|
Un ano máis as leitoras e os leitores de Sono-Tone escolleron os seus discos favoritos, que non necesariamente os mellores. Unha listaxe longa e variada que de novo amosa o excepcional estado de saúde da escena galega, con sorprendentes discos de debut pero tamén bastantes segundos e até terceiros discos que poñen de manifesto a solidez de moitas bandas galegas. Aqui tedes a lista defintiva coas puntuacións acadadas por cada disco. Premendo en "Ler artigo completo" poderedes acceder a unha compilación das reseñas dos dez primeiros clasificados.
217 TRIANGULO DE AMOR BIZARRO - Triángulo de Amor Bizarro
195 THE HOMENS - Tres
178 FANNY + ALEXANDER - Finais dos 70s, comezos dos 80s
171 ATAQUE ESCAMPE - Ed Wood e a invasións dos paraugas asasinos
169 NADADORA - Hablaremos del miedo
167 NARF - Totem
165 APENINO - Un rayo de sol
161 NOISE PROJECT - Teleclube
158 GALEGOZ - Revolution Dance
146 NOUVELLE CUISINE - Autodictado
142 VV. AA. - 120 Capadores
140 NAO - As palabras espidas
128 VV. AA. - Manifesto Dobarrista
119 MEU - Did you hear?
116 COLECTIVO ORUGA - Ricos modernos
114 FRANC3S - Ascensión a las cloacas
113 ARREDEMO - Nin sequera a choiva
111 ELODIO Y LOS SERES QUERIDOS - Esto que tienes delante
109 MOONDOGS BLUES PARTY - O cadelo lunático
91 MERCEDES PEON - Sihá
90 ESQUIOS - Un tipo normal
86 MANOS DE TOPO - Ortopedias bonitas
83 TELEMACO - Terra
78 XOSE MANUEL BUDIÑO - Home
77 XABIER DIAZ - Coplas para Icía
66 VALE TUDO - Vale Tudo
65 QUANT - In It for the Fun
64 SONHOS - Sonhos
63 MEQUETREFE - Mequetrefe EP
62 CORNELIUS - Greatest Hits
59 OS TRASNOS DE MOSCOSO - Rap do País
57 JABON BLUE - La música va por dentro
53 NOVA GALEGA DE DANZA - Alento
49 KATHAARSYS - Verses in Vain
44 MALANDROMEDA - Os estraños sempre traen malas novas
42 JIMENEZ DEL OSO + COPROLITOS - EP split
41 CAPITAN FURILO - Capitán Furilo
40 THE TELEPHONE ROUGES - Marxe I
39 TWENTY FIGHTERS - From this Day
39 SILVIA PENIDE - Desafinante crónica
38 GRAN PURISMO - Spifire
37 CANTADEIRAS DO BERBES - Todos a bordo
34 CREMA DE GAITA - TanGalego
32 A TABERNA DE MOU - Vol. 1
29 BONOVO - Demo
29 LORETTA MARTIN - Paraiso distante
26 ALMAX
21 BLIXDEINA
15 ABRAHAM BOBA - Abraham Boba
11 Carmen Rey - Meu
9 SEÑORA CARMEN - Na flor dos meus anos
2 XE - aliaXe
1.-TRIANGULO DE AMOR BIZARRO
Triángulo de Amor Bizarro
(Mushroom Pillow, 2007)
Moitos
falan xa de Triángulo de Amor Bizarro coma os novos Los Planetas e a
verdade é que se dan todas as condicións para que recollan a testemuña
xeracional e se convirtan no grupo de referencia do indie estatal. A
saber: aínda que son máis intensos e acelerados, beben das mesmas
fontes que os de J; as súas melodías tamén teñen o mesmo feo costume de
se che incrustar no cerebro tras un par de escoitas; as súas letras
(con versos da carga filosófica de llevar navaja siempre es conveniente, portaos bien hijos de puta que Jesús os vigila desde las alturas ou la Universidad es el mejor lugar para descansar)
teñen moitas posiblidades de rematar facendo parte da cultura popular e
recurso habitual da típica conversa nocturna, tal como lle aconteceu
aos granaínos; ademáis teñen unha baixista –con a- que aínda
por riba canta ben, igual que os primeiros Planetas, e son capaces de
facer pop de altura sen que a filia noise empantane a melodía. De novo,
ighualiño que Los Planetas. Por se todo isto non fora suficiente, están
no selo indie de moda, Mushroom Pillow –calquera selo que fiche a Sr
Chinarro se pon de moda automaticamente, asumámolo-, tiveron a inmensa
sorte de só ser semifinalistas e non gañar o Proyecto Demo do FIB de
hai dous anos (está demostrado empíricamente que só os grupos que se
quedan ás portas sobreviven...) e teñen o componente xusto de friquismo
para se diferenciar de propostas semellantes pero moito máis solemnes e
por tanto aburridas.
