|
ESPECIAIS -
MUSICA
|
|
Escrito por Grial Parga
|
|
Domingo, 18 de Febreiro do 2007 |
|
A MORTE DAS TRIBOS URBANAS
(OU POR QUE XA TODOS VESTIMOS DE ZARA)
«Non só na súa vestimenta e modo de
presentarse, na súa configuración e no seu modo de sentir son os homes
un resultado da historia, senón que tamén o modo como ven e escoitan é
inseparable do proceso de vida social que se desenvolveu ao longo de
milenios. Os feitos que nos entregan os nosos sentidos están
preformados socialmente de dous modos: polo carácter histórico do
obxecto percibido e polo carácter histórico do órgano percipiente.»
Max Horkheimer
“Dee Dee usaba o alcume Dee Dee Ramone. Ramone, tal e como o iamos
usar, era para crear un sentimento de unidade. Unha especie de irmáns
de sangue.”
Joey Ramone
Dime con quien andas y te diré quién eres
Dende
Séneca ata Maffesoli, dende os Simpsons ata Sensación de vivir, a idea
instalada na teoría e na práctica común é que o home é un ser social
por natureza. Somos todos moi distintos, moi independentes e moi
capaces, pero por haches ou por bes necesitamos ao veciño para pagar a
aceira xuntos, construírmos un sumidoiro decente, ou molestarlle os
sábados ata as catro da mañá coa música a todo trapo. Vivimos entre
semellantes por moito que nos creamos únicos.
Para os que tivemos educación católica, o concepto socializador
levámolo inscrito a lume no noso interior: “a familia é a base da
sociedade”, “todos somos igrexa”, “o tío raro ese vai levar unhas
hostias á saída, se parece maricón”... todo ao redor é lección social,
consigna integradora e, normalmente, discurso implícito de submisión ao
grupo que che tocou por pura chiripa.
O problema xurde cando o pop, o rock e/ou a axitación hormonal fan acto
de presenza nun individuo a medio socializar (e a medio facer) mediante
o cachete, a risa “a la Nelson” ou a arenga paterna: “fillo, onde vas
con esas pintas”. É entón cando as estructuras básicas socializadoras
fan augas no adolescente e o noso protagonista considérase
suficientemente raro como para formar a súa propia sociedade de un. “Eu
mesmo, coa miña música e o meu desinterese absoluto polo aspecto
físico, pódome construír un mundo paralelo a esa lexión de cordeiros
guiados por normas tan convencionais como aburridas”.
Un grupo leva a outro, e este a outro, e a outro, e a outro, ata que un
mesmo fórmase o seu propio culto baseado en frases de cancións, solos
de batería e pelos así ou asá. Os mitos persoais chocan cos mitos
sociais ata tal punto que o “novo eu” é un ser totalmente asocial,
estraño para o resto e, digámolo así, un tío raro pero non un freak,
que aínda non chegamos a eses tempos. É entón, nese pozo de rareza,
cando a saída máis digna é xuntarse con semellantes coas súas mesmas
filias e fobias, grupos sociais creados para levarse ben entre eles e
mal co resto; ao revés que as estruturas sociais clásicas, nas que o
conflito interno é o pan noso de cada día. A “tribo urbana” nace como
alternativa socializadora do raro no que poderiamos definir como “raro
si, pero non tanto”. Confírmase pois, aquelo que lle dixo Homer a Bart
no seu afán por facerlle un individuo de proveito: 1. Non digas que fun
eu; 2.¡Que boa idea, xefe!; e 3. Estaba así cando cheguei. O novo eu é
un novo eu social, só que guiado por distintas pautas de conducta máis
acordes ao grupo de raros no que se converte a súa nova familia.
Esas roupas de cíngaro, ese pelo estremo, esa chapa asimétrica o eses
zapatos de impedido son as novas plumas de pavo real dun tipo que ata
hai dúas perruquerías estaba fóra do sistema e hoxe ten o seu propio.
As pintas e os vinilos debaixo do brazo son o imán para que outros
desherdados se acheguen (timidamente) e compartan o novo tótem ao que
adoran: grupos e máis grupos, discos e máis discos. Ás veces, esa
estética da tribo é máis papista có Papa, como eses punks que enchían a
chupa de clips para asombro dos propios Sex Pistols. É entón cando o
raro sinte que necesita ao grupo tanto como este o necesita a el, e non
só á hora de facer piña e defenderse das tribos inimigas: o intercambio
(de discos, de referencias e, os máis listos, de fluídos) convértese en
algo fundamental. Afórranse cartos e créanse redes de comunicación máis
valoradas cós suplementos para xoves, mil veces reinventados polos
grandes medios e mil veces carne de wc.
