|
RETROSPECTIVA: ENTREVISTA A ANTON REIXA NA ROCK DE LUX DE XULLO DE 1987 |
|
|
|
|
Escrito por Redacción Sono-Tone
|
|
Venres, 11 de Xullo do 2008 |

"Este vigués que daba clases de bachalrelato nocturno a mozos conflitivos, policías que querían ser sarxentos e amas de casa
recicladas afirma que, de largar unha garrulada, diríalle a Lady Di
que «deixase o pop en paz e se adicase ao corte e confección». Que iso
de piar xunto aos cantautores que depositan nas súas contas correntes o
favor político non é para el. «Declinaría. É como unha sardiña nunha
tarta de moka». Evidentemente, este mozetón, non do Norte, senón do curruncho, non ten reparo en sinalar que se o eixo do Mediterráneo, como cuspiu alguén, pasa por Madrid, o de Vigo pasa... «Naturalmente por
Vigo». E seguindo un sabio consello do seu avó, non le, de modo
íntegro, os libros; só o subliñado, pois así «irás máis rápido». Antón
Reixa non se resinte nen con Fellini, Fassbinder, Buñuel ou Godard, e
o recita como o que canta a alineación dun equipo de fútbol. ¿Quen
dixo que Galicia era caníbal? Os Resentidos, contestou el.
O que segue tal vez ocorreu. O único certo é que Antón Reixa estivo alí. Á galega. Millóns de intervalos...
Como ves o pop desde o 77 ata a data?
Eu creo que ...dalgunha forma temos conquistado, para ben ou para
mal, o mercado, ocupamos un espazo... No caso do mercado
español, moi ligado aos nenos, ao público infantil, entre os 7 e os 12,
que é o grande comprador de discos... iso, por unha banda, é quizáis un
pouco dramático.
Galicia é un mundo aparte?
Si... seguro que si. É unha esquina, é un país machacado, é un país caníbal que se devora a si mesmo e devora aos demais.
Soa a fagocitación...
Si, algo parecido... son os síntomas da esquizofrenia da desaparición
como diferenza, pois están tendo alí uns estertores bastanche
creativos.
Es un santón da cultura galega?
Espero que non... Non me vexo no papel nen creo que a cultura
necesite santones de ningún tipo. Ademais, eu teño 30 anos, que non é
tanto...
O rock é unha linguaxe propiamente dita ou é un mero vehículo?
Eu creo que neste momento, no mundo que coñecemos, xa non
hai linguaxes propiamente ditas... Todo é intersección de algo, parodia doutra cousa, reciclaxe de algo anterior. É moi difícil atopar a pintura-pintura, a música-música, a imaxe-imaxe, a literatura-literatura.
Todo é referencia a..., 'remake', 'collage', reconstrución. Xa non hai
linguaxe.
A que cres qeu se debe?
Débese fundamentalmente á diversificación dos medios de comunicación.
Vivimos nun mundo que continuamente marca o paso do tempo.
Que opinión meréceche un personaxe como Gerardo Fernández Albor?
Creo que é un cirurxán do recto bastante eficaz.
Sumaráste á peregrinaxe periférica e instalaráste na "Villa"?
Eu teño unha frase para este circuíto de promoción que é a
seguinte: «Os galegos, nós, nunca sabemos ben se somos exportadores ou
emigrantes». Imos e vimos como os fenicios. Non me vexo en Madrid.
Nun momento importante da túa representación, durante a presentación da
revista «Trilateral», na que colaboras, dis, case espetas: «Andy Warhol
non era galego».
É certo... é un pouco o paradigma do artista, do marxinal que en Nova
York cse torna en millonario... E sen deixar de ser xenial sabe
desenvolverse nese mercado co seu bote de sopas Campbell... Eu o que
dicía era que non era galega unha lata de callos coma conserva
prototípica do que pode dar o noso país, pois que non é nada pop que a
abras e haxa dentro un porco que agoniza.
A teu opereta, «After Shave», non é unha mera carallada?
Non, seguro que non. Sería
un chiste moi caro e moi complicado. Coa recepción de «After Shave» fora de Galicia existe o problema de que me estou volvendo máis
étnico, radicalmente étnico, e reasasinándome antropolóxicamente na
diferenza, xa que hai un pouco o esquema de asociar a ironía co cinismo
cando, en realidade, a ironía é o máis próximo á tenrura e ao
entrañable... En definitiva, incordiar, o problema que hai é que a
xente cre que lle están vacilando.
Que representou para ti que TVE, por medio do espazo Metrópolis, dedicárache case 40 minutos en exclusividad?
