
O Festival de Norte é noso.
É, non hai dúbidas, o gran festival galego de música
popular contemporánea. E sempre cumpre o prometido. É o
mesmo que haxa estrelas internacionais, como Echo and The Bunnymen,
Placebo, The Divine Comedy ou Radio4 (2006) ou as mellores bandas do
indie estatal, este ano (a feroz competencia en 2007
disparou os cachés). O resultado foi unha media entrada, con
máis de tres mil persoas cada noite, unha demostración
que non é necesario gastar barbaridades de diñeiro para
organizar un bo festival (...)
Venres 18 de maio
The Blows
Mendetz
Triángulo de Amor Bizarro
Travolta
Fernando Alfaro y los Alienistas
The Sunday Drivers
Astrud
Delorean
Sábado 19 de maio
Igloo
Ectoplasma
Schwarz
Grupo de Expertos Solynieve
Sr. Chinarro
Lori Meyers
Deluxe
Catpeople
O Festival de Norte é noso.
É, non hai dúbidas, o gran festival galego de música
popular contemporánea. E sempre cumpre o prometido. É o
mesmo que haxa estrelas internacionais, como Echo and The Bunnymen,
Placebo, The Divine Comedy ou Radio4 (2006) ou as mellores bandas do
indie español, este ano (a feroz competencia en 2007
disparou os cachés). O resultado foi unha media entrada, con
máis de tres mil persoas cada noite, unha demostración
que non é necesario gastar barbaridades de diñeiro para
organizar un bo festival.
The Blows:
“¿E estes tamén
son galegos?” “Si, de Vigo” “Pois son
a hostia de bós”. Conversa real entre o público
máis madrugador do Festival do Norte. The Blows sorprenderon a
todos os que non os coñecían coa súa estimulante
descarga guitarreira ao máis puro estilo Franz Ferdinand ou
Interpol. The Blows repasaron os temas do seu debut autoeditado 5.00
AM. En Galicia tamén temos a nosa new wave, ao máis
puro estilo british. Son novos e eléctricos, como unha
descarga, como tocar un cable pelado.
Mendetz:
A Mendetz Spanair perdeulles parte
do seu equipaxe, incluíndo os teclados. Pero nin sequera así
os Mendetz perden enerxía. Grazas ao seu primeiro traballo
homónimo, foi considerado por varios medios especializados
como o grupo revelación do ano 2006 no Estado. O seu estilo,
definido como casio-punk conseguiu catapultalos dende a súa
Barcelona, onde levan anos tocando en salas e concertos. Máis
que punk, Mendetz fan unha especia de post-punk que ten como
obxectivo poñer a bailar a todo o mundo a golpe de guitarra e
ritmo. Por iso sorprendeu que a organización os colocase case
abrindo o festival, a pleno sol, en lugar de convidalos a pechar o
concerto, como CatPeople ou Delorean.Con Futuresex, un tema xa
clásico en Razzmatazz, Mendetz atopan o hit que os pode situar
á altura de LCD Soundsystem ou The Rapture.
Triángulo de Amor Bizarro:
Triángulo segue mellorando en
cada concerto, sobre todo se incorpora, como fixo en Vilagarcía,
unha segunda guitarra en varias cancións, e sobre todo se esa
segunda guitarra é a de Joaquín Pascual. Pascual
(Surfin’ Bichos, Mercromina, Travolta) xa fixera unha
colaboración no disco do trío, en El espíritu
de la Transición, aproveitando que o produtor de Triángulo
foi Carlos Hernández. Esa segunda guitarra dálle unha
densidade que multiplica por mil o ruído, a emoción das
pezas. E debe ser que nos últimos meses escoitei moitas veces
o seu disco e xa os vin moitas veces en directo, tamén, pero
as súas cancións comezan a soar todas a hits, a
clásicos. Triángulo demostra concerto a concerto que
son moito máis que o enésimo produto da prensa musical
especializada, moito máis que un conxunto de boas influencias.
