FPSS slide image
FPSS slide image
FPSS slide image
FPSS slide image
FPSS slide image
PRIMAVERA SOUND 2007 PDF Imprimir Correo-e
MUSICA
Escrito por Atilano Liberado   
Martes, 12 de Xuño do 2007
Chuza!
primavera4

Unha reportaxe de Atilano Liberado con fotografías de Xavier Valiño

 

Sonic Youth

02.06.07 Barcelona, Primavera Sound 

   Dezanove anos non son nada... Sonic Youth recuperou no Primavera Sound o repertorio completo do Daydream Nation, dende ‘Teenage
Riot’ ate ‘Eliminator Jr.’ Algunhas desas cancións non as tocaban dende aquela.
Pero seguen vivas, seguen acendendo ao público, e iso que non había factor
sorpresa. Seguiron o guión de xeito escrupuloso. Nin sequera se saltaron o
piano de ‘Providence’. Traíano gravado, e non precisamente nun sampler ou nun
ordenador. Non. Estaba nunha cinta analóxica, desas de play e stop,
oculta entre os pedais de Thurston Moore.

   No concerto soaron sucios e intensos, fieis ao disco, pero coa forza dos directos. Nos mellores temas (‘The Sprawl’, ‘Cross the Breeze’, ‘Hey Toni’) a emoción enaxenaba ao público. E nos máis espesos, a xente atendía á procedencia de cada ruído: as melodías saen da guitarra de Thurston Moore, a distorsión da de Lee Ranaldo. Un só movemento dos seus dedos convértese nunha labazada sónica polos amplificadores. É unha sorte que tras máis de vintecinco anos sigan tocando xuntos. Senón Moore remataría transformado nun roqueiro popi adicto ás melodías sinxelas, e Ranaldo volveríase un artista da distorsión, críptico e raiante. Entrambos os dous sitúase o baixo de Kim Gordon, a columna vertebral desta sinfonía ruidista, e mais a batería de Steve Shelley, bastante máis crúa no directo que na gravación.

   A idea de contratar grupos para que toquen por orde os temas dun único album é unha moda importada dende Inglaterra. A min esta leria non me ten moito xeito. Unha cousa é que Slint toque Spiderland, que é
un grupo que só ten dous discos e un deles é unha obra mestra, e outra cousa é
que Sonic Youth o faga, cando ten unha discografía dabondo ampla como para
tocar o que lles pete, á marxe de que o Daydream Nation sexa un dos seus
mellores álbums. Pero se eu vou a un concerto de Sonic Youth tamén quero que
toquen ‘Schizofrenia’! Ou ‘The Diamond Sea’!

   Fronte á rixidez da proposta contractual, a liberdade e a potencia do directo. Despois de dar conta do álbum completo o grupo volveu ao escenario para facer o bis máis longo do festival. Tocaron ate catro cancións do Rather Ripped, comezando por ‘Incinerate’, e así deixaron ben claro
que a súa creatividade segue dando bos resultados. Poucos grupos podería
interpretar un dos seus discos canónicos coma se fose o último, para logo tocar
as súas últimas cancións coma se xa fosen clásicas.

 

Wilco

02.06.07 Barcelona, Primavera Sound 

 

   Faise raro ver a Jeff Tweedy contento sobre un escenario, case feliz, excluíndo os temas máis escuros do seu repertorio, e pedíndolle ao público barcelonés que lle cante “oé, oé, oé”. Aledámonos por el, por suposto, e tamén pola banda. A súa convivencia debeu mellorar. Pero que pasaría se lle quitasen os antidepresivos? Tocarían ‘At least that’s what you said’? Non, demasaido masoquista. Esa caste de canción só lle pode prestar tocala fóra de contexto a un sádico como J de los Planetas.

   Esa noite Wilco tiñan un disco que presentar, o Sky
Blue Sky
, pero amais recuperaron os temas máis amables do Yankee Hotel
Foxtrot
, como ‘I am trying to break your heart’ ou ‘Jesus, etc’, e tamén
algún de A Ghost is Born, como ‘Hummingbird’ ou ‘Handshake Drugs’. Ben
pensado, tampouco é que sexan temas inofensivos. Pero non se poden comparar coa
escuridade que desprende ‘Spiders’, unha revisión do krautrock actualizado e
distorsionado, con estoupidos directos ás neuronas, coma o se fose un éxtase.

   Antes de chegar aos dez minutos dese último tema deron un concerto no que deixaron claro o seu maxisterio no rock contemporáneo. Moitas veces, cando comezan unha canción, semellan uns dignos herdeiros do rock’n’roll dos setenta, de Alex Chilton e compañía, pero de súpeto a música mutaba e pasaba a ser algo moito máis avanzado, con rupturas de ritmo dende a batería, ou con duelos de distorión entre as guitarras de Tweedy e Pat Sansone, o multiinstrumentista estrela fichado hai tres anos para a xira do A Ghost is
Born
.