Eu estoume dando conta agora. É unha cousa que che vén. Deume certo prestixio. En Barcelona viuse moito ese programa.
As túas cinco cancións favoritas?
«Ball Of Confusión» de The Temptations, a canción que sempre quixen facer. «Jumpin'Jack Flash». De Robert Wyatt, calquera cousa...
case todo. Teño unha fascinación por David Byrne, por todo o que fai.
Despois unha obsesión bastante biolóxica e de pura fantasía que sería
a de cantar con Tina Turner...
Chegados a este punto faise inevitable preguntar aquilo de:
¿Señor ou señorita, señor Reixa?
Señor. (Nin un amago, nin a sombra dunha dúbida).
Prefire Vigo a Pontevedra porque se considera «un artista localista». A
parte vella da cidade está deserta, un tipo con chapeu, camisa verde esfarrapada por riba dos pantalóns que abren camiño a unhas chirucas de
días de infancia e choiva. Un andar sobrio pero un punto canso.
Antón Reixa posúe ese valor impúdico do saberse respectado, ao que non
lle gusta ser confundido, xunto ao soez pudor de apostar pola
«continuidade, poder seguir facendo cancións». Os seus ollos, as súas
palabras transmiten confianza. ¿Será caníbal?"
*Entrevista de Miquel A. Riqart, aparecida en 1987 no número de xullo da revista Rock de Lux. Fotografía de F. Fábregas.
|
|
NOVIDADES
-
08:00 - 13.11.2008
NOVIDADES
FRANC3S
Franc3s
(A regueifa, 2008)
Cando o 18 de maio de 1980 Ian Curtis decide unilateralmente poñer fin á breve singradura musical de Joy Division
pendurándose polo pescozo cunha corda, o deus máis escuro do Valhalla
da música popular fixo vibrar dolosamente as súas cordas vocais,
emitindo un berro nunha frecuencia tan aquelada que só os tímpanos
cunha maior dose de bizarrismo tebroso puideron captalo. Ese
berro multiplicouse en miles de ecos que espallaron interminabelmente a
mensaxe de loito desa deidade pagán polos catro recunchos do planeta.
Así, non podía ser doutro xeito, esa onda sonora vibrou por terras de Bergantiños, e a semente desa vibración áspera, sucia e arriscada agromou nos miolos de Alberto, María e Patuki (tamén chegou a Vilalba) para florecer en Franc3s.
A
evolución metastática destes individuos de fans incondicionais a parte
infinitesimal do universo bizarro fica fosilizada no seu propio nome,
tributo por triplicado á actriz Frances Farmer, á vocalista de The Vaselines Frances McKee e á artista circense Frances O´Connor. María coa batería, Alberto coa guitarra e coa voz e Patuky cos teclados non só homenaxean en cada distorsión a bandas como Surfin´ Bichos, Los Enemigos, The Cramps ou The Jesus and Mary Chain, senón que tratan de enchoupar a súa música das sensacións que lles transmiten as obras de, por exemplo, John Waters, William Burroughs ou Pollock.
Franc3s decidiu por fin dar o grande chimpo ao LP logo de dúas maquetas receptoras de boas críticas e gabanzas a manchea. O seu primeiro disco, Franc3s, está composto por dez temas e foi editado por A Regueifa Plataforma baixo licenza de Creative Commons; pode baixarse de balde en www.aregueifa.net. Tamén se pode adquirir en soporte físico, nunha edición limitada e feita a man a base de papel de lixa e peluche, en Discos Noni´s (A Coruña) e Cosmic Pop Club (Carballo).
Así que xa sabedes, amantes dos sons de ultratumba, do theremin, da escuridade, do veludo, da luz de neon reflectida nas pozas dunha cidade perdida,…, gozade todos do novo de Franc3s, e xa me contaredes.
Ler máis...
-
12:37 - 13.10.2008
NOVIDADES
NOUVELLE CUISINE
De memoria
(Autoeditado, 2008)
O “malo” de ter asinado xoias de pop tan perfecto como Aritmética polar ou Dos torres é a altura
á que deixas o listón para vindeiros discos. Os
herculinos Nouvelle Cuisine corrían o risco de ser vítimas
da calidade que plasmaron no seu anterior disco, o encantador
Autodictado. Por fortuna, os "cocinitas" non se enrrugaron e souberon
partir do ponto onde o deixaron para elevalo aínda uns
centímetros máis, coma uns Sergéis Bubka do pop con pértiga.
