FPSS slide image
FPSS slide image
FPSS slide image
FPSS slide image
FPSS slide image
PRIMAVERA SOUND 2008 PDF Imprimir Correo-e
ESPECIAIS
Escrito por Atilano Liberado e Tululo Tres   
Luns, 07 de Xullo do 2008
Chuza!
beth_gibbons

PRIMAVERA SOUND 2008
29, 30 e 31 de Maio de 2008
Barcelona, Parc del Fòrum


Menos xente ca outros anos para un cartaz tan atractivo (en teoría) coma o doutros anos. Dos grandes nomes, algúns cumpriron e outros non tanto. A xulgar polo escrito noutros medios, o dobre concerto de Portishead foi o acontecemento desta edición, un sentir común que non se discute, mais que cómpre contrastar con outros grandes momentos, se cadra máis valiosos no plano musical: o directo crúo e xenial de Shellac, o humor e o espectáculo de Devo, o recital de electrónica avanzada de Animal Collective ou o maxisterio flamenco-noise de Enrique Morente e Lagartija Nick. Entre as decepcións, uns Public Enemy avellentados, unha Cat Power falta de voz, e un Rufus Wainwright engruñado ao que se lle fixo grande tanto escenario para un Solo Tour. Os descubrementos, na era de myspace e do emule, non foron moitos, nada comparábel á revelación do ano pasado dos excelentes Battles. En liñas xerais, dende o máis novo (o hype da tempada: Vampire Weekend) até o máis vello (o dignos retornos de The Sonics), tivemos o pracer escoitar unha mostra bastante satisfactoria dun ínfimo fragmento do panorama musical, onde mesmo houbo oco para a representación galaico-catalana: Manos de Topo. Pasen e lean, sen prexuízo, que de todo se aprende:

Xoves 29.05.08

Public Enemy

A. L. Vinte anos despois, os temas de It takes a nation of millions to hold us back, seguen queimando, potentes e rabiosos. Vinte anos que trataron mellor á música que aos músicos. Primeira alarma: Chuck D e Flavor Flav fixéronse agardar máis dun cuarto de hora, encaixando nese tempo unha actuación sorpresa de Bomb Squad que lles restaría os minutos necesarios para completar o seu repertorio. Segunda alarma: ‘Bring the Noise’, ‘Don’t believe the Hype’ e ‘Cold Lampin with Flavor’ soaron moito máis frouxos do que deberían, coma se estivesen ralentizados. Ameaza de catástrofe?

public_enemy

Non, o sangue non chegou ao río. Os dous MCs foron recuperando o flow: non faltaron as consignas políticas de Chuck D (“Fuck United States!”) nin as extravagancias de Flavour Flav, fiel ao seu vestiario rechamante, incluída a dentadura dourada e o peluco diamantino. A partir de ‘Terminator X to the Edge of the Panic’ o concerto gañou en intensidade. Os temas fóronse enlazando con solvencia até chegar a ‘She watch Channel Zero?!’, mais o problema foi que daquela, por mor do retraso inicial, xa estaban a piques de converterse en cabaza. Faltaba un tercio do disco, mais o horario obrigoulles a enfiar a traca final, culminada coa mítica ‘Fight the Power’.

Houbo que conformarse: a interpretación en directo de It takes a nation of millions to hold us back ficou moi lonxe de igualar a súa forza orixinal, quizais por tentar imitar todos os seus detalles, dispostos na mesma secuencia coma se fose un guión pechado. Case sempre, e aínda máis tratándose de hip-hop, os mellores concertos son aqueles que transforman as cancións ante o público e non os que tentan calcar as gravacións. Ao tentar reproducir aquel disco ao milímetro, Public Enemy caeron nunha trampa publicitaria. Sobroulles fórmula e faltoulles impacto.


Portishead


A. L. Un calafrío percorreu o público cando arrincaron as percusións de ‘Silence’, o primeiro corte de Third. Logo, a voz desconsolada de Beth Gibbons fíxonos un nó na gorxa. Os seus laios en directo soan aínda máis desesperados ca nos discos. Durante a hora que seguiu, tanto ela coma nós tiñamos que tragar saliva para recuperar os folgos despois de cada descarga emocional. A tristura saudosa dos tempos do trip-hop converteuse agora nunha xenreira case post-punk: o pasado e o presente dunha música sempre empática.

Tras ‘Silence’ veu ‘Hunter’, tamén do Third, e xusto despois recuperaron ‘Mysterons’, o primeiro corte do Dummy. Un desaxuste inicial entre os sons graves e oa agudos desluciu o comezo, mais o problema xa case estaba amañado para cando chegou ‘The Rip’. Unha vez afinada a maquinaria, tanta expectación atopou premio: a beleza lánguida de ‘Sour Times’, ‘Over’ ou ‘Glory Box’ deixounos pampos, para de seguida reaccionar ante as arroutadas industriais das últimas cancións, moitas delas interpretadas con sorpresas: o inferno mecanicista de ‘Machine Gun’ redimiuse grazas a unha inesperada colaboración de Chuck D, e ‘Threads’ soou máis contundente ca nunca cunha Beth Gibbons desfacéndose de rabia ante o micrófono. O concerto pechouse con ‘We carry on’, mais o seu punto culminante foi, quizais, a espiral envolvente de ‘Cowboys’. Por pedir, faltou ‘All Mine’, mais iso se cadra xa é esixir de máis a quen se entregou por completo.

