Todos os contidos baixo licenza Algúns dereitos reservados

RADIO OCEANO : "Escoitabamos de todo. De Ramones á Velvet, de B52 a Neil Young, power-pop como Romantics, e os obvios, Pistols, Exploited, UKSubs. Pero a referencia clara eran os Clash"

 

O noso compañeiro Vincent Jalo tivo ocasión de falar con Johnny Rotring, líder dos xa míticos Radio Océano, unha banda que alén de facer historia co seu LP Nin falta que fai puido poñer o Atlantismo coma contraponto herculino á Movida viguesa.

-Tendo en conta que Siniestro Total se formou no verán do 81, podes afirmar que fostes vós o primeiro grupo punk galego? oficialmente debutastes no 81 pero dende cando levavades xuntos como Radio Océano? e como División Atlántica?
Debemos ser dun tempo se contamos dende a formación. Eles son anteriores se contamos dende que collemos un instrumento. Tirámonos un tempo dándolle á ideoloxía e concepto máis ca outra cousa. No primeiro concurso de rock, eles viñan de gravar un single e nós tiñamos unha experiencia de oito horas de ensaio.

-Cuais eran os vosos grupos de cabeceira cando formastes a banda?
Santiago Romero e eu, que fomos un pouco o espermatozoide, a ‘célula pensante’, como el decía, escoitabamos de todo. De Ramones á Velvet, de B52 a Neil Young, power-pop como Romantics, e os obvios, Pistols, Exploited, UKSubs. Pero a referencia clara son Clash.

-E os referentes galegos?
Non había galegos de referencia. Decíase que existiran uns míticos Goma2, pero non había probas.

-Todos asinabades os temas pero quen era o principal compositor?
Cada un facía o seu, quitado eu, que non sabía facer nada máis que decir isto mola ou isto fede, máis corto ou máis longo. Quen tiña máis control no asunto de arranxos e tal era Pablo Iglesias, o guitarra

-E quen facia as letras?
Entre Santiago e eu, e nalgunhas ocasións sentiamos presencias, viamos a uns dobles nosos, pero creo que tamén eran míticos.

-Algunha vez escrebeu algo o teu irmao Lois para RO máis ala dos versos que aparecen no LP?
Escribiu a definición do grupo para o LP, e usamos o seu poema Narcisismo.

-Vos tedes tocado no Satchmo vigués. Tiñades boa relación cos grupos da movida viguesa?
Tiñamos e temos. A primeira -e única- vez que tocamos no Satchmo foi porque pensabamos que tiñamos apalabrado o concerto con Bibiano, e non fora tal. Cedeunos o escenario un grupo paralelo de Siniestro Total, Los Ratones. Miguel Costas decíame que aquela vez metiamos medo.

-E cos Resentidos?
Tamén. A Reixa mesmo xa o coñecía de antes.

-Xa lle tés perdoado a Bibiano que non te devolvera aquela guitarra acustica que lle prestaras? Cal era a vosa relación coa xeración anterior á vosa (Voces Ceibes)?
A guitarra era de Romero, ou prestáranlla a Romero e en realidade era de Pablo Novoa. A única guitarra que tiven foi a que non me serviu para que me admitiran na rondalla dos Escolapios de Monforte... non, despois tiven unha eléctrica, pero tampouco a toquei.



-A mítica revista La Naval foi a biblia do Atlantismo e RO os seus apostolos, podes explicar aos nosos leitores mais novos o que era exactamente o Atlantismo?
Daquela había que inventar todo. Era unha maneira de facer unha revista que nos apetecía, unha maneira de reivindicar que non nos meteran no saco do tinglado torero e cañí que se promovía desde Madrid,...

-Veslle certa vixencia?
Reivindicar o teu sempre ten vixencia, e hai moitas cousas que reivindicar.

-Nen falta que fai é unha peza bastante cotizada no coleccionismo (en ebay non se da conseguido por menos de 50 euros cando aparece), por non falar da vosa maqueta El baba eres tu. No ano 95 non tiñas copia do LP, segues sen ter copia?
Conseguin unha, pero non sei se a conservarei se son certos eses prezos que dis. El baba eres tu penso que anda na mula. O que non teño é un single promocional con Avante Toda e Hawai que editou Radio 3 e que regalaban ás visitas en todas as emisoras de Radio Nacional.

-És consciente de que RO é a dia de hoxe un grupo de culto, non só a nivel galego senon na escena punk internacional?
Son consciente de que é un pouco raro que me pidan entrevistas a estas alturas, e de que sempre se bota de menos o que xa non hai. Pero non deixa de sorprenderme, a verdade.

-No 95 queixabaste de que Nin falta que fai quedou demasiado brando nas gravacións, máis na liña de The Jesus & Mary Chain ou Echo & The Bunnymen que do punk que faciades en directo. Cando o escoitas hoxe en dia, que tal envelleceu?
Téñolle cariño, pero sigo pensando que é un chisco brando.

-Non cres que é precisamente que sexa máis post-punk que punk -ese son máis etéreo e brando- o que o diferenciou dos discos doutros compañeiros de viaxe hoxe esquencidos e cuxas gravacións tan mal envelleceron?
Ben, nós tampouco eramos os Exploited, precisamente. As nosas gravacións en directo –as que están ben, claro- aguantan igual.