Sen perder o seu xa característco
estilo -algo ben dificil de conseguir nunha banda con dúas voces tan diferentes-
percébese nos doce temas que fan parte deste De memoria un
salto cualitativo na produción. Continúan a guisalo e
comelo eles mesmos pero no estudo de gravación a experiencia
nótase e este enriquecemento faise palpable tanto a nivel de
arranxos coma da expansión na paleta de sons e instrumentos (acordeóns, rhodes, sintes...).
O certo é que o son de Nouvelle Cuisine acada con este disco
un novo grau de madurez xa que a incoporación de sintetizador
e caixas de ritmos nalgúns temas e a falla de complexos para
meter guitarras moito máis distorsionadas afástaos do
típico e autolimitado son indie do que beben -La Buena Vida e La Habitación
Roja- explorando novos territorios que a esta altura da película
a verdade é que son de agradecer.
E como non hai bon disco de POP -con maiúsculas- sen unha boa colección de singles, ahi están eles para deixarnos xemas coma Sintonia08, Comunicación no verbal, El imperio roto ou Seremos cajeras... mostras de pop clásico preciosista dese que che queda ecoando permanentemente na testa con só un par de escoitas. A verdade é que resulta incrible que estes talentosos chefs non atopasen unha discográfica que lles editara o disco, por moita crise da industria discográfica que haxa. Neste caso é evidente que xogou máis na súa contra a deslocalización con respeito ao epicentro dos que terían de ser os seus pretendentes. No indie estatal xa se sabe que fora de Madrid e Barcelona vai moito frío. Porén a xogada non lles saiu tan mal, mais ben ao contrario, autoeditando o disco por partida doble, tanto en formato digipack de xeito comercial coma nun formato máis exclusivo: unha camisola que se vende xunto con unha memoria USB con toda a súa discografía. Se non querían caldo, dúas cuncas. E nós, claro, tan felices cun caldo tan cheo de sustancia.
Ler máis...
-
11:20 - 25.09.2008
NOVIDADES
BLOC PARTY
Intimacy
(Wichita, 2008)
A “alarma silenciosa” ca que catro rapaces do East London
decidiron comunicarlle ao mundo a súa existencia non foi tal; resultou
o estoupido xordo do primeiro foguete da alborada, que racha o silencio
da moribunda noite e pronostica xoldra. A partires dese intre máxico
pode gozarse ou non da festa, pero xa non sobrevive no interior dos
participantes esa inicial sensación de sorpresa. A Weekend In The City
convertiuse desde o seu lanzamento na primeira víctima das odiosas
comparacións as que serán sometidos todos e cada un dos traballos que Bloc Party decida facer, aos que xa de saída se lles catalogará como “inferiores a Silent Alarm”. Kele Okereke na voz e na guitarra, Russell Lissack na guitarra, Gordon Moakes no baixo e nos coros e Matt Tong na batería conforman Bloc Party.
Intimacy (Wichita Recordings, 2008), o seu terceiro traballo, veu a luz o pasado 21 de agosto
no seu formato dixital, quedando desde entón pendurado na rede coa
posibilidade de baixalo previo abono do prezo estipulado. Os
interesados en adquirilo no seu formato físico deberán agardar ata o 28 de outubro; neste formato inclúense algúns cortes non presentes no dixital. O disco foi producido por Paul Epworth e Jacknife Lee, quenes xa colaboraran coa banda nos seus anteriores traballos (...)
Ler máis...
-
08:00 - 11.09.2008
NOVIDADES
JUGOPLASTIKA
The 6th is the 7
(Astro Discos, 2008)
Co dos revivals é mellor
non chegar a última hora. De poder escoller, o ideal sería chegar cando a cousa xa despegou pero aínda non invade
masivamente as páxinas da NME e derivados, entrando de cheo no
momento álxido do hype. Como mal menor, non estaría mal
ser dos primeiros, o que sexa con tal de non ser dos últimos
en chegar. Porén, ser pioneiro na recuperción dun son pasado garante certa frescura e non soar clónico pero tamén ten a
desvantaxe de que van ser outros os que desfruten do verdadeiro
recoñecemento. Non se pode ter todo.
E no caso de Jugoplastika dá a impresión de que é exactamente isto último o que lles vai pasar. Asi que é
de xustiza reivindicalos dende xa coma iniciadores dun revival que
aínda está por chegar, o do indie guitarreiro dos
primeiros 90s, con ecos de radio universitaria americana, voces pouco afinadas e producións
precarias de son garaxeiro. Porque no seu último album -The
6th is the 7- non hai banda da época que non faga
acto de presenza dunha ou outra maneira nalgunha das once cancións
que fan parte do disco, dende os Pixies a Weezer pasando por
Pavement, Guided by Voices, e Grandaddy. Un traballo, por certo, maxistralmente
producido por Paco Loco, que demostra ser un auténtico
todoterreno, recreando perfectamente o son suxo dominado polas
frecuencias medias tan característico daqueles tempos dando forma ao que probablemente é o disco galego máis xenuinamente americano de todos os tempos.
