|
MUSICA
|
|
Escrito por Ignatius Brétema
|
|
Mércores, 21 de Febreiro do 2007 |

No
DVD que acompañaba a edición limitada de Worlds Apart dos Trail Of
dead, Conrad Keelly expoñía moi acertadamente a liña de evolución
inseparable entre a tecnoloxía e a música, entre a revolución que
supuxo a invención do piano por parte de Bartolomeu Cristofori
-evolución dos clavicémbalos e dos clavicordios-, ate a invención do
fonógrafo e a música gravada. Do laúde e instrumentos similares ate a
guitarra eléctrica, da primeira calculadora xigante ó Ipod, os músicos
aproveitaron cada avance aplicado e usaron para a composición toda
ferramenta que xenerase son. Sen dúbida, o fonógrafo, invento que veu a
luz da man de Edison no 1877 (en forma de cilindro), e logo o
gramófono, que patentou Emile Berliner once anos despois (na forma do
tocadiscos que todos coñecemos), constitúe o invento que con maior
impacto incidiu nas formas de expresión da musica popular ate hoxe
mesmo, de tal xeito que se nos fai difícil diferenciar entre
obra/composición musical e gravación sonora. O exemplo que Conrad Keely
propón é ben ilustrativo: cando falamos do ‘Hey Jude’ dos Beatles non
estamos a falar dunha composición/partitura de Paul McCartney senón da
gravación que os catro Beatles e orquestra levaron a cabo nos estudios
Abbey Road, con George Martin na produción e publicada no single Hey
Jude/Revolution de agosto do 1968. Ate a aparición da gravadora a
música era interpretada por músicos en concerto e só había unha
oportunidade para escoitala: estar alí, a carón do intérprete, que
facía a súa versión a partires dunha partitura dada ou, coma moitos, de
oído. Hoxe, sinala Keely, cando escoitamos unha versión de ‘Hey Jude’,
aínda que sexa dos propios Beatles, non nos parece ‘Hey Jude’, non
xenuinamente, porque identificamos esa canción coa súa respectiva
gravación histórica.
Ben, se a gravación sonora (en cilindro,
disco de acetato/vinilo, cinta, disquete, Hard Disk, CD ou DVD) supuxo
unha revolución no xeito de escoitar música (na túa propia casa cantas
veces queiras sen ter que desprazarte a ningún teatro ou sala) e no
xeito de identificala (só hai un ‘Like a rolling stone’ posible, ás
veces incluso dous ‘She’s lost control’, pero a canción segue sendo a
gravación indisolublemente) non é difícil calcular o quebranto que
supuxo a Internet para a industria da edición musical. De súpeto, unha
contrarrevolución tomou as prazas fortes da industria: a fabricación
física dun obxecto e o control da propiedade intelectual sobre a obra
gravada. Certo que as casetes xa quebrantaban as normas en gravacións
caseiras, mais apenas supoñían uns decimais soportables nas contas de
estimación de perdas das compañías discográficas. O verdadeiro calado
chegou coa Internet, un invento do que aínda non podemos calcular a súa
dimensión xa que non para de medrar e proporciona ferramentas de
traballo e útiles de comunicación aínda sen explorar. Un río revolto de
ideas e oportunidades, das que agora vou sacar dous conceptos que xa
parecen históricos pero non teñen máis de once anos: un, o MP3; o
segundo, as redes de usuarios P2P. E xuntos, unha incógnita a propósito
da evolución musical.
Imos por partes. Segundo a Wikipedia, o
invento do MP3 empezou a xestarse a mediados dos anos 80 pero ten como
data de creación a de xullo do 1995 da man de Karlheinz Brandenburg. A
idea que sempre tiven do MP3 era a de ‘comprimir’ a sinal de audio
eliminando a información que o oído humano non precisa para traducir o
sinal en son; o concepto, dito así, é enormemente simple, demasiado
para un proxecto que estivo dez anos xestándose en 47 centros de
investigación distintos. Pero unha vez inventado o estandard, o efecto
foi arrollador. Con discos duros nos ordenadores de non máis de catro
xigas, o MP3 permitiu o almacenamento masivo de arquivos musicais;
aparecen os primeiros compactos temáticos: toda a discografía de Pink
Floyd nun so CD. Seguíronlle outros formatos de ‘compresión’, incluso
con maior calidade, pero ó falar de MP3 todos sabemos de que estamos a
falar, ¿non é?.