Porén hei de confesar que collín este disco
con alfinetes, e non foi até a cuarta ou quinta escoita que comezei a
caer nas súas redes. Nunca os vin ao vivo –tendo escoitado no pasado
cousas máis ben malas sobre a súa destreza sobre as táboas- e isto
sumado á produción infernal das súas demos fixo que tivera máis
prexuizos que un membro do Foro de la Familia tomando unhas copas con
Jorge Javier Vázquez. Por sorte para todos a espera de dous anos valeu
a pena e o resultado é indiscutíbel. O primeiro disco deste –agora-
trío herculino mexa polo Super 8 de Los Planetas, polo que se albisca
un futuro para eles aínda máis glorioso que os motores de autobuses
metidos en unidades de desprazamentos. Xa nos entendemos.
2.-THE HOMENS
#3
(Falcatruada, 2007)
“Por 1 euro a resposta
dígame grupos que fagan pop e canten en galego. Un, dous,
tres... responda outra vez!” Sinceramente creo que coas respostas
posibles non sacaba nen para tomarlle un licor-café. Claro que
se botamos un olliño á nosa historia musical recente,
dende os 70s o pop galego entendido á maneira de Andrés
Do Barro, isto é, só o cantado en galego, andaba orfo
de pai, nai e avoa (...)
Porén nos últimos
anos unha serie de grupos veñen enchendo este imperdoable
baleiro dunha escena dominada polo rock, o punk, os sons xamaicanos e
máis recentemente o Hip Hop. De tres anos para aquí
abrollaron unha serie de propostas lideradas por xente que non era
precisamente nova nisto da música -case todos chegados de
grupos doutros paus- e que pouco a pouco van ocupando as pólas
que restaban por poboar na polo de agora pouco frondosa árbore
do pop galego: falo do techno-pop de Projecto Mourente e Zimmer103, do pop
electrónico de Fanny + Alexander, do pop guitarreiro de Capitán
Furilo e, por suposto... do power-pop de The Homens.
Lembro que a primeira vez que
escoitei o que os tres de raias propuñan case non o podía
crer: pop de tradición Mod con querencias pola estética indie,
cantado en galego, con letras mundanas e retrousos pegañentos?
Demasiado bon para ser certo. Pero o era, e trás dous EPs nos
que a precariedade da gravación non facía xustiza á calidade do seu
repertorio e do seu directo chega por fin este “#3”, un disco
longo que, xunto a outros que se aviziñan, certifica que este outono
de 2007 será lembrado coma a data en que o pop galego acadou a
maioría de idade ou, cando menos, existiu.
Coma primeiro single os
tres tripulantes da Carriña escolleron “Calamar”, o tema que
abre o disco, pero a verdade é que lles debeu resultar unha
decisión dificil xa que todos e cada un dos once temas que fan
parte do disco -incluida a lenta e moi compostelanita “Opositora”-
tiñan papeletas de sobra para selo. Son as cousas que pasan
cando gravas once hinos pop redondos, que logo non sabes cal
escoller. O mesmo problema que teremos os fans, que non saberemos que
tema poñer cando queramos enganchar a algún amigo a The Homens. Porque
a verdade é que este disco, con esa colección de xoias pop e con esa
coidada produción que tanto precisaba o son de The Homens, é un disco
para fachendear por ai do que se fai en Galiza e dende logo unha
magnífica primeira dose para introducir a calquera nese bicho raro
chamado pop galego.
