só os tímpanos
cunha maior dose de bizarrismo tebroso puideron captalo. Ese
berro multiplicouse en miles de ecos que espallaron interminabelmente a
mensaxe de loito desa deidade pagán polos catro recunchos do planeta.
Así, non podía ser doutro xeito, esa onda sonora vibrou por terras de Bergantiños, e a semente desa vibración áspera, sucia e arriscada agromou nos miolos de Alberto, María e Patuki (tamén chegou a Vilalba) para florecer en Franc3s.
A
evolución metastática destes individuos de fans incondicionais a parte
infinitesimal do universo bizarro fica fosilizada no seu propio nome,
tributo por triplicado á actriz Frances Farmer, á vocalista de The Vaselines Frances McKee e á artista circense Frances O´Connor. María coa batería, Alberto coa guitarra e coa voz e Patuky cos teclados non só homenaxean en cada distorsión a bandas como Surfin´ Bichos, Los Enemigos, The Cramps ou The Jesus and Mary Chain, senón que tratan de enchoupar a súa música das sensacións que lles transmiten as obras de, por exemplo, John Waters, William Burroughs ou Pollock.
Franc3s decidiu por fin dar o grande chimpo ao LP logo de dúas maquetas receptoras de boas críticas e gabanzas a manchea. O seu primeiro disco, Franc3s, está composto por dez temas e foi editado por A Regueifa Plataforma baixo licenza de Creative Commons; pode baixarse de balde en www.aregueifa.net. Tamén se pode adquirir en soporte físico, nunha edición limitada e feita a man a base de papel de lixa e peluche, en Discos Noni´s (A Coruña) e Cosmic Pop Club (Carballo).
Así que xa sabedes, amantes dos sons de ultratumba, do theremin, da escuridade, do veludo, da luz de neon reflectida nas pozas dunha cidade perdida,…, gozade todos do novo de Franc3s, e xa me contaredes.
Ler máis...
-
12:37 - 13.10.2008
NOVIDADES
NOUVELLE CUISINE
De memoria
(Autoeditado, 2008)
O “malo” de ter asinado xoias de pop tan perfecto como Aritmética polar ou Dos torres é a altura
á que deixas o listón para vindeiros discos. Os
herculinos Nouvelle Cuisine corrían o risco de ser vítimas
da calidade que plasmaron no seu anterior disco, o encantador
Autodictado. Por fortuna, os "cocinitas" non se enrrugaron e souberon
partir do ponto onde o deixaron para elevalo aínda uns
centímetros máis, coma uns Sergéis Bubka do pop con pértiga.
Sen perder o seu xa característco
estilo -algo ben dificil de conseguir nunha banda con dúas voces tan diferentes-
percébese nos doce temas que fan parte deste De memoria un
salto cualitativo na produción. Continúan a guisalo e
comelo eles mesmos pero no estudo de gravación a experiencia
nótase e este enriquecemento faise palpable tanto a nivel de
arranxos coma da expansión na paleta de sons e instrumentos (acordeóns, rhodes, sintes...).
O certo é que o son de Nouvelle Cuisine acada con este disco
un novo grau de madurez xa que a incoporación de sintetizador
e caixas de ritmos nalgúns temas e a falla de complexos para
meter guitarras moito máis distorsionadas afástaos do
típico e autolimitado son indie do que beben -La Buena Vida e La Habitación
Roja- explorando novos territorios que a esta altura da película
a verdade é que son de agradecer.
