FPSS slide image
FPSS slide image
FPSS slide image
FPSS slide image
FPSS slide image
ENTREVISTA: MOONDOGS BLUES PARTY PDF Imprimir Correo-e
ENTREVISTAS
Escrito por Besbe   
Martes, 17 de Xuño do 2008
Chuza!
moondogs2

"GUSTARIAME TER COMPOSTO CALQUERA DAS CANCIONS DO FOREVER CHANGES DE LOVE"

Distribuidos a través de kerfmusic.com en Canadá, gañadores do premio Talentos 2007, coa canción Childhood Soul incluída nun recopilatorio de música Creative Commons da man de Jorge Pinto, finalistas do Azkena Rock Festival, incluídos nos concertos de Festas Demoscópicas organizadas por Mondosonoro, representantes de Galicia no Midem 2008 de Cannes e semifinalistas da International Songwritting Competition tendo como xurado ao mesmísimo Tom Waits... Aínda non teñen un disco comercial editado e a banda liderada por Javier Prado xa posúe un curriculum envexable. E todo grazas a esa xoia en forma de trece cancións titulada O cadelo lunático e un contundente directo en forma de septeto con sección de metais incluida. No futuro dos Moondogs Blues Party "the sky is the limit", que cantaba Tom Petty. Alá foi a nosa compañeira Besbe na pescuda de máis información canina e isto foi o que lle contou Javier Prado:

Antes de nada, pódeme a curiosidade, gañastes o ano pasado o premio Talentos 2007 de El País, en que invertistes os 10.000 euros? 

Pois gastamos ata o último céntimo en instrumentos musicais. 

Agardabas esta difusión cando presentaches o disco no programa Perfidia na CUAC FM no 2006? 

Non agardaba nada parecido, de feito cheguei a CUAC FM coa miña guitarra acústica sen saber moi ben que ía tocar, daquela non tiña a sorte de estar rodeado dos músicos que forman hoxe Moondogs Blues Party e “O cadelo lunático” era máis un proxecto que unha realidade. 

Sei que antes tamén formaches parte no 2001 de Tirando Pa´lante, con Antonio León e con esta formación musical quedastes segundos no concurso Nordés e estivestes a piques de gañar o concurso da discográfica Duca2music. Cóntanos algo desta etapa e como foi o xiro musical que deches ata chegar a Moondogs Blues Party. 

A Antonio León coñecino aló polo 96. Sempre foi un compositor moi activo e nas súas bandas puiden introducir un toque blusero moi interesante. Eu estaba interesado pola fusión e a búsqueda de novos camiños musicais, e con Antonio iso estaba asegurado, ademáis pasaron moitísimos músicos pola banda dos que tamén aprendín moitas cousas, estivemos once anos xuntos. 

Moondogs Blues Party comezou como proxecto en solitario, ou tiñas xa intención de que fose un proxecto de banda?  

Nunca tiven a idea de montar unha banda, de feito é curioso porque Moondogs Blues Party naceu so. Ó principio unicamente grababa uns temas na casa por disfrute, grababa o que realmente me gustaba tocar. Era a primeira vez que eu cantaba os meus propios temas e tiña moitas cousas das que falar. Nun intre determinado algúns amigos escoitaron os temas e trataron de convencerme de montar un disco e unha banda, o que fixen foi poñerlle unha especie de alcume para que non se soubera quen era o músico: O cadelo lunático de Moondogs Blues Party, despois colgueino nalgúns sitios e deixello escoitar a máis xente sen dicirlle que era eu. 

E xa postos, a raíz de que  acontecementos foi surxindo a magnífica banda que te acompaña? Coñecíalos xa a todos?  