Ao día seguinte, venres, o trío de Bristol repetiu este mesmo concerto coa perfección acústica do Auditorio do Fòrum, mais desta vez para un público restrinxido. Había que pagar dous euros só pola reserva de praza, nunha manobra mesquiña do festival para ampliar os seus ingresos, que logo non deu máis ca problemas á hora acceder á sala. A idea era que fose unha actuación diferente, mais seica os organizadores se esqueceron de clarexarllo á banda na letra pequena. Ao final, os mesmos temas igualaron a emoción da véspera, con mellor son, mais tamén a maior prezo.


De La Soul


A. L. Ritmos enlatados para uns MCs efervescentes. Posdnuos, Trugoy the Dove e Pasemaster Mase ían rotando entre os platos e a lírica, entrando e saíndo das cancións segundo lles cadraba, argallando regueifas entre as dúas metades do público, sempre con humor, con moito saque para darlle vida a unhas cancións que, sen eles, non eran máis ca un esquelete de samples. Tras vinte anos xuntos seguen recuncando nos temas do seu primeiro álbum, 3 Feet High and Rising, mais esa noite, ao contrario ca Public Enemy, ‘My, Myself & I’ ou ‘The Magic Number’ soaron en presente, sen reconstruccións nostálxicas, con gags diferentes (un exemplo, calzaron a letra de ‘Like a Virgin’ na metade de ‘The Magic Number’). Gran festa con pouco máis ca o seu flow, todo actitude, aforrando os problemas de son das instrumentacións complexas.


Vampire Weekend


A. L. Houbo un detalle anómalo durante a actuación de De La Soul: había máis espazo do habitual para bailar ao pé do escenario. Onde estaba todo o público que ateigara o concerto de Portishead? Abducidos polo enésimo hype: unha banda neoiorquina que, en teoría, cruza as composicións de Paul Simon cos ritmos do afro-pop. Soaban realmente a iso? Ben, a min parecéronme máis ben uns epígonos americanos de The Libertines, cuns animados punteos de guitarra que tanto podían lembrar a Fela Kuti como a The Pogues. En fin, éche o mesmo. Cando xorde un grupo novo todo é unha sopa de referentes. A leria é que soaron bastante mellor que a media do festival. E o máis importante: nunca vira a tantos guiris dándoo todo cunhas cancións que non teñen nin un ano, cantándoas de memoria, bailando desaforados. Non nego que teñan o seu interese, mais por min: Don’t, don’t, don’t don’t don’t believe the hype!


Venres 30.05.08


Nick Lowe


T.3 Nick Lowe voltaba a Barcelona despois de dez anos presentando un dos mellores discos do ano pasado, At My Age. Abriu en solitario con ‘People Change’ e ‘Soulful Wind’, antes da saída da banda. Xa co conxunto sobre as táboas, o británico desgranou unha serie de temas procedentes dos seus catro últimos discos, con contadas referencias ao pasado coma ‘When I Write The Book’, ‘Cruel To Be Kind’ ou ‘What's So Funny About (Peace, Love and Understanding)’ como traca final. Malia o sinxelo da proposta, o británico atinaba unha e outra vez pasando da nostalxia dun ‘Long Limbed Girl’ á épica de ‘Indian Queens’. O seu son actual permítelle pasar do blue-eyed soul ao country, o folk e o blues, demostrando ter aprendida a lección do que fora o seu sogro, o gran Johnny Cash, quen precisamente fixo uha inolvidable versión do tema de Lowe ‘The Beast In Me’ para o seu American Recordings. Nick reservou esta estremecedora peza para tocala en solitario no primeiro bis, nun dos momentos máis emocionantes de todo o festival. Un concerto soberbio, tal vez o mellor do venres, que amosa a un gran compositor e intérprete en en actual estado de gracia.


The Sonics


A. L. Labios partidos, móbiles polo chan, remuíños de fans enaxenados... A entrega dalgúns espectadores contrastou coa frialdade doutros: hai quen se aburriu, hai a quen os aldraxou definíndoos como unha puta orquesta. Certo que soaron limpos, nada punks, case nin garaxeiros: en corenta anos cando menos aprenderon a tocar. Mais tiñan ao seu favor un repertorio incandescente. Ogallá todas as orquestas fixeran versións coma eles, húmidas e suorosas lembranzas dos anos cincuenta e sesenta: ‘Money (That’s what I want)’ entrou de segunda, ‘Night time is the right time’ quentou o ambiente e ‘Have love will travel’ desencadeou unha apoteose colectiva.

Emboscado detrás dunha muralla de teclados, Gerry Roslie cantaba sen deixarse ver. O traballo de front-menIt’s Only Rock’n’Roll (But I Like It). correspondíalles a medias a Rob Lind (ao saxo) e a Andy Parypa (á guitarra). A forza púñaa case máis o público ca eles, algo sorprendidos ante o desfase das primeiras liñas. Para o final reservaron ‘Louie Louie’, a canción que todos queriamos escoitar, aínda que daquela xa estaban lanzados a rescatar os seus mellores temas: tras as notabeis ‘The Hustler’ e ‘Strychnine’ chegou o intre de ‘Psycho’ e ‘The Witch’, dúas pezas inmensas que soaron a pleno rendimento. Nin punk nin garaxe nin lerias.