   Botei de menos ‘Muzzle of Bees’, pero case que era unha petición persoal. Cada un ten as súas favoritas. Tras ‘Spiders’ o público quería máis, pero xa eran as tres e media, estaban comezando novos concertos noutros escenarios. Despois de agardar polas cancións reviradas durante todo o concerto tampouco é que deixase bo corpo un remate tan áspero. Hora e media con Wilco pasa moi rápido. Volveron saír. Tocaron ‘I’m a Wheel’, con moita máis rabia da habitual. Dous minutos a toda velocidade e volta para a traseira. Un final abrupto, demasiado ríxido. Dá rabia que un grupo como Wilco teña que comprimir o seu repertorio para axustarse aos horarios dun festival. Nos grandes concertos un sempre fica con ganas de máis.

 

Patti Smith

02.06.07 Barcelona, Primavera Sound

 

   Unha voz privilexiada aprende a proxectarse por riba das cancións cos anos, e aprende tamén a facelas súas, a subordinar calquera melodía ao seu recitado. Patti Smith é todo voz e presenza. E ten unha banda que a sabe acompañar, con interpretacións intensas que levan o seu verbo máis aló da partitura.

   En Barcelona ela deixouse querer dende o alto do escenario e entregouse ao público co que mellor sabe facer: cantar. Traía un álbum curioso para testalo no directo: Twelve, unha coleccións de cancións
míticas alleas versionadas pola súa voz ate apropiarse delas. Foi o que fixo
cunha irrecoñecíbel ‘Are you experience?’, distorsionándoa cun clarinete! Do
mesmo xeito, tamén reformou ‘Smell like teen spirit’, en formato acústico e
cunha interpretación afiada e visceral. Kurt pode estar orgulloso: deulle unha
nova vida a súa canción.

   Non todo foron composicións alleas. Patti Smith estivo compracente e recuperou unha boa cantidade dos seus clásicos, como ‘Free Money’ ou ‘Privilege (Set Me Free)’, e por suposto, tamén ‘Because the Night’, o agasallo que lle fixo Springsteen, e mais ‘Gloria’, para rematar, que máis que de Van Morrison xa é súa por dereitos históricos. Só faltou que interpretase ‘Horses’ para completar un repertorio inmellorábel.

   Cos anos, a voz viróuselle máis grave e gastada, pero iso case que amplía a súa aura, eleva a súa autoridade. O que non mudou co tempo foi a súa combatividade. Ela non esquece a política cando sube ao escenario, é parte da súa banda. Unha señora de sesenta anos co puño ergueito e a reivindicación ben alta. Moito respecto, e toda a miña admiración.

 

The White Stripes

31.05.07 Barcelona, Primavera Sound 

 

   Un escenario de deseño, gardando o cromatismo tripartito: moito vermello, algo de negro, e algunhas pintiñas de branco. Os instrumentos e as cámaras estratexicamente situadas para o lucimento persoal. Jack White no centro, nunha exhibición impúdica, entre múltiples guitarras e mesmo un piano, e Meg White á esquerda, parapetada detrás da batería. Todo disposto para a aclamación masiva incondicional dos White Stripes...

   O público respondeu, cumpriu, e eles tamén, co que se lles pedía, que cada vez é máis fórmula e menos música. Jack White é un compositor intelixente e un guitarrista virtuoso, que argallou toda esta montaxe ultracool para colarlle ao seu público unhas pezas de hard rock correúdo bastante reseso. Con semellante posta en escena, ate Meg White semella unha batería competente, coa súa pose tan estudada.

   Fórmula, virtuosismo... e aburrimento. O espectáculo dos White Stripes é digno de verse, pero non hai gran cousa que escoitar nel. Cun público sumiso, Jack White non precisa amosar a calidade das súas cancións, chégalle con interpretalas facendo moito barullo e con moito solo de guitarra. Moita técnica para agachar a pobreza compositiva. Non debe importar moito, porque á xente lle encanta. A fórmula funciona. Pode botar medio concerto deconstruindo o seu repertorio de rock de xoguete, con temas do seu novo disco, sen tocar moitos ghits, que o público vai estar satisfeito. Prima a presenza de Jack e Meg sobre o escenario, o que toquen alí xa é cousa de piloto automático.