Os comentarios da xente sobre os temas, que xa conformaron un disco por si solos, fixeron que me plantexara montar unha banda, por unha parte falei con Javier Campello, guitarrista da banda Meskalina e compañeiro de festas anos atrás e por outra con Kevin Traba que fora un baterista co que eu tocara nunha banda de funk-rock mentres vivía en Carballo. Iniciamos a andadura con outro baixista amigo noso, pero as circunstancias laborais fixeron que o tivera que deixar, incorporándose Iria Novo que tamén é baixista en Meskalina. A banda comezou a rodar así en formación tradicional de dúas guitarras, baixo e batería. O trompetista Klaus Martin veu recomendado por Kevin. Incorporouse posteriormente Alicia Valle coa flauta traveseira, que era unha vella amiga e profesora na Escola Municipal de Música da Coruña e tamén en Narón, a continuación fixoo Fernando Raño ó trombón que é profesor na Escola de Música de Ribadeo, compoñendo así a actual formación de vento da que dispón a banda. A última incorporación foi o percusionista Javier Pera que é profesor no Conservatorio de Viveiro e na Escola de Música de Sada. 

De quen foi a idea dos ventos, porque dan un toque especial nos vosos directos. Teño entendido que algúns dos componentes proviñan do mundo das orquestas, aportaron cousas novas ou foi un impedimento? 

Klaus foi quen veu das orquestras por medio de Kevin que tamén traballa nunha. A idea dos ventos non foi algo concreto. O tema da orquestra aporta a experiencia musical no escenario, sen embargo a nivel musical non atopo nin impedimento nin aportación para o grupo. A Alicia Valle coñecía de anos atrás e frecuentamos os mesmos bares, simplemente un día tomando algo pregunteille se lle apetecería probar a tocar no grupo cun trompetista, ela aceptou. Fernando Raño viñera a vernos a un concerto no Clavicémbalo de Lugo, presentoumo un compañeiro meu. Quedou entusiasmado coa actuación e deume a sensación de que era un bó tipo así que lle dixen se quería vir a probar unhas cancións con nós, e así foi que se quedou. 

Deches ti concertos en solitario? Se é así, como se enfrontan os concertos en solitario e acompañado? 

Nalgunha ocasión teño tocado coa miña guitarra eu so. A min gústame sentir o calor da xente, cunha banda sénteste arroupado e moi seguro, é mais sinxelo que todo vaia rodado. Sen embargo, en solitario tes que buscar un pouco máis de complicidade coa xente que está no público, polo tanto trato de convertir o concerto nunha especie de catarse colectiva na que toda a xente participe. É unha festa entre amigos.  

Se os teus anteriores proxectos apuntaban ao éxito, con Moondogs non é menos: o productor David Broderick distribúevos a través de kerfmusic.com en Canadá, gañadores do premio Talentos 2007, a canción Childhood Soul incluída nun recopilatorio de música Creative Commons da man de Jorge Pinto, finalistas do Azkena Rock Festival, incluídos nos concertos de Festas Demoscópicas organizadas por Mondosonoro, representantes de Galicia no Midem 2008 de Cannes e semifinalistas da International Songwritting Competition tendo como xurado ao mesmísimo Tom Waits...despois de semellante curriculum tesnos que contar moitas cousas, non? Como foi surxindo todo isto? Que anécdotas destacarías de todos estes eventos? 

Pois destacaría o feito de que no verán do 2005 coñecera unha guitarra acústica nunha tenda de Aberdeen, tivera unhas sensacións especiais, de feito non era capaz de marcharme da tenda, incluso sacara unha foto con aquela guitarra. Dous anos máis tarde a guitarra da foto convertiuse na miña nova compañeira. 

Pregunta obrigada, son rentables as licenzas Creative Commons? 

Por suposto que si, penso que non só son rentables senón que son algo bo para a difusión da música e da cultura en xeral, ademáis non fan mal a ninguén convivindo coas licenzas tradicionais.

Eu non podo entender un concepto mercantilista da cultura, os cartos son unha cousa e as creacións artísticas outra completamente distintas. Ben é certo que durante boa parte da existencia humana asociaronse eses dous elementos, sen embargo, penso que o xeito correcto de que o fagan é servindo ós cartos ó mantemento e supervivencia da cultura e non o revés, é dicir, empregando a cultura como sistema de mantemento dos cartos. 

