PONTEVEDRA ACOLLE O CICLO PECADOS PDF Imprimir Correo-e
NOVAS
Escrito por Redacción Sono-Tone   
Xoves, 02 de Outubro do 2008
Chuza!


Pecados é un ciclo de músicas prohibidas organizado dende o Pazo da Cultura de Pontevedra que se vai desenvolver entre os meses de outubro e decembro. Toumani Diabaté, Stereolab e The Residents van ser os protagonistas no cartel, que hoxe presentou aos medios a concelleira de Cultura da cidade, Lola Dopico, pero a programación comeza xa, esta mesma semana, con varias actividades de presentación, todas de balde: a actuación do Dúo Dithyrambe, un espectáculo único que vai percorrer algunhas prazas da cidade vella en varios momentos do día, e o intercambio de cedés, unha intervención no mercado discográfico local. As entradas para cada un dos concertos pódense adquirir por anticipado en www.caixanova.es (12 euros) ou na propia billeiteira do Pazo da Cultura (15 euros) no propio día da actuación. Tamén se pode mercar un abono para todo o ciclo, ao prezo de 30 euros, no mesmo enderezo web. Deseguido detallamos todas estas citas coa música prohibida deste outono na cidade de Pontevedra:

1 e 2 de outubro
Dúo Dithyrambe
Casa das Campás / Praza da Peregrina / Praza da Ferrería / Praza da Verdura, 12, 19 e 21 horas
Coma anxos caídos, logo de 257 anos e tres meses conxeladas nalgún recanto perdido nos Alpes, Madame Bérénice de la Trouffinière e Madame Culnégonde de la Garde Montée acordan de súpeto no cambio de milenio arrodeadas de sonoridades populares contemporáneas, do punk ao disco ou o hard rock. Fascinadas, estas discípulas de Bach adaptan todo o que lles gorenta ao seu rexistro lírico do século XVIII e empezan a percorrer rúas, prazas, teatros e cafés do mundo enteiro co seu ukelele apropiándose dos Clash, de Abba ou dos ACDC. Se os Sex Pistols fixeran ópera, soarían coma elas. Únicas.

12 de outubro
Toumani Diabaté
Pazo da Cultura, 21 horas
A kora, unha variante da arpa procedente da África Occidental, ten vinte e unha cordas. Poden parecer moitas, pero a Toumani Diabaté sóbranlle dentes para tocala. Nacido nos anos sesenta en Bamako (Mali), fillo do músico Sidiki Diabaté e descendente dunha longa liñaxe de intérpretes, máis de setenta antes ca el, é hoxe un dos maiores virtuosos da kora. Rebelde e heterodoxo, é porén o mellor embaixador da tradición musical do seu país. Coma os griots das tribos africanas, antigos contadores de historias que tecían a comunidade coa palabra, Toumani armou na Symmetric Orchestra unha ferramenta para furar fronteiras. Co seu último disco, The Mande Variations, estrea nova formación.

21 de novembro
Stereolab
Pazo da Cultura, 21 horas
Entre a ourivaría pop e a experimentación, a medio camiño entre o savoir faire e a pescuda de novos riscos, a banda británica Stereolab leva máis de quince anos incomodamente instalada na vangarda, a arrandear con lucidez entre o krautrock, a bossa e o lounge. O recente Chemical Chords (2008), primeiro álbum en catro anos e undécimo na súa prolífica carreira, colócaos de novo no lugar que acadaran con títulos tan emblemáticos da música popular contemporánea como o Emperor Tomato Ketchup que publicaran en 1996. Un tratado sobre o ritmo con final feliz. Un retorno agardado.

9 de decembro
The Residents
Pazo da Cultura, 21 horas
Están aquí porque nunca se foran. Son aínda un colectivo de músicos e videocreadores anónimos porque o seu programa ideolóxico non mudou unha coma dende The Third Reich'n'Roll (1996). Talvez por iso, The Residents seguen a cuestionar o pop como artefacto do mercado cultural contemporáneo. Agora atacan de novo con The Bunny Boy, un álbum, un personaxe, unha serie saída da internet, unha coartada conceptual e unha posta en escena que nin é música ao vivo nin é teatro nin é videoarte. Sesenta discos máis tarde, The Residents seguen aí. Esta é a súa primera xira mundial en anos.

www.pontevedracultura.org/pecados

Comentarios (0)add
Escrebe o teu Comentario
quote
bold
italicize
underline
strike
url
image
quote
quote
smile
wink
laugh
grin
angry
sad
shocked
cool
tongue
kiss
cry
+ pequeno | + grande

busy
Tags:  PONTEVEDRA PECADOS THE RESIDENTS STEREOLAB
 
< Ant.   Seg. >

ULTIMOS COMENTARIOS

EL BOSQUE, NOVO VIDE...
O de "novo" debe ser unha ironía porque ese víde...
PRIMEIRO VIDEOCLIP D...
jajaajaj Vaya pasada de vídeo!!! Quien c...
CONTACTO
Boas, onde se poderá mercar o disco de Voces Nova...
GALEGOZ DA A BENVIDA...
parabens a Payno e cia. polo novo traballo. E si, ...
GRIS, SEGUNDO TRABAL...
boísimos estes dous!
banneraz

RECOMENDAMOS

bannerfa

 

Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet