O
2006 foi un ano triunfal para The Homens: o voso EP foi escollido entre
os dez mellores discos do ano polos lectores da revista Sonotone,
quedastes tamén entre os dez primeiros en A Polo Ghit con
“Sandra Dee”, non tivestes paraxe dando concertos por todo o país e
mesmo fóra del... Agora que xa acabou o ano, cal é o balance que
tirades de todo iso?
Martin Wu:
Témome que no aspecto das contas, mal (risas). Non, estivo ben. A
verdade é que desde que sacamos o EP non nos podemos queixar. Non
esperabamos desde logo tocar tanto como tocamos porque fixemos trinta e
pico concertos e tal e como está o panorama non está nada mal... e
seguimos! Incluso estamos tentando sacar o pé do acelerador pero non
podemos. Non damos parado e ese aspecto sorprendeunos tamén porque
nosoutros non temos manager nin teremos, vamos.
Esa é outra. Como vos organizades entón para xestionardes toda esa chea de concertos?
Roi:
Vannos chamando, realmente. Ata agora sempre foi así. Salvo un par de
excepcións, sempre foron requirimentos e a verdade é que se está
xenial. Por outra parte, iso é perfecto para un grupo coma nós. Non
temos ninguén que nos organice a vida, organizámonos directamente cos
locais, con xente que nos coñece.
Martín Wu:
Ademais nós somos pouco exquisitos nese aspecto. A nosoutros gústanos
tocar e tocamos onde seña, case pola pasta que seña e nas condicións
que señan. A nosoutros gústanos tocar e tamén se te pos así pois non
tocas en ningún lado.
Xocas:
Martin ten razón pero iso vén tamén porque nós, á parte de apostarmos
por isto, tamén apostamos por xente que está en asociacións culturais
facendo cousas e que moitas veces non ten moitos recursos para facer un
concerto. E pásalo moi ben, son sitios estupendos para tocar. Igual non
tés as condicións óptimas dunha sala pero iso tamén lle dá a vida ao
panorama musical e cremos que é a base. Nós vemos todo ese traballo de
base a apoiámolo na medida en que podemos.
De feito, vós, á parte de procederdes e estardes noutras bandas, tamén participastes activamente no tecido asociativo, non é?
Xocas: Eu
creo que foi todo un proceso que foi nacendo a raíz do hardcore, de
bandas como Fame Neghra, ou da historia toda de Lixo Urbano, que era
tamén unha historia colectiva e asociacionista, sen ánimo de lucro. O
que pretendía era dinamizar un pouco o sector e que fose un punto de
unión entre bandas, entre distintas linguaxes de distintas bandas,
sempre no eido do punk e do rock máis que nada. E agora estamos aí no
local onde ensaiamos, no Castiñeiriño, e levámonos moi ben así con
todos os veciños. Somos bastantes de alí e entón formamos unha
asociación cultural que o que fai é dinamizar facendo actividades no
barrio, desde roteiros ata churrascadas. E despois tamén está o
festival grande, o Rock in Costa, que é un festival de bandas de rock
galego-portugués principalmente. Agora está nese plan, un pouco
seguindo a liña de Audiência Zero pero en pequeniño. Non traballamos
tanto coma eles pero si pretendemos o intercambio entre grupos da zona
lusófona.
Vós vindes de proxectos musicais ben diferentes do power pop como o hardcore. Como chegastes a este punto?
Roi: Non
sabemos moi ben. A historia é que queriamos seguir facendo unha música
así forte, unha música intensa, pero tamén tirando para a melodía.
Queriamos facer algo melódico, algo lírico, e realmente deunos por aí.
Non sei qué influencia tivo que un amigo noso gravase un disco de hits
da New Wave e, entón, empezamos así a facer algunha versión, a sacar
temiñas. A verdade é que nos gustou moito a historia: temas curtos,
sinxelos, directos.
Xocas:
Á parte, creo que tanto o hardcore como o punk non son unha cuestión de
son ou unha cuestión de etiqueta, senón máis ben unha filosofía de como
ti te enfrontas a multitude de temas á hora de ter un grupo, desde a
composición ata a distribución musical, e iso creo que o seguimos
mantendo ao pé da letra.
Da
morea de concertos que destes este ano, cales son os que lembrades con
máis intensidade? Tivestes tamén concertos para esquecer?
Martin Wu: Estivo
realmente ben o do Chimarrao, en Ferrol, porque foi súper raro. Foi un
ambientazo. É un local pequeniño pero estaba ateigado. Eu suei como un
porco. Non podía comigo.
Xocas:
Á parte foi moi ben porque creo que foi a primeira xira potente que nós
fixemos. Estivemos catro días seguidos a tocar, era algo que nunca
fixeramos. Era como estar “on the road”. Entón foi algo especial, si.
Roi: O
sitio era moi curioso tamén porque era un bar que está alí nun local
social que está no Bertón, en Ferrol. Era o local dun equipo de fútbol
que aínda segue xogando e ten ao lado un salón de baile impresionante e
ao que non podiamos acceder máis que para mexar (risas).
Martin Wu: Ademais
estivo moi ben porque o fixo Fran, o baixista de Mencer Vermello, un
grupo de alí de Ferrol. E tratounos como putos reis. Ao final iso é o
que vale.