Xa destes unha manchea de concertos, con IGAEM e sen el, como notades a acollida da vosa música? 

Os concertos foron todos moi impresionantes, por unha banda pola cantidade de público, xa que foron moi poucos os locais que non estiveron casi cheos e por outra, pola acollida da xente e polo efecto que lle causamos. Non é doado acadar que o público deixe simplemente de mover o pé ó ritmo da música e comece a bailar, a saltar ou mesmo a berrar con nós, chegámolo a conseguir incluso nun auditorio onde a xente tiña que estar sentada. 

O concerto que máis disfrutastes? 

Non é sinxelo baremar o desfrute dunha actuación porque practicamente en todas a banda remataba extasiada e cun entusiasmo altísimo, sen embargo poderíamos sinalar unha que dimos en Marzo en Vilalba no Fardela, por varios motivos: por unha banda porque o Fardela foi o sitio que nos abriu as portas por primeira vez en xaneiro de 2007 e lle temos especial agarimo a César o seu dono, quen loita cada día por potenciar un pouco máis a música en directo e faino con moita dignidade, por outra porque no local non collía unha agulla, e acadamos unha intensidade altísima, tanto foi así que a xente cando quedaban catro cancións para rematar subiuse ó escenario e tocamos completamente rodeados, foi unha sensación marabillosa, éramos alomenos unha vintena de persoas alí enriba. E por último, despois do concerto xurdiu unha jam session que durou ata as seis da mañá...semella que comeza a ser xa tradición nos concertos de Moondogs no Fardela. 

Tocar nunha cárcere, como vos fixestes en Bonxe, mete medo, faite máis humano, sínteste realizando unha labor social ou é un concerto máis? 

No aspecto meramente musical, non hai dúbida de que é un concerto máis, aínda que o público ten que estar constreñido porque non lles deixan alborotarse, sen embargo sentes que hai moita receptividade pola súa parte debido a que un acto dese tipo sempre é algo diferente á súa rutina diaria.

Polo que se refiere ó lugar onde se toca, é moito máis impresionante do que se poida pensar ou ver nos filmes, todo ten un ambiente moi sórdido e da a sensación de que ó pasares cada unha das portas dobres de seguridade, vas afondando máis en máis nun sitio do que é imposible sair, é como se foras afogando. Ademáis é moi intenso o cheiro que hai no ambiente, é como unha mezcla entre humanidade e lixivia. Depois os internos son moi amables, aínda que ves moita tristura nos seus ollos, sobre todo cando ti marchas e eles quedan. A xente non da medo, é ese terrible lugar.

moondogs3

Quedounos por dicir antes que a túa canción Walking night in Missisipi vai ir incluída nun DVD sobre a escravitude do Instituto de Historia de América grazas ao productor Kris Kaczor...dime argumentos de películas para os que algunhas das túas cancións poderían ir de banda sonora. 

Pois supoño que todo o disco podería encarnar o argumento dunha película que se baseara na vida dunha persoa dende o punto de vista de o que a fai máis humana. As lembranzas da infancia, eses intres nos que a túa razón é libre, nos que a túa alma é como unha especie de surtidor de sensacións gratificantes. A chegada dos placeres escuros, das perversións, os vicios, os pautos co diaño nos que sen darte conta estás apostando duro e tes moitas posibilidades de fracasar. Tamén a pérdida do amor, o vacío espiritual e a confusión no camiño. Teríase que amosar á súa vez a face do descontrol que producen determinadas sensacións ou pensamentos que son máis fortes que as drogas: a paixón descontrolada, a insatisfacción sexual, o desexo e o amor. Todo iso aderezado cunha boa dose das miserias do ser humano e da súa sociedade: os enganos, a insignifancia do home e da muller, a rutina das escravitudes modernas que te convirten nun eslabón dunha cadea oxidada, a grande miseria do odio que leva o ser humano dentro e sobre todo a ira, que o convirte xusto no que non é, un asasino. 

En que te inspiras á hora de compoñer? De que che gusta falar nas túas letras? 

