|
Páxina 1 de 2
Unha crónica de Atilano
Liberado e Nathan Fisher.
Fotos de Zally-H e Roger FJ82.
Boadilla del Monte. Un lugar paradisíaco ao suroeste de
Madrid, a vinte escasos quilómetros por autoestrada. A viaxe
dura arredor de hora e media de tempo cando esa autoestrada está
colapsada polo tráfico que vai ao Summercase. É, sen
dúbida, un traxecto moi fermoso para quen aprecie a beleza dos
non-lugares: vistas a parques empresariais, ao complexo de
Telemadrid, ás vías do metro lixeiro (aínda por
inaugurar), a unha chaira baleira... Pero nada comparábel coa
impresión cando por fin chegas ao recinto dos concertos: alí
descobres que estás no medio dun ermo seco, sen campo nin
terra, sen unha triste árbore, só unha mala sombra, con
céspede artificial. O resto, area e pedras. E moito po.
A ese campo de concentración no medio do deserto acudimos máis
de cincuenta mil melómanos. Só unha vez dentro
comezamos a soñar co Fórum de Barcelona, cos concertos
á beira do mar, cunha leve brisa refrescando a suor, co chan
perfectamente asfaltado, con zonas verdes, con parasois... Pero non.
Estabamos en Boadilla. Estabamos en Madrí. Estabamos en
Hespaña. Algún artista dicía sen pudor “much’s
grasias ssspaña!” e a xente aplaudía. Era
raro. Aquí din “much’s grasias vigou”
ou “much’s grasias sssntiagou”. Pero alí
estabamos na capital do estado. Estraños en terra estraña.
Había que afacerse.
Polo día, en plena hora de calor, custaba concentrarse. Moita
sede, moito sol. Pero á noite a cousa cambiaba. Non se vía
case nada, non había puntos de referencia. Só os
escenarios. E dos escenarios viña a música. Foramos aló
pola música, non é? Daquela todo collía sentido.
Venres 13.07.07
DJ Shadow
A.L. Non hai moitos DJs que poidan tocar nun festival ás
dez da noite. A maioría están desterrados aos horarios
de madrugada. Pero Josh Davis non é un simple pincha-discos. É
un erudito. Un artista da montaxe, do cortar-e-pegar, unha proxección
do que podería ser o cineasta Jean-Luc Godard se se adicase á
música electrónica. Só alguén así
pode ser capaz de samplear soul, drum’n’bass, hip hop,
trip hop ao longo dos seus álbums, incluíndo algo
semellante a Johan Sebastian Bach en ‘Organ Donor’. Un
cerebro no estudo de gravación, un gurú no escenario.
Pero todo isto non se pode traducir nos directos.
O problema dos concertos de música electrónica é
que os espectadores se atopan diante dunha figura solitaria, rodeada
de máquinas, que preme ducias de botóns sen que se
poida recoñecer exactamente de onde sae cada son. Non hai
concordancia entre os movementos do artista e a música que
emite. É confuso. E España quere caña, pasa de
sutilezas. Daquela aparece DJ Shadow, condensa o mellor do seu
repertorio, satúrao de beats para que a xente se
desboque, e o solta sen máis elaboración: ‘Building
Steam With a Grain of Salt’, ‘Six Days’, ‘The
Number Song’…
O material é bo, claro, a maioría procede do
Endtroducing..., pero a presentación queda pobre. Foi
un concerto bo, correcto, pero con semellantes pezas Josh Davis
podería ter feito connosco o que quixese. Non quixo. Puxo o
piloto automático. Grandes éxitos e pouco máis.
Faltou ‘Giving Up the Ghost’, e case non botou man dos
temas do seu ultimo disco, The Outsider, pero iso son
detalles, minucias, queixas de coxiliqueiro. Pechou con ‘Midnight
in a Perfect World’, que é o mellor que podia facer, a
súa contribución ao trip-hop, fermosa e ensoñadora.