Xocas: Tamén
houbo outros. Por exemplo en Burela, cando tocamos no festival
Implícate na Mariña cun ambiente espectacular. Era un festival precioso
e cheo de sentido. Xenial con toda esa diversidade que había na
Molinera. Alí estabamos como na casa.
Roi: O último da Nasa tamén me gustou moito. Paseino especialmente ben. Estabamos cos Samesugas e foi un subidón.
Xocas: O do Rock in Costa tamén porque é como tocar na casa.
Martin Wu: O máis raro de todos foi o de Proxecto Edición. Tocamos no Recinto Feiral de Pontevedra, alí no medio na nada...
Roi:
Amenizando os pinchos que lle estaban poñendo á xente dos stands. En
canto acabaron, empezaron a sacar os pinchos “a toda leche”...
Xocas: Pero respectáronnos eh...
Martin Wu: Foi moi raro pero estivo moi ben (risas).
No
ano pasado tamén fostes tocar a Portugal. No voso fotolog puidemos ver
unhas fotos estupendas da vosa pasaxe por aló. Como acolleu o público
portugués a vosa música? Como foi a experiencia para vós?
Roi:
Ben, tocamos con bandas que xa coñeciamos. Tocamos con D3Ö e Green
Machine, organizado todo por Audiência Zero, que é unha asociación que
está facendo intercambio de bandas entre Galiza e Portugal e que agora
está funcionando moi ben. Están facendo tamén outras historias.
Xocas:
Si, desenvolven proxectos culturais en xeral. Un dos proxectos que
funciona na asociación é o de Eixo Norte, que é un proxecto de
intercambio cultural entre Galiza e o norte de Portugal. Están agora
traballando no das vilas dixitais. Incluso nos están facendo un vídeo
clip.
No
Youtube xa podemos encontrar unha chea de vídeos de actuacións vosas ao
vivo, pero tamén un clip de “Uh Uh Uuh!”, como foi a cousa?
Martin Wu:
Iso fíxoo unha xente de Ribadeo. Foi nun festival de curtas que se
chamaba On&Off. Facían uns obradoiros e fixéronnos un clip moi
curioso e á parte con moi poucos medios. Agora estamos esperando o
misterio que vai ser o que nos están facendo aí en Portugal (risas). A
ver que sae.
Nese clip de “Uh Uh Uuh!” non aparecedes. Sentiriádesvos cómodos dando a cara nun vídeo clip?
Martin Wu: A min non me gustan os vídeo clips! (risas)
Roi:
O bo é que nós temos os nosos temas en descarga gratuíta con licenza de
Creative Commons bastante aberta, maleable, co cal ti podes facer
practicamente o que queiras cos nosos temas sempre que non te lucres.
Entón, esta xente de Ribadeo pediunos permiso e decidiron facer o vídeo
clip co noso tema, o cal nos pareceu fantástico. Á parte tivérono que
facer moi rápido. Creo que só tiñan media hora de batería e tivérono
que facer en moi pouco tempo. O resultado non é unha “virguería” pero
está moi ben. É simpático.
Estades
a facer novos temas. Nos anteriores hai como un tándem de guitarras
máis a batería. Continuades coa mesma fórmula nos que estades a facer
agora ou ides incluír elementos musicais novos?
Roi: Estamos buscando aí arranxiños, metendo algún teclado. Non descartamos que aí poida entrar algo de electrónica.
Xocas: Pero a base vai ser a mesma. O que se pode introducir serán arranxos.
Martin Wu:
Vai ser o mesmo porque o formato de tres é moi cómodo para todo.
Ademais, cando xa tés un grupo establecido, tirar doutra xente ás veces
dáche así como reparo.
Como estades a preparar as novas cancións. Ides seguir o mesmo esquema de gravación?
Roi:
Vamos ir gravar fóra. Estabamos gravando nos estudios Krakatoa, de
Jacobo, un integrante de Lorchas, e agora vamos gravar o longo con
Santi García nos Estudios Ultramarinos Costa Brava, que están en San
Feliu de Guixols, en Girona. É un home que leva gravando xa bastante
tempo para o BCore, que é un selo que saca bandas moi interesantes na
onda hardcore e que pega ben coa nosa filosofía. Pedimos presuposto e a
historia saía moi ben: son quince días en San Feliu de Guixols, en
xullo, a comer ben e a gravar. A ver qué sae. Contamos con que a
historia vaia saír ben porque os traballos que está sacando este
estudio son moi bos.
Para o próximo disco ides continuar co mesmo tipo de distribución libre na rede, coa licenza Creative Commons?
Roi: Si.
Funciona e realmente é o que nos apetece facer. Aínda non temos ningún
plan de facer nada distinto. Tampouco nos importa demasiado. O
fundamental nesta historia, e foi polo que tomamos a decisión, e o de
dar maior acceso á nosa música. Pola experiencia que temos, ao final os
discos acostuman acabar nunha caixa dun garaxe e entón o mellor é
difundir a túa música cunha ferramenta como é internet, que agora é
accesible para todo o mundo. É o mellor que podemos facer, creo.
según a RAE:
bizarro, rra.
(De it. bizzarro, iracundo).
1. adj. valiente (‖ esforzado).
2. adj. Generoso, lucido, espléndido.
FRANC3S molan trogollón!
bicos pra eles