No 1999 un rapaz chamado Shawn Fanning
escribe o código dun programa que chamou Napster; se non fose el, sería
outro: un servidor central que comunica ós usuarios entre so
proporcionando información sobre arquivos que se comparten entre
millóns. From peer to peer. Comeza ó pouco un proceso xudicial contra
Napster e a polémica, non resolta aínda hoxe, da legalidade ou non das
redes, centralizadas ou descentralizadas, e da parte de criminalidade
que comete o usuario dependendo do país en que esté. Cuestión esta, a
da nacionalidade que a World Wide Web desbarata por completo. Cerraron
Napster para despois mercala, pero iso é como poñerlle portas ó campo.
Apareceron outros, coma Morpheus, Audiogalaxy, Soulseek e o pior diaño
de todos: Emule. Para ben e para mal, dependendo onde che tocase estar,
a música (a música gravada.) converteuse en información, datos, bits, e
flúe nun torrente imparable, arredor de todo o mundo: toda a música
gravada. está na Internet para quen a queira coller. E todos arrimamos
a cunca para quedar saciados.
A idea que me ronda agora é ben
simple. Deixando aparte o feito de que a música tocada en vivo nunca
morrerá mentres alguén teña gorxa, nunca antes unha xeración de músicos
xoves tivo acceso a toda a música posible, nunca dun xeito tan rápido,
inmediato; nunca antes un músico tivo a opción de empaparse de todos os
ritmos, xéneros e subxéneros, non dun xeito enciclopédico, con
información de orixe, catálogo e anécdotas de primeira man servidas
polos propios músicos intérpretes dende a mesma Rede. O que antes era
imposible ou precisaba toda unha vida agora está ó alcance dun clic. Se
os Rolling Stones ou os Beatles se sentían atraídos pola música enxebre
de Marrocos ou da India, viaxaban ate alí e aprendían dos músicos
locais; unha temporada en Xamaica e os Clash rezumaban dub; para saber
da existencia de bluesmans mitolóxicos coma Blind Willie McTell os
iniciados no blues debían percorrer unha longa senda de cubetas de
vellas gravacións de segunda man. Agora todo está rexistrado: automatic
for the people.
Dende aquel 1999, ano que podemos sinalar
como determinante, son centos de miles os xoves que medraron coa
Internet na casa, con toda esa valiosísima información no disco duro.
Un vistazo polo Soulseek non deixa dúbidas: usuarios con cinco mil, dez
mil, trinta mil arquivos musicais nun só disco. Pero, é fisicamente
imposible escoitar todo iso, toda esa cantidade de música e empaparse
dela mentres o regueiro segue brotando sen esgotar. Porque, non basta
con escoitar un disco en fast forward, non é suficiente con escoitalo
unha vez enteiro; poida que sexa útil para averiguar estilo e poñerlle
unha etiqueta rápida, mais para poder saber se che gusta, para poder
falar con criterio del hai que escoitalo máis de unha vez, e de dúas, e
voltar a el un tempo despois. Iso non se fai. Sospeito que a baixada
indiscriminada de música ten máis de acto compulsivo que de verdadeira
quedadaa; alimentar o Ipod con alfalfa de cancións onde non importa o
título nen tampouco demasiado a banda, e, sendo perverso, non anda
lonxe do hábito da comida rápida. Adeus ós discos míticos porque, quen
vai mitificar un disco que dura unha semana amontoado entre catro
ducias máis antes dun novo volcado de datos. Aquí é cando xurde a
dúbida. Realmente, ¿cantos de esos usuarios son músicos en potencia, e
cantos meros consumidores, desentendidos navegantes ó abrigo xovial do
‘todo gratis’?