Pero o coidado que The homens puxeron neste seu primeiro disco longo
non remata no son, os fans dos formatos físicos agradecemos
infinitamente o luxo da edición xa que alén
de poderse descargar de balde na súa web, está publicado baixo licenza
Creative
Commons, tamén se pode adquirir tanto en CD coma en formato único
vinilo+CD+MP3 con póster incluido, algo inédito até a data pero que se
pode converter nun standard, sobre todo agora que bandas de referencia
mundial coma Radiohead seguen camiños parellos.

3.-FANNY + ALEXANDER
Finais dos 70s, comezos dos 80s
(A Regueifa, 2007)
Escoitando as primeiras cancións de The Homens, alguén
comentou a novidade que supuña para a música galega
escoitar canción sinxelas, directas, nas que as letras tiñan
unha función complementaria, non protagonista, o mesmo papel
que teñen no rock de calquera país. E é que a
música galega enleábase en contar historias demasiado
complexas e narrativas. Pero curiosamente tamén esquecera aos
poetas. Nos anos setenta Voces Ceibes, Suso Vaamonde, Bibiano, Miro
Casabella, Benedicto, Luis E. Batallán ou Fuxan os Ventos
levaron a voz de Celso Emilio, Manuel María e doutros poetas
ás súas guitarras. E leváronas ao pobo, de xeito
que aínda hoxe “Quen poidera namorala”, “Irmaus” ou
“María Soliña” son algunhas das cancións/poemas
máis populares en Galicia. Fanny + Alexander recuperan esa
tradición de transformación e relectura de poemas,
convertidos en cancións. Esa é a función do pop.
Si, pop, coas tres letras ben grandes. F+A soan máis
pop, máis accesibles, neste álbum. En Lusco e Fusco
amosaban unha vontade de creación de novos escenarios
musicais, de experimentar, de colocarse (colocarnos) na vangarda.
Pero a vangarda en estado puro non é para todos os estómagos.
“Finais dos 70, comezos dos 80” é apto para todos os
públicos, con retrousos que mesmo sorprenden aos propios
autores dos poemas orixinais: “é logo como fixeches unha
canción con isto?”
“María Silenzo” remove por dentro, o mesmo que “Amei-te
tanto”, que navega polo sangue derrubando resistencias. Con
“Danzarei para ti” comezan a moverse os pés, que seguen
bailando con “Cando eu era mozo”, que soa tan galega como turca.
O disco móvese no trip-hop con “A Estación sen ti”
e mestura pandeiretas e escuridade postpunk a través de Lois
Pereiro en “Postpukeirada”. Baixa ao after coa “Estudante ou
funcionaria” e vólvese máis político en “Así
é imposible: “Cando recolles a un caído e te pisan os
que caerán dous pasos máis adiante indo para atrás”.
O título do álbum tampouco é casual. Alén
da relación clara a moitos referentes musicais deses anos, é
unha chamada xeracional. A todos os nacidos entre “finais dos 70,
comezos do 80”, unha xeración que comparte moitas cousas, o
feito de ter naciodo e vivido nunha Galicia constitucional e
autonómica, e no musical unha xeración “post”,
post-moitas cousas, e que escoitou e asumiu a música
electrónica dende a súa adolescencia. É tamén
a xeración de moitos dos poetas escollidos. Daniel Salgado,
María do Cebreiro, ou mesmo Elvira Riveiro. Música
contemporánea, poesía contemporánea. Tan só
Carvalho Calero escapa dese nexo común, mais cun poema, “María
Silenzo”, de temática absolutamente actual: a sinistralidade
laboral. Pero isto non é moi sorprendente. Hai xente que
morreu hai xa tempo que é moito máis moderna que moitos
que están vivos e mesmo van de modernos.