En Vilagarcía comezaron fríos, pero acabaron
recreándose nos seus temas a base de distorsións e
ruído controlado, pero non demasiado. Un día destes
Triángulo vainos facer romper o pescozo, nun baile
espasmódicos. Que siga o ruído.

Travolta:
Nunca vin a Surfin’ Bichos en
directo. Pero o venres puiden ver a Joaquín Pascual e a
Fernando Alfaro xuntos no mesmo escenario. Con cadanseu proxecto,
claro está, pero que se lle vai facer. Travolta, o grupo co
que Joaquín Pascual e Carlos Cuevas retoman a súa
carreira musical despois da disolución de Mercromina, chega
sen facer demasiado ruído, na escena musical (escasa
promoción, poucas referencias nos medios especializados...) e
no escenario, cun estilo moito máis lo-fi no que priman
os teclados e soan unha gran variedade de instrumentos, destacando o
violín. O álbum de debut de Travolta, “Efecto
amor”, é máis reflexivo, ambiental e sereno do
que cabería agardar, como un besbello dunha hora. Un disco
para comezar unha nova etapa.
Fernando Alfaro y los Alienistas:
Fernando Alfaro volve á ruta,
desta vez acompañado por os Alienistas, banda composta de
antigos integrantes de Chucho e Mercromina, coa que gravou
“Carnevisión”, editado no seu propio selo “Los
enanos gigantes”. O Festival do Norte era o primeiro concerto
do novo proxecto, despois dalgunhas actuacións acústicas
en pequenas salas. Agora a Fernando tócalle facer quilómetros,
reinventando de novo a súa carreira, reiniciando. O álbum,
que a banda ofrece de xeito gratuíto no seu myspace, recunca
no máis puro estilo Chucho, con melodías escuras,
retrousos, e os textos fondos e directos de Fernando Alfaro, o home
da barba.
Sunday Drivers:
Os Sunday Drivers son perfectos,
impecables, pero non emocionan. Si emocionan, en cambio, os
enerxéticos Mendetz, Triángulo (moito), Astrud
(moitísimo), ou Fernando Alfaro (sigo sen saber exactamente
por que, pero emocióname moito, moitísimo). A diferenza
está entre o fermoso e o sublime, entre o que gusta e o que
emociona. Os toledanos Sunday Drivers veñen de acadar o éxito
en Francia co seu segundo álbum, Little Heart Attacks,
editado en varios países europeos, e de feito son habituais
nos máis importantes festivais daquel país.
Persoalmente, as frías melodías vocais de Sunday
Drivers abúrreme bastante, pero isto non pasa de ser unha
opinión persoal. Son moitos os seus seguidores, e moitos había
en Vilagarcía o venres, tarareando e aplaudindo. Nunca me
gustou a beleza perfecta e inmutable das estatuas.
Astrud:
Astrud electrifícase, madura.
Pero sen perder a frescura das melodías, a agudeza dos textos,
todo o que os converteu no grupo máis orixinal e sorprendente
do Estado. Non sei se se pode dicir que Astrud se volve máis
hetero ou é que os heteros imos abrindo a nosa
mente. O último traballo de Manolo e Genís, Tú
no existes (verso de Álvaro Pombo) é posiblemente o
mellor disco de Astrud, e constituíu a base (seis temas) dun
concerto que acabou cos que para Genís e Manolo son “nuestros
grandes éxitos, si no son los vuestros, lo sentimos”.
Por certo que sorprendeu a ausencia de Hay un hombre en España
ou El vertedero de Sao Paulo (¿un grupo que non toca o
seu último single? Bravo). Astrud segue colocándonos na
fronteira entre a seriedade e a diversión, entre o surrealismo
e a emoción fonda.