Bob Mould Band


A. L. Atrapado nos horarios entre The Sonics e o segundo concerto de Portishead, Bob Mould tivo que facerse valer a base de ruído. Semella un truco sinxelo, mais non era un ruído calquera: era o ruído máis nítido que se escoitou en todo o festival, con diferenza. Os trallazos compulsivos da batería eran tan precisos como calquera melodía de Portishead, só que a moitísimos decibelios máis. Dese magma eléctrico de guitarras distorsionadas foron emerxendo algúns temas de Sugar e, sobre todo, moitos clásicos de Hüsker Dü, con ‘New Day Raising’ como despedida heroica. Lonxe de xubilarse, Bob Mould mantén intacta a potencia do seu directo. Que sexa por moitos anos.


Devo


A. L. Maceteiros vermellos invertidos na cabeza (os seus sonados cubículos de enerxía) e uniformes de plástico amarelo. Acenos robóticos. Vídeos introductorios escarallantes. Fieis á súa estética, estes estrañabeis cincuentóns seguen ofrecendo un espectáculo lúcido e lúdico ateigado de grandes cancións: ‘Girl U Want’, ‘Uncontrollable Urge’, ‘Whip It’, ‘Mongoloid’, ‘Freedom of Choice’, e, por suposto, a grandiosa ‘Jocko Homo’. Cando Mark Mothersbaugh pregunta iso de “are we not men?” segue tendo a todo o público respondéndolle a berros “we are devo!!!”.

Nun primeiro bloque, máis new wave, fixeron a parodia dunha distopía industrial de discapacitados psíquicos. Logo, cun pseudo-striptease premeditadamente badoco, Mothersbaugh foi arrincando anacos das bolsas de lixo que cubrían aos seus compañeiros para revelar un novo uniforme: camiseta negra e pantalón curto a xogo propios dun equipo de fútbol de obreiros prexubilados. Comezaba daquela o segundo bloque, máis post-punk, con guitarras en troques de sintetizadores, mantendo a batería sempre en primeira liña

Á cita non faltou nin o seu icónico Booji Boy, a regresión infantil na que se encarnou Mothersbaugh na última peza, cantando con voz aguda baixo a súa máscara. A esas alturas da noite xa lle estaban pisando o horario a outros grupos, de xeito que a organización decidiu cortar o son deixando toda esa feira sobre o escenario, algo nunca visto antes nin neste nin en ningún festival. Ao comezo, os de Devo nin se enteraron. Seguiron tocando. Logo, cando souberon o que pasaba, insistiron sen electricidade, só coa forza da súa batería e o pouco que se escoitaba dos seus amplificadores. Ao final gañaron o pulso. Devolvéronlles o son e puideron rematar o tema.

Ver a Mothersbaugh facendo todas estas paridas é absolutamente impagábal, e máis á súa idade, co seu bandullo de bocoi e os lentes de nerd irredento. Canto máis vello vai máis gracia ten. Algunhas críticas queixáronse de que este show foi idéntico ao que deran hai un ano no Sónar, mais tamén Portishead deron dous concertos idénticos e as mesmas críticas non deixaron de gabalos. Hai tempo que o repertorio de Devo está ancorado a finais dos setenta, mais a súa interpretación mantense no presente, sexa de 2007 ou de 2008. Non caduca, en todo caso de-evoluciona.


Cat Power


A. L. Ningún tema do You Are Free nin do Moon Pix. Nesta tempada, Chan Marshall só olla ao pasado para facer versións, e non demasiado ben a xulgar por este concerto. Os seus directos teñen sona de ser desastrosos por mor dun medo escénico sempre hipersensíbel, mais desta vez fallou algo máis simple: o son. Nin os Dirty Three como banda de acompañamento puideron salvarse do naufraxio. Chan Marshall compareceu nun avanzado estado etílico que limitou o alcance da súa voz, sobre todo cando tentaba cantar soul. Como virtude, cómpre lembrar que encheu escenario só coa súa presenza, a base de moventos erráticos, entregándose en cada tema malia que os resultados non a acompañasen. Iso dáballe igual. Nese sentido, foi un concerto punk. O problema foi que o importante, a música, fallou.

cat_power

A súa versión de ‘(I Can’t Get No) Satisfaction’ resultou penosa, e aínda máis para os que viñamos de escoitar a de Devo. As cousas non melloraron nin con ‘Metal Heart’, e nin sequera con ‘The Greatest’. Para maior escarnio, ocorréuselle facer unha versión bilingüe dalgo que difícilmente recoñecimos como ‘Angelitos Negros’. No derradeiro tema até se lle escoitou un sospeitoso “sorry” que non estaba na letra orixinal... En fin, por non facer sangue, deixémolo en que foi o mellor peor concerto que vin na vida... aínda que quizais debería ter ido a ver a Juan Atkins, o padriño do techno, que a esa mesma hora sentaba cátedra noutro escenario como Model 500.