Vémonos no fotolog
A
chegada de Internet á masa matou, entre outras moitas formas de
comunicación obsoletas, á tribo urbana. O raro, hoxe, é máis raro
aínda. Máis especializado na súa rareza, máis freak, para que nos
entendamos, e atopar a dous freaks iguais é como atopar unha agulla nun
palleiro, e nunca mellor dito. A música xa non é o tótem, o tronco a
partir do que nacían toda serie de excentricidades. E se o é, non fai
falla socializarse se non todo o contrario. ¿Quen é capaz de ter unha
vida social activa e estar ao día en todo o que se coce na nova cultura
de derrubo? ¿Como vas ver coa túa moza tódalas pelis que saen en
screener, escoitar os discos que che recomendan os colegas de Last FM
ou tragarte tódalas series que ven os teus blogueiros favoritos aos que
estás inscrito por RSS? ¿Cantos colegas aguantan o ritmo de cachivaches
e gadgetochorradas que coñeces polas listas de correo nas que non está
ningún amigo que coñeciches polas canles convencionais (bar, traballo,
botellón)? A presenza física está sobrevalorada. Dende a túa casa cun
ADSL, podes estar aquí e alí, ser rocker e mod, compartir música e ver
todo o cine que se fixo e fará. Todo está na vivenda. A única tribo
urbana que existe é a do oficinista-preocupado-pola-vivenda. ¿E para
que queres a vivenda? Para que o teu “novo novo eu”, ou o teu
“post-eu”, poida ser un “eu social” (fóra do horario de oficina).
 Tags: ESPECIAIS MUSICA TRIBO URBANA |
|
NOVIDADES
-
08:00 - 13.11.2008
NOVIDADES
FRANC3S
Franc3s
(A regueifa, 2008)
Cando o 18 de maio de 1980 Ian Curtis decide unilateralmente poñer fin á breve singradura musical de Joy Division
pendurándose polo pescozo cunha corda, o deus máis escuro do Valhalla
da música popular fixo vibrar dolosamente as súas cordas vocais,
emitindo un berro nunha frecuencia tan aquelada que só os tímpanos
cunha maior dose de bizarrismo tebroso puideron captalo. Ese
berro multiplicouse en miles de ecos que espallaron interminabelmente a
mensaxe de loito desa deidade pagán polos catro recunchos do planeta.
Así, non podía ser doutro xeito, esa onda sonora vibrou por terras de Bergantiños, e a semente desa vibración áspera, sucia e arriscada agromou nos miolos de Alberto, María e Patuki (tamén chegou a Vilalba) para florecer en Franc3s.
A
evolución metastática destes individuos de fans incondicionais a parte
infinitesimal do universo bizarro fica fosilizada no seu propio nome,
tributo por triplicado á actriz Frances Farmer, á vocalista de The Vaselines Frances McKee e á artista circense Frances O´Connor. María coa batería, Alberto coa guitarra e coa voz e Patuky cos teclados non só homenaxean en cada distorsión a bandas como Surfin´ Bichos, Los Enemigos, The Cramps ou The Jesus and Mary Chain, senón que tratan de enchoupar a súa música das sensacións que lles transmiten as obras de, por exemplo, John Waters, William Burroughs ou Pollock.
Franc3s decidiu por fin dar o grande chimpo ao LP logo de dúas maquetas receptoras de boas críticas e gabanzas a manchea. O seu primeiro disco, Franc3s, está composto por dez temas e foi editado por A Regueifa Plataforma baixo licenza de Creative Commons; pode baixarse de balde en www.aregueifa.net. Tamén se pode adquirir en soporte físico, nunha edición limitada e feita a man a base de papel de lixa e peluche, en Discos Noni´s (A Coruña) e Cosmic Pop Club (Carballo).
Así que xa sabedes, amantes dos sons de ultratumba, do theremin, da escuridade, do veludo, da luz de neon reflectida nas pozas dunha cidade perdida,…, gozade todos do novo de Franc3s, e xa me contaredes.
Ler máis...
-
12:37 - 13.10.2008
NOVIDADES
NOUVELLE CUISINE
De memoria
(Autoeditado, 2008)
O “malo” de ter asinado xoias de pop tan perfecto como Aritmética polar ou Dos torres é a altura
á que deixas o listón para vindeiros discos. Os
herculinos Nouvelle Cuisine corrían o risco de ser vítimas
da calidade que plasmaron no seu anterior disco, o encantador
Autodictado. Por fortuna, os "cocinitas" non se enrrugaron e souberon
partir do ponto onde o deixaron para elevalo aínda uns
centímetros máis, coma uns Sergéis Bubka do pop con pértiga.