Así, todos contentos, pero faltou intensidade, faltou aura.
The Jesus & Mary Chain
A.L. Os reencontros das grandes bandas son sempre unha
incógnita, un risco. Había expectación polos
irmáns Reid: moito fan da vella escola, moito fan gañado
para a causa por Lost in Traslation. Había mesmo quen
fantaseaba con que viñera Scarlett Johansson dende Barcelona
para cantar ‘Just Like Honey’ (e nin sequera alí
apareceu).
Todos contentos cando comezaron. O espírito ruidista, sucio,
escuro dos oitenta revivía. Quizais podiamos estar diante
dalgo semellante a un The Jesus & Mary Chain performed
Psycocandy? A ilusión e o pracer non durou tanto como
apuntaba o comezo, con ‘Taste of Cindy’, ‘Never
Understand’ ou ‘My little underground’. O
repertorio foi escorándose perigosamente cara os anos noventa,
unha época non demasiado heroica para este grupo. A batería
fíxose demasiado metálica, o baixo máis pesado,
e a voz de Jim Reid foise perdendo en cancións prescindíbeis.
Probemas de escolla? Quizais, pero fallaron máis cousas. Cando
por fin tocaron ‘Just Like Honey’ soou bastante gris.
Faltáballe emoción. Un pensaba, primeiro,
interiorizando: “Pero que me pasa? Tocan ‘Just Like
Honey’ e non me dou emocionado. Son un insensíbel?”.
E logo exteriorizaba: “Pero que lles pasa? Están
tocando ‘Just Like Honey’ coma se fosen unha puta
orquesta!!!”.
Se houbo algo de decepción foi, precisamente, porque a cousa
comezou moi ben, e logo non deu moito de si, esgotouse. E xusto nese
intre, mentres Jesús & Mary Chain estragaban a súa
lenda, The Gossip daba noutro escenario o que se dixo que foi o
mellor concerto da xornada. Cos festivais tan diversificados un nunca
sabe cando vai atinar...
Air
A.L. Confeso que comín un bocadillo. Era máis da
medianoite e xa me entrara a fame. Comino con calma, mastigando sen
presas, sen perder o fío da conversa. Estaba no concerto de
Air, pero ninguén semellaba atender a Jean-Benoît
Dunckel e Nicolas Godin. Eles estaban alí, detrás dos
seus trebellos, xogando co vocoder á hora de agradecer os
tímidos aplausos. Supostamente, estaban presentando o seu novo
disco, Pocket Symphony. Como mostra de dignidad, trouxeron
batería e guitarra eléctrica, para que non todo fosen
programacións. Pero nin con esas espertaban o interese dos que
andabamos despistados. Só, ás veces, ao reparar
nalgunha peza, prendía a curiosidade: “ah! están
tocando ‘Sexy Boy’”. Ou: “ei! este é
o tema d’As Virxes Suicidas”. E así foi
pasando o concerto, sen moita gloria. Máis aló deses
ghits, incluído ‘Cherry Bloosom Girl’, o concerto
foi bastante pobre. Nin música atmosférica nin lerias
baratas: un aburrimento.
Kaiser
Chiefs
N.F. Nick Hogson, batería e compositor de boa parte das
cancións desta banda -cuxo nome non fai referencia a ningún
emperador alemán senón a un equipo de fútbol
sudafricano-, confesaba nunha entrevista que plantexaban cada
concerto como un partido de fútbol. E de certo consígueno.
Grande parte do mérito tena o seu vocalista, Ricky Wilson, un
auténtico salvaxe enriba do escenario.