The Go! Team


A. L. Non porque Ian Parton, o guitarrista, dea un chimpo de dous metros cada catro notas vai soar mellor o seu instrumento. Unha regra así é sinxela de comprender e, con todo, o directo de The Go! Team contradi esta caste de proposicións lóxicas. A súa enerxía refuta calquera dogma. Eles pásano ben tocando, e tanta ledicia vólvese contaxiosa. O seu concerto foi, con permiso de De La Soul, a maior festa destes días. Como non soltarse con ‘The Power Is On’ ou con ‘Bottle Rocket’? The Arcade Fire pode tremer polo seu trono indie se os seis de Brighton perseveran nesta fórmula, máis compenetrados ca un grupo de krautrock: en primeira liña contan cunha vocalista sobrada de flow (Ninja) e a unha multiinstrumentista virtuosa (Kaori Tschida: toca os teclados, a guitarra, a batería, a melódica e mesmo canta), e logo da retagarda xa se encarga Ian Parton, todo un cerebro esculpindo melodías. Con eles, o pop non ten porqué ser triste.


El Guincho


A. L. Tropicalismo electrónico ou house borralleiro? Pablo Díaz-Reixa transformouse en home orquesta para defender de madrugada o seu Alegranza, equipado segundo o modelo Panda Bear: sampler, timbal, baqueta e micrófono para tocar todo á vez, cunha man atenta á percusión, outra aos pregravados e a voz proxectada cara adiante. Dúas pantallas ateigadas de palmeiras multicolores tapaban o baleiro do escenario. Punto a favor: os seus ritmos en bucle non impediron distinguir os temas do disco, comezando por ‘Antillas’ e chegando ao punto álxido coa proclama final de ‘Cuando Maravilla Fui’. Punto en contra: ao día seguinte, Animal Collective deixaron ben claro nun só tema de onde procedía toda esta leria do tropicalismo electrónico. Á marxe dos debates sobre a orixinalidade da proposta, El Guincho desenvolveuse bastante ben en directo, animando a noite sen caer na rutina dun DJ. Cando freou o seu caleidoscopio até lle pedimos un bis: deixáronlle dous minutos para agasallarnos con ‘Palmitos Park’. Proba superada. Agora, a triunfar. Ten moito mundo por diante.


Sábado 31.05.08


Mary Weiss of The Sangri-Las


T.3 O de Mary Weiss é un dos regresos aos escenarios con máis credibilidade dos últimos anos. A estas alturas non debera de dudarse que as Shangri-Las foron o mellor dos girl-groups, tanto en repertorio como en actitude surxido nos anos sesenta. Unindo isto ao tremendo disco de debut que a norteamericana editou xunto a Reigning Sound o ano pasado, Dangerous Games, a presenza o sábado no Auditori era obrigatoria. A ausencia das irmás Ganser non se botou en falta en ningún momento xa que a excelente banda de acompañamento (con membros de Reigning Sound, Smithereens e Cracker) estivo á altura tanto a nivel instrumental como nas voces. No extraordinario repertorio non faltaron as referencias o seu pasado, e unha por unha foron caendo ‘Remember (Walking In The Sand)’, ‘Out In The Streets’, ‘I Can Never Go Home Anymore’, ‘Give Him A Great Big Kiss’ e ‘Leader Of The Pack’. Como complemento, os mellores temas do seu disco en solitario coma ‘My Heart Is Beating’, ‘Don't Come Back’ ou ‘Heaven Only Knows’.


Okkervil River


A. L. Concerto de americana ás sete da tarde, quentando a un público que debecía por prender de novo. Un cantante con camisa, con ganas de entregarse. Resultado: camisa suada polas costas e polas axilas, e boa música para reclutar novos fans. A ter en conta: a súa versión resultona de ‘Sloop John B’, de The Beach Boys, e os seus temas estrela, de ‘Our Life Is Not a Movie or May’ a ‘Hand To Take Hold On The Scene’. Non houbo queixa, un bo comezo. A descubrir.


Young Marble Giants


A. L. Minimalismo instrumental para voz suave, uns ingredientes moi sutís co auditorio como escenario axeitado. Mágoa que as restriccións de acceso fixeran chegar tarde á metade do público: a intimidade da actuación viuse continuamente perturbada polas figuras cambaleantes que procuraban unha cadeira na escuridade. Mentres, no escenario, os irmáns Moxham executaban con extrema nitidez os seus fermosos diálogos de baixo e guitarra, coa voz de Alison Statton deslizándose sobre eles. O exiguo da súa obra limitou este concerto ás cancións do Colosal Youth, distribuídas en diferente orde. Nada que obxectar: foi un pracer escoitar a beleza de ‘Searching for Mr. Right’, ‘Cakewalking’, ‘Wurlitzer Jukebox’ ou ‘Constantly Changing’, esta última con Statton subindo a voz nunha octava, composicións moi orixinais que nunca envellecen, sobre todo se os seus responsabeis as recuperan con tanto agarimo.


Stephen Malkmus & The Jicks


A. L. Joanna Bolme deixou as cousas claras cando preguntou cara a metade do concerto se o seu baixo estaba demasiado alto. Indefinición xeral. Algunhas mans acenaron que estaba ben. Por ela mellor, tanto lle daban os acoples iniciais. Niso consiste a low-fi. Se aparentemente soa mal é porque ten que soar así. Por sorte os acoples desapareceron, sen estragar esta actuación nada nostálxica do ex-líder de Pavement. Sen vivir de rendas, Stephen Malkmus luciu os temas do seu notábel Real Emotional Trash, intensas jam sessions nos que as melodías evolucionan do pop ao noise en capas ben enlazadas, sen cambios de ritmo facilóns. Quen bota de menos a Pavement escoitando ‘Baltimore’ ou ‘Out of Reaches’? O peche con ‘Real Emotional Trash’, o tema homónimo do disco, foi toda unha exhibición de creatividade compositiva e dominio instrumental. Moita entrega, con indicios evidentes de alcolismo vespertino (aínda eran nove da noite).