Delorean:
Sen alento nos deixaron estes vascos
tan peculiares que case alcanzarían a categoría de
frikis. Tanto na estética como na posta en escena, mesmo a súa
música todo é estraño e excesivo. Comezaron un
pouco fríos mas axiña colleron azos e fusilaron sen
compaixón os seus dous albumes entre a perplexidade dos menos
confiados e o delirio dos máis fanáticos e predispostos
á festa. Ese teclado suicida filtrado e cheo de pedais de
distorsión, o cantante e baixista con voz en falsete atronador
convertido nun instrumento adxunto e as melodías frenéticas
do guitarra apoiados no seu batería que é digno de
estudo polo seu xeito aloucado de marcar o ritmo. Todo en Delorean é
tolemia quizais por iso non conseguiron conectar con todo o público
mais atesouran suficiente calidade para esperar deles unha constante
progresión na súa mais que prometedora carreira.
Igloo:
Dende Coruña chegan Igloo.
Seguindo a riqueza instrumental de Mercury Rev ou
Spiritualized, Igloo realizan un pop-rock de enorme calidade,
plasmado xa nun álbum de debut (Igloo, 2006) e un magnífico
EP de recente publicación. Os compoñentes de Igloo,
procedentes de bandas como Moop ou Deluxe, combinan lirismo e
densidade sonora, pop e distorsión. E deste xeito abriron os
concertos do sábado.
Ectoplasma:
Alguén dixo que Nico
Pastoriza nunca está tranquilo. Despois de proxectos como
Bromea o Que? ou La Marabunta. Agora volve cun novo
proxecto, caracterizado polos matices sonoros, a riqueza instrumental
(por veces lembra, salvando as distancias, a Arcade Fire), as
melodías pegadizas, e as letras costumbristas (con certo aire
kitsch, por veces). Sintetizadores, violín,
trompeta..., para acompañar historias como a da caixeira do
Froiz, ou versións imposibles dos Beatles. Nico Pastoriza ten
oficio sobre o escenario, que ás veces se lle fai pequeno.
Ectoplasma comezou a xestarse en 2002 e comeza a asomar a cabeza.
Este pode ser o seu ano.
Schwarz:
Despois de seis álbumes en
nove anos Schwarz seguen sendo un grupo minoritario e relativamente
descoñecido dentro da escena independente do Estado. O que fan
non é precisamente easy-listening. Schwarz gravou o seu
último disco, Heavengazers, en Alemaña, de onde
proveñen moitas das súas influencias, as máis
próximas ao kraut-rock. Parece mentira que tres rapaces fagan
tanto ruído, tantos sons distintos, caóticos pero
coherentes, grazas a guitarra, baixo, teclados, batería, e
celemín. Si, Schwarz é unha das bandas españolas
que máis e mellor uso fai deste instrumento, o único
que non se toca, e que transforma as vibracións en sons case
imposibles, ideal para crear ambientes. O seu concerto foi unha
carreira de cen metros lisos continua: enerxía, velocidade,
ruido, rock.
Grupo de Expertos Solynieve:
O concerto de Grupo de Expertos é
ideal para desfrutar con tranquilidade, cunha cervexa na man,
deixando pasar o tempo, e deixándose levar pola poesía
sinxela e popular que invita a tomar a vida con calma, con toda la
ambición que cabe en una raja de sandía. Alguén
definiu o álbum desta formación como “country
andaluz”, un estilo que combina os palos flamencos co
blues e o folk norteamericano. Sobre o escenario, as miradas
inevitablemente caen sobre J, a pesar de que deixa o
protagonismo da banda nos seus compañeiros Manuel Ferrón
e Víctor Lapido. J pásao ben, isto é como
unha excursión cos compadres, cos amigos, lonxe da presión
dos grandes concertos de Los Planetas con quince anos de
viaxe. J (acompañado nesta excursión por outro
Planeta, Miguel, o baixista) sorrí, fala: “Boas
noites, encantados de estar en Vilagarcía de Arousa, conocida
en el mundo entero” (¿por que será, J?), xoga
co megáfono. Non son Los Planetas, aínda que
moitos fans trasladan a súa fidelidade a este alegato
meridional que acada os seus mellores momentos coa canción
homónima: “una forma ideal de evocar el recuerdo/
para empezar algo nuevo”, coa sevillana “Claro y
Meridiano” ou con “Una muerte lenta y dolorosa”.