A banda de Leeds atacou cun dos seus temas máis coñecidos,
‘Everyday I love you less and less’. E a partir de aí
o público xa non parou, aínda que os temas do primeiro
disco, como ‘Na na na na naaaaa’, ‘Oh my god’
-que pechou a actuación- ou ‘I predict a riot’,
tiveron máis éxito que os do CD que están a
promocionar, Yours truly, angry mob. E que conste que ten
cancións moi boas, como a que lle da nome ou ‘Heat dies
down’. A pesar de estaren considerados por un sector da crítica
máis especializada como unha especie de hooligans, Kaiser
Chiefs teñen un dos directos máis potentes das novas
bandas británicas, e conseguiron conectar co lado máis
hedonista dos espectadores, facendo un dos mellores concertos do
Summercase.
!!!
A.L. Fai falla ter moita resistencia física para estar
á altura do que dan !!! en directo. Con batería e
percusión sincronizadas teñen unha das seccións
rítmicas máis abraiantes do momento. A iso sumádelle
un vocalista desprexuiciado, Nic Offer, que non perde o fío da
letra por moito que pase o concerto facendo de gogó, quentando
ao público co seu baile compulsivo, sexualizado, con
movementos que son puro raggaetón. E por suposto, alén
destes impactos, ao final a melodía que segues é a da
guitarra. Rock que se viste de punk-funk e sube a escena, a dalo
todo.
Os novos temas do Myth Takes soan máis pechados no
disco do que as fugas sonoras do Louden up now, pero en
directo forman un continuo onde hai que ceder á inercia: ‘All
My Heroes Are weirdos’ e ‘Must Be the Moon’ son
pura descarga de adrenalina, categóricas, igual que ‘Pardon
My Freedom’ ou ‘Me and Giuliani Down by The Schoolyard’.
É un repertorio con moita tralla como para botar de menos
‘Take Ecstasy with Me’.
Non ten xeito obsesionarse con distinguir cada canción, o
directo de !!! é unha fervenza que pasa por riba do público,
alongando os temas, mesturándoos. A xente non foi aló
para escoitar un disco, foi para prender ate a incandescencia. O
escenario cuspe sexo, suor e ritmo, e cada un que chegue ate onde
poida. Custa. Esta comuna californiana dá moito máis
que un grupo de tonti-pop de dúas estrofas, ponte e
estribillo. Un concerto intenso, bravo, pero sen chegar aos extremos
antolóxicos de ver a Nic Offer vomitar. Case
mellor así.
|
|
NOVIDADES
-
08:00 - 13.11.2008
NOVIDADES
FRANC3S
Franc3s
(A regueifa, 2008)
Cando o 18 de maio de 1980 Ian Curtis decide unilateralmente poñer fin á breve singradura musical de Joy Division
pendurándose polo pescozo cunha corda, o deus máis escuro do Valhalla
da música popular fixo vibrar dolosamente as súas cordas vocais,
emitindo un berro nunha frecuencia tan aquelada que só os tímpanos
cunha maior dose de bizarrismo tebroso puideron captalo. Ese
berro multiplicouse en miles de ecos que espallaron interminabelmente a
mensaxe de loito desa deidade pagán polos catro recunchos do planeta.
Así, non podía ser doutro xeito, esa onda sonora vibrou por terras de Bergantiños, e a semente desa vibración áspera, sucia e arriscada agromou nos miolos de Alberto, María e Patuki (tamén chegou a Vilalba) para florecer en Franc3s.
A
evolución metastática destes individuos de fans incondicionais a parte
infinitesimal do universo bizarro fica fosilizada no seu propio nome,
tributo por triplicado á actriz Frances Farmer, á vocalista de The Vaselines Frances McKee e á artista circense Frances O´Connor. María coa batería, Alberto coa guitarra e coa voz e Patuky cos teclados non só homenaxean en cada distorsión a bandas como Surfin´ Bichos, Los Enemigos, The Cramps ou The Jesus and Mary Chain, senón que tratan de enchoupar a súa música das sensacións que lles transmiten as obras de, por exemplo, John Waters, William Burroughs ou Pollock.
