Hai
30, 20, 10 ou mesmo 5 anos a calquera grupo galego non lle teria sido
nada dificil ver o seu disco entre os dez mellores -deixémolo en
favoritos- discos galegos do ano. Unha lista de seguro dominada por un
par de estilos coma moito. As cousas, por fortuna para a nosa música,
teñen mudado moito e a competencia tense tornado amigábelmente salvaxe,
case tanto coma a variedade de estilos presentes. Na lista para votar
habían 50 candidatos pero perfectamente podían ter sido máis dun cento
e dunha ducia de estilos diferentes: a hetereoxeneidade e inmensa
producción musical da nova escena galega permite iso e máis. Este 2006
veu coma o panorama musical se facía practicamente inabarcábel para un
ouvinte medio, cunha oferta de grupos capaz de satisfacer, en número e
en calidade, a calquera afeizoado independentemente do estilo do que
sexa devoto. En Sono-Tone estamos certos de que este inédito Xurdimento
musical -asi, sen o prefixo "Re"- do que estamos a ser testemuñas
privilexiadas non é máis que o comezo e que o 2007 que comezamos vai
ser o ano da confirmación. Parabéns, benquerida música galega!
1º 6PM (8,3%)
Far from perfect
(Junk Records, 2006)
Hai
pouco fixen un experimento. Púxenlle este disco a un amigo sen lle
dicer quen nen de onde eran os seus autores. O inocente del, e
coñecendo ben as miñas filias musicais, aos escasos 40 segundos do
primeiro corte -o espectacular Vista- espetoume un “Que é? A última
fichaxe de Morr Music? E que son, americanos coma Electric President?”.
Acertou de cheo. Iso é exactamente o que parecen ser e non son: o
glorioso debut da última revelación saxoa dese emparellamento espurio
entre o pop e a electrónica que é a indietrónica. Mais na realidade nen
editan en Berlin nen producen ao outro lado do Atlántico.
Os
galegos Iván Oubiña e Raul Mon, as mentes preclaras detrás desta
potencial obra mestra da música galega contemporánea, xa avisaran dos
perigos que agochaban nos seus laptops. O concurso de maquetas do FIB
sacounos á luz e un par de demos -das que hai varios temas neste LP-
fixeron presaxiar aos máis espertos que este disco estaría a un nivel
que -para que enganarmos- non adoitamos ver a este lado do Bierzo. E
aínda diría que nen ao outro lado dos Pirineos. Logo ficamos ben curtos
cos agoiros.
O fermoso ton lene das súas voces, a manufactura das súas músicas
–algunhas coma Homemade Screener, Travel Card ou Vista, cancións pop
case perfectas-, a súa sabedoría para os arranxos inserindo o
instrumento xusto no lugar idóneo e a súa imensa capacidade para
integrar pop e electrónica sen que esta se coma con patacas ao
primeiro, fan de 6PM ese grupo do que non debemos quitar o ollo.
Defintivamente este é o disco co que debes agasallar aos que aprezes
esta nadal. E posíbelmente os nadais dos próximos dez anos.
2º NIÑO Y PISTOLA (8,2%)
Como un maldito guisante
(Mulberry, 2006)
Que
catro amigos se xunten a tocar por diversión é cousa corrente. Que
decidan facelo en acústico buscando a simplicidade e o camiño máis
dereito, sen maiores condimentos, xa non o é tanto. E menos aínda que,
vindo dun grupo de novos, as primeiras referencias que saltan ó ouvido
sexan os Kinks, Small Faces ou os Beatles. O irónico medio sorriso de
Ray Davies saúda cortés en ‘Cheetah belt’, así que non custa nada
emparentar ‘Kill me’ e ‘No lights’ a contemporáneos herdeiros coma Bart
Davenport e Josh Rouse; e magnificando a querencia clásica, ‘No
breakfast’ parece composta mentres se pecha de noite a porta do
graneiro de Neil Young. O gran tema do disco, está claro, é ‘Song 74’,
contaxioso ritmo do Mersey con palmas e confeti de festa. Niño Y
Pistola fan dianas mentres se divirten, salta á vista. Agora hai que
agardar que ó neno se lle faga pequeño o patio e saia a buscar novos
enredos ahí fóra. Puntería e estalos non lle faltan.