   Para o remate reservaron a aceleración de ‘Blue Orchid’, para que a xente ceibase adrenalina, e logo xa, para compracer tanto aos fans como aos que pasaban por alí, ‘Seven Nation Army’, probablemente unha das melodías máis afortunadas do que levamos de década. Pero nin sequera foi unha boa interpretación. Jack White tocaba media ducia de notas e paraba, creando expectación. Un truco moi efectista: deixaba ao público tarareando, devecendo por que a soltase. E así a tocaron, con pausas e arroutadas, estragando a canción, pero ofrecendo á xente o que quería: moito circo e pouco pan. Citando a esas autoridades nas que se están convertendo os Lendakaris Muertos: “Soy muy cool / Doy por cul / Llevo gafas / No me hacen falta // Soy moderno / Soy artista / Estoy un poco loco / Soy gilipollas!!!”.

 

The Fall

01.06.07 Barcelona, Primavera Sound 

   Mark E. Smith segue sendo un tío chungo. A súa dona, Eleni Poulou, a teclista de The Fall, debe ter moita paciencia con el. Neste concerto, o seu home quitoulle o micrófono cando lle tocaba a ela recitar en ‘The Wright Stuff’, sen sequera deixarlle rematar unha frase, e logo aínda a apartou dos teclados para tocar el. Ela, mentres, agardaba de costas ao público, nunha exhibición de estoicismo. E a estes detalles hai que sumarlle tamén o empurrón que lle deu a un dos cámaras cando se lle achegou de máis para gravar un primeiro plano...

   Sen dúbida Mark E. Smith é un dos tíos que máis medo dá sobre o escenario, con ese cabreo permanente e o seu vestiario completamente negro, coma se fose un espía nazi, incluída unha longa cazadora de coiro a xogo cunhas luvas de asasino en serie. Ante semellante actitude a banda é a primeira en temer a súa xenreira... Mark E. Smith é un dictador...

   ... e amais un excelente músico, un home orquesta case. Máis que o líder da banda semellaba o seu productor, sempre atento ao son, manipulando o volume dos amplificadores, dando voltas polo escenario, disperso, entrando e saíndo, pero sempre sen perder o pé para entrar co seu recitado. El é The Fall, el definiu ese son agresivo, violento e sincopado do post-punk. Un estilo que abrangue dende os depresivos Joy Division ate os máis desfasados P.I.L., e que agora os críos de vinte e trinta anos tentan reformular (no mellor dos casos, como LCD Soundsystem) ou vampirizar (coma Franz Ferdinand, máis cuestionabeis).

   Malia os seus continuos problemas cos músicos, semella que desta vez Mark E. Smith atopou un combo resistente e virtuoso, capaz de proxectar o seu elevado nivel de malestar na base rítmica. O líder podía saír sen medo da escena sabendo que o público non ficaba só, ben traballado como estaba por dous baixos sólidos e unha batería poderosa: vibracións subcutáneas que van directas aos vasos sanguíneos, sen pasar polos ouvidos. A isto sumámoslle as intervencións puntuais e afiadas da guitarra e mais os loops aerostáticos que Eleni Poulou lanzaba dende teclados e temos a unha das bandas máis poderosas do festival, defendendo un repertorio no que encaixaban cunha estimábel soltura os temas recentes do seu último álbum, Reformation post
TLC
. Unha interpretación a reter: ‘My Door is Never’, unha exhibición de
baixos saturados e batería musculosa. Puro The Fall, en presente, clásicos sen
fosilizar.

Low

01.06.07 Barcelona, Primavera Sound

   Todos os guiris que non tiñan nin a menor idea de quen eran Los Planetas estaba no escenario ATP á unha e media da mañá, pendentes de Low. Un, a esa hora, quere máis ben que lle rebenten os ouvidos. Pero con Low cómpre ser sumisos, ficar caladiños e moi quedos, non se vaia alterar esa atmósfera íntima e tristeira que tan ben saben crear. O Drums and Guns tampouco é que sexa precisamente o seu disco máis animado. Pero eles están de xira, presentando o novo álbum, por que van mudar o repertorio? Se aceptas esas regras dá igual a hora que sexa ou o canso que esteas: vas recibir unha intensa descarga empática non apta para melómanos insensíbeis.

   Eles mesmos montaron o escenario. Ao remate do concerto de Modest Mouse, co público remexéndose entre os que marchaban e os que ficaban, saíron os tres cos seus trebellos a preparar un set minimalista: só unha torre de amplificadores (e bastante analóxicos), reduciron a batería a timbal e caixa, colocaron un par de pedais... e pouco máis. Aínda lles levou tempo. E cando todo tiñan listo, apaganron as luces e, sen máis, comezaron a tocar.

   Alan Sparhawk ten un aire a Ira Kaplan de Yo La Tengo, sobre todo cando prende na súa guitarra unha arroutada ruidista. Neste concerto non houbo moitos intres así, só nun par de temas, pero chegaron para amosar que tanta tensión acumulada pode estoupar. Quizais o Auditorio sería un contexto máis axeitado para escoitar ‘Sandinista’, ‘Take your time’, ‘Dragonfly’, ‘Your Poison’ ou ‘In Silence’, pasaxes de emoción contida sempre a piques de desbordar. Tralo último tema, saudaron con medio sorriso ao público, e puxéronse de contado a recoller o escenario. Xente sinxela, e músicos inmensos.