Sen perder o seu xa característco
estilo -algo ben dificil de conseguir nunha banda con dúas voces tan diferentes-
percébese nos doce temas que fan parte deste De memoria un
salto cualitativo na produción. Continúan a guisalo e
comelo eles mesmos pero no estudo de gravación a experiencia
nótase e este enriquecemento faise palpable tanto a nivel de
arranxos coma da expansión na paleta de sons e instrumentos (acordeóns, rhodes, sintes...).
O certo é que o son de Nouvelle Cuisine acada con este disco
un novo grau de madurez xa que a incoporación de sintetizador
e caixas de ritmos nalgúns temas e a falla de complexos para
meter guitarras moito máis distorsionadas afástaos do
típico e autolimitado son indie do que beben -La Buena Vida e La Habitación
Roja- explorando novos territorios que a esta altura da película
a verdade é que son de agradecer.
E como non hai bon disco de POP -con maiúsculas- sen unha boa colección de singles, ahi están eles para deixarnos xemas coma Sintonia08, Comunicación no verbal, El imperio roto ou Seremos cajeras... mostras de pop clásico preciosista dese que che queda ecoando permanentemente na testa con só un par de escoitas. A verdade é que resulta incrible que estes talentosos chefs non atopasen unha discográfica que lles editara o disco, por moita crise da industria discográfica que haxa. Neste caso é evidente que xogou máis na súa contra a deslocalización con respeito ao epicentro dos que terían de ser os seus pretendentes. No indie estatal xa se sabe que fora de Madrid e Barcelona vai moito frío. Porén a xogada non lles saiu tan mal, mais ben ao contrario, autoeditando o disco por partida doble, tanto en formato digipack de xeito comercial coma nun formato máis exclusivo: unha camisola que se vende xunto con unha memoria USB con toda a súa discografía. Se non querían caldo, dúas cuncas. E nós, claro, tan felices cun caldo tan cheo de sustancia.
Ler máis...
-
11:20 - 25.09.2008
NOVIDADES
BLOC PARTY
Intimacy
(Wichita, 2008)
A “alarma silenciosa” ca que catro rapaces do East London
decidiron comunicarlle ao mundo a súa existencia non foi tal; resultou
o estoupido xordo do primeiro foguete da alborada, que racha o silencio
da moribunda noite e pronostica xoldra. A partires dese intre máxico
pode gozarse ou non da festa, pero xa non sobrevive no interior dos
participantes esa inicial sensación de sorpresa. A Weekend In The City
convertiuse desde o seu lanzamento na primeira víctima das odiosas
comparacións as que serán sometidos todos e cada un dos traballos que Bloc Party decida facer, aos que xa de saída se lles catalogará como “inferiores a Silent Alarm”. Kele Okereke na voz e na guitarra, Russell Lissack na guitarra, Gordon Moakes no baixo e nos coros e Matt Tong na batería conforman Bloc Party.
Intimacy (Wichita Recordings, 2008), o seu terceiro traballo, veu a luz o pasado 21 de agosto
no seu formato dixital, quedando desde entón pendurado na rede coa
posibilidade de baixalo previo abono do prezo estipulado. Os
interesados en adquirilo no seu formato físico deberán agardar ata o 28 de outubro; neste formato inclúense algúns cortes non presentes no dixital. O disco foi producido por Paul Epworth e Jacknife Lee, quenes xa colaboraran coa banda nos seus anteriores traballos (...)
Ler máis...
-
08:00 - 11.09.2008
NOVIDADES
JUGOPLASTIKA
The 6th is the 7
(Astro Discos, 2008)
Co dos revivals é mellor
non chegar a última hora. De poder escoller, o ideal sería chegar cando a cousa xa despegou pero aínda non invade
masivamente as páxinas da NME e derivados, entrando de cheo no
momento álxido do hype. Como mal menor, non estaría mal
ser dos primeiros, o que sexa con tal de non ser dos últimos
en chegar. Porén, ser pioneiro na recuperción dun son pasado garante certa frescura e non soar clónico pero tamén ten a
desvantaxe de que van ser outros os que desfruten do verdadeiro
recoñecemento. Non se pode ter todo.