Como anécdota, un reencontro: agachada trala batería, Janet Weiss volvía a Barcelona dous anos despois da súa actuación coas defuntas Sleater-Kinney. Malkmus é sen dúbida un carismático front-man, mais na súa banda tampouco acepta chaíñas, aínda que se lles acople o baixo.


Throbbing Gristle


T.3 Había moitas expectativas por ver se o presente de Throbbing Gristle estaba a altura do seu pasado. A tráxica morte de John Balance acabou para sempre con Coil, e fixo que Peter Christopherson aceptara a oferta de reunión dos seus ex-compañeiros o ano pasado. O seu disco de retorno, Part Two: The Endless Not foi recibido con opinións moi encontradas e polémicas, ben celebrando a volta dun dos grupos máis transgresores dos últimos trinta anos, ben calificándoo de estéril e artificioso. En Barcelona os de Genesis P-Orridge decidiron confrontar o seu presente e o seu pasado cun espectáculo con dúas partes ben diferenciadas. A primeira metade, adicada ao máis recente da súa traxectoria, foi solemne e escura, dominada polos sons computerizados e industriais de Christopherson e as intervención de Genesis á voz e o violíon eléctrico. A segunda parte, máis demencial e cercana aos Throbbing Gristle do 77, viuse acompañada por antigas proxeccións vídeos de castracións e escenas sadomaso. Espectáculo impactante, pero máis monótono e menos transgresor do que cabería esperar.


Morente Omega con Lagartija Nick


A. L. Camarón abriu o flamenco ao jazz e ao rock, e do seu exemplo saíron novos cruces co blues (Pata Negra), co pop (Kiko Veneno), e mesmo co noise: Enrique Morente é o cantaor que hai doce anos se atreveu a gravar con Lagartija Nick un experimento como Omega, unha arriscada proposta onde os seus queixumes podían cantar a Federico García Lorca e a Leonard Cohen cunha treboada eléctrica como acompañamento. O directo deses temas non desemereceu tanta audacia. A voz de Morente segue sendo capaz de calquera cousa, impoñéndose con autoridade a tantos decibelios.

Un comezo a capela deixou ben claro o substrato flamenco, engadindo algún tema novo. Logo, palmas e guitarras crearon o ambiente axeitado para os versos de Federico. Só tras quince minutos entrou Lagartija Nick, ao fondo, para amplificar o volume: as súas tremendas descargas de distorsión fixeron da interpretación de ‘Omega’ ou de ‘Vuelta de Paseo’ dous intres sinalados deste festival. A maiores, as versións flamencas de ‘First we take Manhattan’, ‘Hallelujah’ ou ‘Take this waltz’ pervertiron felizmente o legado de Cohen. Un concerto impactante, á altura daquel fabuloso monumento discográfico.


Shellac


A. L. Tres amigos xúntanse para tocar no seu tempo libre. Deciden montar un grupo. Sería un de tantos se eses amigos non fosen uns cotizados productores musicais. Hai dous anos, no mesmo Primavera Sound, puxeran en pé a todo o Auditorio do Fòrum, esnaquizando a barreira entre público e artistas, nun dos mellores concertos que se lembran neste festival. Mais daquela non traían ningún novo álbum...

Alquimistas do son, Steve Albini, Bob Weston e Todd Trainer volveron presentarse coa súa clásica formación frontal: a guitarra do primeiro á esquerda, o baixo do segundo á dereita, e a batería do terceiro xusto no centro, como núcleo para unha chea de gags: dende os pratos que soan só un segundo antes de que Albini e Weston os deteñan até a desmontaxe completa deste instrumento como fin de festa. Imaxinación e creatividade para potenciar unhas cancións que trascenden o hardcore, achegándose no seu espírito pouco menos que aos experimentos de Fluxus ou á música culta de Steve Reich ou Karelheinz Stockhausen.

As cancións de Excelent Italian Greyhound melloraron aínda máis o seu directo. ‘Steady as She Goes’ e ‘Be Prepared’ transmitiron tanta enerxía como ‘My Black Ass’ ou ‘Prayer to God’, mais o tema clave foi a inmensa ‘The End of Radio’, unha performance xenial con Trainer paseando a caixa da súa batería adiante e atrás do escenario, Albini desbarrando como un locutor alucinado (esponsorizando mesmo a Martina Navratilova) e Weston sostendo toda esa estructura con poderosas liñas de baixo. This microfone turns sound into electricity. Can you heard me now?”. Si, Steve, oímos e apreciamos: unha musculosa sinfonía de pausas e distorsións que continúa a ser un dos grandes directos do presente.


Tindersticks


A. L. Cambios na formación e lanzamento de novo disco. Rematadas as aventuras en solitario, Stuart Staples, Neil Fraser (na guitarra) e David Boulter (na percusión) recuperaron o seu vello grupo e presentaron en directo as cancións de The Hungry Saw, case sen olladas ao pasado. Bo son e bastante rutina: a voz lánguida de Staples xa non emociona coma antano, tributaria dos mesmos trucos, aínda que o recurso aos crescendos dramáticos lles segue funcionando, moito mellor cando introducen ventos (sobre todo a trompeta) que cando abusan do cuarteto de corda. En liñas xerais bastante dignos, mais lonxe do que foron. Prescindir de tres membros da banda orixinal pasa factura.