Poñamos que dende o 1999 unha enorme recua de
xoves con inquedas musicais está a escoitar inxentes cantidades de
música, de todo canto estilo desexen, de todas as épocas e incluso
avances de novidades con tres meses de adianto; escoitando o habido e o
por haber. É lóxico pensar que a xeración de músicos xoves que medrou
co módem e o ADSL por forza ten que reverter nun caudal de ideas e
propostas asombrosas. Figúrate, con 16 anos, preso da rockinneumonia e
a boogie boogie flu que cantara o outro e un disco duro de 160 xigas
repleto ate os topes de rock ‘n’ roll, ska, drum and bass, música india
dos Apalaches, IDM, afrobeat, bandas sonoras de culto dos cincuenta,
trash metal, shoegaze, soul da Motown, spaghetti western, post rock,
trip hop e Frank Zappa. Porque o mellor de todo isto, ó meu entender, é
o total desprexuizo co que a xeración que medrou co MP3 acolle a
música. É lóxico pensar que eses mozos, sete anos despois, no 2006,
encarando os vintetantos, están a producir a mestura rompedora da nova
ola, esa ola que a xeración precedente se saltou. ¿É así?
Ben,
outra cousa boa que ten a Internet é que xa non hai que agardar catro
anos para o descubrimento dunha banda; podemos saber dela dende o mesmo
instante en que colgan a súa primeira maqueta no seu Myspace. Acabouse
aquela sorpresa de saber que ese grupo que descubriches onte ten unha
morea de singles desperdigados e dous albumes anteriores en escuros
selos discográficos. Con Internet o proceso de maduración dun grupo ou
proxecto é aínda máis veloz que as celebres portadas do NME adicadas a
bandas sen contrato; podes saber deles antes incluso de ser unha banda
real. E os radares de canto plumilla blogueiro existe rastrexan sen
parar os recónditos espazos da Rede, non deixan curruncho sen mirar. Se
houbese algo grande, xa o teriamos posteado. Pero, mirando arredor, non
vexo rastro de xenialidade nas novas bandas ou, canto menos,
orixinalidade. No 2001 os Strokes romperon a baralla cunha receita
coñecida: marcaron unha volta ó modelo de canción con guitarras
vitalista e con retrousos, volveuse a cantar sobre saír de marcha un
sábado noite e a desubicación adolescente. Os anos 2.000 avanzaron cun
lavado de cara ó post-puna e ó folk, mais nengún grupo se atreve a
mirarlle ós ollos a Gang Of Four ou á Incredible String Band. Hai
estupendas producións, sen dúbida, discos fermosos e discos para reter;
hai algúns nesta década de rescates e revisitacións que se mostran
audaces e abandeirados: penso en Gnarls Barkley. Pero tamén penso na
cantidade inmensa de grupos e proxectos sen personalidade, coma cromos
intercambiables dun álbum de figuríns: produción de luxo, volume
atronador pero nen rastro de sangue, de actitude, de ansia por facer
algo que ninguén fixera antes. Pregúntome que diaño están a facer eses
xoves tan instruídos. ¿Por que se xuntan con tres amigos só para imitar
o repertorio que seus pais e abós xa brincaron con The Who ou The Jam?
Ou peor aínda, querendo ser os novos Rage Against The Machine calcando
cada tic de Tom Morello ¿Non se trataba de renegar da música dos teus
pais? ¿Acaso a música, ó chegar a granel dende a Internet, deixou de
ter o carácter de comuna, de identidade, e pasou a ser un accesorio,
algo que escoitas mentres fas outra cousa? Xa non debe molar ser músico
ou estar nun grupo, e moito menos desligarse de estilos e arriscarse a
facer algo notoriamente persoal e fóra de contexto. Ser raro, soar
raro, facer música rara non cotiza á alza, pero a xeración da que estou
a falar debera estar facendo xa, agora mesmo, cousas moi moi raras.
Altamente adictivas e rompedoras. A mestura resultante da cocción lenta
de 160 xigas de puré sonoro. Quizais, voltando á idea primeira de que a
evolución musical sempre foi parella á evolución tecnolóxica, teremos
que agardar por novos inventos, novos instrumentos, e o fenómeno do MP3
non sexa tan determinante.