Fundamentalmente trato de escribir as cousas que me rodean e que me suceden, non me gusta inventarme historias que nunca ocurriron ou que simplemente están baleiras de contido, gústame chegar á xente, pero non no sentido de que as miñas cancións conecten co reproductor de mp3 da xente, senón que as cancións estean cheas de xente.

Como inspiración sérveme calquera situación que me dea voltas na cabeza e faga que nin sequera saiba o que estou a facer, por onde vou camiñando ou cal era a miña meta nese intre, un exemplo é unha das novas composicións que se chama Money Hunter que viría a traducirse como O cazador dos cartos. Nela falo dun amigo que vive obsesionado únicamente polos cartos, coma se tivera a idea de que seña como seña vai ser millonario ou algo así. O caso e que levaba uns días dándolle voltas á súa persoa e de súpeto comecei a darme conta de que facía o que fixera falla para conseguir os cartos, sáltabase todo tipo de principios morais ou éticos e por suposto tamén os principios legais, tratei de poñerme na súa situación e no seu pensamento e así foi como xurdiu o tema. 

Falando de opresións, miserias, tristezas ás que está vinculado dende a súa orixe o blues, que temática utilizarías para facer un blues sobre Galicia? 

Supoño que tentaría falar sobre a forma de ser das galegas e dos galegos, de a onde queremos ir a parar e quen somos en realidade. Nese sentido Castelao foi un gran bluseiro. 

O blues tivo influencia en todo tipo de estilos musicais e en Galicia nos últimos anos hai un resurxir de música de todo tipo: electrónica, pop, rock, punk, hip-hop...algún grupo ou solista a destacar? 

Destacaría fundamentalmente o prolífica que se está amosando Galicia no campo musical, con proxectos do máis variado e tamén o nivel de calidade que se escoita duns anos para aquí, non só nas grabacións que existen e van aparecendo, senón sobre todo nos concertos das bandas galegas. Por destacar un nome entre moitos direi Moon Cresta. 

Algo que criticar/gabar na xestión da música en Galicia? 

Loubar que comece ó fin a existir unha xestión musical. E polo que se refire ás críticas, ó non ser nin o meu campo de traballo nin un que coñeza medianamente ben, tan só podería dar unha opinión baleira, así que direi que supoño que a todo o que comeza hai que darlle un tempo e sobre todo apoialo. 

Tendo en conta que o blues é voz e guitarra na base, que é para ti unha guitarra? 

Pois un instrumento, pero non só un instrumento musical, senón un medio de liberdade, de expresión, de comunicación, é case como unha prolongación da miña alma, algo así como unha interface física que me permite convertir sentimentos en sons. Gústame moito esa frase que Woody Guthrie levaba pintada na súa guitarra que dicía: This machine kills fascists. 

Mantedes contacto con outros grupos do voso mesmo estilo? Hai algún circuito de blues ao que poder acudir ou algún local no que sexa o fío musical predominante? Danos algunhas indicacións para seguir disfrutando deste tipo de música. 

O contacto das bandas en Galicia é un tema moi pendente e bastante complexo, como en tódolos sitios un pouco pequenos créanse enfrentamentos absurdos e moitos localismos, pero é algo que estamos tratando de arranxar entre todos, sobre todo a base de moita unidade, menos crítica inútil e máis apoio das institucións. Pola nosa parte mantemos contacto con Víctor Aneiros e tamén con Albert Little Boogie Band.

Polo que respecta ó circuito, o blues móvese na misma liña que o resto das músicas en Galicia, aínda que si que é verdade que e moito máis sinxelo subirse a improvisar unhas cancións se te pasas por exemplo por un concerto de Albert Little Boogie Band.

A nós gústanos ir os xoves despois de ensaiar a un garaxe mugrento da Coruña onde fan jam sessions de jazz ata as dúas da mañá. 

E digo eu que  non so de blues vive Javier Prado, como xa vimos nas túas dez cancións xa publicadas en Sono-tone...no teu traballo que música escoitas ou alí non se escoita música? 