Animal Collective


A. L. Sen concesións: electrónica avanzada sen ceder ante os formatos pop. Nada de dúas estrofas-ponte-e-estribillo. No seu lugar, capas superpostas de decorados sonoros listos para acoller aloumiños vocais. Co escenario sempre a contraluz, os trebellos de Geologist e Panda Bear semellaban dous altares consagrados a maior gloria da música experimental. Entrambos, a silueta saltarina de Avey Tare, alternando entre guitarra e teclados, sempre co micrófono disposto. Faltaba Deakin, de ano sabático tralo Strawberry Jam, unha ausencia que obrigaba a ollar cara adiante, prescindindo dos temas máis accesibeis. Botouse de menos a excelente ‘Winter Wonder Land’, mais o concerto ía noutra liña. Só dúas licencias: a bandada de paxaros dixitais de ‘Peacebone’ deixouse escoitar tralo primeiro cuarto de hora, nunha longa introducción antes de que Avey Tare arrincase coa súa letra, e moito máis tarde, case no remate, soaría tamén ‘Grass’, o máis semellante a un single que había no Feels.

A expectación creada ao pechar o escenario principal esvaeceu no seu segundo tema: fuxida masiva de ouvidos convencionais ante os primeiros bucles de ‘Comfy in Nautica’, un fermoso agasallo de Panda Bear ao directo da súa banda. Neste concerto críptico, máis ca presentar o recente Strawberry Jam, estes Beach Boys electrónicos xa estaban anunciando un inminente (e moi atractivo) novo álbum, interpretando media ducia de temas inéditos. Despedíronse coa abraiante ‘Brother Sport’, un tema construido sobre unha base tropicalista que delata a orixe de toda a música de El Guincho. Visionarios ou obstusos, Animal Collective fixeron honra á súa sona cun concerto composto por emocionantes pasaxes ambientais que sinalan unha posibel dirección para a música popular máis creativa deste século. Grandes. Enormes.


Simian Mobile Disco


A. L. A New Rave está maldita neste festival. O ano pasado, os Klaxons cancelaron a súa actuación. Case mellor, así puidemos apreciar nun dos escenarios principais ao grupo revelación do ano, os extraordinarios Battles. Desta vez non houbo tanta sorte. Algo lles pasou aos intrumentos de Simian Mobile Disco durante a viaxe e tiveron que improvisar unha sesión de DJs. O vello truco de “España Kiere Kaña”. Para gustos: ‘It’s the beat’, ‘Hustler’ ou ‘Tits & Acid’ son temas bastante resultóns para o baile desinhibido, mais tanto ten estar nun festival, nunha discoteca, ou na túa propia casa se os estás escoitando nunha gravación. Daquela, a festa depende de cada un, das ganas que teña, e non do ben que pinche o DJ, sexa quen sexa. Con todo, a diversión durou pouco: a treboada que levaba ameazando durante todo o festival caeulles finalmente a eles.


Domingo 1.06.08

 

manos_de_topo

Manos de Topo


A. L. Trala treboada da véspera, resultou pracenteiro despedirse nun serán soleado, entre as palmeiras do Parc del Escorxador. Alí, con moita retranca, a banda galaico-catalana aireou as súas miserias sentimentais ante un público cómplice, familiares incluidos. Soaron ben, aínda que o teclista pedise máis teclados por boca dun cantante que supostamente estaba afónico. Con ou sen problemas nas cordas vocais, iso non lle impediu insistir no seu rexistro histriónico, todo un desafío co que hai que apandar se se quere apreciar a música do grupo. Queda ben ou queda mal esa voz paródica de debuxos animados? Custa afacerse a tanto exceso choromiqueiro, mais ten o seu aquel. Nestes primeiros temas é case a sinatura do grupo, coma a táboa de planchar que sostén o xilófono e o teclado. Novidades: unha violinista para (supostamente) “darlles clase” e (máis ben) maquillar tanta misoxinia encuberta. Falar de desamor ten os seus riscos: non todas as sensibilidades transixen a pornografía emocional, por moi ben escrita que estea. Mellor cando vai acompañada dun bo fondo sonoro, coma neste caso. Agora, do Primavera a Benicàssim (e ao Artenativa, e ao Lolapop...), medrando en fans. Se neste estado algo sobra son os resentidos melancólicos. Con tanta abundancia, Manos de Topo teñen a quen dirixirse. Gustarán.

Comentarios (1)add
...
escrito por Rotten , Xullo 09, 2008
eses Manos de Topo! una ano despois e aínda non cansei de escoitar o seu disco. Haberá que pasar polo Lolapop...
Escrebe o teu Comentario
quote
bold
italicize
underline
strike
url
image
quote
quote
smile
wink
laugh
grin
angry
sad
shocked
cool
tongue
kiss
cry
+ pequeno | + grande

busy
Tags:  PRIMAVERA SOUND
 
Seg. >
 

COMENTADO RECENTEMENTE

JOHN CALE 06.12.2008...
Seguro que tocou "Mercenaries" ?? Que mal ando log...
CONTACTO
Boas, somos un grupo d santiago da Ponte Pedriña...
SEGUNDO EP DOS GROVE...
Xa vai sendo hora de que este grupo teña o recoñ...
GZ POP! A NOVA FORNA...
Precisamente por eso non se lle pode chamar POP, p...
IRIA ABOI
Pois iso que está moi boa
CONTACTO
ola. Son Xabier Mera. Gustaría de enviaros inform...
FRANC3S - Franc3s (G...
penso que o termo "bizarro" está demasiado sobado...
PRIMEIRO DISCO LONGO...
xa o puiden escoitar, as miñas felicitacións aos...
PRIMEIRO DISCO LONGO...
xenial, que ganas que lle tiña!
PROJECTO ['TREPJA], ...
flipante a música que se está facer na terra nos...