E no caso de Jugoplastika dá a impresión de que é exactamente isto último o que lles vai pasar. Asi que é
de xustiza reivindicalos dende xa coma iniciadores dun revival que
aínda está por chegar, o do indie guitarreiro dos
primeiros 90s, con ecos de radio universitaria americana, voces pouco afinadas e producións
precarias de son garaxeiro. Porque no seu último album -The
6th is the 7- non hai banda da época que non faga
acto de presenza dunha ou outra maneira nalgunha das once cancións
que fan parte do disco, dende os Pixies a Weezer pasando por
Pavement, Guided by Voices, e Grandaddy. Un traballo, por certo, maxistralmente
producido por Paco Loco, que demostra ser un auténtico
todoterreno, recreando perfectamente o son suxo dominado polas
frecuencias medias tan característico daqueles tempos dando forma ao que probablemente é o disco galego máis xenuinamente americano de todos os tempos.
Dubido que Kukoc,
Perasovic e Radja escoitasen aos Pixies nos vestiarios pero o certo
é que as coordenadas temporais deste novo son de Jugoplastika teñen
perfecto sentido e danlle coherencia absoluta á estética
do grupo. Iso si, só asimilable en todos os seus matices polos que nacimos
antes dos 80s, as novas xeracións van ter que agardar a que chegue o revival noventeiro -remastigado e actualizalo- para desfrutalo ao 100%. Sexa coma sexa, sempre poderemos dicer o de "pero se isto xa o facían Jugoplastika no 2008".
Ler máis...
-
06:52 - 02.09.2008
NOVIDADES
DEATH CAB FOR CUTIE
Narrow Stairs
(Atlantic, 2008)
Atópome de fronte e a máis de 200 km/h con Narrow Stairs;
o choque é brutal, anaquiños de disonantes melodías dunha beleza
inusual perforan diversos órganos do meu corpo e préñanme as vísceras
dun sotaque agridoce de saudade. Atópome de fronte ante o sexto traballo da banda formada por Ben Gibbard, Chris Walla, Nicholas Harmer e Jason McGerr;
atópome de fronte cunha auténtica delicia de comezo a fin, tanto no seu
formulación como na súa execución, un río que nace e transcorre cara o
mar entre meandros sinuosos e violentas fervenzas.
Nace Narrow Stairs cun corte duns cinco minutos que lembra por veces á primeira canción de Plans, aquela Marching Bands of Manhattan
que nos marabillara, aínda que esta posúe un ton máis sutil. Comeza
amodo para ir acadando maior contundencia segundo pasa o tempo,
apoiados sempre nun enorme baixo (...)
Ler máis...
-
11:34 - 12.05.2008
NOVIDADES
ESQUIOS
Un tipo normal
(Autoeditado Distribuciones, 2008)
Os estradenses Esquíos
deron un xiro importante á banda con este Un tipo normal, o
seu segundo disco longo. A incorporación de Miguel Castro na
voz en sustitución de Fidel Castro -non sei se serán
irmáns- marca en grande medida o seu novo son, moito máis
punk-rock, case alonxado por completo das querencias metaleiras do
seu debut. O certo é que o xiro parece moi meditado xa que a
nova voz -moito máis axeitado para o punk-rock con maior
carrega melódica que fan agora- dálle a Esquios un son
moito máis actual.
Pero non é a voz a
única novidade desta nova etapa. Agora atopamos unha cota
maior de temas cantados en galego e unhas letras, entre o social e o
festeiro, que encaixan mellor co seu estilo e o seu público
potencial. Especialmente agora que contan no seu repertorio con
temasda forza de “A rapa” ou “Galiza festa rachada” -sen
dúbida os dous singles máis potentes do disco- que
prometen ser verdadeiros furacáns ao vivo, cuns retrousos
deses que son carne de pogo. Dous temas, ademais, que incorporan un
par de detalles -aire funk e sección de metais, o primeiro, e
ritmo skatalítico, o segundo- que alén de demostrar a
versatilidade dos novos Esquíos tamén van facer de
efectivo anzol para atraer a novos siareiros á banda.
Ler máis...
-
06:56 - 06.05.2008
NOVIDADES
REM
Accelearte
(Warner, 2008)
Facía xa catro anos que a banda de Athens non daba sinais de vida; foi por aquel entón cando publicaron o deostado (inxustamente baixo o meu criterio) Around the Sun. Por fin en abril de 2008 saíu á luz Accelerate, anunciado polos iluminados e entendidos como “a volta as súas orixes”. ¿Pero iso non o fixeran xa con Monster? ¿non se volvera de novo a falar do mesmo cando saíron New Adventures in Hi-Fi e Up? en resumo, máis peras mentais de flipados ou pura estratexia de marketing por parte da Warner (ou ambas cousas, claro) (...)
|
según a RAE:
bizarro, rra.
(De it. bizzarro, iracundo).
1. adj. valiente (‖ esforzado).
2. adj. Generoso, lucido, espléndido.
FRANC3S molan trogollón!
bicos pra eles