Dubido que Kukoc,
Perasovic e Radja escoitasen aos Pixies nos vestiarios pero o certo
é que as coordenadas temporais deste novo son de Jugoplastika teñen
perfecto sentido e danlle coherencia absoluta á estética
do grupo. Iso si, só asimilable en todos os seus matices polos que nacimos
antes dos 80s, as novas xeracións van ter que agardar a que chegue o revival noventeiro -remastigado e actualizalo- para desfrutalo ao 100%. Sexa coma sexa, sempre poderemos dicer o de "pero se isto xa o facían Jugoplastika no 2008".
Ler máis...
-
06:52 - 02.09.2008
NOVIDADES
DEATH CAB FOR CUTIE
Narrow Stairs
(Atlantic, 2008)
Atópome de fronte e a máis de 200 km/h con Narrow Stairs;
o choque é brutal, anaquiños de disonantes melodías dunha beleza
inusual perforan diversos órganos do meu corpo e préñanme as vísceras
dun sotaque agridoce de saudade. Atópome de fronte ante o sexto traballo da banda formada por Ben Gibbard, Chris Walla, Nicholas Harmer e Jason McGerr;
atópome de fronte cunha auténtica delicia de comezo a fin, tanto no seu
formulación como na súa execución, un río que nace e transcorre cara o
mar entre meandros sinuosos e violentas fervenzas.
Nace Narrow Stairs cun corte duns cinco minutos que lembra por veces á primeira canción de Plans, aquela Marching Bands of Manhattan
que nos marabillara, aínda que esta posúe un ton máis sutil. Comeza
amodo para ir acadando maior contundencia segundo pasa o tempo,
apoiados sempre nun enorme baixo (...)
Ler máis...
-
11:34 - 12.05.2008
NOVIDADES
ESQUIOS
Un tipo normal
(Autoeditado Distribuciones, 2008)
Os estradenses Esquíos
deron un xiro importante á banda con este Un tipo normal, o
seu segundo disco longo. A incorporación de Miguel Castro na
voz en sustitución de Fidel Castro -non sei se serán
irmáns- marca en grande medida o seu novo son, moito máis
punk-rock, case alonxado por completo das querencias metaleiras do
seu debut. O certo é que o xiro parece moi meditado xa que a
nova voz -moito máis axeitado para o punk-rock con maior
carrega melódica que fan agora- dálle a Esquios un son
moito máis actual.
Pero non é a voz a
única novidade desta nova etapa. Agora atopamos unha cota
maior de temas cantados en galego e unhas letras, entre o social e o
festeiro, que encaixan mellor co seu estilo e o seu público
potencial. Especialmente agora que contan no seu repertorio con
temasda forza de “A rapa” ou “Galiza festa rachada” -sen
dúbida os dous singles máis potentes do disco- que
prometen ser verdadeiros furacáns ao vivo, cuns retrousos
deses que son carne de pogo. Dous temas, ademais, que incorporan un
par de detalles -aire funk e sección de metais, o primeiro, e
ritmo skatalítico, o segundo- que alén de demostrar a
versatilidade dos novos Esquíos tamén van facer de
efectivo anzol para atraer a novos siareiros á banda.
Ler máis...
-
06:56 - 06.05.2008
NOVIDADES
REM
Accelearte
(Warner, 2008)
Facía xa catro anos que a banda de Athens non daba sinais de vida; foi por aquel entón cando publicaron o deostado (inxustamente baixo o meu criterio) Around the Sun. Por fin en abril de 2008 saíu á luz Accelerate, anunciado polos iluminados e entendidos como “a volta as súas orixes”. ¿Pero iso non o fixeran xa con Monster? ¿non se volvera de novo a falar do mesmo cando saíron New Adventures in Hi-Fi e Up? en resumo, máis peras mentais de flipados ou pura estratexia de marketing por parte da Warner (ou ambas cousas, claro) (...)
|
según a RAE:
bizarro, rra.
(De it. bizzarro, iracundo).
1. adj. valiente (‖ esforzado).
2. adj. Generoso, lucido, espléndido.
FRANC3S molan trogollón!
bicos pra eles