3º PROJECTO MOURENTE (7,5%)
Baixo os eucaliptos
(A Regueifa Plataforma, 2006)
Ultimamente cada vez que escoito este disco sinto que estou diante dun
clásico, pode que sexa porque se for un vinilo estaría raiado de tanto
escoitalo pero vendo o devir dos acontecementos, cada vez teño máis
claro que este álbum foi a confirmación dun momento que felizmente
ainda estamos a vivir. Este disco foi o segundo en ser publicado no que
hoxe é un dos meirandes fitos na música galega, A Regueifa Plataforma;
e iniciaba a tendencia actual de levar os proxectos musicais propios da
mente a un arquivo en mp3, mediante un computador e un pequeno
homestudio, e de ai á rede con licenza Creative Commons. Projecto
Mourente é un dos primeiros e máis exitosos en Galicia nesta tendencia
e non por acaso. Sempre recordarei cando lin: "Projecto Mourente
procura uma sensibilizaçom sobre a necessidade urgente de fazer pop
electrónico em galego", esa necesidade que moitos viamos e precisabamos
foi cuberta por PM cunha música bailable, de corte electro-pop
detallista e letras irónicas e retranqueiras; que nos aprenderon que se
xogamos baixo os eucaliptos, nos namoramos, falamos de amor e imos á
discoteca en galego, así o deberiamos cantar. O éxito de público foi
brutal acadando so nun mes dous discos de ouro (supoñendo en 3,500
copias o disco de ouro galego) e o recoñecemento en diversos concursos
como o do Apologhit ou o dos mellores do ano desta mesma revista,
incluso chegou alén do Miño a popularidade de Baixo os Eucaliptos. E
non é para menos, "que me enterrem na discoteca", "Copacabana está na
praia da Lanzada", "amor de xesta seca" ou "punto, cacheira Galiza que
bem" son anacos dunhas letras que pasarán á historia da música pop
galega.
4º DIOS KE TE CREW (7,3%)
Xénese
(DKTC-Falcatruada, 2006)
Para
alguém nom habituado a escuitar hip hop foi todo um achádego descobrir
esta maravilha feita no nosso país. Todo um exemplo da utilidade que
tem a língua galega em todos os aspeitos da vida. Sons sem complexos,
imediatos e direitos ao fígado. Carregados de mensagem nas suas letras,
algo que nom é muito habitual na música dos nossos dias. Irreverência
contra as instituiçons mais sacrossantas do Estado (religiom,
monarquia, polícia,...), algumhas delas já extintas (nom esqueçer de
escuitar os samplers do Leom de Vilalva no tema Antidisturbios). Com rima incisiva e destrutiva, como um Othar transportando ao grande Atila
e deixando tras de seu um terreo ermo no que poder construir umha nova
ideia da sociedade terminal na que vivimos. Nom sei se tenhem editado
já um DVD mas penso que deveria ser o seu seguinte passo. Umha krew
tam multidisciplinar, que nos seus concertos introduz graffiti, baile e
demais referentes do universo rap precissa dumha autêntica demonstraçom
criativa para desfrute dos seus siareiros! Curiosa a participaçom do Miguel de Lira no papel estelar de picoleto cabreado nos temas Guateque interruptus e Vas de verde. Umha obra completa, feita por gente que fala como tu. Os Dios Ke Te Krew
nom tenhem nada a envejar a propostas chegadas doutras partes do mundo
e que muitas vezes nom entendemos que demo dizem quando cantam
chapurreando na lingua do Shakespeare. Agora entendo porque
os nossos leitores os escolheram como um dos melhores trabalhos do ano
2006. O povo falou, vai correndo à tua loja de discos e encarrega umha
duzia destas Xenese’s para regalar aos teus vizinhos!