 Tags: mp3 ipod |
|
NOVIDADES
-
08:00 - 13.11.2008
NOVIDADES
FRANC3S
Franc3s
(A regueifa, 2008)
Cando o 18 de maio de 1980 Ian Curtis decide unilateralmente poñer fin á breve singradura musical de Joy Division
pendurándose polo pescozo cunha corda, o deus máis escuro do Valhalla
da música popular fixo vibrar dolosamente as súas cordas vocais,
emitindo un berro nunha frecuencia tan aquelada que só os tímpanos
cunha maior dose de bizarrismo tebroso puideron captalo. Ese
berro multiplicouse en miles de ecos que espallaron interminabelmente a
mensaxe de loito desa deidade pagán polos catro recunchos do planeta.
Así, non podía ser doutro xeito, esa onda sonora vibrou por terras de Bergantiños, e a semente desa vibración áspera, sucia e arriscada agromou nos miolos de Alberto, María e Patuki (tamén chegou a Vilalba) para florecer en Franc3s.
A
evolución metastática destes individuos de fans incondicionais a parte
infinitesimal do universo bizarro fica fosilizada no seu propio nome,
tributo por triplicado á actriz Frances Farmer, á vocalista de The Vaselines Frances McKee e á artista circense Frances O´Connor. María coa batería, Alberto coa guitarra e coa voz e Patuky cos teclados non só homenaxean en cada distorsión a bandas como Surfin´ Bichos, Los Enemigos, The Cramps ou The Jesus and Mary Chain, senón que tratan de enchoupar a súa música das sensacións que lles transmiten as obras de, por exemplo, John Waters, William Burroughs ou Pollock.
Franc3s decidiu por fin dar o grande chimpo ao LP logo de dúas maquetas receptoras de boas críticas e gabanzas a manchea. O seu primeiro disco, Franc3s, está composto por dez temas e foi editado por A Regueifa Plataforma baixo licenza de Creative Commons; pode baixarse de balde en www.aregueifa.net. Tamén se pode adquirir en soporte físico, nunha edición limitada e feita a man a base de papel de lixa e peluche, en Discos Noni´s (A Coruña) e Cosmic Pop Club (Carballo).
Así que xa sabedes, amantes dos sons de ultratumba, do theremin, da escuridade, do veludo, da luz de neon reflectida nas pozas dunha cidade perdida,…, gozade todos do novo de Franc3s, e xa me contaredes.
Ler máis...
-
12:37 - 13.10.2008
NOVIDADES
NOUVELLE CUISINE
De memoria
(Autoeditado, 2008)
O “malo” de ter asinado xoias de pop tan perfecto como Aritmética polar ou Dos torres é a altura
á que deixas o listón para vindeiros discos. Os
herculinos Nouvelle Cuisine corrían o risco de ser vítimas
da calidade que plasmaron no seu anterior disco, o encantador
Autodictado. Por fortuna, os "cocinitas" non se enrrugaron e souberon
partir do ponto onde o deixaron para elevalo aínda uns
centímetros máis, coma uns Sergéis Bubka do pop con pértiga.
Sen perder o seu xa característco
estilo -algo ben dificil de conseguir nunha banda con dúas voces tan diferentes-
percébese nos doce temas que fan parte deste De memoria un
salto cualitativo na produción. Continúan a guisalo e
comelo eles mesmos pero no estudo de gravación a experiencia
nótase e este enriquecemento faise palpable tanto a nivel de
arranxos coma da expansión na paleta de sons e instrumentos (acordeóns, rhodes, sintes...).
O certo é que o son de Nouvelle Cuisine acada con este disco
un novo grau de madurez xa que a incoporación de sintetizador
e caixas de ritmos nalgúns temas e a falla de complexos para
meter guitarras moito máis distorsionadas afástaos do
típico e autolimitado son indie do que beben -La Buena Vida e La Habitación
Roja- explorando novos territorios que a esta altura da película
a verdade é que son de agradecer.