Hot Chip

01.06.07 Barcelona, Primavera Sound 

   Hot Chip teñen moi clara a diferenza entre o directo e a gravación. Nos seus discos teñen unha producción exquisita, moi precisa, e responden sen moitos atrancos á denominación de “grupo de pop electrónico”. Nun concerto son outro grupo. Non teñen nada que ver cun hipotético Hot Chip
performing The Warning
. Os cinco aliñados no escenario, fronte ao público,
lanzándolles loops, samplers e programacións desenfreadas, capas superpostas
para ritmos inconexos, nunha verbena electrónica adicada aos corpos inquedos.
Os seus directos pouco teñen que ver co típico concerto de indietrónica. Máis
ben o referente é a confusión das raves ou, por que non, o centrifugado dos
Chemical Brothers.

   Eles foron os primeiros en bailar sobre o escenario, dando chimpos detrás das súas máquinas, sen ficar hieráticos coma uns malos imitadores de Kraftwek. A festa tamén era para eles. Neste remuíño de texturas, a voz suave de Alexis Taylor encaixaba con delicadeza, lembrándonos que, a fin de contas, estabamos nun concerto de pop. Os seus falsetes anticipaban os singles, para logo levalos ate o punto álxido (“over-and-over-and-over-and-over-and-over”). Mentres, o resto da banda multiplicaba os estímulos, sempre máis aló da gravación orixinal.

   Así tocaron ‘Boy from School’, de segunda. Unha interpretación contundente, pero sen afogar a voz. É un single, por suposto, pero non un fósil: tamén funciona como laboratorio de probas. ‘Over and Over’ reservárona para a segunda metade, cando público xa non atendía a sutilezas. Foi escoitar ese “laid back” e a xente comezou a bailar de memoria. Daquela non era tempo para experimentar. Eran as catro da mañá, e o resto da noite só ofrecía DJs. Queriamos xirar coma trompos, e eles non fallaron.

Fujiya-Miyagi

31.05.07 Barcelona, Primavera Sound 

   O metrónomo sabía bailar! O trío británico de nome xaponés comezou o concerto co seu single de sinxela dixestion, ‘Ankle injuries’, un reclamo para todos aqueles que querían prender nun tema coñecido. Non foi o que mellor tocaron da noite, pero a xente sempre gosta de recoñecer nun concerto as cancións que escoita na casa. Amais, ‘Ankle injuries’, ten a vantaxe de ser un excelente tema de presentación, coa repetición en voz baixa do mantra Fujiya-Miyagi-Fujiya-Miyagi-etc. A letra pop entretiña ao público, pero o metrónomo xa comezara a funcionar.

   Quen lle ía dicir aos popes do krautrock alemán, a Can e a Neu!, que a súa música ía triunfar na pista de baile! Fujiya-Miyagi poñen a rular a programación e eles son os primeiros en mover o esquelete, mentres intercalan algunha pasaxe pop nos seus crescendos rítmicos. David Best revelouse como un cantante especialmente cálido, alternando os seus recitados suaves con eléctricas intervencións á guitarra, dignas dos mellores Talking Heads, coma no tema ‘Collarbone’, co seu estribillo ateigado de interxeccións. E amais, sorpresa!, Fujiya-Miyagi tamén teñen unha vertente negroide, cun pouso soul en temas como ‘Transparent things’ ou ‘Sucking punch’.

   Ao comezo do concerto só había un grupo de fans entregandos chimpando no centro do público, pero segundo o grupo queimaba o seu repertorio a xente ía acendéndose, e cada vez eramos máis os que entrabamos na danza sincopada, ate entregarnos con esa longa carreira que é ‘Cassettesingle’, unha xoia metronómica con melodías superpostas de videoxogo analóxico. No disco dura seis minutos e medio, pero no directo soubérona alongar para que todo o público enganchase o baile e non marchase daquela a ver á competencia, que ese día e a esa hora eran os moi epatantes White Stripes. Un excelente peche para un concerto no que Fujiya-Miyagi deron o mellor dos seus dous discos.

Battles

02.06.07 Barcelona, Primavera Sound

   Ao final, foi unha sorte que The Klaxons cancelasen o seu concerto. Perdimos a unha das sensacións británicas da tempada, pero gañamos o concerto de Battles, unha banda estadounidense a medio camiño entre Animal Collective e Tortoise. Ían tocar ás doce da madrugada, ao mesmo tempo que os mesmísimos Sonic Youth, e amais no Escenario ATP, o máis arredado do festival. Calquera ía velos así! En troques, subiron ao Escenario Rockdelux ás tres e media pasadas, o lugar onde recalamos moitos dos que viñamos do concerto de Wilco.