Escoitase, e tamén compártese entre os compañeiros o cal é moi bó, porque estás continuamente conectado cos gustos doutras persoas e tamén actualizado.

Neste momento levo dúas semanas escoitando o Blood on the tracks de Bob Dylan, teño serios problemas para desengancharme de determinados discos, aínda que trato de alternalo co 18 Essential Songs de Janis Joplin, co Grace de Jeff Buckley, co Old devil called love again de Billie Holiday e co Way to blue de Nick Drake. Se me preguntas dentro de dúas semanas direiche outros cinco discos distintos. 

Máis de música, a canción que che gustaría ter composto, a que máis che gusta cantar e a versión que máis che gusta interpretar. 

Gustaríame ter composto calquera canción do Forever Changes de Love. O tema que máis me gusta cantar é Childhood Soul. E a versión é As the years go passing by. 

Estades rematando a xira do disco “ O Cadelo Lunático”, teño entendido que para o segundo disco hai cantidade de ideas na mesa, é un problema a cantidade ou é unha bendición? Agora que hai banda detrás, é distindo o proceso de composición? 

Un pouco de problema si que se pode xerar á hora de descartar determinados temas, pero polo de pronto aínda non mo plantexei, veremos cando lle deamos a coherencia ó disco. Polo que respecta ó proceso de composición é similar aínda que agora xa teño presente outros instrumentos e posibilidades que no primeiro disco non me plantexaba. 

Hai cancións ou melodías concretadas, que nos traerá de novo? 

Xa hai un estilo bastante definido, que se achega ó primeiro disco, pero penso que se lle está aportando unha dimensión con algo máis de luminosidade ou de soul, pero nun sentido máis de folk americano que de blues. Cústame encaixar o son das novas cancións, supoño que é outra derivación do tipo de blues que facemos. Despois xa veremos como o levamos ós escenarios. 

Polo que teño entendido os amigos foron fundamentais á hora de levar adiante este primeiro disco, se aos que nos gusta a túa música tivesemos que agradecerlle a alguén o poder escoitarte, a quen sería? 

En primeiro lugar a miña nai e o meu pai e despois a Cris, a Hugo, a Jesús, a Alicia, a Dani, a Víctor, a Óscar, a Javi, a Roberto e por descontado a toda a banda. E tamén a toda a xente que veu ós concertos. 

Algo máis que contarnos? 

Agradecervos o voso traballo, a información de calidade que poñedes cada día á nosa disposición e a unidade que dalgún xeito ides forxando pouco a pouco entre as bandas galegas. Moitas gracias. 

As gracias, como non, témoslla que dar a eles e a todo o rebulir de música ao que estamos asistindo.
 
Comentarios (0)add
Escrebe o teu Comentario
quote
bold
italicize
underline
strike
url
image
quote
quote
smile
wink
laugh
grin
angry
sad
shocked
cool
tongue
kiss
cry
+ pequeno | + grande

busy
Tags:  MOONDOGS BLUES PARTY O CADELO LUNATICO JAVIER PRADO
 
Seg. >
 

COMENTADO RECENTEMENTE

GZ POP! A NOVA FORNA...
Precisamente por eso non se lle pode chamar POP, p...
IRIA ABOI
Pois iso que está moi boa
CONTACTO
ola. Son Xabier Mera. Gustaría de enviaros inform...
FRANC3S - Franc3s (G...
penso que o termo "bizarro" está demasiado sobado...
PRIMEIRO DISCO LONGO...
xa o puiden escoitar, as miñas felicitacións aos...
PRIMEIRO DISCO LONGO...
xenial, que ganas que lle tiña!
PROJECTO ['TREPJA], ...
flipante a música que se está facer na terra nos...
PROJECTO ['TREPJA], ...
mágoa que non quedaran Noise Project de primeiros...
GZ POP! A NOVA FORNA...
queramos que si, queramos que non, todo que se sex...
GZ POP! A NOVA FORNA...
Chámanlle GZ POP a un disco con cancións de grup...