Franc3s decidiu por fin dar o grande chimpo ao LP logo de dúas maquetas receptoras de boas críticas e gabanzas a manchea. O seu primeiro disco, Franc3s, está composto por dez temas e foi editado por A Regueifa Plataforma baixo licenza de Creative Commons; pode baixarse de balde en www.aregueifa.net. Tamén se pode adquirir en soporte físico, nunha edición limitada e feita a man a base de papel de lixa e peluche, en Discos Noni´s (A Coruña) e Cosmic Pop Club (Carballo).
Así que xa sabedes, amantes dos sons de ultratumba, do theremin, da escuridade, do veludo, da luz de neon reflectida nas pozas dunha cidade perdida,…, gozade todos do novo de Franc3s, e xa me contaredes.
Ler máis...
-
12:37 - 13.10.2008
NOVIDADES
NOUVELLE CUISINE
De memoria
(Autoeditado, 2008)
O “malo” de ter asinado xoias de pop tan perfecto como Aritmética polar ou Dos torres é a altura
á que deixas o listón para vindeiros discos. Os
herculinos Nouvelle Cuisine corrían o risco de ser vítimas
da calidade que plasmaron no seu anterior disco, o encantador
Autodictado. Por fortuna, os "cocinitas" non se enrrugaron e souberon
partir do ponto onde o deixaron para elevalo aínda uns
centímetros máis, coma uns Sergéis Bubka do pop con pértiga.
Sen perder o seu xa característco
estilo -algo ben dificil de conseguir nunha banda con dúas voces tan diferentes-
percébese nos doce temas que fan parte deste De memoria un
salto cualitativo na produción. Continúan a guisalo e
comelo eles mesmos pero no estudo de gravación a experiencia
nótase e este enriquecemento faise palpable tanto a nivel de
arranxos coma da expansión na paleta de sons e instrumentos (acordeóns, rhodes, sintes...).
O certo é que o son de Nouvelle Cuisine acada con este disco
un novo grau de madurez xa que a incoporación de sintetizador
e caixas de ritmos nalgúns temas e a falla de complexos para
meter guitarras moito máis distorsionadas afástaos do
típico e autolimitado son indie do que beben -La Buena Vida e La Habitación
Roja- explorando novos territorios que a esta altura da película
a verdade é que son de agradecer.
E como non hai bon disco de POP -con maiúsculas- sen unha boa colección de singles, ahi están eles para deixarnos xemas coma Sintonia08, Comunicación no verbal, El imperio roto ou Seremos cajeras... mostras de pop clásico preciosista dese que che queda ecoando permanentemente na testa con só un par de escoitas. A verdade é que resulta incrible que estes talentosos chefs non atopasen unha discográfica que lles editara o disco, por moita crise da industria discográfica que haxa. Neste caso é evidente que xogou máis na súa contra a deslocalización con respeito ao epicentro dos que terían de ser os seus pretendentes. No indie estatal xa se sabe que fora de Madrid e Barcelona vai moito frío. Porén a xogada non lles saiu tan mal, mais ben ao contrario, autoeditando o disco por partida doble, tanto en formato digipack de xeito comercial coma nun formato máis exclusivo: unha camisola que se vende xunto con unha memoria USB con toda a súa discografía. Se non querían caldo, dúas cuncas. E nós, claro, tan felices cun caldo tan cheo de sustancia.
Ler máis...
-
11:20 - 25.09.2008
NOVIDADES
BLOC PARTY
Intimacy
(Wichita, 2008)
A “alarma silenciosa” ca que catro rapaces do East London
decidiron comunicarlle ao mundo a súa existencia non foi tal; resultou
o estoupido xordo do primeiro foguete da alborada, que racha o silencio
da moribunda noite e pronostica xoldra. A partires dese intre máxico
pode gozarse ou non da festa, pero xa non sobrevive no interior dos
participantes esa inicial sensación de sorpresa. A Weekend In The City
convertiuse desde o seu lanzamento na primeira víctima das odiosas
comparacións as que serán sometidos todos e cada un dos traballos que Bloc Party decida facer, aos que xa de saída se lles catalogará como “inferiores a Silent Alarm”. Kele Okereke na voz e na guitarra, Russell Lissack na guitarra, Gordon Moakes no baixo e nos coros e Matt Tong na batería conforman Bloc Party.