Sr. Chinarro:
Antonio Luque é un artesán
de cancións e o seu último traballo, “El mundo
según...” e a mellor proba, con pezas redondas, letras
profundas e melodías case-bailables. Porén, ás
veces semella que, malia a súa nova formación, cústalle
dar o paso que separa ao cantautor da estrela rock, e parece que o
escenario se lle fai grande de máis. Chinarro é un
artista de locais pequenos, de ambientes cargados, de escoita atenta
e próxima. Con todo, como digo, no seu repertorio hai cancións
tan boas que funcionan en calquera contexto. En Vilagarcía
comezou tímido e torpe, pero acabou pechando un bo concerto,
que mesmo se fixo curto, aínda que no público había
moitos fans de Lori Meyers que non estaban pensando iso,
precisamente.
Lori Meyers:
Seguen sendo novos, ao redor de 26
anos, pero Lori Meyers cómense o escenario. O seu segundo
álbum “Hotel Pimodan” mantén a calidade do
seu “Viaje de Estudios” e mantéñenos na
primeira división da música do Estado. Son de Loja, un
dos lugares máis calorosos de Andalucía. E o sábado
en Vilagarcía ía frío. Pero Lori Meyers soubo
quentar a unha afección entregada. Ao contrario que a maioría
das bandas indies estatais, Lori Meyers non lle ten medo a
facer soar as súas guitarras, a estenderse en riffs duros, ao
tempo que manteñen os retrousos e as melodías máis
pop. Cada vez soan menos a bandas recoñecibles e
contemporáneas, como Los Planetas, e van atopando o seu lugar
(aínda que con continuas referencias as Los Brincos), cunha
incrible capacidade de emocionar nos seus concertos.
Deluxe:
A Deluxe ou o amas ou o odias. E eu
non o amo. Seguramente non son a persoa máis indicada para
falar do seu concerto. Pero intentarei ser imparcial. Unha cousa si
lle teño que recoñecer a Deluxe, máis de unha,
en realidade. A súa voz, persoal e potente, a súa
capacidade para construír melodías luminosas e
retrousos pop e, sobre todo, a súa gran virtude, aquilo que
sabe facer como ninguén: a súa habilidade para
estimular ao público, para facelo tararear as cancións.
Pero a min Deluxe déixame frío e a meirande parte das
súas cancións parécenme iguais. E, sobre todo,
resúltanme excesivos os aditamentos cos que adorna as súas
actuacións: xoga coa guitarra, tírase polo chan, senta
enriba dos altofalantes... Demasiadas roupas para cancións
aceptables, moito mellores que as dos seus traballos anteriores, pero
que non abandonan a mediocridade.
Catpeople:
Catpeople pechou o Festival
demostrando que é unha das bandas do momento. Catpeople
formouse en 2002 durante a celebración do SantiRock e soubo
facerse un lugar co seu álbum Reel#1, despois de ser sinalados
por Mondosonoro como autores sa “mellor maqueta do ano”.
As súas cancións son incontestables, só se pode
bailar. E malia ter tan só un álbum editado, pezas como
Radio, Next Hours, Mexican Life ou Party People, soan a clásicos.
Clásicos como o I wanna be adored dos The Stone Roses,
que adoitan versionar nos seus concertos (tamén en
Vilagarcía), confirmando o máis que evidente aire
británico do grupo vigués, o seu son rabiosamente
manchesterián, o berce do post-punk. Escuros e xeniais,
como o eran Joy Division, ou como o seguen sendo Echo & The
Bunnymen, e liderados por unha voz, a de Adrián Pérez,
profunda e melancólica, que vai facer historia na música
española.
Pero os concertos non se pecharon
con Catpeople. En Vilagarcía báilase até a
madrugada. De Delorean ou Catpeople até a carpa, cunha
representación de catro dos mellores dj da península,
entre eles DorianDj, o venres, que non é outro que Marc, líder
de Dorian e dj residente do Low Club, en Madrid.
|