5º THE HOMENS (7,2%)
#2
(Autoeditado, 2006)
Nom
podia ser doutro jeito, esta banda de Santiago tinha que estar entre os
melhores de 2006. Xocas, Roi e Martin Wu reunem as condições
necessarias para o êxito: experiência (Fame Neghra, Street Fighter,
Stay Pretty, Pollegros), talento melódico, atitude positiva, um
determinado conceito de grupo e, sobretodo, muita gana de tocar, fazer
e compartir música. Todo isso traduze-se nuns temas cheios desse pop
energético tam bem representado em #2 por Sandra Dee e Non podo máis, verdadeiros ghits
de 2006. Mas, ademais, The Homens lembram-nos em terra de tanta
guitarra reivindicativa que a energia rock nom é incompatível com a
melodía pop —e aí estám jóias como o Uh, Uuh, Uuuh! e sobretodo Ungria—
ou que compor música contemporánea em galego nom implica fazer letras
inaccessíveis e complexas para fazer desfrutar um público ávido de
frescura. Esta falta de complexos idiomáticos reflecte-se também na
inclusom de You’re so cool, um magnífico tema cantado em
inglês, “a língua do rock”, em palabras do próprio Martin Wu. Essa
desenvoltura e essa força fam com que The Homens resultem
inconfundíveis, algo que eles próprios ressaltam na imagem da banda: as
suas camisetas a raias, preto sobre branco, passeárom-se este ano por
todo o país e por fóra del deixando à sua passagem comandos de
incondicionais. Sem dúvida, 2006 foi também o ano de The Homens e, polo
ritmo de concertos ainda que levam neste inverno e com novos temas em
preparaçom, provavelmente também o será 2007.
6º SAMESUGAS (6,8%)
Alá vai!
(H-records, 2006)
Neste
tempos en que as camisolas de Motorhead son un obxecto pop máis trás os
cristais dos escaparates de Inditex cumpre que haxan grupos auténticos
para salvagardar os santos dogmas da relixión do Rock n' Roll. Nada de
rodeos, artificios, impostadas poses ou frivolidades de máis de cinco
minutos. A esencia do rock e o punk, o seu pouco querido fillo
bastardo, non ten nada que ver con iso. Samesugas levan sete anos
demostrando que cen segundos e a pentatónica son máis que suficientes
para facer un tema de Rock n' Roll redondo. Este Alá vai! ven sendo o
seu primeiro longa duración pero en realidade pode ser considerado o
seu segundo disco grande xa que o seu 10" de 2003, Machine in your
head, tiña nada menos que nove cortes. Un deles, por certo, versión dos
mentados Motorhead e outro versión de Gene Vincent, dúas escollas que
fan a síntese perfecta da dirección cara a onde disparan os
composteláns. Unha balas que neste Alá vai!, sen perder velocidade nen
contundencia, soan máis rock que punk por mor da coidada producción e a
inclusión de elementos antes inéditos coma os teclados de Killin' Me ou as veleidades popeiras -que sinceramente espero que repitan no seguinte traballo- da versión dos Wipers, Mistery.
Contodo, os siareiros de vello da banda poden estar tranquilos, que por
moito que teñan perfilado o seu son, os Samesugas non teñen recuado nen
un milímetro nos seus posicionamentos estéticos iniciais: entre os
catorce temas do disco -con letras en inglés e galego- atoparán
esmagadores puñetazos no estómago da contundencia de Black Mamba, Sad & Lonely ou Nom vou poder. Non vai a haber queixa.
7º MARFUL (6,7%)
Marful
(Producciones Efímeras, 2006)
Público
e crítica coincidem em sinalar o primeiro álbum de Marful como um dos
melhores discos galegos de 2006. As claves do sucesso deste cuarteto
residem, em primeiro lugar, na experiencia dos seus componentes: a
cálida voz de Ugia Pedreira, a guitarra de Marcos Teira, o acordeom
diatónico de Pedro Pascual e o clarinete do seu irmão Pablo. Desta
reuniom de talentos surgiu uma primeira gravaçom de quatro temas que a
banda lançara na rede. Para a realizaçom do álbum, Marful decide
retirá-los do seu site para os regravar prescindindo das programações
rítmicas que os caracterizavam e incluir dous percusionistas. Assi, os
temas som reinterpretados seguindo a filosofia que inspira este álbum:
a músicas e ritmos dos salões de baile e dos cafés de meados do século
passado. De facto, ao lado dos temas que já conheciamos na rede,
engadem-se tangos, havaneiras e mesmo uma jota tratados todos com uma
elegáncia rítmica e uma sensibilidade musical que constituem outro dos
piares nos que se sostém o êxito deste trabalho. Deste jeito, “Marful”
resulta accesível a um amplo público ultrapasando barreiras etárias e
sendo, ademais, perfeitamente exportável fóra da Galiza, especialmente
ao mercado lusófono. Sem dúvida, dentro do grupo resplandece a presença
de Ugia Pedreira, uma presença que vai além da sua sensualidade e força
vocais e que se revela brillante em letras como a de Leverelem. Ademais deste tema, que bem poderiamos assumir como um dos hits de 2006, o álbum inclui pequenas jóias como Menina ou Meu Pirineo e mesmo depara surpresas bem agradáveis como o Je suis comme je suis, onde a Pedreira adapta musicalmente e sotaqueia sensualmente um texto em francês de Prévert, ou a Jota Gagarim.