E como non hai bon disco de POP -con maiúsculas- sen unha boa colección de singles, ahi están eles para deixarnos xemas coma Sintonia08, Comunicación no verbal, El imperio roto ou Seremos cajeras... mostras de pop clásico preciosista dese que che queda ecoando permanentemente na testa con só un par de escoitas. A verdade é que resulta incrible que estes talentosos chefs non atopasen unha discográfica que lles editara o disco, por moita crise da industria discográfica que haxa. Neste caso é evidente que xogou máis na súa contra a deslocalización con respeito ao epicentro dos que terían de ser os seus pretendentes. No indie estatal xa se sabe que fora de Madrid e Barcelona vai moito frío. Porén a xogada non lles saiu tan mal, mais ben ao contrario, autoeditando o disco por partida doble, tanto en formato digipack de xeito comercial coma nun formato máis exclusivo: unha camisola que se vende xunto con unha memoria USB con toda a súa discografía. Se non querían caldo, dúas cuncas. E nós, claro, tan felices cun caldo tan cheo de sustancia.
Ler máis...
-
11:20 - 25.09.2008
NOVIDADES
BLOC PARTY
Intimacy
(Wichita, 2008)
A “alarma silenciosa” ca que catro rapaces do East London
decidiron comunicarlle ao mundo a súa existencia non foi tal; resultou
o estoupido xordo do primeiro foguete da alborada, que racha o silencio
da moribunda noite e pronostica xoldra. A partires dese intre máxico
pode gozarse ou non da festa, pero xa non sobrevive no interior dos
participantes esa inicial sensación de sorpresa. A Weekend In The City
convertiuse desde o seu lanzamento na primeira víctima das odiosas
comparacións as que serán sometidos todos e cada un dos traballos que Bloc Party decida facer, aos que xa de saída se lles catalogará como “inferiores a Silent Alarm”. Kele Okereke na voz e na guitarra, Russell Lissack na guitarra, Gordon Moakes no baixo e nos coros e Matt Tong na batería conforman Bloc Party.
Intimacy (Wichita Recordings, 2008), o seu terceiro traballo, veu a luz o pasado 21 de agosto
no seu formato dixital, quedando desde entón pendurado na rede coa
posibilidade de baixalo previo abono do prezo estipulado. Os
interesados en adquirilo no seu formato físico deberán agardar ata o 28 de outubro; neste formato inclúense algúns cortes non presentes no dixital. O disco foi producido por Paul Epworth e Jacknife Lee, quenes xa colaboraran coa banda nos seus anteriores traballos (...)
Ler máis...
-
08:00 - 11.09.2008
NOVIDADES
JUGOPLASTIKA
The 6th is the 7
(Astro Discos, 2008)
Co dos revivals é mellor
non chegar a última hora. De poder escoller, o ideal sería chegar cando a cousa xa despegou pero aínda non invade
masivamente as páxinas da NME e derivados, entrando de cheo no
momento álxido do hype. Como mal menor, non estaría mal
ser dos primeiros, o que sexa con tal de non ser dos últimos
en chegar. Porén, ser pioneiro na recuperción dun son pasado garante certa frescura e non soar clónico pero tamén ten a
desvantaxe de que van ser outros os que desfruten do verdadeiro
recoñecemento. Non se pode ter todo.
E no caso de Jugoplastika dá a impresión de que é exactamente isto último o que lles vai pasar. Asi que é
de xustiza reivindicalos dende xa coma iniciadores dun revival que
aínda está por chegar, o do indie guitarreiro dos
primeiros 90s, con ecos de radio universitaria americana, voces pouco afinadas e producións
precarias de son garaxeiro. Porque no seu último album -The
6th is the 7- non hai banda da época que non faga
acto de presenza dunha ou outra maneira nalgunha das once cancións
que fan parte do disco, dende os Pixies a Weezer pasando por
Pavement, Guided by Voices, e Grandaddy. Un traballo, por certo, maxistralmente
producido por Paco Loco, que demostra ser un auténtico
todoterreno, recreando perfectamente o son suxo dominado polas
frecuencias medias tan característico daqueles tempos dando forma ao que probablemente é o disco galego máis xenuinamente americano de todos os tempos.