   Á marxe dos centos de persoas que xa estaban ao pé de escenario, os demais pasamos por tres fases: indiferencia (quen son estes tíos?),
curiosidade (estes tíos non tocan mal...) e finalmente euforia (estes
tíos son a hostia!!!
). A posta en escena da banda xa sinalaba unha
personalidade anómala: teñen a batería no centro do escenario, marcando un
ritmo sostido e hipnótico, máis aló da influencia do krautrock, e logo o
teclado, a guitarra e as programacións sitúanse arredor súa, ceibando fugas
sonoras de impacto desnortado. Moitos estímulos a un tempo!

   O responsábel desa percusión compulsiva chámase John Stainer, e xa é un veterano de bandas como Helmert ou Tomahawk (onde comparte escenario con Mike Patton, o tío que berra nos últimos concertos de John Zorn). Nesa noite, Stainer foi capaz de tocar dez minutos seguidos o mesmo ritmo acelerado, a golpe de pulso firme e moita suor. Pero as cancións de Battles non só son percusión. Á esquerda da batería, tirado polo chan, tocaba o guitarrista David Konopka, atento á distorsión e aos efectos dunha chea de pedais. E á dereita, Ian Williams, veterano tamén do grupo Don Caballero, lanzaba loops laberínticos dende os teclados. A formación completábase con Tyondai Braxton, ao fondo, un multiinstrumentista procedente do jazz de avangarda, encaixando ruidos e notas segundo as esixencias de cada tema. Moito ruido, si, pero ás veces mesmo cantaban.

   O mellor dos festivais de música son eses concertos que un non ten programados e logo resultan abraiantes, coma este de Battles. Se non estivesemos baldados a esa hora da madrugada tiñamos que estar nas primeiras liñas dándoo todo, entregados aos longos e complexos desenvolvementos de ‘Atlas’, ‘Tonto’ ou ‘Tij’, os seus temas máis intensos. Quen bota así de menos aos Klaxons? A quen lle importan?

 

 

Comentarios (14)add
...
escrito por Exiliado esquencido , Xuño 12, 2007
Aínda que non sei se pega moito nesta páxina, eu parafrasearía o final da túa crítica aos White Stripes ("moito circo e pouco pan") con aquelo que dicía Def Con Dos: "pouco pan e circo malo"
...
escrito por pataquio , Xuño 13, 2007
que bons que son Hot Chip!
...
escrito por Vincent Jalo , Xuño 13, 2007
e que tal 6PM, chegaches a tempo de velos?
...
escrito por Acracio Blaquier , Xuño 13, 2007
era "poco pan y psimo circo"
...
escrito por Sugar Kane , Xuño 13, 2007
Pois mira, ainda que concordo com muitas das cousas que dizes sobre o concerto dos White Stripes, a mim pareceu-me estupendo smilies/smiley.gif
...
escrito por Atilano Liberado , Xuño 14, 2007
White Stripes: cuestión de gustos, depende do que cada un procure nun concerto. Molaría titular a crítica do concerto como "Poco pan y pésimo circo", mais non, recoñezo que montan unha boa feira.

Aos 6PM era cousa velos, por facer país e porque fan boa música, pero tocaban ás catro da tarde o último día. Menos de doce horas despois de que remataran Hot Chip, e doce horas antes do concerto de Battles. Buf... A esa hora coido que eu andaba bebendo un licor caboverdiano a base de ron e mel de caña nunha solaina do barrio gótico. Certo que dubidei... "Vou ver 6PM... ou sigo aquí socializando..." O compoñente humano puido máis. E eu xa vira a 6PM na Sala Capitol unhas semanas antes... Confeso a miña debilidade...
...
escrito por Friki de Mazinger , Xuño 14, 2007
Jojojojojojojojo, que burro o exiliado ese...
...
escrito por Sugar Kane , Xuño 15, 2007
O de 6PM estivo bem ainda que, sendo a hora que era, havia pouca gente como era de esperar. Foto aqui.

No dos White Stripes concordo contigo, montam uma boa feira smilies/wink.gif por isso me molou.
...
escrito por Mediosordo , Xuño 18, 2007
6pm rematou tocando ante uns 200 espectadores. Bastantes mais dos que conseguiron os grupos que tocaron posteriormente. Todo un xito, penso eu.
...
escrito por dr.vilches , Xuño 28, 2007
low soaron de pena
jeff tweedy simplemente un bo artesn, t顩n moi poucas cousas sas. non estou en contra da artesana, pero que non o vendan coma arte
...
escrito por Tululo Tres , Xuño 28, 2007
O concerto de low foi magnífico, son incluido, e se comezamos a poñernos quisquillosos, o único artista realmente orixinal que pisou o Forum neses tres días é Jonathan Richman.