-Como foi que chegastes a gravar o voso LP en RNE? Puxeron algun problema cos temas en galego?
Tiñamos moita amizade con Manolo Ferreras, o que facía Tiempos modernos en R3, un magazine de 8 da mañá a 12 do mediodía que era un faro da modernidade. Propúxollo ós directores, que andaban a montar un selo discográfico e dixéronlle que si, sen máis problemas. Puxéronnos cinco días un estudio de 8 a 15,00 en Prado del Rey (sempre chegabamos sobre as 12) e o disco fixérono co que alí gravamos e posproducimos nós. Foi o primeiro de N3, que penso que se chamaba o selo.


-E cando tocabades pola peninsula que tal recibian o tema do galego?
Ben, daquela por aí fóra non eran tan repunantes sobre ese asunto, e tamén pode ser que non se entenderan as letras.

-E en Portugal? Como recibian a vosa versión do Zeca?
‘Avante toda’ versión era de Setima Legiao, unha cousa tipo marcha procesional. Que eu recorde, nunca tocamos en Portugal. Os lugares máis exóticos onde fomos dar foron Barcelona e Cáceres, a maiores de Madrid. O mundo daquela era máis pequeno.

-Como foi  a vosa relación cos míticos GNR?
Teloneámolos dúas veces, dous días seguidos. Un venres en Ferrol e o sábado na Coruña, no mítico concerto da Praza de Pontevedra, onde debeu estar ata Elvis, porque non para de atopar xente que me di que estaba alí, e se me encheu o escenario de macarras. Tamén coincidimos no vestiario nun programa da TVG, penso.

-Hai ou houbo algun plan de editar "Nen falta que fai" en CD?
Non. Hai –ou houbo – un plan de editar todo o que hai gravado, pero hai tempo que non sei nada do planeador, que andaba dixitalizando o material.

-Antón Patiño é hoxe un pintor cotizado. Onde están os debuxos orixinais da capa e contracapa do LP? Tés idea?
Daquela xa era un pintor moi cotizado. Sempre tiven un ollo de aguia para os amigos. Os debuxos, como din nas exposicións, pertencen a unha colección particular (que non é a miña).

-Segues algo a escea musical galega actual? Agora hai moitisimos mais grupos e unha parte moi importante que emprega o galego, veslles mais posibilidades que ás Forzas Atroces do Noroeste? De que grupos galegos actuais gostas máis? E internacionais?
A escena musical en xeral aburriume a mediados dos 90, e xa non lle dei pillado o ritmo á evolución musical. Sigo sendo bastante cavernícola en cuestión de gustos. Ó do galego véxolle bastantes posibilidades, dado que hoxe hai menos tontería e menos ‘o-triunfo-o-me-muero’, e moitas e máis democráticas posibilidades de edición e difusión. Ademais, habendo xente que sigue cantando en inglés sen dar saído da bisbarra, por que non vai ter futuro cantar en galego. Dos galegos, hai tantos e tan bos que me parece que hai unha conspiración internacional para que Aberto por reformas morra de sobredose. Cito dous que me reconciliaron con xéneros que non apreciaba: Dios ke te crew e The Homens. Para os internacionais, os citados antes e algúns de agora que se lles parecen.

-Non tes mono de facer música? Non fixeches nada dende Los Hermanos de la costa?
Si e si. Do que teño máis mono no mundo é de ensaiar, de tocar nun soto cheo de fume, que foi sempre o que máis me gustou, porque os concertos acababánse e nos ensaios estás ata que queres. Despois de Hermanos argallei o Coro de Rozadores (de Santa Cristiña de Viso), que era unha superbanda de traballo temporal que compoñía por teléfono e ensaiaba nas probas de son, na que estaban desde a xente dos Diplomáticos, Amil dos Papaqueixos, Manuel Seixas de Korosi, e en ocasións Julián Hernández, Manu Chao, quen pasara por alí. Soamente actuaba nas presentacións da revista Bravú, porque os dous ou tres temas que se gravaron eran para os CDs da revista, ou na Feira das Mentiras, ou para algún documental televisivo.

-En que consistía exactamente LHDLC?
Unha nova formación de Radio Océano, para saír do impasse do disco, e para recuperar forza e rabia. Tamén para evitar un contencioso pola propiedade do nome. Estaba xente de Viuda Gómez, Jorge o guitarra e Dani o bateria (que xa estaba no disco) e Santi, un baixo moi entusiasta que se fixo fan cando nos viu actuar no cárcere da Coruña e se presentou cando lle deron a condicional.

-A quen versionabades?
A Radio Océano.

-Que estilo farías hoxe en día se montaras un grupo?
O mesmo, xa dixen que era un cavernícola.

-Xa para rematar, e como xornalista alén de musico, que consello(s) darías a esta revista galega recén nacida?
Que vos divirtades ó facela e que deades combinado a apertura de criterios e xentes coa firmeza do concepto. De todas formas, non estou para dar consellos. Todas as revistas nas que participei tiveron todas catro números, nin un máis nin un menos.