Pero F+A son, evidentemente, algo máis ca spoken word.
F+A son poesía, pero son tamén unha brillante bola
de discoteca, como deixan claro en todas as cancións, pero
sobre todo en “Pánico”, canción pangalaica, e
retrouso que moitos dj’s terán que escoitar nos vindeiros
anos: “merda de dj, merda de dj”. Morrissey segue estando en
todos os lugares. Escoitando o álbum, entre brillantes
ambientacións, e ritmos imparables que un desexaría que
durasen algúns minutos máis, un pregúntase se
algún día poderemos escoitar estas cancións nos
pubs e discotecas de Galicia. Falla a distibución? Falta que
tomemos máis en serio as nosas creacións culturais?
Falta un sistema cultural de noso?
Un disco para ler, e para falar del, para escoitar sentado e para
bailar de pé, ou para escoitar de pé e bailar acostado.
Unha e outra vez.
4.-ATAQUE ESCAMPE
Ed Wood e a invasión dos paraugas asasinos
(ARP, 2007)
"Que nome
tan feo", pensei cando escoitei o nome do grupo, por primeira vez.
Nen feito a propósito, se aínda fosen punkarras... Pero igual que
son os actos das persoas os que fan que os seus nomes sexan sinónimo
dalgo fermoso, é a música a que fai o nome dun grupo encantador ou
non. Só así se pode explicar que nomes rematadamente feos coma Os
Escaravellos ou Os rapaces da praia sexan hoxe sinónimo das máis talentosas
músicas. E Ataque Escampe tamén son dos que cambian o significado
do seu nome a base de talento e cancións para a -nosa- historia.
Adoptando unha
fórmula desparafusada a medio camiño entre Violent Femmes, Del Amitri,
The Pogues e incluso The Go-betweens (máis en concreto: guitarras acústicas,
violin, percusións varias, kazoo e voz) son quen de construír un discurso
propio con unha personalidade da que poucos grupos galegos poden fachendear,
sobre todo coa súa media de idade, non superior ao cuarto de século.
Axuda nesta tarefa, e moito, a incríbel voz rachada e grave de Alex
-case inaudita no pop galego-, fillo bastardo de Tom Waits e Nick Cave
e curmán lonxano de Josele Santiago e Enrique Bunbury. No seu ton profundo
e desesperado as historias que contan estes galegos -imposíbeis de
localizar concretamente xa que cada membro provén de cada unha das
catro provincias- adquiren novos sensos e matices tan particulares que
fan que as súas cancións sexan case imposíbeis de versionar. E xunto
coa voz son precisamente as letras o máis característico de Ataque
Escampe, versos cercanos por momentos á antipoética de Nicanor Parra,
que fuxen coma do demo da nosa lírica pop-rock tradicional onde poucas
veces se viron tratados temas coma a sexualidade dende o ponto de vista
feminino (“ás veces frega a súa pube unha flor vermella ou azul e
algo sóbelle (ou báixalle) todo através do seu corpo na espiña dorsal”
cantan en Ana e o caracol), o fracaso do amor no seo do matrimonio
(“ti fálasme da hipoteca, da túa nai, do seu reuma, doutra parella
que dura e da televisión” din no Tango do Sintasol) ou acedas
chamadas de auxilio desesperado fronte á realidade que lles tocou viver
(“auxilio, teño corazón, non lle abonda o mundo no que estou, faime
ser un móbel-bar cando soa o reggaetón” declaran en Móbel-Bar).
Pesimismo controlado coa suficiente dose de ironía como para non caer
no laio interminábel e saudoso tan característico doutras décadas.
Estes catro
rapaces, dos que ao principio desconfiei coma bon galego, téñense
convertido a base de cancións -como senón?- nun dos meus grupos de
culto, deses dos que apenas te preocupas cando sacan o próximo disco
porque aínda non cansaches das cancións do anterior. E os temas do
seu debut, Ed Wood e a invasión dos paraugas asasinos, dubido moito
que algún día me cheguen a saturar. Coma sempre soe acontecer cos
clásicos.