Intimacy (Wichita Recordings, 2008), o seu terceiro traballo, veu a luz o pasado 21 de agosto
no seu formato dixital, quedando desde entón pendurado na rede coa
posibilidade de baixalo previo abono do prezo estipulado. Os
interesados en adquirilo no seu formato físico deberán agardar ata o 28 de outubro; neste formato inclúense algúns cortes non presentes no dixital. O disco foi producido por Paul Epworth e Jacknife Lee, quenes xa colaboraran coa banda nos seus anteriores traballos (...)
Ler máis...
-
08:00 - 11.09.2008
NOVIDADES
JUGOPLASTIKA
The 6th is the 7
(Astro Discos, 2008)
Co dos revivals é mellor
non chegar a última hora. De poder escoller, o ideal sería chegar cando a cousa xa despegou pero aínda non invade
masivamente as páxinas da NME e derivados, entrando de cheo no
momento álxido do hype. Como mal menor, non estaría mal
ser dos primeiros, o que sexa con tal de non ser dos últimos
en chegar. Porén, ser pioneiro na recuperción dun son pasado garante certa frescura e non soar clónico pero tamén ten a
desvantaxe de que van ser outros os que desfruten do verdadeiro
recoñecemento. Non se pode ter todo.
E no caso de Jugoplastika dá a impresión de que é exactamente isto último o que lles vai pasar. Asi que é
de xustiza reivindicalos dende xa coma iniciadores dun revival que
aínda está por chegar, o do indie guitarreiro dos
primeiros 90s, con ecos de radio universitaria americana, voces pouco afinadas e producións
precarias de son garaxeiro. Porque no seu último album -The
6th is the 7- non hai banda da época que non faga
acto de presenza dunha ou outra maneira nalgunha das once cancións
que fan parte do disco, dende os Pixies a Weezer pasando por
Pavement, Guided by Voices, e Grandaddy. Un traballo, por certo, maxistralmente
producido por Paco Loco, que demostra ser un auténtico
todoterreno, recreando perfectamente o son suxo dominado polas
frecuencias medias tan característico daqueles tempos dando forma ao que probablemente é o disco galego máis xenuinamente americano de todos os tempos.
Dubido que Kukoc,
Perasovic e Radja escoitasen aos Pixies nos vestiarios pero o certo
é que as coordenadas temporais deste novo son de Jugoplastika teñen
perfecto sentido e danlle coherencia absoluta á estética
do grupo. Iso si, só asimilable en todos os seus matices polos que nacimos
antes dos 80s, as novas xeracións van ter que agardar a que chegue o revival noventeiro -remastigado e actualizalo- para desfrutalo ao 100%. Sexa coma sexa, sempre poderemos dicer o de "pero se isto xa o facían Jugoplastika no 2008".
Ler máis...
-
06:52 - 02.09.2008
NOVIDADES
DEATH CAB FOR CUTIE
Narrow Stairs
(Atlantic, 2008)
Atópome de fronte e a máis de 200 km/h con Narrow Stairs;
o choque é brutal, anaquiños de disonantes melodías dunha beleza
inusual perforan diversos órganos do meu corpo e préñanme as vísceras
dun sotaque agridoce de saudade. Atópome de fronte ante o sexto traballo da banda formada por Ben Gibbard, Chris Walla, Nicholas Harmer e Jason McGerr;
atópome de fronte cunha auténtica delicia de comezo a fin, tanto no seu
formulación como na súa execución, un río que nace e transcorre cara o
mar entre meandros sinuosos e violentas fervenzas.