NOVIDADES

  • 08:00 - 13.11.2008 NOVIDADES

    franc3s

     

     

     

     

     

     

    FRANC3S
    Franc3s
    (A regueifa, 2008)

    Cando o 18 de maio de 1980 Ian Curtis decide unilateralmente poñer fin á breve singradura musical de Joy Division pendurándose polo pescozo cunha corda, o deus máis escuro do Valhalla da música popular fixo vibrar dolosamente as súas cordas vocais, emitindo un berro nunha frecuencia tan aquelada que só os tímpanos cunha maior dose de bizarrismo tebroso puideron captalo. Ese berro multiplicouse en miles de ecos que espallaron interminabelmente a mensaxe de loito desa deidade pagán polos catro recunchos do planeta. Así, non podía ser doutro xeito, esa onda sonora vibrou por terras de Bergantiños, e a semente desa vibración áspera, sucia e arriscada agromou nos miolos de Alberto, María e Patuki (tamén chegou a Vilalba) para florecer en Franc3s.

    A evolución metastática destes individuos de fans incondicionais a parte infinitesimal do universo bizarro fica fosilizada no seu propio nome, tributo por triplicado á actriz Frances Farmer, á vocalista de The Vaselines Frances McKee e á artista circense Frances O´Connor. María coa batería, Alberto coa guitarra e coa voz e Patuky cos teclados non só homenaxean en cada distorsión a bandas como Surfin´ Bichos, Los Enemigos, The Cramps ou The Jesus and Mary Chain, senón que tratan de enchoupar a súa música das sensacións que lles transmiten as obras de, por exemplo, John Waters, William Burroughs ou Pollock.

    Franc3s decidiu por fin dar o grande chimpo ao LP logo de dúas maquetas receptoras de boas críticas e gabanzas a manchea. O seu primeiro disco, Franc3s, está composto por dez temas e foi editado por A Regueifa Plataforma baixo licenza de Creative Commons; pode baixarse de balde en www.aregueifa.net. Tamén se pode adquirir en soporte físico, nunha edición limitada e feita a man a base de papel de lixa e peluche, en Discos Noni´s (A Coruña) e Cosmic Pop Club (Carballo).

    Así que xa sabedes, amantes dos sons de ultratumba, do theremin, da escuridade, do veludo, da luz de neon reflectida nas pozas dunha cidade perdida,…, gozade todos do novo de Franc3s, e xa me contaredes.

    Comentarios (1)add
    franc3s rules
    escrito por Óscar , Novembro 14, 2008
    penso que o termo "bizarro" está demasiado sobado xa

    según a RAE:

    bizarro, rra.

    (De it. bizzarro, iracundo).


    1. adj. valiente (‖ esforzado).

    2. adj. Generoso, lucido, espléndido.



    FRANC3S molan trogollón!
    bicos pra eles
    Escrebe o teu Comentario
    quote
    bold
    italicize
    underline
    strike
    url
    image
    quote
    quote
    smile
    wink
    laugh
    grin
    angry
    sad
    shocked
    cool
    tongue
    kiss
    cry
    + pequeno | + grande

    busy

    Ler máis...
  • 12:37 - 13.10.2008 NOVIDADES

    nouvelledemmemoria

     

     

     

     

     

     

     

     

    NOUVELLE CUISINE
    De memoria
    (Autoeditado, 2008)

    O “malo” de ter asinado xoias de pop tan perfecto como Aritmética polar ou Dos torres é a altura á que deixas o listón para vindeiros discos. Os herculinos Nouvelle Cuisine corrían o risco de ser vítimas da calidade que plasmaron no seu anterior disco, o encantador Autodictado. Por fortuna, os "cocinitas" non se enrrugaron e souberon partir do ponto onde o deixaron para elevalo aínda uns centímetros máis, coma uns Sergéis Bubka do pop con pértiga.