5.-NADADORA
Hablaremos del miedo
(Jabalina, 2007)
Un bon indicador do nivel de reivindicación e
actualidade de grupos xa desaparecidos soe ser o prezo que acadan as
súas obras maiores no mercado de vinilo usado na edición orixinal. No
caso de Slowdive a cousa vai dende os 60 euros do
Souvlaki aos máis de 100 de Pygmalion polo que cumpre deducir que o seu
legado debe estar ben presente na escena actual dun xeito ou outro.
Efectivamente nos últimos anos vimos asistindo a un pequeno revival do
shoegazing, con bandas tan dispares coma os suecos The Radio Dept. ou os ianquis Fleeting Joys.
Pero xa e 2003 nunha pequena vila da fin do mundo andaban uns rapaces
argallando unha banda que partía dos postulados estéticos dos de
Reading para dar forma a unha fórmula de pop saudoso, reverberado e cun
xogo de voces -as de Sara e Gonzalo- que lembraba feliz e
irremediábelmente ao de Neil Halstead e Rachel Goswell. Eran Nadadora e
viñan do Grove.
Catro anos, dúas demos, un mini-LP e un disco longo despois chega
Hablaremos del miedo, un album que soprende aos que levamos seguindo á
banda dende que tivemos novas deles no Proyecto Demo 2004. Algo nos
advertira Gonzalo Abalo nunha entrevista telefónica en Radio Oceánica
mentres andaban a rematar as gravacións: a fórmula cambiaba, o novo son
ía sorprender aos fans de toda a vida. E así foi. Non tanto a fórmula
-seguen coa mesma formación e empregan os mesmos instrumentos- pero si
nas formas. Nos dez temas que fan parte deste Hablaremos del miedo o
primeiro que se nota son os cambios na producción. Xa non hai as
toneladas de reverberación -por outra parte tan características do
shoegazing polo que o seu abandono é toda unha declaración de
intencións- dos anteriores discos. Agora as voces están moito máis
altas e claras, facéndose moitos máis evidentes, rompendo o mandamento
enunciado por ese profeta químico que é Jota hai anos ("a voz non debe
estar máis alta porque é un instrumento máis") e devolvendo o
protagonismo que a voz debe ter no asunto este do que estamos
falando... o POP con maiúsculas.
Pero no pop non é a forma o máis importante. Sen cancións inesquecíbeis
todo o esforzo pode quedar nunha bonita produción e un disco agradábel,
apto para ser escoitado en elevadores e aeroportos. Os grovenses xa
avisaran en gravacións anteriores do seu potencial neste sentido, con
clásicos das dimensións de Incendio #3, La tarde gira ou 12:01 AM,
e neste Hablaremos del miedo a cota de singles candidatos a "canción
pop perfecta" medra até níveis insospeitados, facendo do seu
cancioneiro un cobizado tesouro para calquera grupo que persiga a
melodía: Tu y cuantos como tu, El bosque, La forma, Al final todo arde ou Todo o mundo protesta
pertencen a esta categoría de xeito inmediato pero non me atrevería a
asegurar que despois dunhas cantas escoitas máis non rematan todos e
cada un dos temas do disco nela. A isto axuda non só a produción -moito
máis clara e directa, máis perto de como soa a banda sobre as táboas-
senón tamén a inclusión de arranxos de cordas e vento, un matiz que
defintivamente os alonxa da sombra de Slowdive e mesmo Mazzy Star para situalos -coma acertadamente din na promo- en postulados estéticos moito máis afíns a bandas coma os xa desaparecidos The Delgados ou os xeniais canadianos Stars.
