Quant é unha banda moi peculiar en moitos aspectos. O noso compañeiro
Gustavo Harvey tivo ocasión de falar co seu paisano Oscar Quant e
descubrir o porqué.
1-
Ante todo descríbenos como é o proxecto Quant, porque en directo vemos
unha formación pero despois a banda crece e crece tanto como as súas
necesidades.
Quant somos un grupo de
amigos con moi parecidos intereses musicais. Entre todos dedicámonos a
gravar cancións, maquetas no meu estudo caseiro. Algúns de nós tocamos
esas cancións en directo desde fai uns meses. Podería dicirse que somos
un colectivo ou unha comunidade musical, pero é un concepto demasiado "hippie" para o meu gusto. Nunca quixen que Quant
fose un grupo convencional, de feito en principio era un proxecto de
estudo que nunca tocaría en directo. Somos un grupo, pero un grupo de
amigos. Como dixo o gran Fer: "Non somos músicos, somos xogadores da música".
2-
Dentro de Quant hai xente moi activa na vida cultural de Ferrol e do
mundo, cóntanos un pouco, creo que tendes xente de La Fonográfica
General, directores de curtametraxes, etc.
Algúns membros de Quant colaboran de xeito desinteresado con LFG,
un colectivo que edita discos en vinilo e que se financia coas festas e
concertos que organizan. Esperemos que pronto poida saír o single de Quant, fainos moita ilusión.
Por outra banda, o noso guitarrista, Rubén Coca,
dirixe proxectos audiovisuais desde fai anos. Actualmente traballa na
súa última tolemia, un traballo que combina diferentes formatos visuais
(foto, video, cine) e para o que Quant xa está traballando na súa banda sonora.
3-
Como inflúe na vosa distribución e promoción internet. Tendes videoclip
no youtube, e recentemente publicastes as vosas maquetas en A Regueifa
Plataforma.
É o principal medio para a difusión das nosas
cancións, xa que todas están dispoñibles de xeito gratuíto. Tamén as
regalamos en cd. Adoito levar copias aos sitios a onde vou e, se a
xente ma pide, non dubido en regalala. Estamos moi contentos co noso
videoclip, quedou moi ben e moi acorde co espírito de Quant... Oxalá poidamos facer máis no futuro. Á Regueifa
temos que agradecerlle que nos dese a coñecer dentro da Galiza. Ás
veces tiñamos a impresión que se nos coñecía máis fora. Estamos moi
contentos de poder colaborar con eles.
4- Cóntanos a
experiencia en Cáceres dentro dese festival que organizan os de Cáceres
Pop Art. Fostes o grupo pop revelación dos premios ao Pop español.
Unha fin de semana fantástica... Recollimos o premio de mans de Jesús Ordovás,
tocamos con moi bos grupos nun gran teatro, coñecemos a gastronomía da
zona, risas e máis risas... Nunca o esqueceremos. Creo que foi o
primeiro momento onde nos demos conta de ata que punto nos gusta isto e
nos sentimos como un grupo, digamos,"de verdade".
5- E que hai da vosa aparición en compilacións de Bonn Vivant Records?
Bon Vivant é un selo de Cáceres
que se dedica a editar cd compilando grupos maqueteiros de todo o
estado. Participamos en moitos deles e espero que o sigamos facendo. É
un selo ideal para nós. Xa nos fixemos amigos do seu responsable.
Proximamente seguro que xurdirán novas sorpresas.
6-
Como van os vosos proxectos de actuacións en directo... creo que tendes
programada unha en The Cavern, o mítico local do imaxinario
beatlemaniaco alá en Liverpool.
Queremos tocar cada vez máis,
todo o que os nosos respectivos traballos nos permitan. E si, temos
unha invitación do prestixioso festival de power-pop Ipo Festival para
tocar na súa edición de Liverpool, que se celebra no mítico clube The
Cavern, onde os Beatles, xa sabes... (Risas). Será en Maio e aínda
temos que ultimar detalles. Espero que finalmente podamos ir. O día que
coñecín a noticia non durmín do nervoso que estaba.
7- Para cando veremos algún tema en galego dos Quant?
Teño
dous temas compostos en galego, un deles unha bossa-nova, que aínda que
non irá incluída na nosa próxima maqueta, espero que algún día a deamos
a coñecer.
Por outra banda,estamos empezando a preparar a gravación dunha canción do gran Andrés Do Barro para un disco tributo que se editará proximamente, cousa que nos fai moita ilusión. A canción escollida será "Pois Eu".
8-
Notades un cambio no curso dos acontecementos musicais dentro da
Galiza? Maior apoio por parte dos medios, os locais ou as institucións?
Aínda que vivindo en Ferrol
percibir ese cambio é moi difícil, eu si que noto que algo se move a
outros niveis, e creo que isto é debido a que os grupos se deron conta
de que non necesitan aos medios de comunicación para promocionarse, non
necesitan discográficas para dar a coñecer os seus traballos, non
necesitan un manager ou unha axencia de contratación...A autoxestión é
a súa arma e iso nos novos grupos galegos estáse notando. A xente fai
moitas cousas moi interesantes: The Homens, Burgas Beat, Bang 74... gústannos moito.
9- Cando teremos material novo dos Quant?
Moi
pronto. Estamos traballando na nova maqueta. Incluiremos 4 ou 5
cancións novas, co son e o espírito habitual en nós. Quizais melloramos
algo o son e seguimos obsesionados coas melodías e harmonías, o arranxo
imaxinativo e o ánimo “trapisondista” que nos caracteriza.
Tamén, paralelamente a estas gravacións caseiras, estamos pensando en
gravar unhas cantas cancións totalmente novas nun estudo profesional,
aínda que a idea aínda está no aire. Como ves, proxectos e cancións non
nos faltan.
10- Para rematar, un desexo para este 2007.
Que Boy Elliott grave un disco.
Links relacionados:
http://www.myspace.com/quantmusic
http://www.aregueifa.net/quant.htm
http://www.fotolog.com/quant/
según a RAE:
bizarro, rra.
(De it. bizzarro, iracundo).
1. adj. valiente (‖ esforzado).
2. adj. Generoso, lucido, espléndido.
FRANC3S molan trogollón!
bicos pra eles