Todo isto e os aclamados concertos em que os Marful passeárom as suas
músicas fam prever que a vida do seu primeiro álbum bem se poderia
prolongar para o converter num clássico e situar a banda entre as
grandes da música do país.
8º SEVIGNY (6,5%)
Melalcoholic
(Falcatruada, 2006)
Non sei por qué, o coidado deseño gráfico do debut de Lucía Rolle, a
pesares de conter peixes (de acuario, dos que teñen por sol unha
bombilla) aseméllaseme máis a bolboretas espíndose de capas azuis de
crisálida, un momento antes de botar a voar. A impresión da escoita
destas oito cancións faime recurrir a esa imaxe, de algo que se abre
despois dunha estación enteira, e tamén a sensibilidade coa que manexa
frases como “If you play this melody at the same time that my heart
beats... i’ll be yours”. Romanticismo a flor de pel en pelexa de
almofadas co fatalismo e as despedidas: a dependencia enfermiza do
título á crónica melancólica. Sevigny conta de lúas que marmurian
segredos ás costas do amado, de prácidos veráns da infancia, mais tamén
do que acontece en habitacións de hoteis cando se axitan as asas e do
que queda en cinzas cando marcha o lume. A fermosa versión de Ryan
Adams (“When the stars go blue”) precede a unha declaración de
intencións: se pecha os ollos non pode saber qué vai atopar cando os
abra, así que vainos deixar ben abertos. Será un segundo paso, entón,
cando bote a voar e as envolturas do traxe vello sexan rastros de
armario (adeus ós patróns de revistas e reminiscencias). Haberá que
seguila até o lugar onde as estrelas se volven melancólicas.
9º CATPEOPLE (6,5%)
Reel #1
(Pupilo Records, 2006)
As vezes começo a aborrecer esse discurso que temos instalado na música
pop dos nossos dias, acussando de falha de originalidade às novas
incorporaçons que dia a dia enchem as estanterias das nossas lojas de
discos ou as pastas musicais do nosso computador. Quando um começa a
ter notícias dos Catpeople sempre fica ateigado de comentârios comparativos sobre os referentes do grupo. Que se os Interpol,
que se o rock obscuro dos oitenta, mas ninguem parece decatar-se de que
estamos fronte a umha banda com letras maiúsculas. Poucas vezes no rock
alternativo estatal podemos atopar umha formaçom com tanta coesom.
Temos que ser justos e reconhecer que na Espanha os músicos
de rock independente nom coidam até o extremo todos é cada um dos
elementos que conformam a sua proposta. Parece que há certa preguiça à
hora de trabalhar numha exquisita construcçom estrutural nas
composiçons e no coidado do producto, como se fosse umha maldiçom
comercial tratar de fazer as cousas de jeito coerente. Esto nom ocorre
no universo dos Catpeople. Nada é deixado ao acaso,
todo tem umha justificaçom e isso é o que realmente temos que
salientar: a profissionalidade. Umha produçom rotunda que se
complementa no palco cumha posta em cena sóbria e convincente. Esta já
nom é umha banda galega, é umha banda internacional. Pode-nos criar
umha sensaçom de enveja insana, mas isso já é umha realidade. Se
queredes sodes livres de procurar-lhes os erros, eu simplesmente fecho
os olhos e fago umha viagem mental polos meus discos do passado,
aqueles que por umha cousa o por outra sempre soavam mal, este nom.
Umha tras outra vam-se sucedendo as faixas e ao chegar à ultima só podo
dizer: Parabens por ser um dos melhores discos do ano para os leitores
do Sono-tone e o melhor da década para este humilde receitor.
10º PE DE BOI (6,2%)
Ano de brétema
(autoeditado, 2006)
Pe de boi é unha herba que medra a carón dos ríos e nas zonas húmidas,
tamén á beira do río viven os compoñentes de Pe de boi, concretamente
do río Ulla. Quizais é esa auga a que fai que estes oito rapaces beban
das raices galegas para levalas ao terreo da fusión nun compendio
musical que se torna moi orixinal en canto a son e instrumentos.