Nace Narrow Stairs cun corte duns cinco minutos que lembra por veces á primeira canción de Plans, aquela Marching Bands of Manhattan
que nos marabillara, aínda que esta posúe un ton máis sutil. Comeza
amodo para ir acadando maior contundencia segundo pasa o tempo,
apoiados sempre nun enorme baixo (...)
Ler máis...
-
11:34 - 12.05.2008
NOVIDADES
ESQUIOS
Un tipo normal
(Autoeditado Distribuciones, 2008)
Os estradenses Esquíos
deron un xiro importante á banda con este Un tipo normal, o
seu segundo disco longo. A incorporación de Miguel Castro na
voz en sustitución de Fidel Castro -non sei se serán
irmáns- marca en grande medida o seu novo son, moito máis
punk-rock, case alonxado por completo das querencias metaleiras do
seu debut. O certo é que o xiro parece moi meditado xa que a
nova voz -moito máis axeitado para o punk-rock con maior
carrega melódica que fan agora- dálle a Esquios un son
moito máis actual.
Pero non é a voz a
única novidade desta nova etapa. Agora atopamos unha cota
maior de temas cantados en galego e unhas letras, entre o social e o
festeiro, que encaixan mellor co seu estilo e o seu público
potencial. Especialmente agora que contan no seu repertorio con
temasda forza de “A rapa” ou “Galiza festa rachada” -sen
dúbida os dous singles máis potentes do disco- que
prometen ser verdadeiros furacáns ao vivo, cuns retrousos
deses que son carne de pogo. Dous temas, ademais, que incorporan un
par de detalles -aire funk e sección de metais, o primeiro, e
ritmo skatalítico, o segundo- que alén de demostrar a
versatilidade dos novos Esquíos tamén van facer de
efectivo anzol para atraer a novos siareiros á banda.
Ler máis...
-
06:56 - 06.05.2008
NOVIDADES
REM
Accelearte
(Warner, 2008)
Facía xa catro anos que a banda de Athens non daba sinais de vida; foi por aquel entón cando publicaron o deostado (inxustamente baixo o meu criterio) Around the Sun. Por fin en abril de 2008 saíu á luz Accelerate, anunciado polos iluminados e entendidos como “a volta as súas orixes”. ¿Pero iso non o fixeran xa con Monster? ¿non se volvera de novo a falar do mesmo cando saíron New Adventures in Hi-Fi e Up? en resumo, máis peras mentais de flipados ou pura estratexia de marketing por parte da Warner (ou ambas cousas, claro) (...)
Ler máis...
-
11:53 - 17.04.2008
NOVIDADES
DELUXE
Reconstrucción
(Virgin, 2008)
Reconstrucción é o quinto disco do coruñés Xoel López, que saíu á luz o pasado 18 de marzo, aproximadamente un ano despois do lanzamento de Fin de un Viaje Infinito, o seu anterior traballo. O álbum ofrécenos dez temas inéditos e cinco remesturas das cancións
que foi publicando mes a mes en internet ao longo do 2007. A primeira
edición desta Reconstrucción, limitada ás súas 5.000 primeiras copias, traerá a maiores un DVD que inclúe imaxes en directo do Piano Bar Sessions, os tres vídeos de Fin de un Viaje Infinito e parte do concerto (unha hora e media) que Xoel ofreceu o 24 de novembro de 2007 en La Riviera, acompañado de xente como Josele Santiago, Eva Amaral e Juan Aguirre de Amaral, Amaro Ferreiro, Eladio Santos ou Julián López do programa Muchachada Nui.
No audio deste DVD inclúense quince temas máis, compostos por versións
acústicas, maquetas, as tres “cancións do mes” non incluídas no CD e
catro temas do directo en La Riviera (...)
|
según a RAE:
bizarro, rra.
(De it. bizzarro, iracundo).
1. adj. valiente (‖ esforzado).
2. adj. Generoso, lucido, espléndido.
FRANC3S molan trogollón!
bicos pra eles