    Sen perder o seu xa característco estilo -algo ben dificil de conseguir nunha banda con dúas voces tan diferentes- percébese nos doce temas que fan parte deste De memoria un salto cualitativo na produción. Continúan a guisalo e comelo eles mesmos pero no estudo de gravación a experiencia nótase e este enriquecemento faise palpable tanto a nivel de arranxos coma da expansión na paleta de sons e instrumentos (acordeóns, rhodes, sintes...). O certo é que o son de Nouvelle Cuisine acada con este disco un novo grau de madurez xa que a incoporación de sintetizador e caixas de ritmos nalgúns temas e a falla de complexos para meter guitarras moito máis distorsionadas afástaos do típico e autolimitado son indie do que beben -La Buena Vida e La Habitación Roja- explorando novos territorios que a esta altura da película a verdade é que son de agradecer.

    E como non hai bon disco de POP -con maiúsculas- sen unha boa colección de singles, ahi están eles para deixarnos xemas coma Sintonia08, Comunicación no verbal, El imperio roto ou Seremos cajeras... mostras de pop clásico preciosista dese que che queda ecoando permanentemente na testa con só un par de escoitas. A verdade é que resulta incrible que estes talentosos chefs non atopasen unha discográfica que lles editara o disco, por moita crise da industria discográfica que haxa. Neste caso é evidente que xogou máis na súa contra a deslocalización con respeito ao epicentro dos que terían de ser os seus pretendentes. No indie estatal xa se sabe que fora de Madrid e Barcelona vai moito frío. Porén a xogada non lles saiu tan mal, mais ben ao contrario, autoeditando o disco por partida doble, tanto en formato digipack de xeito comercial coma nun formato máis exclusivo: unha camisola que se vende xunto con unha memoria USB con toda a súa discografía. Se non querían caldo, dúas cuncas. E nós, claro, tan felices cun caldo tan cheo de sustancia.

    Comentarios (0)add
    Escrebe o teu Comentario
    quote
    bold
    italicize
    underline
    strike
    url
    image
    quote
    quote
    smile
    wink
    laugh
    grin
    angry
    sad
    shocked
    cool
    tongue
    kiss
    cry
    + pequeno | + grande

    busy

    Ler máis...
  • 11:20 - 25.09.2008 NOVIDADES

     

     

     

     

     

     

    BLOC PARTY
    Intimacy
    (Wichita, 2008)

    A “alarma silenciosa” ca que catro rapaces do East London decidiron comunicarlle ao mundo a súa existencia non foi tal; resultou o estoupido xordo do primeiro foguete da alborada, que racha o silencio da moribunda noite e pronostica xoldra. A partires dese intre máxico pode gozarse ou non da festa, pero xa non sobrevive no interior dos participantes esa inicial sensación de sorpresa. A Weekend In The City convertiuse desde o seu lanzamento na primeira víctima das odiosas comparacións as que serán sometidos todos e cada un dos traballos que Bloc Party decida facer, aos que xa de saída se lles catalogará como “inferiores a Silent Alarm”. Kele Okereke na voz e na guitarra, Russell Lissack na guitarra, Gordon Moakes no baixo e nos coros e Matt Tong na batería conforman Bloc Party.

    Intimacy (Wichita Recordings, 2008), o seu terceiro traballo, veu a luz o pasado 21 de agosto no seu formato dixital, quedando desde entón pendurado na rede coa posibilidade de baixalo previo abono do prezo estipulado. Os interesados en adquirilo no seu formato físico deberán agardar ata o 28 de outubro; neste formato inclúense algúns cortes non presentes no dixital. O disco foi producido por Paul Epworth e Jacknife Lee, quenes xa colaboraran coa banda nos seus anteriores traballos (...)