E como non hai bon disco de POP -con maiúsculas- sen unha boa colección de singles, ahi están eles para deixarnos xemas coma Sintonia08, Comunicación no verbal, El imperio roto ou Seremos cajeras... mostras de pop clásico preciosista dese que che queda ecoando permanentemente na testa con só un par de escoitas. A verdade é que resulta incrible que estes talentosos chefs non atopasen unha discográfica que lles editara o disco, por moita crise da industria discográfica que haxa. Neste caso é evidente que xogou máis na súa contra a deslocalización con respeito ao epicentro dos que terían de ser os seus pretendentes. No indie estatal xa se sabe que fora de Madrid e Barcelona vai moito frío. Porén a xogada non lles saiu tan mal, mais ben ao contrario, autoeditando o disco por partida doble, tanto en formato digipack de xeito comercial coma nun formato máis exclusivo: unha camisola que se vende xunto con unha memoria USB con toda a súa discografía. Se non querían caldo, dúas cuncas. E nós, claro, tan felices cun caldo tan cheo de sustancia.
Ler máis...
-
11:20 - 25.09.2008
NOVIDADES
BLOC PARTY
Intimacy
(Wichita, 2008)
A “alarma silenciosa” ca que catro rapaces do East London
decidiron comunicarlle ao mundo a súa existencia non foi tal; resultou
o estoupido xordo do primeiro foguete da alborada, que racha o silencio
da moribunda noite e pronostica xoldra. A partires dese intre máxico
pode gozarse ou non da festa, pero xa non sobrevive no interior dos
participantes esa inicial sensación de sorpresa. A Weekend In The City
convertiuse desde o seu lanzamento na primeira víctima das odiosas
comparacións as que serán sometidos todos e cada un dos traballos que Bloc Party decida facer, aos que xa de saída se lles catalogará como “inferiores a Silent Alarm”. Kele Okereke na voz e na guitarra, Russell Lissack na guitarra, Gordon Moakes no baixo e nos coros e Matt Tong na batería conforman Bloc Party.
Intimacy (Wichita Recordings, 2008), o seu terceiro traballo, veu a luz o pasado 21 de agosto
no seu formato dixital, quedando desde entón pendurado na rede coa
posibilidade de baixalo previo abono do prezo estipulado. Os
interesados en adquirilo no seu formato físico deberán agardar ata o 28 de outubro; neste formato inclúense algúns cortes non presentes no dixital. O disco foi producido por Paul Epworth e Jacknife Lee, quenes xa colaboraran coa banda nos seus anteriores traballos (...)
Ler máis...
-
08:00 - 11.09.2008
NOVIDADES
JUGOPLASTIKA
The 6th is the 7
(Astro Discos, 2008)
Co dos revivals é mellor
non chegar a última hora. De poder escoller, o ideal sería chegar cando a cousa xa despegou pero aínda non invade
masivamente as páxinas da NME e derivados, entrando de cheo no
momento álxido do hype. Como mal menor, non estaría mal
ser dos primeiros, o que sexa con tal de non ser dos últimos
en chegar. Porén, ser pioneiro na recuperción dun son pasado garante certa frescura e non soar clónico pero tamén ten a
desvantaxe de que van ser outros os que desfruten do verdadeiro
recoñecemento. Non se pode ter todo.
E no caso de Jugoplastika dá a impresión de que é exactamente isto último o que lles vai pasar. Asi que é
de xustiza reivindicalos dende xa coma iniciadores dun revival que
aínda está por chegar, o do indie guitarreiro dos
primeiros 90s, con ecos de radio universitaria americana, voces pouco afinadas e producións
precarias de son garaxeiro. Porque no seu último album -The
6th is the 7- non hai banda da época que non faga
acto de presenza dunha ou outra maneira nalgunha das once cancións
que fan parte do disco, dende os Pixies a Weezer pasando por
Pavement, Guided by Voices, e Grandaddy. Un traballo, por certo, maxistralmente
producido por Paco Loco, que demostra ser un auténtico
todoterreno, recreando perfectamente o son suxo dominado polas
frecuencias medias tan característico daqueles tempos dando forma ao que probablemente é o disco galego máis xenuinamente americano de todos os tempos.