NOVIDADES

  • 08:00 - 13.11.2008 NOVIDADES

    franc3s

     

     

     

     

     

     

    FRANC3S
    Franc3s
    (A regueifa, 2008)

    Cando o 18 de maio de 1980 Ian Curtis decide unilateralmente poñer fin á breve singradura musical de Joy Division pendurándose polo pescozo cunha corda, o deus máis escuro do Valhalla da música popular fixo vibrar dolosamente as súas cordas vocais, emitindo un berro nunha frecuencia tan aquelada que só os tímpanos cunha maior dose de bizarrismo tebroso puideron captalo. Ese berro multiplicouse en miles de ecos que espallaron interminabelmente a mensaxe de loito desa deidade pagán polos catro recunchos do planeta. Así, non podía ser doutro xeito, esa onda sonora vibrou por terras de Bergantiños, e a semente desa vibración áspera, sucia e arriscada agromou nos miolos de Alberto, María e Patuki (tamén chegou a Vilalba) para florecer en Franc3s.

    A evolución metastática destes individuos de fans incondicionais a parte infinitesimal do universo bizarro fica fosilizada no seu propio nome, tributo por triplicado á actriz Frances Farmer, á vocalista de The Vaselines Frances McKee e á artista circense Frances O´Connor. María coa batería, Alberto coa guitarra e coa voz e Patuky cos teclados non só homenaxean en cada distorsión a bandas como Surfin´ Bichos, Los Enemigos, The Cramps ou The Jesus and Mary Chain, senón que tratan de enchoupar a súa música das sensacións que lles transmiten as obras de, por exemplo, John Waters, William Burroughs ou Pollock.

    Franc3s decidiu por fin dar o grande chimpo ao LP logo de dúas maquetas receptoras de boas críticas e gabanzas a manchea. O seu primeiro disco, Franc3s, está composto por dez temas e foi editado por A Regueifa Plataforma baixo licenza de Creative Commons; pode baixarse de balde en www.aregueifa.net. Tamén se pode adquirir en soporte físico, nunha edición limitada e feita a man a base de papel de lixa e peluche, en Discos Noni´s (A Coruña) e Cosmic Pop Club (Carballo).

    Así que xa sabedes, amantes dos sons de ultratumba, do theremin, da escuridade, do veludo, da luz de neon reflectida nas pozas dunha cidade perdida,…, gozade todos do novo de Franc3s, e xa me contaredes.

    Comentarios (1)add
    franc3s rules
    escrito por Óscar , Novembro 14, 2008
    penso que o termo "bizarro" está demasiado sobado xa

    según a RAE:

    bizarro, rra.

    (De it. bizzarro, iracundo).


    1. adj. valiente (‖ esforzado).

    2. adj. Generoso, lucido, espléndido.



    FRANC3S molan trogollón!
    bicos pra eles
    Escrebe o teu Comentario
    quote
    bold
    italicize
    underline
    strike
    url
    image
    quote
    quote
    smile
    wink
    laugh
    grin
    angry
    sad
    shocked
    cool
    tongue
    kiss
    cry
    + pequeno | + grande

    busy

    Ler máis...
  • 12:37 - 13.10.2008 NOVIDADES

    nouvelledemmemoria

     

     

     

     

     

     

     

     

    NOUVELLE CUISINE
    De memoria
    (Autoeditado, 2008)

    O “malo” de ter asinado xoias de pop tan perfecto como Aritmética polar ou Dos torres é a altura á que deixas o listón para vindeiros discos. Os herculinos Nouvelle Cuisine corrían o risco de ser vítimas da calidade que plasmaron no seu anterior disco, o encantador Autodictado. Por fortuna, os "cocinitas" non se enrrugaron e souberon partir do ponto onde o deixaron para elevalo aínda uns centímetros máis, coma uns Sergéis Bubka do pop con pértiga.

    Sen perder o seu xa característco estilo -algo ben dificil de conseguir nunha banda con dúas voces tan diferentes- percébese nos doce temas que fan parte deste De memoria un salto cualitativo na produción. Continúan a guisalo e comelo eles mesmos pero no estudo de gravación a experiencia nótase e este enriquecemento faise palpable tanto a nivel de arranxos coma da expansión na paleta de sons e instrumentos (acordeóns, rhodes, sintes...). O certo é que o son de Nouvelle Cuisine acada con este disco un novo grau de madurez xa que a incoporación de sintetizador e caixas de ritmos nalgúns temas e a falla de complexos para meter guitarras moito máis distorsionadas afástaos do típico e autolimitado son indie do que beben -La Buena Vida e La Habitación Roja- explorando novos territorios que a esta altura da película a verdade é que son de agradecer.