Nadadora percuraban un pequeno cambio de rumo -sútil, apenas uns graus-
que os levase a soar máis orgánicos, máis directos e sen dúbida o
conseguiron, achegándose máis ao seu son real coma banda e deixándonos
xa de paso unha colección de cancións para toda a vida, desas que non
se esquencen. Por certo que eses anceios reorientadores se perceben
tamén no propio disco a nivel físico, cun par de sopresas "estéteicas":
o deseño da capa xa non foi obra do omnipresente Aramburu -é unha
luminosa foto de Tamara De la Fuente- e nunha das pás do digipack
incluiron uns versos nada menos que de Lois Pereiro. Que máis podo dicer.
6.-NARF
Tótem
(Falcatruada, 2007)
Na traxectoria de Fran
Pérez pódese resumir con precisión a evolución
da escena galega do último cuarto de século, partindo
da Movida -Nicho Varullo-, pasando pola post-Movida pre-Bravú
-Os Quinindiolas- e rematando co Bravú -Psicofónica de
Conxo-, todo isto sen sen ter en conta a súa prolífica
carreira coma compositor de bandas sonoras. O incansábel Fran
foi parte activa de todo o que se coceu naqueles anos pero non foi
até o cambio de século que o seu talento como
compositor, arranxista e intérprete abrollou individualizado
co seu proxecto en solitario baixo o nome de NARF (...)
Agora, tras editar un
primeiro disco que non tivo toda a difusión que merecía
pero que o levou coa súa guitarra polo mundo adiante
colleitando algún que outro premio internacional, chega Tótem,
o seu segundo disco no que reflexa o froito de máis de dúas
décadas escribindo cancións. Abofé que NARF é
un artista dificil de etiquetar. Nas súas xiras británicas
emparentábanno co movemento tropicalista, tras as súas
visitas a Mozambique voltaba co difuso carimbo da World Music máis
étnica, polo seu vencello a Nordesía sempre se lle
relacionaba co folk galego... pero o certo é que Fran Pérez
é en esencia un songwriter de toda a vida -de Guthrie a Dylan
pasando por Cohen, Buckley ou Drake, escollede o que vos praza- dos
que parten da sinxeleza do folk saxón para abrazar calquera
influenza e estilo que lles pase por diante e lles toque o corazón,
dende o rock ao blues pasando polos ritmos étnicos ou o jazz.
E precisamente isto é
o que acontece neste Tótem, que os únicos denominadores
comúns que achamos son a voz lene e a moi virtuosa guitarra de
Fran porque cada un dos trece temas que contén posúe as
súas propias coordenadas estilísticas, poñéndollo
aínda máis dificil aos encarregados das tendas de
discos á hora de colocar o disco nunha sección ou
outra. Pero por riba de todo o que agocha este disco inmenso son
cancións, con clásicos automáticos coma Galician
Lullaby, Afroblues ou -pola parte que me toca coma picheleiro-
Santiago. Foi este un disco que se
cociñou moi a modo e, igual que as cousas que se fan con
coidado e detalle, as súas músicas non van ser das que
se esquencen facilmente. Felizmente vannos acompañar moito,
moito tempo.
7.-APENINO
El chico de la
camiseta a rayas
(Jabalina, 2007)
Con pouco mais de trinta anos Marco Maril -Apenino- ven ser un dos
músicos galegos cunha traxectoria máis interesante por
variada. Xa fose facendo radio, fundando selos ou impulsando o
primeiro indie compostelán militando en grupos tan avanzados
na época coma Hemisferio Izquierdo ou Fulsomes. Posteriormente
foi o 50% de Dar Ful Ful, unha evolución dende os sons máis
experimentais ao pop máis "familyar" que cristaliza
agora neste segundo disco coma Apenino ao abandonar definitivamente a
guitarra en favor do Ukulele.
Pero esta renuncia non é máis
que a ponta do iceberg do novo Marco xa que neste "El chico de
la camiseta a rayas" hai cambios bastante máis
significativos que esa transición de seis a catro cordas,
nomeadamente a penetración progresiva en terrenos máis
inditrónicos a niveis de bases, achegados ao IDM e ao Glitch.