Dubido que Kukoc,
Perasovic e Radja escoitasen aos Pixies nos vestiarios pero o certo
é que as coordenadas temporais deste novo son de Jugoplastika teñen
perfecto sentido e danlle coherencia absoluta á estética
do grupo. Iso si, só asimilable en todos os seus matices polos que nacimos
antes dos 80s, as novas xeracións van ter que agardar a que chegue o revival noventeiro -remastigado e actualizalo- para desfrutalo ao 100%. Sexa coma sexa, sempre poderemos dicer o de "pero se isto xa o facían Jugoplastika no 2008".
Ler máis...
-
06:52 - 02.09.2008
NOVIDADES
DEATH CAB FOR CUTIE
Narrow Stairs
(Atlantic, 2008)
Atópome de fronte e a máis de 200 km/h con Narrow Stairs;
o choque é brutal, anaquiños de disonantes melodías dunha beleza
inusual perforan diversos órganos do meu corpo e préñanme as vísceras
dun sotaque agridoce de saudade. Atópome de fronte ante o sexto traballo da banda formada por Ben Gibbard, Chris Walla, Nicholas Harmer e Jason McGerr;
atópome de fronte cunha auténtica delicia de comezo a fin, tanto no seu
formulación como na súa execución, un río que nace e transcorre cara o
mar entre meandros sinuosos e violentas fervenzas.
Nace Narrow Stairs cun corte duns cinco minutos que lembra por veces á primeira canción de Plans, aquela Marching Bands of Manhattan
que nos marabillara, aínda que esta posúe un ton máis sutil. Comeza
amodo para ir acadando maior contundencia segundo pasa o tempo,
apoiados sempre nun enorme baixo (...)
Ler máis...
-
11:34 - 12.05.2008
NOVIDADES
ESQUIOS
Un tipo normal
(Autoeditado Distribuciones, 2008)
Os estradenses Esquíos
deron un xiro importante á banda con este Un tipo normal, o
seu segundo disco longo. A incorporación de Miguel Castro na
voz en sustitución de Fidel Castro -non sei se serán
irmáns- marca en grande medida o seu novo son, moito máis
punk-rock, case alonxado por completo das querencias metaleiras do
seu debut. O certo é que o xiro parece moi meditado xa que a
nova voz -moito máis axeitado para o punk-rock con maior
carrega melódica que fan agora- dálle a Esquios un son
moito máis actual.
Pero non é a voz a
única novidade desta nova etapa. Agora atopamos unha cota
maior de temas cantados en galego e unhas letras, entre o social e o
festeiro, que encaixan mellor co seu estilo e o seu público
potencial. Especialmente agora que contan no seu repertorio con
temasda forza de “A rapa” ou “Galiza festa rachada” -sen
dúbida os dous singles máis potentes do disco- que
prometen ser verdadeiros furacáns ao vivo, cuns retrousos
deses que son carne de pogo. Dous temas, ademais, que incorporan un
par de detalles -aire funk e sección de metais, o primeiro, e
ritmo skatalítico, o segundo- que alén de demostrar a
versatilidade dos novos Esquíos tamén van facer de
efectivo anzol para atraer a novos siareiros á banda.
Ler máis...
-
06:56 - 06.05.2008
NOVIDADES
REM
Accelearte
(Warner, 2008)
Facía xa catro anos que a banda de Athens non daba sinais de vida; foi por aquel entón cando publicaron o deostado (inxustamente baixo o meu criterio) Around the Sun. Por fin en abril de 2008 saíu á luz Accelerate, anunciado polos iluminados e entendidos como “a volta as súas orixes”. ¿Pero iso non o fixeran xa con Monster? ¿non se volvera de novo a falar do mesmo cando saíron New Adventures in Hi-Fi e Up? en resumo, máis peras mentais de flipados ou pura estratexia de marketing por parte da Warner (ou ambas cousas, claro) (...)
|
Mi madriña, que dios nos colla confesados!
Viva o lo-fi e as carencias técnicas compensadas con creatividade e desvergonza! Cansos estamos de grandes virtuosismos e pouca miga, onde estea un grupoh orixinal, que se quiten copias malas...