    E como non hai bon disco de POP -con maiúsculas- sen unha boa colección de singles, ahi están eles para deixarnos xemas coma Sintonia08, Comunicación no verbal, El imperio roto ou Seremos cajeras... mostras de pop clásico preciosista dese que che queda ecoando permanentemente na testa con só un par de escoitas. A verdade é que resulta incrible que estes talentosos chefs non atopasen unha discográfica que lles editara o disco, por moita crise da industria discográfica que haxa. Neste caso é evidente que xogou máis na súa contra a deslocalización con respeito ao epicentro dos que terían de ser os seus pretendentes. No indie estatal xa se sabe que fora de Madrid e Barcelona vai moito frío. Porén a xogada non lles saiu tan mal, mais ben ao contrario, autoeditando o disco por partida doble, tanto en formato digipack de xeito comercial coma nun formato máis exclusivo: unha camisola que se vende xunto con unha memoria USB con toda a súa discografía. Se non querían caldo, dúas cuncas. E nós, claro, tan felices cun caldo tan cheo de sustancia.

    Comentarios (0)add
    Escrebe o teu Comentario
    quote
    bold
    italicize
    underline
    strike
    url
    image
    quote
    quote
    smile
    wink
    laugh
    grin
    angry
    sad
    shocked
    cool
    tongue
    kiss
    cry
    + pequeno | + grande

    busy

    Ler máis...
  • 11:20 - 25.09.2008 NOVIDADES

     

     

     

     

     

     

    BLOC PARTY
    Intimacy
    (Wichita, 2008)

    A “alarma silenciosa” ca que catro rapaces do East London decidiron comunicarlle ao mundo a súa existencia non foi tal; resultou o estoupido xordo do primeiro foguete da alborada, que racha o silencio da moribunda noite e pronostica xoldra. A partires dese intre máxico pode gozarse ou non da festa, pero xa non sobrevive no interior dos participantes esa inicial sensación de sorpresa. A Weekend In The City convertiuse desde o seu lanzamento na primeira víctima das odiosas comparacións as que serán sometidos todos e cada un dos traballos que Bloc Party decida facer, aos que xa de saída se lles catalogará como “inferiores a Silent Alarm”. Kele Okereke na voz e na guitarra, Russell Lissack na guitarra, Gordon Moakes no baixo e nos coros e Matt Tong na batería conforman Bloc Party.

    Intimacy (Wichita Recordings, 2008), o seu terceiro traballo, veu a luz o pasado 21 de agosto no seu formato dixital, quedando desde entón pendurado na rede coa posibilidade de baixalo previo abono do prezo estipulado. Os interesados en adquirilo no seu formato físico deberán agardar ata o 28 de outubro; neste formato inclúense algúns cortes non presentes no dixital. O disco foi producido por Paul Epworth e Jacknife Lee, quenes xa colaboraran coa banda nos seus anteriores traballos (...)

    Comentarios (0)add
    Escrebe o teu Comentario
    quote
    bold
    italicize
    underline
    strike
    url
    image
    quote
    quote
    smile
    wink
    laugh
    grin
    angry
    sad
    shocked
    cool
    tongue
    kiss
    cry
    + pequeno | + grande

    busy

    Ler máis...
  • 08:00 - 11.09.2008 NOVIDADES

    jugoplastika

     

     

     

     

     

     

     

     

    JUGOPLASTIKA
    The 6th is the 7
    (Astro Discos, 2008)

    Co dos revivals é mellor non chegar a última hora. De poder escoller, o ideal sería chegar cando a cousa xa despegou pero aínda non invade masivamente as páxinas da NME e derivados, entrando de cheo no momento álxido do hype. Como mal menor, non estaría mal ser dos primeiros, o que sexa con tal de non ser dos últimos en chegar. Porén, ser pioneiro na recuperción dun son pasado garante certa frescura e non soar clónico pero tamén ten a desvantaxe de que van ser outros os que desfruten do verdadeiro recoñecemento. Non se pode ter todo.

    E no caso de Jugoplastika dá a impresión de que é exactamente isto último o que lles vai pasar. Asi que é de xustiza reivindicalos dende xa coma iniciadores dun revival que aínda está por chegar, o do indie guitarreiro dos primeiros 90s, con ecos de radio universitaria americana, voces pouco afinadas e producións precarias de son garaxeiro. Porque no seu último album -The 6th is the 7- non hai banda da época que non faga acto de presenza dunha ou outra maneira nalgunha das once cancións que fan parte do disco, dende os Pixies a Weezer pasando por Pavement, Guided by Voices, e Grandaddy. Un traballo, por certo, maxistralmente producido por Paco Loco, que demostra ser un auténtico todoterreno, recreando perfectamente o son suxo dominado polas frecuencias medias tan característico daqueles tempos dando forma ao que probablemente é o disco galego máis xenuinamente americano de todos os tempos.

    Dubido que Kukoc, Perasovic e Radja escoitasen aos Pixies nos vestiarios pero o certo é que as coordenadas temporais deste novo son de Jugoplastika teñen perfecto sentido e danlle coherencia absoluta á estética do grupo. Iso si, só asimilable en todos os seus matices  polos que nacimos antes dos 80s, as novas xeracións van ter que agardar a que chegue o revival noventeiro -remastigado e actualizalo- para desfrutalo ao 100%. Sexa coma sexa, sempre poderemos dicer o de "pero se isto xa o facían Jugoplastika no 2008".

    Comentarios (1)add
    ...