A herdanza Family/New Order segue tan viva coma sempre pero resulta
evidente que as novas formas do novo pop electrónico xa fan
parte do son de Apenino, tras este disco moito máis perto da
órbita vangardista de xente coma Electric President, Mùm
ou 6PM que da austera tristeza dos fillos do Donosti Sound. Porén, a súa capacidade para a composición sigue invariábel, un talento ao que hai que engadir o persoal da súa voz que -sen ser a mellor do mundo, nen falta que fai- emociona cando non a conmociona ao enchoupar de saudade cada unha das súas xema preciosas. É o caso de El amor nos hace viajar, Nos sienta grande ou Días de septiembre, a peza máis bailábel do disco e un dos singles indiscutíbeis de 2007.
8.-NOISE PROJECT
Teleclube
(ARP, 2007)
Asumámolo. Dende Os Resentidos a música con
vocación vangardista cantada en galego andaba de capa caída. Correntes
coma o noise, o shoegaze ou o post-rock foron chegando ao País en
pequenas doses e sempre con formas de expresión saxonas. Semellaba que
o magnífico exemplo que nos deron Reixa e os seus –o de poder estar na
avangarda estatal e mundial e trunfar sen despegar os pés da nosa
terra- non valera para nada. E que só se pode empuñar unha Fender
Jaguar con intencións antiacadémicas se vas cantar en inglés? Por
fortuna hai novas formacións coma Noise Project capaces de demostrar
que non.
Teleclube é o primeiro traballo deste sexteto, nove
temas nos que os de Valga son capaces de non parecerse a nengún grupo
concreto e, ao mesmo tempo, deixar que as súas moi ricas influenzas
(Pavement, Sonic Youth, Mogwai, Godspeed You Black Emperor!, Slowdive,
Yo la tengo, My Bloody Valentine...) enchoupen sen prexuizos cada anaco
do disco. Atopamos a pegada post-rock en temas coma Máxico Lugar ou A pedra de afiar, con certo parecido en dous temas concretos –A aposta e I-
ao mítico grupo compostelán N.H.U., toda unha sopresa xa que me consta
que nunca os escoitaran antes. Resulta curioso coma pode aparecer unha
liña estilística involuntaria que una dous grupos tan lonxanos no tempo
–trinta anos!- pero tan semallantes na súa proposta, a de facer música
experimental cantada en galego.
Porén, unha das maiores virtudes de Noise Project
–que tamén foi dos Resentidos no seu tempo- é a de non fecharse en sí
mesmos na opacidade do artista que experimenta sen máis, sendo capaces
de facturar tamén temas coma Marcial, O bronceado de Zaplana ou II,
máis roquistas e acelerados, nunha liña máis noise e shoegaze que
post-rock e con moitas máis posiblidades de engaiolar a un siareiro de,
por exemplo, Los Planetas, Surfin’ Bichos ou Triángulo de Amor Bizarro.
Este factor, sumado á duración dos seus temas –cunha media de tres
minutos- e ao seu sentido do humor fai que Noise Project sexan
candidatos a penetrar tanto en audiencias na percura da aventura sonora
coma nas posuidoras dos ouvidos máis aburguesadas. Algo que –como
dixen- fixeron Os Resentidos pero poucos grupos con anceios artísticos
foron capaces de conseguir.

9.-GALEGOZ
Revolution Dance
(Vir, 2007)
Se quixera enumerar todos e cada un dos estilos que
se dan cita neste segundo traballlo de GALEGOZ tería que escreber a
reseña na sección de ESPECIAIS por mor da súa extensión. Do acid-jazz
ao drum n' bass, do dub á pachanga... verdadeiramente xa non quedan
etiquetas que non pasen pola batidora liderada por Marcos Payno e Denis
Mutante. O conceito de mestizaxe nascido nos primeiros Mano Negra é
levado á súa máxima expresión neste Revolution Dance, un disco no que o
título sintetiza como nada o conceito que se agocha trás a proposta de
GALEGOZ, festa e loita a partes iguais pero sen tomarse demasiado en
serio. De feito todas e cada unha das letras mínimamente políticas
-tamén as hai puramente festeiras coma as de Verbena Eléctrica e Os
fillos da Pachanga- foron pasadas polo filtro da carallada, facendo que
a mensaxe sexa moito máis dixeríbel. E tamén risíbel, coma ben se ve no
hit Capitán GZ. Mesmo as máis "serias" Igreja Catódica -na que se menta
até a Jiménez Losantos!- e Nom quero ir fora teñen a dose xusta de
carraxe intelixente como para fuxir da consigna barata. Parabéns para
este trouleiros revolucionarios, non é nada fácil escreber letras
mínimamente politizadas sen caer no agit-prop máis cutroso.