O do arte e a artesanía é unha estupidez. Saber a quen copiar e como facelo ben leva moitos anos sendo unha das formas de arte máis lexítimas.
...
escrito por dr.vilches , Xuño 29, 2007
repito, non estou nada en contra da artesanía. na miña opinión, jeff tweedy tén a enfermidade do crítico musical, esto é, un problema de indefinición. non se pode abarcar todo. os mellores discos da historia son repetitivos, cansinos, unha soa idea, cabezona. e jeff quere ser harry smith e neu! á vez. arqueoloxía e vangarda. se lle nota demasiado que quere pasar á história. de feito, se fora máis artesán, coma jay farrar, gostaríame máis
...
escrito por Tululo Tres , Xuño 29, 2007
"... os mellores discos da historia son repetitivos, cansinos, unha soa idea, cabezona..."

?????

A ver, NON
...
escrito por Tululo Tres , Xuño 29, 2007
E por certo, ao último de Wilco están a darlle de hostias precisamente por ser supostamente artesán e pouco arriscado e ecléctico, pero iso é outra historia da que xa falaremos.
Escrebe o teu Comentario
quote
bold
italicize
underline
strike
url
image
quote
quote
smile
wink
laugh
grin
angry
sad
shocked
cool
tongue
kiss
cry
+ pequeno | + grande

busy
 
< Ant.   Seg. >
 

COMENTADO RECENTEMENTE

JOHN CALE 06.12.2008...
Seguro que tocou "Mercenaries" ?? Que mal ando log...
CONTACTO
Boas, somos un grupo d santiago da Ponte Pedriña...
SEGUNDO EP DOS GROVE...
Xa vai sendo hora de que este grupo teña o recoñ...
GZ POP! A NOVA FORNA...
Precisamente por eso non se lle pode chamar POP, p...
IRIA ABOI
Pois iso que está moi boa
CONTACTO
ola. Son Xabier Mera. Gustaría de enviaros inform...
FRANC3S - Franc3s (G...
penso que o termo "bizarro" está demasiado sobado...
PRIMEIRO DISCO LONGO...
xa o puiden escoitar, as miñas felicitacións aos...
PRIMEIRO DISCO LONGO...
xenial, que ganas que lle tiña!
PROJECTO ['TREPJA], ...
flipante a música que se está facer na terra nos...

NOVIDADES

  • 08:00 - 13.11.2008 NOVIDADES

    franc3s

     

     

     

     

     

     

    FRANC3S
    Franc3s
    (A regueifa, 2008)

    Cando o 18 de maio de 1980 Ian Curtis decide unilateralmente poñer fin á breve singradura musical de Joy Division pendurándose polo pescozo cunha corda, o deus máis escuro do Valhalla da música popular fixo vibrar dolosamente as súas cordas vocais, emitindo un berro nunha frecuencia tan aquelada que só os tímpanos cunha maior dose de bizarrismo tebroso puideron captalo. Ese berro multiplicouse en miles de ecos que espallaron interminabelmente a mensaxe de loito desa deidade pagán polos catro recunchos do planeta. Así, non podía ser doutro xeito, esa onda sonora vibrou por terras de Bergantiños, e a semente desa vibración áspera, sucia e arriscada agromou nos miolos de Alberto, María e Patuki (tamén chegou a Vilalba) para florecer en Franc3s.

    A evolución metastática destes individuos de fans incondicionais a parte infinitesimal do universo bizarro fica fosilizada no seu propio nome, tributo por triplicado á actriz Frances Farmer, á vocalista de The Vaselines Frances McKee e á artista circense Frances O´Connor. María coa batería, Alberto coa guitarra e coa voz e Patuky cos teclados non só homenaxean en cada distorsión a bandas como Surfin´ Bichos, Los Enemigos, The Cramps ou The Jesus and Mary Chain, senón que tratan de enchoupar a súa música das sensacións que lles transmiten as obras de, por exemplo, John Waters, William Burroughs ou Pollock.

    Franc3s decidiu por fin dar o grande chimpo ao LP logo de dúas maquetas receptoras de boas críticas e gabanzas a manchea. O seu primeiro disco, Franc3s, está composto por dez temas e foi editado por A Regueifa Plataforma baixo licenza de Creative Commons; pode baixarse de balde en www.aregueifa.net. Tamén se pode adquirir en soporte físico, nunha edición limitada e feita a man a base de papel de lixa e peluche, en Discos Noni´s (A Coruña) e Cosmic Pop Club (Carballo).