Estamos diante do seu terceiro e máis exitoso álbum, Ano de brétema no
que a palabra ano colle especial significado nos seus doce cortes
nomeados coma os doce meses. Musicalmente Pe de boi son unha rara avis,
con doce temas totalmente instrumentais e unha case omnipresente
guitarra, que ademáis ven moi ao fío de certo debate para demostrar a
universalidade do instrumento, e cun concepto non tan próximo ao folk
coma eso chamado world music, ainda que se por min fora deixarío na
simple etiqueta de música intrumental. Amplas percusións, variedade nos
metais, baixo e un ben acaido acordeón pechan xunto ás guitarras o
conxunto de instrumentos que os Pe de boi utilizan para dar forma ás
súas propias composicións. Ainda que certas pasaxes poidan resultar
algo longas de máis o disco conta con bos temas, a pesar de todo é moi
recomendabel unha escoita lineal e completa do disco para recrear os
pasaxes desa viaxe a través dos meses.
RESULTADOS DAS VOTACIONS:
6PM - Far from perfect 8.3%
NINO Y PISTOLA - Como un maldito guisante 8.2%
PROJECTO MOURENTE - Como os caranguejos 7.5%
DIOS KE TE CREW - Xenese 7.3%
THE HOMENS - #2 7.2%
SAMESUGAS - Ala vai 6.8%
MARFUL - Marful 6.7%
SEVIGNY - Melalcoholic 6.5%
CAT PEOPLE - Reel n#1 6.5%
PE DE BOI - Ano de Bretema 6.2%
SUGAR MOUNTAIN - Sugar in the raw 6.1%
MEU - What's Up 5.8%
RUXE RUXE - Comercial 2.8%
BEA - Volver a amanecer 2.6%
GALEGOZ - Galician Chimapanzee 1.8%
LAMATUMBA - Lume (para que saia o sol) 1.4%
FANNY + ALEXANDER - Lusco e Fusco 1.1%
ISLABIKINI - Photographs 0.9%
NORDESTIN@S - Nordestin@s 0.9%
QUANT - Share these SongShines 0.8%
ZIMMER103 - Hatt Trick 0.6%
NADA - 28 0.5%
DAKIDARRIA - Fragasaurus Rex 0.4%
DR FUNKSTEIN - Toda la noche 0.4%
ZENZAR - Sigue e dalle 0.3%
KIMURU - Todas las naves espaciales son de plastico 0.3%
BERROGUETTO - 10.0 0.2%
LE GLAMOUR GROTESQUE - Danger Club 0.1%
HIGH SIERRAS - Fortune and Venture 0.1%
TRANSPORTES HERNANDEZ Y SANJURJO - Vista Alegre 0.1%
THE MAJESTICS - The Majestics 0.1%
ALEN - Simplemente 0.1%
LOS IRIBARNES - Planeta Iribarne 0.1%
HANOM AUSSE - Grubi Mercores 0.1%
EMILIO RUA - Vida mina 0.1%
ECTOPLASMA - Amor por lo paranormal 0.1%
NAO - Somos 0.1%
IGLOO - Igloo 0.1%
TREM FANTASMA - Tirez sur le pianiste 0.1%
PEDRO GRANELL - Sils Maria 0.1%
CUCHUFELLOS - Speed Folk 0.1%
BURGAS BEAT - Ni una sombra en el horizonte 0.1%
A COMPANIA DO RUIDO - A compania do ruido 0.0%
SKACHA - A ferro e lume 0.0%
FELIX ARIAS - Manchados de tinta 0.0%
SKARMENTO - Que podemos agardar? 0.0%
OFENSIVA - A ultima palabra 0.0%
HA6 - HA6 0.0%
PRESENCIA ZERO - So son sons 0.0%
Votos válidos: 2.497
*2
e 8 revisados por Ignatius Brétema. 4 e 9 revisados por Gustavo Harvey.
1 e 6 revisados por Vincent Jalo. 3 e 10 revisados por Sak. 5 e 7
revisados por Berta Miráns.
según a RAE:
bizarro, rra.
(De it. bizzarro, iracundo).
1. adj. valiente (‖ esforzado).
2. adj. Generoso, lucido, espléndido.
FRANC3S molan trogollón!
bicos pra eles