Algo que sorprende e moito, coñecendo a traxectoria dalguns dos membros
da banda, é a inclusión de dous temas en castelán. Isto é algo que
alporizará a moitos pero que dende unha perpectiva normalizadora cumpre
celebrar, que mellor signo de nomalidade para a língua na música
popular que que un grupo de impecábel coherencia lingüística coma
GALEGOZ se poda permitir o luxo de incluir dous temas nada menos que en
castelán. É certo que resulta bastante dificil de imaxinar que iso
tivese acontecido nun disco de Fuxan os Ventos, Os Resentidos ou mesmo
Xenreira pero está claro que os tempos son distintos e isto non se pode
interpretar en clave entreguista senon en clave internacionalista.
Outra cousa é que algúns prefiramos o internacionalismo monolingüe de
Negu Gorriak ao de Kortatu. Unha pura cuestión de gostos. O que está
claro é que eses dous temas poden ser unha xanela aberta na conquista
de audiencias máis alá do Bierzo, a ver se teñen sorte na misión.
Este Revolution Dance ven confirmar que o que nasceu coma un grupo
virtual a imaxe de Gorillaz é xa unha realidade e estamos seguros de
que se van fartar de tocar este verán levando a súa danza
revolucionaria por todas as vilas do país e, quen sabe, do estranxeiro.
10.-NOUVELLE CUISINE
Autodictado
(Autoeditado, 2007)
Da primeira gravación de Nouvelle Cuisine - Nouvelle Essai- até este
Autodictado teñen pasado catro anos e catro maquetas, o que para
calquera grupo da escena galega -onde abundan as carreiras fugaces e
escasas en gravacións- non é pouco. Moito menos se no camiño és nomeado
grupo revelación do ano polo Festival Contempopránea.
A verdade é que escoitando os temas deste seu primeiro disco longo hai
que admitir que aos coruñeses lles ten cundido moito este tempo,
pulindo o son e construindo un estilo que aínda que etiquetábel ten
moito de propio. E digo etiquetábel pero propio porque aínda que a
pegada de La Buena Vida -na música e o ton- e La Habitación Roja
-nas voces e en temas coma Mapa- segue a ser evidente estes chefs da
alta cociña teñen engadido un par de merecidas estrelas Michelín ao seu
menú de pop preciosista manufacturando singles deses que non se
esquencen -Aritmética Polar e 2 torres, por poñer un par de exemplos- e
ralentizando un chisco algunhas das súas composicións, achegándose en
ocasións á saudade shoegazer de Nadadora. De feito
este casamento estético cos grovenses debería cristalizar nalgo
semellante ao que foi precisamente fonte común dos dous, o Donosti Sound, desta vez con epicentro atlántico no canto de cantábrico. Os medios estaremos ben atentos a esa posíbel consolidación.
Pero non só a madurez no musical é o que destaca neste Autodictado,
tamén o formato de edición é revolucionario, cun complexo procedimento
de individualización -podedes velo en imaxes no seu fotolog
- de cada disco vendido, asociándoo para sempre ao seu propietario.
Novas ideas que tentan devolver o valor engadido ao disco coma item, aínda que, coma neste caso, o valor e calidade da súa música sexa máis que suficiente para xustificar a inversión.
 Tags: MELLORES DISCOS DE 2007 |