    Así que xa sabedes, amantes dos sons de ultratumba, do theremin, da escuridade, do veludo, da luz de neon reflectida nas pozas dunha cidade perdida,…, gozade todos do novo de Franc3s, e xa me contaredes.

    Comentarios (1)add
    franc3s rules
    escrito por Óscar , Novembro 14, 2008
    penso que o termo "bizarro" está demasiado sobado xa

    según a RAE:

    bizarro, rra.

    (De it. bizzarro, iracundo).


    1. adj. valiente (‖ esforzado).

    2. adj. Generoso, lucido, espléndido.



    FRANC3S molan trogollón!
    bicos pra eles
    Escrebe o teu Comentario
    quote
    bold
    italicize
    underline
    strike
    url
    image
    quote
    quote
    smile
    wink
    laugh
    grin
    angry
    sad
    shocked
    cool
    tongue
    kiss
    cry
    + pequeno | + grande

    busy

    Ler máis...
  • 12:37 - 13.10.2008 NOVIDADES

    nouvelledemmemoria

     

     

     

     

     

     

     

     

    NOUVELLE CUISINE
    De memoria
    (Autoeditado, 2008)

    O “malo” de ter asinado xoias de pop tan perfecto como Aritmética polar ou Dos torres é a altura á que deixas o listón para vindeiros discos. Os herculinos Nouvelle Cuisine corrían o risco de ser vítimas da calidade que plasmaron no seu anterior disco, o encantador Autodictado. Por fortuna, os "cocinitas" non se enrrugaron e souberon partir do ponto onde o deixaron para elevalo aínda uns centímetros máis, coma uns Sergéis Bubka do pop con pértiga.

    Sen perder o seu xa característco estilo -algo ben dificil de conseguir nunha banda con dúas voces tan diferentes- percébese nos doce temas que fan parte deste De memoria un salto cualitativo na produción. Continúan a guisalo e comelo eles mesmos pero no estudo de gravación a experiencia nótase e este enriquecemento faise palpable tanto a nivel de arranxos coma da expansión na paleta de sons e instrumentos (acordeóns, rhodes, sintes...). O certo é que o son de Nouvelle Cuisine acada con este disco un novo grau de madurez xa que a incoporación de sintetizador e caixas de ritmos nalgúns temas e a falla de complexos para meter guitarras moito máis distorsionadas afástaos do típico e autolimitado son indie do que beben -La Buena Vida e La Habitación Roja- explorando novos territorios que a esta altura da película a verdade é que son de agradecer.

    E como non hai bon disco de POP -con maiúsculas- sen unha boa colección de singles, ahi están eles para deixarnos xemas coma Sintonia08, Comunicación no verbal, El imperio roto ou Seremos cajeras... mostras de pop clásico preciosista dese que che queda ecoando permanentemente na testa con só un par de escoitas. A verdade é que resulta incrible que estes talentosos chefs non atopasen unha discográfica que lles editara o disco, por moita crise da industria discográfica que haxa. Neste caso é evidente que xogou máis na súa contra a deslocalización con respeito ao epicentro dos que terían de ser os seus pretendentes. No indie estatal xa se sabe que fora de Madrid e Barcelona vai moito frío. Porén a xogada non lles saiu tan mal, mais ben ao contrario, autoeditando o disco por partida doble, tanto en formato digipack de xeito comercial coma nun formato máis exclusivo: unha camisola que se vende xunto con unha memoria USB con toda a súa discografía. Se non querían caldo, dúas cuncas. E nós, claro, tan felices cun caldo tan cheo de sustancia.

    Comentarios (0)add
    Escrebe o teu Comentario
    quote
    bold
    italicize
    underline
    strike
    url
    image
    quote
    quote
    smile
    wink
    laugh
    grin
    angry
    sad
    shocked
    cool
    tongue
    kiss
    cry
    + pequeno | + grande

    busy

    Ler máis...
  • 11:20 - 25.09.2008 NOVIDADES

     

     

     

     

     

     

    BLOC PARTY
    Intimacy
    (Wichita, 2008)

    A “alarma silenciosa” ca que catro rapaces do East London decidiron comunicarlle ao mundo a súa existencia non foi tal; resultou o estoupido xordo do primeiro foguete da alborada, que racha o silencio da moribunda noite e pronostica xoldra. A partires dese intre máxico pode gozarse ou non da festa, pero xa non sobrevive no interior dos participantes esa inicial sensación de sorpresa. A Weekend In The City convertiuse desde o seu lanzamento na primeira víctima das odiosas comparacións as que serán sometidos todos e cada un dos traballos que Bloc Party decida facer, aos que xa de saída se lles catalogará como “inferiores a Silent Alarm”. Kele Okereke na voz e na guitarra, Russell Lissack na guitarra, Gordon Moakes no baixo e nos coros e Matt Tong na batería conforman Bloc Party.