Dubido que Kukoc,
Perasovic e Radja escoitasen aos Pixies nos vestiarios pero o certo
é que as coordenadas temporais deste novo son de Jugoplastika teñen
perfecto sentido e danlle coherencia absoluta á estética
do grupo. Iso si, só asimilable en todos os seus matices polos que nacimos
antes dos 80s, as novas xeracións van ter que agardar a que chegue o revival noventeiro -remastigado e actualizalo- para desfrutalo ao 100%. Sexa coma sexa, sempre poderemos dicer o de "pero se isto xa o facían Jugoplastika no 2008".
Ler máis...
-
06:52 - 02.09.2008
NOVIDADES
DEATH CAB FOR CUTIE
Narrow Stairs
(Atlantic, 2008)
Atópome de fronte e a máis de 200 km/h con Narrow Stairs;
o choque é brutal, anaquiños de disonantes melodías dunha beleza
inusual perforan diversos órganos do meu corpo e préñanme as vísceras
dun sotaque agridoce de saudade. Atópome de fronte ante o sexto traballo da banda formada por Ben Gibbard, Chris Walla, Nicholas Harmer e Jason McGerr;
atópome de fronte cunha auténtica delicia de comezo a fin, tanto no seu
formulación como na súa execución, un río que nace e transcorre cara o
mar entre meandros sinuosos e violentas fervenzas.
Nace Narrow Stairs cun corte duns cinco minutos que lembra por veces á primeira canción de Plans, aquela Marching Bands of Manhattan
que nos marabillara, aínda que esta posúe un ton máis sutil. Comeza
amodo para ir acadando maior contundencia segundo pasa o tempo,
apoiados sempre nun enorme baixo (...)
Ler máis...
-
11:34 - 12.05.2008
NOVIDADES
ESQUIOS
Un tipo normal
(Autoeditado Distribuciones, 2008)
Os estradenses Esquíos
deron un xiro importante á banda con este Un tipo normal, o
seu segundo disco longo. A incorporación de Miguel Castro na
voz en sustitución de Fidel Castro -non sei se serán
irmáns- marca en grande medida o seu novo son, moito máis
punk-rock, case alonxado por completo das querencias metaleiras do
seu debut. O certo é que o xiro parece moi meditado xa que a
nova voz -moito máis axeitado para o punk-rock con maior
carrega melódica que fan agora- dálle a Esquios un son
moito máis actual.
Pero non é a voz a
única novidade desta nova etapa. Agora atopamos unha cota
maior de temas cantados en galego e unhas letras, entre o social e o
festeiro, que encaixan mellor co seu estilo e o seu público
potencial. Especialmente agora que contan no seu repertorio con
temasda forza de “A rapa” ou “Galiza festa rachada” -sen
dúbida os dous singles máis potentes do disco- que
prometen ser verdadeiros furacáns ao vivo, cuns retrousos
deses que son carne de pogo. Dous temas, ademais, que incorporan un
par de detalles -aire funk e sección de metais, o primeiro, e
ritmo skatalítico, o segundo- que alén de demostrar a
versatilidade dos novos Esquíos tamén van facer de
efectivo anzol para atraer a novos siareiros á banda.
Ler máis...
-
06:56 - 06.05.2008
NOVIDADES
REM
Accelearte
(Warner, 2008)
Facía xa catro anos que a banda de Athens non daba sinais de vida; foi por aquel entón cando publicaron o deostado (inxustamente baixo o meu criterio) Around the Sun. Por fin en abril de 2008 saíu á luz Accelerate, anunciado polos iluminados e entendidos como “a volta as súas orixes”. ¿Pero iso non o fixeran xa con Monster? ¿non se volvera de novo a falar do mesmo cando saíron New Adventures in Hi-Fi e Up? en resumo, máis peras mentais de flipados ou pura estratexia de marketing por parte da Warner (ou ambas cousas, claro) (...)
|
según a RAE:
bizarro, rra.
(De it. bizzarro, iracundo).
1. adj. valiente (‖ esforzado).
2. adj. Generoso, lucido, espléndido.
FRANC3S molan trogollón!
bicos pra eles