    Comentarios (0)add
    Escrebe o teu Comentario
    quote
    bold
    italicize
    underline
    strike
    url
    image
    quote
    quote
    smile
    wink
    laugh
    grin
    angry
    sad
    shocked
    cool
    tongue
    kiss
    cry
    + pequeno | + grande

    busy

    Ler máis...
  • 08:00 - 11.09.2008 NOVIDADES

    jugoplastika

     

     

     

     

     

     

     

     

    JUGOPLASTIKA
    The 6th is the 7
    (Astro Discos, 2008)

    Co dos revivals é mellor non chegar a última hora. De poder escoller, o ideal sería chegar cando a cousa xa despegou pero aínda non invade masivamente as páxinas da NME e derivados, entrando de cheo no momento álxido do hype. Como mal menor, non estaría mal ser dos primeiros, o que sexa con tal de non ser dos últimos en chegar. Porén, ser pioneiro na recuperción dun son pasado garante certa frescura e non soar clónico pero tamén ten a desvantaxe de que van ser outros os que desfruten do verdadeiro recoñecemento. Non se pode ter todo.

    E no caso de Jugoplastika dá a impresión de que é exactamente isto último o que lles vai pasar. Asi que é de xustiza reivindicalos dende xa coma iniciadores dun revival que aínda está por chegar, o do indie guitarreiro dos primeiros 90s, con ecos de radio universitaria americana, voces pouco afinadas e producións precarias de son garaxeiro. Porque no seu último album -The 6th is the 7- non hai banda da época que non faga acto de presenza dunha ou outra maneira nalgunha das once cancións que fan parte do disco, dende os Pixies a Weezer pasando por Pavement, Guided by Voices, e Grandaddy. Un traballo, por certo, maxistralmente producido por Paco Loco, que demostra ser un auténtico todoterreno, recreando perfectamente o son suxo dominado polas frecuencias medias tan característico daqueles tempos dando forma ao que probablemente é o disco galego máis xenuinamente americano de todos os tempos.

    Dubido que Kukoc, Perasovic e Radja escoitasen aos Pixies nos vestiarios pero o certo é que as coordenadas temporais deste novo son de Jugoplastika teñen perfecto sentido e danlle coherencia absoluta á estética do grupo. Iso si, só asimilable en todos os seus matices  polos que nacimos antes dos 80s, as novas xeracións van ter que agardar a que chegue o revival noventeiro -remastigado e actualizalo- para desfrutalo ao 100%. Sexa coma sexa, sempre poderemos dicer o de "pero se isto xa o facían Jugoplastika no 2008".

    Comentarios (1)add
    ...
    escrito por xoel , Setembro 15, 2008
    bluff
    bluff
    Escrebe o teu Comentario
    quote
    bold
    italicize
    underline
    strike
    url
    image
    quote
    quote
    smile
    wink
    laugh
    grin
    angry
    sad
    shocked
    cool
    tongue
    kiss
    cry
    + pequeno | + grande

    busy

    Ler máis...
  • 06:52 - 02.09.2008 NOVIDADES

    death_cab_narrow_stairs

     

     

     

     

     

     

    DEATH CAB FOR CUTIE
    Narrow Stairs
    (Atlantic, 2008)

    Atópome de fronte e a máis de 200 km/h con Narrow Stairs; o choque é brutal, anaquiños de disonantes melodías dunha beleza inusual perforan diversos órganos do meu corpo e préñanme as vísceras dun sotaque agridoce de saudade. Atópome de fronte ante o sexto traballo da banda formada por Ben Gibbard, Chris Walla, Nicholas Harmer e Jason McGerr; atópome de fronte cunha auténtica delicia de comezo a fin, tanto no seu formulación como na súa execución, un río que nace e transcorre cara o mar entre meandros sinuosos e violentas fervenzas.

    Nace Narrow Stairs cun corte duns cinco minutos que lembra por veces á primeira canción de Plans, aquela Marching Bands of Manhattan que nos marabillara, aínda que esta posúe un ton máis sutil. Comeza amodo para ir acadando maior contundencia segundo pasa o tempo, apoiados sempre nun enorme baixo (...)

    Comentarios (0)add
    Escrebe o teu Comentario
    quote
    bold
    italicize
    underline
    strike
    url
    image
    quote
    quote
    smile
    wink
    laugh
    grin
    angry
    sad
    shocked
    cool
    tongue
    kiss
    cry
    + pequeno | + grande

    busy

    Ler máis...
  • 11:34 - 12.05.2008 NOVIDADES