    Intimacy (Wichita Recordings, 2008), o seu terceiro traballo, veu a luz o pasado 21 de agosto no seu formato dixital, quedando desde entón pendurado na rede coa posibilidade de baixalo previo abono do prezo estipulado. Os interesados en adquirilo no seu formato físico deberán agardar ata o 28 de outubro; neste formato inclúense algúns cortes non presentes no dixital. O disco foi producido por Paul Epworth e Jacknife Lee, quenes xa colaboraran coa banda nos seus anteriores traballos (...)

    Comentarios (0)add
    Escrebe o teu Comentario
    quote
    bold
    italicize
    underline
    strike
    url
    image
    quote
    quote
    smile
    wink
    laugh
    grin
    angry
    sad
    shocked
    cool
    tongue
    kiss
    cry
    + pequeno | + grande

    busy

    Ler máis...
  • 08:00 - 11.09.2008 NOVIDADES

    jugoplastika

     

     

     

     

     

     

     

     

    JUGOPLASTIKA
    The 6th is the 7
    (Astro Discos, 2008)

    Co dos revivals é mellor non chegar a última hora. De poder escoller, o ideal sería chegar cando a cousa xa despegou pero aínda non invade masivamente as páxinas da NME e derivados, entrando de cheo no momento álxido do hype. Como mal menor, non estaría mal ser dos primeiros, o que sexa con tal de non ser dos últimos en chegar. Porén, ser pioneiro na recuperción dun son pasado garante certa frescura e non soar clónico pero tamén ten a desvantaxe de que van ser outros os que desfruten do verdadeiro recoñecemento. Non se pode ter todo.

    E no caso de Jugoplastika dá a impresión de que é exactamente isto último o que lles vai pasar. Asi que é de xustiza reivindicalos dende xa coma iniciadores dun revival que aínda está por chegar, o do indie guitarreiro dos primeiros 90s, con ecos de radio universitaria americana, voces pouco afinadas e producións precarias de son garaxeiro. Porque no seu último album -The 6th is the 7- non hai banda da época que non faga acto de presenza dunha ou outra maneira nalgunha das once cancións que fan parte do disco, dende os Pixies a Weezer pasando por Pavement, Guided by Voices, e Grandaddy. Un traballo, por certo, maxistralmente producido por Paco Loco, que demostra ser un auténtico todoterreno, recreando perfectamente o son suxo dominado polas frecuencias medias tan característico daqueles tempos dando forma ao que probablemente é o disco galego máis xenuinamente americano de todos os tempos.

    Dubido que Kukoc, Perasovic e Radja escoitasen aos Pixies nos vestiarios pero o certo é que as coordenadas temporais deste novo son de Jugoplastika teñen perfecto sentido e danlle coherencia absoluta á estética do grupo. Iso si, só asimilable en todos os seus matices  polos que nacimos antes dos 80s, as novas xeracións van ter que agardar a que chegue o revival noventeiro -remastigado e actualizalo- para desfrutalo ao 100%. Sexa coma sexa, sempre poderemos dicer o de "pero se isto xa o facían Jugoplastika no 2008".

    Comentarios (1)add
    ...
    escrito por xoel , Setembro 15, 2008
    bluff
    bluff
    Escrebe o teu Comentario
    quote
    bold
    italicize
    underline
    strike
    url
    image
    quote
    quote
    smile
    wink
    laugh
    grin
    angry
    sad
    shocked
    cool
    tongue
    kiss
    cry
    + pequeno | + grande

    busy

    Ler máis...
  • 06:52 - 02.09.2008 NOVIDADES

    death_cab_narrow_stairs

     

     

     

     

     

     

    DEATH CAB FOR CUTIE
    Narrow Stairs
    (Atlantic, 2008)

    Atópome de fronte e a máis de 200 km/h con Narrow Stairs; o choque é brutal, anaquiños de disonantes melodías dunha beleza inusual perforan diversos órganos do meu corpo e préñanme as vísceras dun sotaque agridoce de saudade. Atópome de fronte ante o sexto traballo da banda formada por Ben Gibbard, Chris Walla, Nicholas Harmer e Jason McGerr; atópome de fronte cunha auténtica delicia de comezo a fin, tanto no seu formulación como na súa execución, un río que nace e transcorre cara o mar entre meandros sinuosos e violentas fervenzas.

    Nace Narrow Stairs cun corte duns cinco minutos que lembra por veces á primeira canción de Plans, aquela Marching Bands of Manhattan que nos marabillara, aínda que esta posúe un ton máis sutil. Comeza amodo para ir acadando maior contundencia segundo pasa o tempo, apoiados sempre nun enorme baixo (...)

    Comentarios (0)add
    Escrebe o teu Comentario
    quote
    bold